Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Martes, 27 de xaneiro de 2015 Páx. 4081

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 8 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se acorda someter a participación pública o documento inicial do Plan reitor de uso e xestión do parque natural das Fragas do Eume.

As Fragas do Eume foron declaradas como parque natural polo Decreto 218/1997, do 30 de xullo, logo da aprobación do correspondente Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN) mediante o Decreto 211/1996, do 2 de maio.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, no seu artigo 30.5, establece a necesidade de elaborar plans reitores de uso e xestión (PRUX) nos parques, que serán aprobados polo órgano competente da Comunidade Autónoma.

Por outro lado, o artigo 34 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza establece a estrutura e contido mínimo dos PRUX, que desenvolverán as directrices emanadas dos PORN e as previsións de actuacións da Administración no seu ámbito de aplicación.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 da dita lei,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público dun documento inicial do Plan reitor de uso e xestión durante un prazo de 15 días naturais, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, coa finalidade de que o público poida remitir observacións e opinións mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico planificacion.conservacion@xunta.es, indicando no asunto PRUX Fragas do Eume.

Segundo. Durante o citado prazo, o documento poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

– Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña.

– Oficinas do Parque Natural das Fragas do Eume.

– Páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: http://www.cmati.xunta.es/

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2015

Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza