Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Mércores, 14 de xaneiro de 2015 Páx. 1779

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao no centro adscrito Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga), da Universidade Privada San Jorge, para o curso 2015/16.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de xaneiro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e dispón no seu capítulo VI o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola Comunidade Autónoma. Mediante acordo do Consejo de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

No ámbito autonómico, esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, e a Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma se fará por orde da consellería competente en materia de universidades e que se publicará no Diario Oficial de Galicia, unha vez informado polo Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño.

Mediante Decreto 34/2014, publicado o 18 de marzo de 2014 no Diario Oficial de Galicia, autorizouse a adscrición do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga), á Universidade Privada San Jorge, e a posta en funcionamento para o inicio de actividades universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O 25 de agosto de 2014, o reitor da Universidade de San Jorge remite escrito de solicitude de autorización de implantación do grao en Tradución e Comunicación Intercultural e do grao en Publicidade e Relacións Públicas para o curso 2015/16 no Cesuga, xunto cos informes finais favorables emitidos pola Aneca o 7 de xullo de 2014.

En consecuencia, unha vez cumpridos os trámites preceptivos, e oído o Consello Galego de Universidades, reunido no pleno do 22 de decembro de 2014,

DISPOÑO:

Artigo 1

Autorizar a implantación para o curso 2015/16, no Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga), como centro adscrito á Universidade San Jorge, das seguintes ensinanzas universitarias oficiais:

1. Grao en Tradución e Comunicación Intercultural.

2. Grao en Publicidade e Relacións Públicas.

Artigo 2

Logo de ser autorizado a implantar as ensinanzas universitarias, o Cesuga quedará obrigado a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria