Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Martes, 3 de febreiro de 2015 Páx. 4952

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2015 pola que se fai pública a aprobación definitiva e as disposicións normativas do proxecto sectorial 01_14 de infraestruturas de telecomunicacións de nova implantación xestionadas por Retegal, aprobado mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de xaneiro de 2015.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva, mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de xaneiro de 2015, do proxecto sectorial 01_14 de infraestruturas de telecomunicacións de nova implantación xestionadas por Retegal (Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.), sometido a información pública mediante Anuncio do 31 de xullo de 2014 (DOG núm. 148, do 6 de agosto, e xornal La Voz de Galicia da mesma data), cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1º. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial 01_14 de infraestruturas de telecomunicacións de nova implantación xestionadas por Retegal para os efectos previstos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

2º. Declarar como de utilidade pública e interese social as obras, servizos e instalacións previstas no proxecto sectorial 01_14 de infraestruturas de telecomunicacións de nova implantación xestionadas por Retegal».

Contra este acordo cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de marzo, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia) publícanse como anexo as disposicións normativas do proxecto sectorial 01_14 de infraestruturas de telecomunicacións de nova implantación xestionadas por Retegal para a súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2015

María del Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial 01_14 de infraestruturas de telecomunicacións de nova implantación xestionadas por Retegal

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O presente documento ten por obxecto regular a implantación e desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicacións da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal (Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.), nos municipios de Arzúa, Coristanco, Castro de Rei, Lugo, Maceda e A Estrada.

2. As condicións de localización e instalación destas infraestruturas, así como as súas instalacións de servizo asociadas (liñas eléctricas e accesos, se é o caso), se atopan recollidas nos anexos de definición detallada de cada centro, incorporados ao presente proxecto sectorial como anexos 7 e 8 (en adiante, anexos 7 e 8), que forman parte e integran o dito proxecto sectorial.

Artigo 2. Natureza e alcance

O proxecto sectorial é o instrumento de ordenación do territorio que desenvolve as directrices e determinacións establecidas no Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, aprobado mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de maio de 2013 e publicado no Diario Oficial de Galicia o 17 de xuño de 2013.

As determinacións contidas neste proxecto sectorial serán directamente aplicables unha vez producida a súa entrada en vigor e serán vinculantes para as Administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente nos municipios de Arzúa, Coristanco, Castro de Rei, Lugo, Maceda e A Estrada.

Artigo 3. Vixencia e modificación

O presente documento entrará en vigor coa publicación do acordo da súa aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia. A súa vixencia é indefinida e a súa modificación realizarase de acordo co establecido no artigo 14 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Artigo 4. Cumprimento da lexislación vixente

O cumprimento das normas e preceptos contidos nesta normativa non exime da obrigatoriedade de cumprir as restantes disposicións vixentes ou que poidan ser ditadas sobre as distintas materias afectadas en cada caso.

Nos aspectos non recollidos nesta normativa e no Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, observarase o disposto, de forma subsidiaria, na normativa sectorial aplicable e na normativa urbanística dos municipios de Arzúa, Coristanco, Castro de Rei, Lugo, Maceda e A Estrada.

Artigo 5. Carácter territorial das infraestruturas de telecomunicacións

1. Para os efectos previstos na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, as construcións e instalacións incluídas no presente proxecto sectorial, así como as súas obras de reforma, modernización e ampliación, cualifícanse como obras de marcado carácter territorial. En consecuencia, a súa execución, unha vez aprobado o presente proxecto sectorial, non precisará da autorización urbanística autonómica a que fai referencia o artigo 34.1.b) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. Ademais, as obras previstas de xeito detallado nos anexos 7 e 8 promovidas directamente pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica ou por Retegal a través de encomenda de xestión, non estarán suxeitas a licenza urbanística municipal ou comunicación previa, ao abeiro do establecido pola disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. No entanto, unha vez aprobado o presente proxecto sectorial, porase en coñecemento dos concellos afectados.

Artigo 6. Eficacia

1. A aprobación definitiva do presente proxecto levará implícita a declaración de utilidade pública ou interese social das infraestruturas de telecomunicacións definidas nos anexos 7 e 8 que integran o presente proxecto sectorial (coas súas posibles reformas, modernizacións ou ampliacións), así como a necesidade de ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución e implantación destas infraestruturas de telecomunicacións, para os efectos de expropiación forzosa ou imposición de servidumes.

Esta declaración estenderase aos terreos precisos para conectar a parcela coas redes xerais de servizos (en especial, conexións de subministración eléctrico, accesos, etc.).

2. Porén, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou Retegal (por encomenda daquela) terá dereito á ocupación do dominio público na medida en que isto sexa necesario para o despregamento das infraestruturas previstas no presente proxecto sectorial, de conformidade co establecido no marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

3. Tamén terá dereito á ocupación da propiedade privada cando resulte estritamente necesario para a instalación destas infraestruturas e as súas instalacións de servizo asociadas, e sempre que non existan outras alternativas economicamente viables, xa sexa a través da expropiación forzosa ou mediante declaración de servidume forzosa, todo isto de conformidade co sinalado no marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

4. En ambos os casos, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia terá a condición de beneficiaria nos expedientes de expropiación forzosa que se tramiten, de conformidade co sinalado na lexislación sobre expropiación forzosa.

Artigo 7. Réxime sancionador e de reposición da legalidade

Os actos de edificación e uso do solo realizados no ámbito territorial deste proxecto sectorial, sen axustarse ás súas determinacións, quedarán suxeitos e rexeranse en canto ao seu réxime de infraccións, sancións e protección da legalidade, polo disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (capítulo III, título VI) e na Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

TÍTULO II
Desenvolvemento e execución

Artigo 8. Autorización das obras necesarias para a implantación dos centros de telecomunicacións

1. Autorízase a execución de todas as obras que sexan precisas para a instalación e explotación, reforma, modernización e ampliación dos centros de telecomunicación, cuxas condicións particulares de localización e execución se atopan previstas nos anexos 7 e 8, calquera que sexa a natureza do solo sobre o que se sitúen.

2. Esta autorización comprende tanto a execución das obras e instalacións previstas nos anexos 7 e 8 como a execución das obras de acondicionamento necesarias para o acceso ao centro, así como as obras de implantación das liñas de subministración eléctrica ou calquera outro servizo necesario para a axeitada instalación e funcionamento dos centros de telecomunicacións.

Artigo 9. Prazo de inicio e remate das obras contidas no presente proxecto sectorial

1. O prazo para a iniciación das obras contidas nos anexos 7 e 8 deste proxecto sectorial é de seis meses contados desde o outorgamento da licenza urbanística de obras ou a presentación da declaración responsable ou comunicación previa, se é o caso.

Cando as obras sexan promovidas directamente pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou por Retegal a través de encomenda, este prazo computarase desde a comunicación ao concello correspondente da aprobación do proxecto sectorial, de acordo co previsto no artigo 5 do presente proxecto sectorial e na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

O prazo máximo para a finalización de todas estas obras recollidas no proxecto sectorial será de tres anos contados desde a data de outorgamento da licenza correspondente, da presentación da comunicación previa ou declaración responsable ou da comunicación da aprobación do proxecto sectorial ao concello correspondente, se é o caso.

2. As obras non poderán interromperse por tempo superior a seis meses.

3. Poderanse conceder prórrogas dos referidos prazos, logo da solicitude expresa formulada antes da conclusión dos prazos determinados. Cada prórroga que se solicite non poderá ser por un prazo superior ao inicialmente acordado.

4. No caso das obras recollidas nos artigos 13 e 14 da presente normativa, os prazos de inicio e terminación das obras, así como posibilidade de solicitar prórrogas, serán os indicados na lexislación do solo vixente.

Artigo 10. Licenzas para a instalación dos centros de telecomunicacións

1. As obras das infraestruturas de telecomunicacións e as súas instalacións de servizo asociadas, definidas de xeito detallado nos anexos 7 e 8, así como as de modernización, ampliación ou reforma ás que fai referencia o artigo 13 da presente normativa, promovidas directamente pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou, por encomenda desta, por Retegal, non estarán suxeitas a licenza urbanística municipal ou comunicación previa, de conformidade co recollido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

2. Para a instalación das infraestruturas de telecomunicacións previstas no presente proxecto sectorial que reúnan as características recollidas na disposición adicional terceira da Lei 12/2012, do 26 de decembro, de medidas urxentes de liberalización do comercio e de determinados servizos ou lexislación que a substitúa, non poderá exixirse a obtención de licenza previa de instalacións, de funcionamento ou de actividade, nin outras de clase similar ou análogas, nos termos indicados na citada lei.

3. Para o resto de infraestruturas, tampouco poderá exixirse por parte das administracións públicas competentes a obtención de licenza ou autorización previa de instalacións, de funcionamento ou de actividade, ou de carácter ambiental, nin outras licenzas ou aprobacións de clase similar ou análogas que suxeiten a previa autorización á devandita instalación, no caso de que o operador presente á Administración pública competente para o outorgamento da licenza ou autorización un plan de despregamento ou instalación de rede de comunicacións electrónicas, no que se consideren as devanditas infraestruturas ou estacións, e sempre que o citado plan sexa aprobado pola devandita Administración.

Para os efectos do establecido no punto anterior e no artigo 34.6 da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, o presente proxecto sectorial terá a condición de plan de despregamento.

4. As licenzas ou autorizacións previas ao inicio da actividade que, de acordo cos parágrafos anteriores, non poidan ser exixidas, serán substituídas por declaracións responsables, de conformidade co establecido no artigo 71 bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coas condicións que estableza a lexislación aplicable.

Artigo 11. Licenzas para a instalación das liñas eléctricas

A implantación de liñas eléctricas estará exenta da obtención de licenza de actividade ou funcionamento e de licenza urbanística, nas condicións establecidas na disposición adicional quinta da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

En tal caso, deberá presentarse a comunicación previa prevista na normativa urbanística e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Artigo 12. Liñas eléctricas de acometida situadas en zonas de protección para a avifauna

Á construción das liñas eléctricas de acometida situadas en zonas de protección para a avifauna recollidas na Resolución do 28 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, seranlle aplicables as medidas de prevención contra a electrocución e a colisión reguladas no Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

Artigo 13. Reforma, modernización e ampliación das infraestruturas previstas

1. Co fin de asegurar unha axeitada cobertura dos servizos de comunicacións electrónicas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será posible a reforma, modernización e ampliación das infraestruturas de telecomunicacións e as súas instalacións de servizo previstas de xeito detallado nos anexos 7 e 8 do presente proxecto sectorial, sen a necesidade de tramitar un novo proxecto sectorial, sempre que se executen dentro das delimitacións grafadas na cartografía do presente proxecto e coas condicións que se indican na lexislación do solo vixente e na lexislación sectorial de aplicación.

Unicamente para os efectos de aplicación do presente proxecto sectorial, se entende por ampliación dos centros de telecomunicacións previstos neste, as seguintes obras:

a) Ampliación en altura da torre de telecomunicacións.

b) Ampliación en planta ou altura da construción anexa.

c) Nova construción doutros elementos complementarios ou necesarios para o centro de telecomunicacións público, ou substitución dos existentes.

Do mesmo xeito, enténdese por modernización dos centros de telecomunicacións previstos neste, as seguintes obras:

a) A instalación de novos equipamentos complementarios ou necesarios para o centro de telecomunicacións público, ou substitución dos existentes.

b) A substitución dos equipamentos tecnolóxicos inicialmente previstos nos anexos 7 e 8 por outros máis avanzados ou con funcionalidades distintas.

2. Para a execución das obras recollidas no presente artigo, resultará de aplicación o réxime de exixencia de licenzas, declaracións responsables ou comunicacións previas, se é o caso, establecido no artigo 10, así como as correspondentes autorizacións sectoriais preceptivas.

Artigo 14. Implantación doutras infraestruturas públicas compatibles

Poderá permitirse a implantación doutras infraestruturas públicas compatibles destinadas a outros usos, dentro das delimitacións grafadas na cartografía do presente proxecto e coas condicións que se indican na presente normativa, na lexislación do solo vixente e na lexislación sectorial de aplicación.

Para a execución das obras recollidas no presente artigo, precisarase a obtención das correspondentes licenzas, declaracións responsables ou comunicacións previas, así como as correspondentes autorizacións sectoriais preceptivas.

Artigo 15. Accesos e camiños de acceso

Autorízase a execución e acondicionamento ou mellora dos camiños ou vías de acceso que sexan precisos para a realización das obras de construción, reforma, ampliación ou modernización dos centros de telecomunicacións, así como as de construción das infraestruturas públicas previstas no artigo 14.

Para tal efecto, redactarase un proxecto técnico específico, que non implicará a modificación do proxecto sectorial, que precisará das licenzas, declaracións responsables ou comunicacións previas oportunas así como as autorizacións sectoriais preceptivas.

TÍTULO III
Efectos e incidencia do proxecto sectorial nos planeamentos e normativas urbanísticas vixentes

Artigo 16. Relación co planeamento urbanístico vixente

1. As áreas delimitadas para a implantación das infraestruturas de telecomunicación incluídas no presente proxecto sectorial serán consideradas como sistemas xerais de infraestruturas, para os efectos previstos na lexislación do solo vixente.

2. As determinacións contidas no presente proxecto sectorial prevalecerán sobre os planeamentos municipais e normativas urbanísticas preexistentes á súa aprobación na medida en que uns e outras se opoñan ou contradigan aquelas determinacións.

3. O proxecto sectorial será executivo e vinculante para as administracións públicas e os administrados desde a mesma data da súa entrada en vigor, sen prexuízo do deber de adaptación daqueles planeamentos e normativas urbanísticas ás determinacións deste plan, nos termos contidos na presente normativa.

Artigo 17. Usos do solo

As infraestruturas de telecomunicacións obxecto do presente proxecto sectorial, e as súas posibles ampliacións, reformas ou modernizacións futuras, considéranse usos permitidos nas diferentes clases de solo e en calquera das ordenanzas correspondentes do planeamento urbanístico vixente.

Artigo 18. Condicións urbanísticas das parcelas e das edificacións

1. As condicións estéticas, ambientais e construtivas das edificacións e infraestruturas necesarias para a implantación e execución dos centros de telecomunicacións que integran este proxecto sectorial serán as recollidas nos anexos 7 e 8 e que forman parte deste proxecto sectorial.

2. Ás obras de construción das infraestruturas de telecomunicacións previstas no presente proxecto sectorial, non lles serán exixibles os parámetros urbanísticos definidos nos planeamentos e ordenanzas municipais verbo da superficie mínima de parcela, fronte mínimo, ocupación, recuados, edificabilidade máxima, accesos, dimensións da parcela e das edificacións, características estéticas das construcións, cubertas, ou, en xeral, calquera outra limitación que imposibilite ou dificulte a consecución das actuacións descritas, sen prexuízo do disposto no artigo seguinte.

Artigo 19. Altura máxima

De acordo co previsto no artigo 27 do plan sectorial, as obras de construción, reforma, ampliación ou modernización das infraestruturas de telecomunicacións reguladas no presente proxecto sectorial poderán sobrepasar a altura máxima prevista na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, como consecuencia das características especiais que concorren nestas.

Título VI
Desenvolvemento dos proxectos previstos nos artigos 13 e 14

Artigo 20. Criterios para valorar a protección territorial e ambiental

Para os efectos de discriminar entre distintas alternativas para a execución das obras previstas nos artigos 13 e 14 da presente normativa, dispóñense os seguintes criterios de ponderación e valoración da adecuación á debida protección ambiental das instalacións e infraestruturas que se proxecten:

a) Que a infraestrutura que se proxecte sexa compatible co uso e características do solo en que se sitúa, partindo da análise e estudo das características propias deste. Deberanse priorizar as situacións cuxo nivel de protección e impacto sobre o medio natural e paisaxístico sexa menor.

b) Que a infraestrutura aplique criterios de mínimo impacto, con medidas concretas para a súa inserción no contorno de acordo coas súas características morfolóxicas, analizando a súa repercusión neste.

c) Que as características técnicas, situación e demais elementos que se vaian valorar sexa adecuada e proporcionada, xustificándose a necesidade da intervención conforme os criterios de minimización de infraestruturas, reutilización de canalizacións e compartición e localización conxunta.

Os mencionados proxectos deberán conter entre a súa documentación un estudo ambiental coa finalidade de determinar se as devanditas infraestruturas producen de forma significativa afeccións a hábitats naturais de interese comunitario e especies protexidas.

Artigo 21. Criterios para valorar a integración paisaxística

1. Para determinar a correcta integración paisaxística das obras previstas nos artigos 13 e 14 da presente normativa, valorarase:

a) Que a infraestrutura a executar estea deseñada, sen prexuízo de limitacións técnicas, de acordo coas características cromáticas, volumétricas, naturais, paisaxísticas e ambientais do lugar en que se insire.

b) As construcións proxectaranse de modo que todos os seus paramentos exteriores e cubertas estarán totalmente rematados, con emprego nestes das formas e materiais que menor impacto produzan así como das cores tradicionais na zona ou, en todo caso, os que favorezan en mellor medida a integración no ámbito inmediato e na paisaxe.

c) En solo rústico, os elementos que conforman as infraestruturas, a excepción de torres de telecomunicacións, débense atopar debidamente integradas no contorno.

d) Que as vías de servizo sexan realizadas co mínimo impacto, cromaticamente acorde co contorno e coas marxes axeitadamente integradas e mimetizadas con este.

2. Os proxectos de execución das infraestruturas públicas a que fai referencia o artigo 14 incluirán o Estudo de Impacto e Integración Paisaxística (EIIP), que deberán adaptarse ao contido que regula o artigo 11.2 da Lei 7/2008, e contar, cando menos, co mesmo grao de precisión que os do presente proxecto sectorial, e ademais recoller as seguintes consideracións:

a) Para todos aqueles puntos de observación singulares desde os que a infraestrutura resulte visible (liñas de comunicación de forte intensidade de tráfico, principais núcleos de poboación e áreas ou elementos con valores paisaxísticos tales como miradoiros, fitos paisaxísticos, sendas, rutas ou camiños de carácter recreativo ou cultural) e que estean situados a distancias próximas aos 500 metros, deberá realizarse unha fotomontaxe da infraestrutura proxectada.

b) Para todos os elementos construídos deberán respectarse as perspectivas visuais, de forma que o impacto visual sexa o mínimo, evitando a súa localización as zonas de maior exposición visual e garantindo a integración paisaxística dos novos elementos.

c) Para os elementos prefabricados, e seguindo as recomendacións da Guía de estudos de impacto e integración paisaxística, elaborada por la Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, deberá optarse pola estratexia de ocultación mediante o apantallamento con especies vexetais, coas limitacións previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. As torres de telecomunicacións quedan exentas do cumprimento desta medida por razóns de cobertura.

d) Suxírense estratexias de integración na paisaxe da contorna, procurando unha congruencia tipolóxica e estilística co contorno existente.

e) O deseño das texturas de cerramentos, as cubertas, valados e elementos vexetais deberá garantir que o resultado final teña o menor impacto posible sobre a paisaxe.

f) Para evitar a visibilidade das construcións deberá evitarse, dentro do posible, a tala das especies arbóreas situadas no perímetro das instalacións que actúan como barreira vexetal, sempre respectando as determinacións contidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

g) No caso de construcións que resulten visibles desde núcleos de poboación, fitos ou miradoiros, recoméndase o apantallamento con especies arbóreas que actúen como barreira visual desde o núcleo de poboación. Para tal efecto, recoméndase a utilización de especies autóctonas de diferente porte, evitando as plantacións lineais e distribuíndo aquelas especies de maior porte naquelas zonas que teñan unha maior visibilidade. En todo caso, respectarase a regulación contida na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. As torres de telecomunicacións quedan exentas do cumprimento desta medida por razóns de cobertura.

h) Con respecto ás redes de subministración eléctrica, ao tratarse de instalacións puramente lineais de difícil integración en paisaxes rurais, deberá valorarse sen prexuízo de posibles afeccións sectoriais, o soterramento das liñas e, no caso de non ser posible, a adecuación do trazado á morfoloxía do terreo, procurando a integración paisaxística da rede eléctrica ás morfoloxías parcelarias e viarias existentes, evitando deste xeito a antropización de zonas con morfoloxías naturais.

Disposición transitoria única. Adaptación das normativas municipais ás determinacións do proxecto sectorial

1. Os planeamentos municipais deberán adaptarse preceptivamente ás previsións contidas no presente proxecto sectorial, co obxecto de harmonizar as súas determinacións urbanísticas coas previsións deste último, en idénticos termos aos previstos na disposición transitoria segunda do plan sectorial.

2. Entenderase, en todo caso, que existe unha confrontación das ditas normativas locais coas previsións deste proxecto sectorial nos seguintes supostos:

a) Cando impoñan restricións limitativas ao réxime de usos legalmente permitidos pola lexislación urbanística e territorial da comunidade autónoma, segundo as distintas clases de solos onde se implanten ou pretendan implantar as infraestruturas de telecomunicacións previstas neste proxecto sectorial.

b) Cando contraveñan as normas de aplicación directa previstas tanto na lexislación urbanística como na lexislación sectorial da comunidade autónoma.

c) Cando afecten as obras e instalacións definidas de xeito detallado nos anexos 7 e 8.

d) En xeral, cando impoñan para a implantación destas infraestruturas condicións ou requisitos especiais de localización que non estando previstos pola lexislación autonómica ou pola lexislación estatal aplicable limiten, dificulten ou impidan a consecución dos obxectivos deste proxecto sectorial, tales como as que estivesen baseadas nas distancias entre instalacións ou entre as instalacións e vivendas, na superficie mínima da parcela, na altura das instalacións, na exixencia de determinadas características técnicas ou construtivas aos centros emisores, na imposición de medidas tendentes a minimizar o impacto ambiental, ou na obriga de incorporar novos equipamentos ou aparellos máis modernos ás instalacións.

3. A adaptación aludida nos puntos anteriores terá que producirse coa primeira modificación ou revisión do planeamento xeral.

4. Sen prexuízo deste deber de adaptación, as determinacións contidas no presente proxecto sectorial prevalecerán sobre calquera normativa municipal preexistente de contido e alcance urbanístico e normativa de ordenación territorial, e terán carácter vinculante para as administracións públicas e os administrados desde a mesma data da súa entrada en vigor.