Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Luns, 2 de febreiro de 2015 Páx. 4684

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas aos establecementos de cocción de mexillón, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca nun 75 %, e se convocan para o exercicio 2015, tramitadas como expediente anticipado de gasto.

O 1 de xaneiro de 2007 entrou en vigor o Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP), que substitúe o Instrumento financeiro de orientación da pesca (IFOP) e define o marco de apoio comunitario a favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro. Este regulamento establece a posibilidade de apoiar os investimentos no ámbito da transformación e a comercialización dos produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

En cumprimento desta disposición, e dada a importancia ambiental da redución paulatina da carga contaminante das augas residuais provenientes do proceso de cocción industrial do mexillón, ditouse a Orde do 13 de outubro de 2010 (DOG núm. 203, do 21 de outubro) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas aos establecementos de cocción de mexillón, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca, e se convoca para o exercicio 2010 o devandito procedemento.

En aplicación da normativa comunitaria citada, mediante esta orde regúlanse as bases que rexerán para os investimentos necesarios, a fin de implantar nas factorías de cocción de mexillón sistemas de depuración respectuosos co medio acuático e compatibles cun bo estado ecolóxico das augas. Este esforzo centrarase na implantación de diferentes elementos de tratamento das augas residuais para conseguir o obxectivo de mellorar a calidade ambiental das augas utilizadas nos procesos produtivos, antes de que sexan vertidas ás rías ou evacuadas aos sistemas públicos de saneamento.

A presente orde pretende favorecer a redución paulatina da carga contaminante das verteduras das industrias cuxa actividade principal sexan os procesos de cocción de mexillón e que vertan directamente as súas augas residuais en augas continentais ou ao mar ou ás redes públicas de saneamento, de acordo coas mellores tecnoloxías dispoñibles, co obxecto de reducir os parámetros de vertedura.

A Consellería do Medio Rural e do Mar é sensible aos esforzos destas industrias, na procura de compatibilizar a súa actividade industrial co respecto debido ao ambiente. Neste senso, a Consellería do Medio Rural e do Mar asinou un protocolo de colaboración coa entidade pública empresarial Augas de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a asociación AGACOME e outras empresas. Este acordo ten como obxecto a redución paulatina da carga contaminante das augas residuais provenientes do proceso de cocción industrial do mexillón mediante a implantación dos sistemas de depuración máis axeitados de acordo coas mellores técnicas dispoñibles.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural e do Mar, no marco do Fondo Europeo de Pesca, dispón dos instrumentos financeiros axeitados para contribuír a minimizar o esforzo económico que a implantación dos sistemas de depuración vai supor para as empresas e evitar así, dentro do posible, a súa perda de competitividade.

O artigo 1, 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas con anticipación no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ao exercicio orzamentario no cal se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3, 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

En consecuencia, e de acordo co disposto nos artigos 30.I.1 e 27.15 do Estatuto de Autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos establecemento de cocción de mexillón con destino á instalación de depuradoras de augas residuais procedentes do proceso de cocción, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2015. As axudas de transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura veñen reguladas nos artigos 34 e 35 do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas axudas observarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas seguintes normas:

a) Regulamento 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, resto das disposicións comunitarias aplicables, así como as disposicións básicas que o Estado dite en desenvolvemento ou transposición delas.

b) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

c) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

g) Se é o caso, normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto (Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001).

h) Normativa básica do Estado.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.771.1 que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Medio Rural e do Mar para 2015. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 200.000 euros para o ano 2015.

2. O importe, así como a aplicación a que se impute, poderán ser ampliados con fondos incorporados e remanentes adicionais, así como procedentes de modificacións orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

3. As axudas estarán limitadas en todo caso ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As axudas contarán co financiamento do FEP nun 75 % e do Estado membro nun 25 %.

5. A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma para o 2015.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de establecementos xa existentes na Comunidade Autónoma de Galicia na data da publicación desta orde, cuxa actividade principal sexa a cocción do mexillón.

2. Para os efectos desta orde, enténdese que a empresa ten como actividade principal a da cocción de mexillón cando, como mínimo, o 75 % do total das compras da materia prima sexa de mexillón en fresco para transformación, nos dous exercicios anteriores á presentación da solicitude de axuda.

3. Para poder obter a condición de beneficiario destas axudas será requisito imprescindible que o solicitante teña asinado o protocolo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e do Mar, Augas de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a asociación AGACOME e outras empresas, para a consecución dunha redución da carga contaminante das augas residuais provenientes do proceso de cocción industrial do mexillón. Tamén poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas empresas que, aínda que non teñan asinado inicialmente o citado protocolo, se adhiran a el no prazo establecido para a presentación das solicitudes.

4. Para poder ser beneficiario destas axudas, as empresas solicitantes deberán ter as autorizacións pertinentes para a realización do investimento, con excepción da autorización de verteduras de augas residuais.

5. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

6. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 45.7 do Regulamento (CE) Nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, se modifican os regulamentos (CEE) nº 2847/93, (CE) nº 1936/2001 e (CE) nº 601/2004, e se derrogan os regulamentos (CE) nº 1093/94 e (CE) nº 1447/1999, nin os operadores que participen na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, en atención ao artigo 40 do citado regulamento.

7. As axudas aos investimentos, de acordo co previsto no artigo 35 do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao FEP, limitaranse ás microempresas, ás pequenas e medianas empresas e ás empresas non comprendidas na definición de microempresa, pequena ou mediana empresa tal e como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOCE, serie L nº 124, do 20 de maio), con menos de 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

8. As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo a Recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003 sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros, terase en conta o indicado na citada recomendación.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Executar o proxecto subvencionado dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na presente orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.

b) Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor do mercado.

c) Acreditar mediante declaración responsable que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

d) Destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o cal se conceda a subvención durante un período mínimo de cinco anos, de acordo co previsto no artigo 56 do Regulamento (CE) nº 1198/2006, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca. Durante este período, que se contará a partir da data contable do último pagamento, o beneficiario deberá solicitar autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar se pretender o cambio de destino do ben subvencionado, alleamento, gravame ou substitución por outro ben que sirva en condicións análogas ao subvencionado.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e fornecer canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente, tanto público como privado.

g) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutras índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán ser requiridos aos interesados.

h) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe de subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

j) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable aos beneficiarios.

k) Manter un sistema de contabilidade separado ou código contable adecuado, segundo o artigo 59.d) do Regulamento (CE) 1198/2006, para garantir a pista de auditoría.

l) Comunicar á Consellería do Medio Rural e do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para que foi concedida a axuda de que se trate.

m) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do Fondo Europeo da Pesca (FEP), nos termos establecidos nos artigos 32 e 33 do Regulamento (CE) nº 498/2007 da Comisión.

n) Figurar inscritos no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias.

o) Os beneficiarios estarán en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos e para a instalación e o funcionamento do establecemento. En todo caso, os proxectos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias fidedignas dos presentados para a obtención dos permisos.

p) Os beneficiarios deberán contar coa validación por parte da Universidade de Santiago de Compostela de que o proceso de tratamento proposto se axusta á mellor tecnoloxía dispoñible.

q) Os beneficiarios comprométense a ter a autorización de verteduras de augas residuais, nos dous anos seguintes ao do cobramento da axuda, o que deberán acreditar cun certificado de Augas de Galicia ou do organismo competente. O feito de non presentar este certificado poderá ser causa de reintegro da axuda.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser subvencionables de conformidade con esta orde o financiamento dos elementos de sistemas de depuración de augas residuais de industrias e construcións e elementos auxiliares destes, cuxa actividade principal sexa o proceso de cocción do mexillón e que vertan directamente as súas augas residuais industriais ao dominio público marítimo-terrestre ou ás redes públicas de saneamento.

Artigo 7. Gastos subvencionables

a) Equipamentos e instalacións de depuración de primeiro uso de augas residuais procedentes da cocción industrial do mexillón.

b) Construcións e elementos auxiliares dos sistemas de depuración de augas residuais.

c) Os gastos de proxecto técnico, estudos técnicos de validación dos proxectos e dirección de obra ata un límite do 12 por cento do custo do investimento total indicado no proxecto, sempre que a actuación a que se refira resulte seleccionada.

No caso de investimentos consistentes en subministracións, será requisito imprescindible para a concesión da axuda que os servizos da Consellería certifiquen o non inicio dos investimentos con anterioridade ao comezo da execución.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non se consideran subvencionables:

a) O imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro imposto recuperable polo beneficiario.

b) Investimentos relativos ao comercio retallista.

c) Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos. As substitucións de equipamentos e máquinas, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola súa tecnoloxía utilizada ben polo seu rendemento e proporcionen unha mellora substancial ben nos procesos de produción ben na creación de emprego. Non obstante, serán subvencionables os investimentos que deriven das adaptacións dos sistemas de depuración de augas residuais industriais, que así deriven das actuacións establecidas no protocolo.

d) Os gastos de aluguer de equipamentos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Para seren subvencionables estes investimentos, deberá ser exercida a opción de compra unha vez finalizado o período do leasing. En todo caso, cómpre a achega dun compromiso de adquisición do ben xunto coa solicitude.

Outros custos relacionados co contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, non serán subvencionables. Os investimentos aprobados inicialmente como compra non poderán ser imputados como gastos de leasing ou viceversa, salvo que o dito cambio sexa solicitado e aprobado polo órgano concedente.

e) Adquisicións de maquinaria, instalacións e equipamento de segundo uso.

f) Adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

g) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Certificación de non inicio

1. Como norma xeral, os investimentos ou gastos para os cales se solicita axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude de axuda, nin antes da realización da acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar, en caso de investimentos materiais.

A falta de realización de investimentos inmateriais demostrarase mediante a data da factura correspondente. No caso de proxectos técnicos, a factura poderá ser de data anterior a un ano da visita de non inicio.

2. O non inicio acreditarase mediante certificación dos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar e non serán válidas as actas notariais ou documentos similares realizados para este fin.

3. Se for necesario realizar os investimentos antes da apertura de presentación de solicitudes da convocatoria correspondente e sempre que se xustifique debidamente, de forma excepcional poderá facerse unha certificación de non inicio, inmediatamente antes de que comece a realización dos investimentos, e terá efectos na convocatoria inmediatamente seguinte.

Esta certificación solicitarase acompañada do proxecto, memoria descritiva dos aspectos técnicos e económicos do investimento, facturas pro forma ou catálogos que permitan facer unha valoración dos investimentos que se vaian realizar e relación destes, planos, proxecto visado e ofertas alternativas, de ser o caso.

4. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

Artigo 10. Tipo e contía das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital.

2. A porcentaxe máxima de contribución pública das axudas será, de acordo co establecido no anexo II do Regulamento do Fondo Europeo de Pesca (FEP), igual ou menor do 60 % do total dos gastos subvencionables.

3. Respecto ás empresas que non teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas, segundo definición da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, e que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros, a contribución pública reducirase a un máximo dun 30 %.

Artigo 11. Compatibilidade das axudas

1. As axudas establecidas nas presentes bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no regulamento do Fondo Europeo de Pesca (FEP) para a contribución pública.

Os solicitantes destas axudas non poderán ser solicitantes tamén de axudas para a mesma finalidade ao abeiro da Orde do 4 de abril de 2014, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca nun 75 %, e se convoca para o exercicio 2014 o devandito procedemento. No caso de que o solicitante destas axudas, presentase solicitude para a mesma finalidade ao abeiro da convocatoria 2014 de axudas FEP á transformación e comercialización de produtos da pesca, marisqueo e acuicultura, deberá renunciar a esta última solicitude.

2. No suposto que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

3. De acordo co previsto nos artigos 5.2.f) e 21.3.f) destas bases reguladoras, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao órgano concedente a obtención de calquera outra subvención ou axuda e deberá presentar a resolución da súa concesión, de ser o caso.

Artigo 12. Prazos de solicitude e resolución

1. O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 15 de xuño de 2015.

2. A resolución emitirase e notificarase aos interesados no prazo máximo de catro meses contados desde o límite do prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. A solicitude e demais anexos normalizados está formada por:

– Anexo I, de solicitude da axuda.

– Anexos II, de declaración de empresas asociadas e/ou vinculadas á solicitante.

– Anexos III e IV, de declaracións do solicitante.

– Anexo V, de relación de ofertas solicitadas e elixidas.

– Anexo VI, de datos xerais da entidade solicitante e memoria descritiva e técnica.

5. A documentación complementaria está relacionada na epígrafe «Documentación que se presenta ou se declara estar en poder da Administración» do anexo I.

6. Considérase o mínimo imprescindible para a tramitación de solicitudes a presentación da seguinte documentación:

– O anexo I de solicitude da axuda asinado cos datos da primeira folla debidamente cubertos.

– O orzamento de custos do proxecto, no cal se relacionarán todos os investimentos que se van realizar co seu correspondente importe sen IVE segundo o modelo do cadro 3 dos anexos.

– Informe técnico do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela elaborado de acordo co establecido no protocolo de colaboración coa entidade pública empresarial Augas de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a asociación AGACOME e outras empresas, en que se indique que o proxecto presentado responde á mellor solución posible e que é compatible coas características da instalación actual.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie a ausencia desta documentación e nestes casos emitirase resolución de inadmisión.

7. A solicitude e demais anexos normalizados en formato electrónico poderanse descargar da páxina web http://webpesca.xunta.es

Artigo 14. Tramitación das solicitudes

1. As xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar analizarán os expedientes, requirirán a documentación necesaria, se é o caso, e emitirán un informe relativo ao cumprimento dos requisitos da convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas, de conformidade co artigo 5.2.g) resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada preferentemente no rexistro das delegacións territoriais da Xunta de Galicia, salvo que no escrito de requirimento se sinale outra cousa, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sen prexuízo do disposto no punto 2 deste artigo, poderá requirirse o solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas que, de ser o caso se produzan, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte. Para estes efectos, as xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar elaborarán un informe á vista do cal o Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias da Secretaría Xeral do Mar analizará e clasificará os proxectos de acordo cos criterios fixados nas bases.

6. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables. A viabilidade técnica virá fixada polo informe técnico indicado no artigo 13.6 desta orde.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión ou denegación, na cal se indicarán as causas que a motivan.

8. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar de ningún modo a súa solicitude de axuda en canto non se resolva, excepto eliminando parte dos investimentos ou reducindo o seu importe.

Artigo 15. Comisión de avaliación

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación constituída na Secretaría Xeral do Mar, que, de non considerar necesaria máis documentación, emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas, que será incorporado ao expediente.

2. A comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: secretario xeral do Mar.

b) Tres vogais designados polo presidente da comisión, un dos cales actuará como secretario; todos eles poderán actuar con voz e con voto.

c) Un vogal proposto polo director/a de Augas de Galicia, que poderá actuar con voz e con voto.

d) Un representante do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela, designado polo director deste centro, con voz na comisión e sen voto.

3. O presidente da comisión terá voto de calidade.

4. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente.

5. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que considere convenientes, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

6. No informe que dite a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obteren a subvención e indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados no artigo 16 da presente orde. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

7. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente e poderanse realizar varias comisións de selección ao non ser necesario realizar unha análise comparativa das solicitudes.

8. Establecerase unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito.

9. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, quen ditará a correspondente resolución de concesión, logo da preceptiva fiscalización do gasto.

Artigo 16. Criterios de avaliación

A comisión de avaliación poderá:

• Propor a non concesión dunha subvención en caso de falta de oportunidade, idoneidade ou viabilidade do proxecto.

• Propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo de adquisición proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, a Comisión de Avaliación poderá requirir a achega da valorización dos investimentos solicitados, efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

• Establecer á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable.

Na concesión das axudas terase en conta o grao de cumprimento das obrigas derivadas das axudas recibidas, se é o caso, en anteriores convocatorias, para os mesmos fins.

Os criterios de avaliación das solicitudes fixados nesta orde servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes e serán os que se relacionan a seguir:

1) Co fin da baremación das solicitudes, os expedientes que reúnan os requisitos da convocatoria agruparanse en dous grupos:

a) No grupo I incluiranse os proxectos que se seleccionarán en primeiro lugar e serán aqueles presentados por microempresas e pequenas empresas.

b) No grupo II incluiranse os proxectos que se seleccionarán en segundo lugar e corresponderán a aqueles presentados por medianas empresas e o resto das empresas ata 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

2) Dentro de cada grupo, iranse sumando ata un total de 50 puntos en función dos seguintes criterios:

1.-Porcentaxe de compra de mexillón fresco para transformación respecto do total das compras de materias primas.

Ata un máximo de 10 puntos.

2.-Volume anual, en toneladas de vianda de mexillón cocido.

Ata un máximo de 10 puntos.

3.-Porcentaxe de vianda de mexillón comercializado procedente da acuicultura local respecto da vianda de mexillón comercializada, nos dous exercicios anteriores á presentación da solicitude da axuda.

Ata un máximo de 5 puntos.

4.-A calidade técnica dos proxectos.

Ata un máximo de 15 puntos.

5.-Empresas que favorezan a inserción laboral de discapacitados ou persoas en situación de exclusión social.

Ata un máximo de 5 puntos.

6.-A existencia dun plan de igualdade na empresa solicitante de acordo coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (publicada no Diario Oficial de Galicia o 13 de abril), ou estar en posesión da marca galega de excelencia en igualdade.

Ata un máximo de 5 puntos.

3) Independentemente do resultado da aplicación destes criterios:

1. En caso de coincidencia na baremación, terán prioridade as empresas que nunca recibisen axudas á transformación e comercialización dos produtos da pesca.

2. As empresas que renunciasen a axudas nos últimos cinco anos serán consideradas en último lugar.

Artigo 17. Resolución e aceptación

1. A resolución dos expedientes corresponde á conselleira do Medio Rural e do Mar.

2. As resolucións serán notificadas ao solicitante, que terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

3. A resolución indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida. Así mesmo, indicará as anualidades aprobadas para a execución dos investimentos.

4. A data límite de xustificación será o 30 de novembro de 2015.

Artigo 18. Recursos

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

Todo isto sen prexuízo de que o interesado poida interpor calquera outro que considere pertinente.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, se for o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

2. Calquera modificación que supoña un cambio do beneficiario, dos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que os compoñen, requirirá resolución expresa por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar, e deberá ser comunicada polo beneficiario por escrito con anterioridade á súa realización.

3. Calquera modificación que afecte os investimentos inicialmente previstos virá avalada por un novo informe técnico do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela.

O prazo para solicitar as modificacións rematará trinta días naturais antes da data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión. Na solicitude deixarase constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

A aceptación da modificación non suporá en ningún caso a ampliación do prazo de xustificación dos investimentos.

Nos casos de modificacións que supoñan variacións do importe da axuda ou das diferentes partidas que compoñen o expediente, deberán presentar coa solicitude un cadro 4, así como o anexo V, onde se conteñan os cambios e un plano de situación dos novos investimentos.

4. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da subvención.

d) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial seguindo os criterios de selección fixados.

5. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

6. Como norma xeral, non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, excepto nos casos de sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueles outros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade e a subrogación do novo propietario na posición de solicitante ou beneficiario non desvirtúe a finalidade das axudas e se cumpran todos os requisitos do número 3 deste artigo.

En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

7. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado.

8. Non se admitirán modificacións que supoñan cambio de localización dos investimentos aprobados.

Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente.

Artigo 20. Prazos de execución

1. Con carácter xeral, o prazo para a xustificación material e documental da finalización dos investimentos será o 30 de novembro de 2015.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación xustificativa, declararase decaído no dereito ao cobramento da subvención.

Artigo 21. Xustificación dos investimentos

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Os formularios en formato electrónico poderanse descargar na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar (http://webpesca.xunta.es). Considérase gasto realizado aquel efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación fixado na resolución de concesión da axuda ou a súa modificación, se é o caso, e con posterioridade á data de non inicio.

2. A xustificación dos investimentos presentarase no Rexistro Único e de Información do Complexo Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou no de calquera das delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

3. As solicitudes de pagamento presentaranse acompañadas da seguinte documentación, da cal se presentará un exemplar orixinal ou copia compulsada e dúas copias simples, excepto para os documentos da alínea b):

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído no anexo VII, no cal virán relacionados e clasificados os gastos e investimentos da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

b) Xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais detalladas o máximo posible. Destes documentos deberá presentarse orixinal, copia compulsada e unha copia simple. As facturas orixinais que, se for o caso, se entreguen ao beneficiario serán marcadas cun selo no cal se indique o financiamento do FEP.

c) As facturas deberán estar acompañadas das certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Os certificados bancarios indicarán a factura ou facturas que soportan. Só se admitirán pagamentos por transferencia bancaria.

d) Anexo VIII onde se indicará a relación das diferenzas existentes entre os investimentos solicitados e os realizados.

e) Certificado de Augas de Galicia ou do organismo correspondente, de ter conseguido os valores de emisión dos anexos do protocolo ou, na súa falta, de ter instaladas as mellores tecnoloxías dispoñibles de depuración, de acordo co establecido no informe técnico indicado no artigo 13.6 desta orde.

f) Declaración responsable doutras axudas solicitadas ou concedidas, ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a subvención, segundo o modelo do anexo IV. Deberá aportarse a resolución da axuda, se for o caso.

g) Calquera outra que se indique na resolución de concesión.

4. No suposto de falta de xustificación documental ou material, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

5. En caso de que o investimento fose xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

6. Unha execución inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado considerarase para os efectos do número 5 deste artigo, como unha realización deficiente do proxecto e non será admitida. Exceptúanse do establecido neste número os casos de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas, o que requirirá resolución expresa do órgano concedente.

Artigo 22. Pagamento da subvención

1. O pagamento dos proxectos e investimentos concedidos conforme a resolución e as presentes bases efectuarase unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención.

2. Será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Administración, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade.

Ademais, deberán presentar copia da declaración CE daquela maquinaria que o así o exixa, de conformidade co Real decreto 1644/2008, do 10 de outubro, polo que se establecen as normas para a comercialización e posta en servizo das máquinas, que traspón a Directiva 2006/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello. No momento da visita de comprobación da realización dos investimentos, as máquinas deberán ter colocada a placa identificativa correspondente e solicitaráselle o manual de instrucións delas e todos os documentos que o integren, de acordo co indicado no Real decreto 1644/2008.

Artigo 23. Cesión ou transmisión das axudas

1. A cesión ou transmisión das axudas outorgadas ao abeiro desta orde non terán validez cando non sexan previamente autorizadas pola Consellería do Medio rural e do Mar.

2. A transmisión dos bens obxecto das accións subvencionadas, dentro dos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, deberá ser previamente posto en coñecemento da autoridade que a outorgou para a súa autorización. No documento público da transmisión deberá o novo propietario subrogarse en todas as obrigas contraídas polo transmitinte e, en particular, deixar constancia do importe da axuda concedida, así como a de non efectuar ningunha modificación fundamental das establecidas no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006.

Dentro dos tres meses seguintes á data da transmisión, o transmitente remitirá á Secretaría Xeral do Mar unha copia do documento público de transmisión.

3. En todo caso, deberase comprobar que:

• A subvención outorgada non proporciona unha avantaxe indebida á empresa que realiza a venda. Este pode ser o caso, por exemplo, se a venda se realiza por unha cantidade maior debido aos investimentos realizados coa axuda do FEP.

• A venda non afecta a natureza das condicións de execución da operación financiada. É particularmente importante que o comprador se comprometa a cumprir con todas as condicións orixinalmente impostas ao beneficiario no marco da concesión da axuda.

3. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo será causa de reintegro da axuda.

Artigo 24. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Os servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006.

Artigo 25. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se o beneficiario incumpre calquera dos requisitos establecidos nas presentes bases ou incumpre os compromisos asumidos no protocolo e demais normas aplicables, así como as condicións que, se for o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Serán causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C 84/06), a comisión de infracción polo beneficiario ao dereito comunitario e, en especial, ás normas da política pesqueira común, durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Os beneficiarios comprométense a ter a autorización de verteduras de augas residuais, nos dous anos seguintes ao do cobramento da axuda, o que deberán acreditar cun certificado de Augas de Galicia. Non presentar este certificado poderá ser causa de reintegro da axuda.

Artigo 26. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 19 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Autorizacións do beneficiario

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións os datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como as sancións impostas consonte o regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. De acordo co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade autónoma galega.

3. Igualmente, se na solicitude de axuda o interesado marca a casa correspondente, esta actuación implicará a autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta do Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro de 2008 (DOG núm. 221, do 13 de novembro) e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo) e para comprobar a veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á titularidade da conta bancaria para o pagamento da axuda, segundo se indica na Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia (DOG núm. 10, do 16 de xaneiro).

4. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole os certificados dos números 2 e 3, non poden ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Artigo 28. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co establecido no artigo 13, número 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 29. Datos de carácter persoal

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmase de que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Disposición adicional única

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo), así como nas prescricións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Secretaría Xeral do Mar para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde producirá efectos a partir do o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira terceira

Quedan sen efecto as bases reguladoras das axudas aos investimentos destinados aos establecementos de cocción de mexillón aprobadas pola Orde da Consellería do Mar do 13 de outubro de 2010. Non obstante, serán aplicables as súas disposicións aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

P.A. (Decreto 161/2014, do 26 de decembro de 2014; DOG núm. 249, do 30 de decembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf
PE201C G.pdf