Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Xoves, 5 de febreiro de 2015 Páx. 5129

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 23 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para titulares de terreos cinexéticos ordenados, destinadas á conservación das poboacións de caza menor, e se convocan para o ano 2015.

A perdiz rubia e o coello de monte son as especies cinexéticas tradicionais en Galicia. O progresivo descenso da actividade agrícola no medio rural supuxo o abandono de amplas zonas de cultivo, provocou a expansión da matogueira, a desaparición dos lindeiros vexetais e, como consecuencia, a perda da calidade do medio vital para estas especies, contribuíndo así á regresión das poboacións. A isto hai que engadir o azoute da enfermidade hemorráxica vírica e da mixomatose, que provocou a mingua dramática das poboacións de coello.

Os poderes públicos deben garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais por medio do seu uso prudente e racional. Neste sentido, o labor da Administración autonómica, entre outros, é intentar harmonizar as actividades tradicionais e económicas coa conservación e os aproveitamentos sustentables dos recursos.

Partindo da necesidade de que o colectivo de persoas cazadoras se implique na conservación e na xestión dos recursos cinexéticos, e da obriga dos poderes públicos de garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais, considérase necesario manter o programa de axudas que, desde hai anos, incentiva actuacións racionais no medio natural, para propiciar a recuperación das poboacións de perdiz rubia e coello de monte.

O artigo 148.1.11 da Constitución, así como o artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, confire á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación co Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, atribúen a esta consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

Por outra parte, a Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, establece como obxecto dela regular e establecer medidas para favorecer o desenvolvemento sustentable do medio rural en canto supón condicións básicas que garanten a igualdade de toda a cidadanía no exercicio de determinados dereitos constitucionais, e entre os seus obxectivos o c), conservar e recuperar o patrimonio e os recursos naturais e culturais do medio rural a través de actuacións públicas ou privadas que permitan a súa utilización compatible cun desenvolvemento sustentable.

Entre as medidas para o desenvolvemento rural sustentable establece no seu artigo 21.b), a xestión sustentable dos recursos naturais, especialmente a auga, o solo, as masas forestais, os espazos naturais, a fauna cinexética e os recursos de pesca continental.

No Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014, en aplicación da citada Lei 45/2007, dentro do eixe 4 (ambiente), establece como actuacións para a consecución dos obxectivos específicos establecidos polo PDRS 2010-2014 a 4.21.CA.6 (apoio a iniciativas de protección do ambiente).

Finalmente, entre as actuacións de conservación da natureza incluídas no Convenio entre o Magrama e a Comunidade Autónoma de Galicia, para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos plans de zona das súas zonas rurais, figura, dentro das correspondentes á epígrafe 4/21/CA/6 a actuación 4, consistente en subvencións en concorrencia competitiva destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados para a recuperación das poboacións de perdiz rubia e coello de monte.

O réxime xeral das axudas e subvencións na nosa comunidade autónoma establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a normativa principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto das axudas

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados para a recuperación das poboacións de perdiz rubia (Alectoris rufa) e coello de monte (Oryctolagus cuniculus).

2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Destino das axudas

1. Son actuacións subvencionables destas axudas:

a) O financiamento dos investimentos para a roza e trituración mecánica do mato, a emenda e/ou fertilización, sementeira de cereal e/ou leguminosa e para a limpeza e adecuación de fontes e mananciais, de acordo coas indicacións contidas no anexo II. As actuacións de mellora do hábitat non poderán afectar os hábitats prioritarios e deberán cumprir o establecido no artigo 60.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia. A actuación da sementeira estará condicionada a que o terreo sexa agrícola.

b) A construción das instalacións necesarias para a cría do coello de monte en semiliberdade, de acordo coas indicacións contidas no anexo II.

Estas instalacións deberán cumprir as normas básicas do Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen as normas de ordenación das explotacións cunícolas.

c) A construción de tobeiras artificiais por aquelas beneficiarias que teñan realizadas as instalacións mencionadas no parágrafo anterior, de acordo coas indicacións contidas no anexo II.

2. As actuacións non poderán afectar os hábitats prioritarios.

3. En ningún caso se subvencionarán actuacións realizadas con anterioridade á publicación desta orde.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán acollerse a estas axudas tanto corporacións locais titulares de tecores coma institucións sen ánimo de lucro, igualmente titulares de tecores, ou as agrupacións destas, que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso os terreos cinexéticos deberán ser lindeiros e estar situados nunha mesma zona rural das recollidas no anexo VIII desta orde. Para cada corporación local ou institución sen ánimo de lucro, só será admisible unha única solicitude.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as corporacións locais ou institucións sen ánimo de lucro en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Contía dos investimentos e das axudas

1. Establécense as seguintes contías do investimento subvencionable para cada unha das actuacións que se realicen:

a) Roza e trituración mecánica: 360 euros por hectárea.

b) Arada, emenda e/ou fertilización, sementeira: 600 euros por hectárea.

c) Limpeza e adecuación de fontes e mananciais: 50 euros/unidade.

d) Instalacións de cría de coello: ata un máximo de 18.000 euros por beneficiaria.

e) Construción de tobeiras: ata 6.000 euros por beneficiaria, cun límite de 1.500 euros por tobeira.

2. A porcentaxe da axuda poderá chegar ata o 50 % do custo dos investimentos, fixándose un máximo de 15.000 euros de axuda por solicitude.

3. O IVE non será subvencionable. Tampouco serán obxecto de subvención todos aqueles gastos que figuran no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como non subvencionables.

4. Para os efectos do disposto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achega valor engadido ao seu contido.

5. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

6. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 5. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado e, na súa falta, co que figure en primeiro termo. Neste suposto, a presentación da solicitude deberá incluír un modelo de pluralidade de persoas solicitantes. Para facilitar este trámite, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas este e outros modelos normalizados.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse ás xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. A solicitude de axuda (anexo I desta orde) inclúe as seguintes declaracións da solicitante:

a) Declaración da conta para a transferencia bancaria.

b) Declaración relativa a outras axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas ou non, para os mesmos investimentos para os cales solicita subvención ao abeiro desta orde, así como de non ser debedora por resolución de procedencia de reintegro consonte o establecido na Orde da Consellería de Facenda do 4 de xaneiro de 2010.

c) Declaración responsable da dispoñibilidade dos terreos para a realización das actuacións.

d) Declaración do persoal encargado das instalacións (só no caso de instalacións para cría de coello).

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco (5) anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións informativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas/Secretaría Xeral Técnica; Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sx.cmati@xunta.es.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Copia do NIF da/s entidade/s solicitante/s da subvención.

b) Copia do DNI da persoa física representante da entidade solicitante (só no caso de non autorizar a consulta).

c) No caso de que a titular sexa unha sociedade, acordo do órgano competente desta polo cal se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, en que deberá figurar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos da solicitude.

d) No caso de agrupacións de titulares, anexo IX e acordos dos órganos respectivos competentes polos que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, nos cales deberá encontrarse o de non disolver a agrupación ata que remate o prazo previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con indicación da porcentaxe de subvención e do compromiso de execución correspondente a cada unha delas. Así mesmo, debe figurar o nome da persoa designada como representante delas para os efectos desta solicitude, e anexarase o nome da titular en cuxa conta bancaria se deberá realizar o ingreso.

e) Memoria valorada, que se axeite ás indicacións do anexo II. O seu contido mínimo será o seguinte:

• Datos da solicitante ou solicitantes.

• Datos dos terreos cinexéticos en que se localizarán as actuacións.

• Descrición da problemática actual do terreo cinexético en relación coa/coas especie/s, xustificando a adopción das medidas propostas.

• Descrición das actuacións que se van realizar con indicación das datas previstas, a maquinaria e man de obra que se vai empregar.

• Orzamento detallado e orzamento total.

• Plano de situación 1:25.000 e fotografía do Sixpac ou planos catastrais en que se identifiquen perfectamente as parcelas sobre as cales se actuará mediante as referencias catastrais. Sobre estes planos e fotografías deberán marcarse as parcelas en que se vai actuar.

• Descrición das instalacións ou das tobeiras, segundo o caso, plan de captura ou adquisición dos reprodutores, así como de calquera outra instalación que se pretenda facer. O plan de manexo do cerramento e o programa sanitario que se aplicará acomodaranse ás especificacións do anexo III (facilitarase un modelo nas dependencias dos servizos de Conservación da Natureza).

f) No caso de solicitudes de instalacións para cría de coello, unha declaración responsable da existencia de persoal encargado das instalacións, indicando os nomes, NIF/DNI e tipo de dedicación que prestarán nas instalacións.

2. Segundo o establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, concretamente 50.000 € no caso de obra e 18.000 € no de subministración, a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen ou subministren.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a súa presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 10. Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas

A orde de prelación para a concesión das subvencións basearase na puntuación acadada por cada solicitude dentro de cada zona rural das establecidas no anexo VIII.

Cando nunha zona rural non se esgote o orzamento, o remanente incrementará na mesma contía o orzamento das zonas rurais co mesmo nivel de prioridade.

No caso de que nalgún nivel de prioridade non se esgote o orzamento, repartirase na mesma contía entre as zonas rurais do nivel 1. No suposto de que aínda así quede orzamento, repartirase na mesma contía entre as zonas rurais do nivel 2, nivel 3 e zona sen prioridade, seguindo esta orde.

Criterios de puntuación:

Criterios de avaliación das actividades subvencionables

Puntos

a) Superficie do Tecor ou agrupación de Tecors

1 punto por cada 2.000 ha ata un máximo de 20 puntos

b) Por investimento subvencionable solicitado

0,25 puntos por cada 1.000 euros

No caso de igualdade de puntuación entre dúas solicitudes, atenderase primeiro a de máis superficie de Tecor ou agrupación de Tecors.

Artigo 11. Tramitación

1. Os servizos de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprobarán que as solicitudes cumpren cos requisitos exixidos e que se xuntan os documentos sinalados.

Se a solicitude de axuda non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, o servizo requirirá á entidade solicitante para que, no prazo de dez (10) días contados a partir do día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou remita os documentos preceptivos, e indicaralle que, de non facelo, se terá por desistida da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. En todas as solicitudes de actuacións consideradas subvencionables, o persoal do correspondente Servizo de Conservación da Natureza realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica e que cumpre cos requisitos exixidos no anexo II da orde. Así mesmo, certificarase que os investimentos non están realizados con data anterior á da publicación desta orde.

No caso de que as actuacións se atopen dentro da Rede Natura 2000, os servizos provinciais de Conservación da Natureza, de oficio, emitirán un informe en que se analice a compatibilidade da actuación coa Rede Natura 2000.

3. Examinadas as solicitudes e a documentación presentada, os servizos de Conservación da Natureza enviarán os expedientes completos no prazo de 40 días naturais a partir da data final de presentación de solicitudes, xunto cun informe administrativo sobre o cumprimento dos requisitos sinalados nesta orde, o cálculo da puntuación do expediente e a zona rural a que se lle asigna, tendo en conta que cada titular ou agrupación de titulares quedará adscrita á zona rural a que pertenza a maior superficie do terreo cinexético ordenado de que é titular. Posteriormente procederá á súa baremación conxunta na Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas unha comisión, que establecerá a puntuación mínima que deben acadar as solicitantes para obteren a condición final de beneficiarias, tendo en conta a repartición do orzamento por zonas rurais que se establece no anexo VIII.

A comisión de valoración presidiraa a persoa titular da Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas ou persoa en quen delegue. Ademais, serán membros da citada comisión as persoas titulares das xefaturas de servizo e área nos servizos centrais. Esta última actuará como secretaria.

Artigo 12. Resolución e recurso

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras das axudas recollidas nesta orde.

2. Na resolución que se dite especificaranse os investimentos subvencionables, a porcentaxe de subvención, o importe da subvención concedida, os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da subvención.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses desde a publicación da orde. Transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, as solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 44.1 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención debe ser aceptado pola beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 14. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para a mesma finalidade, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Publicidade da resolución

1. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza ordenará a publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas con expresión da convocatoria, do programa e o crédito orzamentario a que se imputan, das beneficiarias, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

2. De acordo co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as resolucións de concesión de subvencións e as sancións derivadas do incumprimento das súas normas reguladoras incluiranse nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións, dependentes da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os datos incorporados a estes poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición pola interesada. No suposto de que a publicación dos datos da beneficiaria poida ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e a intimidade persoal e familiar e da propia imaxe, esta poderá facer constar o seu dereito a que non lle fagan públicos os seus datos.

Artigo 16. Modificación da resolución e prórroga das actuacións

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Obrigas das beneficiarias

1. As obras obxecto de subvención deberán contar no momento do seu comezo coas licenzas e autorizacións preceptivas, se estas foren necesarias, e será responsabilidade da beneficiaria a obtención de ditas licenzas e autorizacións, sen que a Administración autonómica asuma ningunha responsabilidade ao respecto.

2. A aprobación da subvención implicará o compromiso das solicitantes de executar as accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberá realizarse na extensión e coas condicións técnicas recollidas na memoria e, en todo caso, axustarase aos termos recollidos na resolución.

3. No caso de que a actividade subvencionada sexa as instalacións para cría de coello de monte en semiliberdade, indicadas na alínea 1.b) do artigo 2, a beneficiaria comprométese á súa inscrición e mantemento en situación de alta no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) durante un mínimo de cinco (5) anos.

4. A finalidade ou función da actividade ou obra deberase manter durante un prazo mínimo de cinco (5) anos, de conformidade co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O prazo para realizar os investimentos obxecto da subvención rematará o 15 de outubro de 2015, sempre que na resolución aprobatoria non se dispoña outro prazo diferente.

6. As beneficiarias deberán conservar polo menos durante cinco (5) anos os documentos acreditativos da aplicación dos fondos recibidos, segundo o artigo 11.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Xustificación dos gastos

1. O prazo para xustificar o remate das actividades e o pagamento dos conceptos correspondentes a elas finalizará o día 23 de outubro de 2015, sempre que na resolución aprobatoria non se dispoña outro prazo diferente.

Ao abeiro do establecido no artigo 45.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, por petición xustificada da interesada realizada antes da finalización do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con isto non se prexudiquen dereitos de terceiros.

2. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprobará a realización efectiva das actuacións obxecto da subvención e o cumprimento da finalidade, e asistirá tecnicamente as adxudicatarias das axudas, todo iso de conformidade co establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para a xustificación do investimento obxecto de axuda e solicitude do pagamento desta, a beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento segundo o anexo VI.

b) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta memoria axustarase ao modelo do anexo VII.

c) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, segundo o modelo do anexo VII.

d) Facturas orixinais ou copias compulsadas destas xunto cos extractos de contas ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola beneficiaria, de xeito que quede acreditada a efectiva realización dos pagamentos.

e) No caso de que a actividade subvencionada sexan as instalacións para cría de coello de monte en semiliberdade, indicadas na alínea 1.b) do artigo 2, o xustificante de ter tramitada a alta no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega).

4. Os servizos de Conservación da Natureza comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas ao anexo II e á documentación que serviu de base para o outorgamento da axuda.

5. Vista a certificación final das obras coa documentación presentada e o informe do servizo correspondente, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza fará, de ser o caso, proposta de pagamento da subvención concedida.

Artigo 19. Modificación das actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo do informe favorable do servizo correspondente. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, que se deberá presentar con quince (15) días hábiles de antelación á súa realización, segundo o modelo do anexo V. No caso de que a modificación afecte só a localización das parcelas en que se vai actuar, deberá presentarse xunto coa solicitude un novo anexo I debidamente cuberto, coa relación das novas parcelas, e corresponderá á xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a súa autorización ou denegación. O silencio neste suposto terá a consideración de denegatorio.

Artigo 20. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe que resulte de aplicar a porcentaxe da axuda aos gastos subvencionables. Excepcionalmente, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral, poderá subvencionarse só unha parte dos gastos aprobados sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do gasto, que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente e sempre que se manteñan as condicións recollidas no anexo II. Neste caso, aplicarase a correspondente minoración.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se encontre ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e teña pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Revogación

1. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos casos e termos previstos no artigo 33 desta lei.

2. En todos os supostos anteriormente citados, e por proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, após o informe do servizo, logo de audiencia á interesada, a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá revogar, total ou parcialmente, as axudas que foron concedidas no seu día e declarará a obriga de reintegrar á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora fixados pola lei.

Artigo 22. Financiamento

1. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2015, no momento da resolución.

2. As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán cofinanciadas ao 50 % polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente e pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.541 B.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, ata un importe máximo de noventa e catro mil euros (94.000 €).

Artigo 23. Control das actividades subvencionadas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Publicidade e identificación

1. As entidades beneficiarias das axudas deberán cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida consonte o disposto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Consonte coa cláusula novena do convenio específico entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos plans de zona, do 7 de maio de 2012 (BOE núm. 139, do 11 de xuño) a beneficiaria comprométese a sinalizar e identificar as actuacións realizadas ao abeiro da presente orde de axudas, segundo os modelos de carteis especificados no anexo IV. En concreto, instalarase ao menos un cartel por Tecor, nun lugar visible e desde onde se poidan ver as actuacións subvencionadas ou ao menos a maior parte delas; no caso de que se realicen instalacións de cría de coello de monte, o cartel colocarase no lugar onde se constrúan.

Artigo 25. Obriga de facilitar información

As beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Disposicións xerais

O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposición adicional única. Delegación de funcións

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 12.1, e demais competencias atribuídas nesta orde á persoa titular da consellería; así mesmo, delégase a facultade de revogar e aplicar o procedemento sancionador.

Na persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a autorización de calquera modificación nas actividades aprobadas, e nos xefes territoriais da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no caso de que a modificación afecte só a localización das parcelas, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para ditar cantas resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO II

1. Indicacións xerais básicas a que deben axustarse as actuacións de mellora do hábitat de perdiz rubia.

A zona do Tecor en que se localicen as actuacións deberá ter unha superficie mínima de 50 ha de matogueira.

As actuacións non poderán afectar os hábitats prioritarios.

As rozas realizaranse en superficies dun máximo de 1 ha dispersas pola superficie, que poderán ser lineares ou de formas irregulares.

Os restos da roza serán triturados mecanicamente ou, se non for tecnicamente posible, serán amoreados.

Estas rozas deben ir acompañadas da sementeira dun cereal e/ou dunha leguminosa, nunha porcentaxe mínima do 50 % da superficie total rozada. A preparación do terreo despois da roza consistirá nunha pasada de grade de discos e unha encaladora coa maior antelación posible á sementeira. A colleita obtida quedará no monte para o seu aproveitamento pola fauna.

Nas limpezas e acondicionamento de fontes evitarase que estas queden totalmente despexadas de cobertura vexetal coa finalidade de non favorecer a predación sobre as aves nestes lugares.

As actuacións obxecto de axuda deberán realizarse de tal xeito que se eviten posibles prexuízos tanto á cría da perdiz como doutras especies animais presentes na zona.

As actuacións en terreos incluídos nun espazo natural protexido, segundo a normativa vixente, non poderán ser contraditorias co determinado na norma reguladora que os atinxa e, en todo caso, deberán contar co informe favorable do servizo provincial de Conservación da Natureza.

2. Indicacións xerais básicas a que deben axustarse os proxectos de produción e cría de coellos de monte en réxime de semiliberdade.

Os terreos dedicados á cría de coellos en semiliberdade terán entre 2.500 e 3.500 m2, incluíndo os cercados de produción principal e de apoio.

Os cercados estarán rodeados por un valo dunha altura non inferior aos dous metros que impida tanto a entrada doutros animais, especialmente predadores ou persoas, como a saída dos coellos. Ademais, débese profundar no chan máis de medio metro ou ata atopar un substrato dificilmente escavable. A gabia escavada encherase cunha cimentación de formigón ou ben enterrarase unha malla metálica. Poderase incluir un peche superior de malla de rede para minimizar a depredación.

O cercado de produción principal terá dúas partes, unha de alimentación e outra de refuxio, separadas por un valado con pasos que poidan pecharse á vontade.

A zona de alimentación ocupará o 90 % do cercado principal e disporá dunha pradaría para a alimentación dos coellos, na cal se instalarán bebedeiros e comedeiros e que contará con algunha estrutura de refuxio provisional que facilite a captura dos animais. A pradaría sementarase unicamente con gramíneas perennes de porte baixo, evitando as especies propias de prados de sega. Disporá necesariamente dun sistema de rega.

Na zona de refuxio instalaranse polo menos 6 tobeiras artificiais onde os coellos poidan construír as súas tobas de cubil e cría. As tobeiras artificiais terán unha estrutura piramidal, duns 20-30 m2 de base e uns 2 m de altura, composta de pedras ou raíces de árbores co tamaño suficiente como para deixar ocos entre elas e cubertas de terra en abundancia. A terra empregada debe ser rica en materia orgánica.

O cercado de apoio terá unha superficie mínima de 500 metros cadrados, cunhas características similares á zona de alimentación do cercado principal.

3. Directrices xerais para a construción de tobeiras artificiais.

A construción das tobeiras realízase a partir de materiais naturais que se van superpoñendo en diferentes fases da construción sobre unha estrutura de palés de madeira, co que se obtén unha estrutura circular ou elíptica.

Construiranse con catro pisos de catro ou seis palés cada un, que se colocan directamente sobre o chan sen necesidade de escavación previa.

Os palés serán robustos e cun grosor de polo menos dous centímetros. As dimensións oscilarán entre 110 e 130 cm de lado e deberán estar totalmente pechados na súa parte superior, para evitar que a terra penetre no interior da tobeira (no caso de aberturas moi amplas colocarase sobre eles unha tea de saco para reducir o paso de terra). En ningún caso se empregará material plástico para esta finalidade.

Estas tobeiras terán polo menos dúas entradas para facilitar a introdución dos coellos e a entrada e saída ata que os animais constrúan novas bocas.

As entradas poden ser tubos robustos de PVC ou similar duns 120 cm de lonxitude e dun diámetro interior de, polo menos 12 cm, que conecten co interior dalgún dos pisos de palés. Estes tubos colocaranse de maneira que sobresaian uns 30 cm da tobeira (tamén poden deixarse cunha maior lonxitude, por exemplo 50 cm ou máis, para que así non queden cubertos con terra durante a construción); posteriormente, xusto antes da introdución de coellos, procederase a recortar o sobrante. É moi importante que estes tubos estean horizontais e que as entradas se manteñan pechadas durante o proceso de construción e ata a introdución dos coellos.

Ao redor dos palés e a uns 100 cm de distancia dos seus bordos disporase unha barreira de contención duns 50 cm de altura, constituída por pedras e/ou troncos, para a suxeición dos diferentes materiais que constitúen a tobeira. Esta barreira pode reforzarse coa colocación de troncos que faciliten a suxeición da estrutura.

Para a construción de tobeiras poderanse substituír os palés por pedras ou cachopos de árbores.

No referente ao tamaño de construción, cando a base sexa de forma elíptica, o raio maior será de 5 m e o eixe menor de 3 m. No caso de que a súa base sexa circular o seu raio será aproximadamente de 3,8 metros. A superficie entre 45 y 50 metros cadrados. A altura deberá ser superior a 2,5 m. A distancia entre tobeiras deberá de ser como mínimo de 20 metros.

Finalmente, e para favorecer a supervivencia dos animais e o asentamento na zona, colocarase unha malla tipo galiñeiro que rodee a tobeira e que impida a saída dos animais durante os primeiros días de solta.

ANEXO III

Indicacións básicas a que deben axustarse os programas de manexo e sanitario dos centros de cría de coello de monte en semiliberdade.

Deberán cumprir as normas básicas que se establecen no Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen as normas de ordenación das explotacións cunícolas.

A densidade de reprodutores deberá manterse en arredor de 1 macho por cada 200 m2 de superficie e 1 femia por cada 100 m2 de superficie. Admitiranse variacións dun 20 % destes valores.

A procedencia dos reprodutores debe asegurar que se trata de coellos de monte procedentes de Galicia, nunca hibridados con coellos domésticos.

O sistema de identificación dos coellos axustarase ao establecido no artigo 5 do Real decreto 1547/2004.

Deberá establecerse un réxime de capturas (mínimo 1 ao mes, durante os meses de actividade reprodutora) que permita a revisión dos reprodutores e o seu tratamento veterinario se for preciso, e a captura dos novos individuos para a súa marcación, revisión, tratamento e traslado ao cercado de apoio.

O programa sanitario que exixe o Real decreto 1547/2004 incluirá un protocolo de vacinación fronte á mixomatose e á enfermidade hemorráxica vírica e medidas de loita contra os parasitos internos e externos, entre outras cuestións. Prestarase especial atención á coccidiose.

ANEXO IV

Logotipos entes cofinanciadores

missing image file

Cartel informativo

missing image file

ANEXO VIII

Niveis de prioridade nas zonas rurais coa relación
de concellos caza menor

Niveis de prioridade

Zona rural

Provincia

Concellos e entidades locais menores

Importe €

Zona prioritaria nivel 1

Lugo central

Lugo

Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Corgo (O), Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Incio (O), Láncara, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza (A), Portomarín, Rábade, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade.

13.160,00

Montaña lucense

Lugo

Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada (A), Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais (As), Pedrafita do Cebreiro, Pol, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Riotorto.

13.160,00

Depresións Ourensás e Terras do Sil

Ourense

Baltar, Bande, Blancos (Os), Calvos de Randín, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Entrimo, Gudiña (A), Laza, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Mezquita (A), Montederramo, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Pobra de Trives (A), Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Teixeira (A), Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.

13.160,00

Zona intermedia nivel 2

Miño central

Ourense

Allariz, Amoeiro, Arnoia (A), Avión, Baños de Molgas, Barbadás, Beade, Beariz, Boborás, Bola (A), Carballeda de Avia, Carballiño (O), Cartelle, Castrelo de Miño, Celanova, Cenlle, Coles, Cortegada, Esgos, Gomesende, Irixo (O), Leiro, Maceda, Maside, Melón, Merca (A), Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Padrenda, Pereiro de Aguiar (O), Peroxa (A), Piñor, Pontedeva, Punxín, Quintela de Leirado, Ramirás, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Taboadela, Toén, Verea, Vilamarín, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

7.520,00

Valdeorras

Ourense

Barco de Valdeorras (O), Bolo (O), Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, Rúa (A), Rubiá, Veiga (A) e Vilamartín de Valdeorras.

7.520,00

Zona intermedia nivel 3

As Mariñas

Lugo

Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Ourol, Pontenova (A), Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Valadouro (O), Vicedo (O), Viveiro e Xove.

5.640,00

Lugo sur

Lugo

Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra do Brollón (A), Saviñao (O), Sober e Taboada.

5.640,00

Rías Altas e Arco Ártabro

A Coruña

Abegondo, Aranga, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Capela (A), Cariño, Carral, Cedeira, Cerdido, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Fene, Irixoa, Laracha (A), Mañón, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Neda, Ortigueira, Oza dos Ríos, Paderne, Pontedeume, Pontes de García Rodríguez (As), Sada, San Sadurniño, Somozas (As), Valdoviño, Vilarmaior e Vilasantar.

5.640,00

Terras de Santiago

A Coruña

Ames, Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Brión, Cerceda, Dodro, Frades, Melide, Mesía, Ordes, Oroso, Padrón, Pino (O), Rois, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

5.640,00

Pontevedra leste e Terras do Miño

Pontevedra

Arbo, Campo Lameiro, Cañiza (A), Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Guarda (A), Lama (A), Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Neves (As), Oia, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Ponteareas, Porriño (O), Rosal (O), Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño e Tui.

5.640,00

Zona intermedia sen prioridade

Costa da Morte e Rías Baixas

A Coruña

Baña (A), Boiro, Cabana De Bergantiños, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Outes, Pobra do Caramiñal (A), Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Santa Comba, Vimianzo e Zas.

5.640,00

Pontevedra Norte e Rías Baixas

Pontevedra

Agolada, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Cuntis, Dozón, Estrada (A), Grove (O), Illa de Arousa (A), Lalín, Meaño, Meis, Moraña, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Valga, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

5.640,00

94.000,00

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file