Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Xoves, 5 de febreiro de 2015 Páx. 5372

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza a Applus Norcontrol, S.L.U. a actuación como entidade colaboradora da Administración no ámbito do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira.

Examinado o expediente relativo á solicitude formulada pola sociedade Applus Norcontrol, S.L.U, para actuar como entidade colaboradora da Administración no ámbito do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira, resultan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 24 de maio de 2013, a sociedade Applus Norcontrol, S.L.U. solicitou autorización para exercer como entidade colaboradora da Administración no ámbito do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira (RXNBSM), de acordo coa acreditación outorgada por ENAC. Xunto coa súa solicitude achegou o anexo técnico nº OC-1/221, revisión 1, con data do 1 de marzo de 2013.

Segundo. Con data do 13 de xuño de 2014, a Comisión de Acreditación de ENAC acordou manter a acreditación nº OC-I/221, modificando o seu alcance nos termos que recolle o anexo técnico Rev 3., conforme os criterios recollidos na norma UNE-NISOIEC 17020:2012 (CGA ENAC-OCI) e o artigo 42 do Real decreto 2200/1995, e no que consta que a entidade solicitante está acreditada para a realización das actividades que se recollen a seguir:

Minaría. Cargadoras sobre rodas

Tipo de avaliación: inspeccións periódicas conforme o punto 5 da ITC 02.0.01 do RXNBSM

Documento regulamentario: Resolución do 18 de novembro de 2010 (BOE do 22 de decembro), da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se aproba a especificación técnica número 2010-1-01 «Inspección de cargadoras sobre rodas»

Minaría. Traballos ao descuberto

Tipo de avaliación: posta en servizo e inspección por petición da autoridade mineira conforme os artigos 11 e 15 do RXNBSM

Documento regulamentario: capítulo VII «traballos ao descuberto» do RXNBSM

Especificación técnica: proxecto de explotación e desenvolvemento de labores

Minaría. Instalacións eléctricas en minaría

Tipo de avaliación: posta en servizo e inspección por petición da autoridade mineira conforme os artigos 11 e 15 do RXNBSM

Documento regulamentario: capítulo IX «electricidade» do RXNBSM

Instalacións eléctricas de interior (prescricións xerais, especificacións construtivas e o emprego de material eléctrico ou susceptible de xerar electricidade estática, canalizacións, subestacións de transformación, tracción eléctrica por fío de contacto, túneles, rede de sumidoiros e depósitos subterráneos, iluminación, comunicación e sinalización), instalacións onde se almacenan substancias explosivas, sala de carga de baterías e instalacións eléctricas en minas

Minaría. Instalacións de residuos mineiros e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras

Tipo de instalacións: non categoría A e categoría A, sen residuos perigosos

Tipo de avaliación: instalacións de residuos: peche e clausura dunha instalación de residuos mineiros (art. 33.3 e 33.4), control posterior á clausura (art. 35.2), clausura definitiva (art. 35.5) e inspeccións anuais (art. 44.1) Rehabilitación do espazo: abandono definitivo dos labores de aproveitamento (art. 15.4)

Documento regulamentario: Real decreto 975/2009, do 12 de xuño (BOE do 13 de xuño), sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras

Terceiro. Así mesmo, consonte o establecido no artigo 43 do Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, Applus Norcontrol, S.L.U. presentou documentación acreditativa do seguro que ten contratado para cobertura dos riscos da súa responsabilidade, xunto co correspondente recibo de pagamento e do procedemento específico do que dispón para o tratamento das reclamacións de clientes ou partes afectadas polas súas actividades.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é o órgano competente para a resolución do expediente, de acordo co previsto no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. Visto o establecido no Real decreto 249/2010, do 5 de marzo, polo que se adaptan determinadas disposicións en materia de enerxía e minas ao disposto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e na Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, que no seu artigo primeiro modifica o artigo 11 do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira, aprobado polo Real decreto 863/1985, do 2 de abril, e establece a posibilidade de que a Autoridade Mineira utilice para a posta en servizo as entidades colaboradoras da Administración (ECA), as cales ao actuar no ámbito do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira rexeranse, no non especificamente regulado neste artigo, polo disposto para os organismos de control autorizados na sección 1.3, capítulo IV, do Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro.

Terceiro. Visto o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, modificado polo Real decreto 338/2010, do 19 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de infraestrutura para a calidade e seguridade industrial, que desenvolve os aspectos contidos na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, en referencia aos organismos e entidades que operan no campo da calidade e da seguridade industrial, contemplados no título III da citada Lei de industria, e o Decreto 54/2011, do 24 de marzo, polo que se regula a autorización e a actuación dos organismos de control en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Tendo en conta que as entidades colaboradoras da Administración teñen o seu marco de actuación no Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira (RXNBSM), aprobado polo Real decreto 863/1985, do 2 de abril, debendo estas non só estar acreditadas por ENAC, senón tamén estar autorizadas pola Administración competente.

En virtude do exposto, de acordo co establecido na normativa indicada, esta Dirección Xeral de Enerxía e Minas,

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a sociedade Applus Norcontrol, S.L.U. a actuación como entidade colaboradora da Administración (ECA) no ámbito do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira, conforme o alcance da acreditación nº OC-1/221 (anexo técnico Rev. 3) expedida por ENAC. A antedita acreditación deberá acompañar en todo momento á presente resolución de autorización, formando parte dela como anexo.

Segundo. A presente autorización manterá a súa vixencia mentres permaneza en vigor a acreditación nº OC-1/221 outorgada pola ENAC.

Terceiro. Applus Norcontrol, S.L.U. está obrigada a manter as condicións e requisitos que serviron de base para a súa autorización, debendo comunicar calquera modificación destes á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, acompañando o informe ou certificado da entidade de acreditación.

Cuarto. Applus Norcontrol, S.L.U. e o seu persoal, deben ser independentes, polo que non poderán estar involucrados no deseño, fabricación, subministración, instalación, dirección facultativa, asistencia técnica, mantemento dos ítems que se van inspeccionar ou similares da competencia, dentro do seu ámbito de autorización.

Quinto. Anualmente, durante o mes de xaneiro, remitirase á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia:

a) Unha memoria detallada relacionando as actuacións realizadas durante o ano anterior na comunidade autónoma na actividade para a que foi autorizada.

b) Copia do informe de seguimento da entidade de acreditación que a acreditou, que confirme o mantemento das condiciones de acreditación.

Sexto. Applus Norcontrol, S.L.U. remitirá anualmente á Comisión de Seguridade Mineira da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, unha memoria que deberá recoller de xeito ordenado e sistemático todos os aspectos previstos nos parágrafos a) e b) do punto anterior, respecto das actividades levadas a cabo en todo o territorio español.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da presente resolución, de conformidade co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas