Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2015 Páx. 1482

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2014, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta do 18 de setembro de 2014 polo que se aproba o Catálogo de medios e prestacións susceptible de autoprovisión e se toma razón das subministracións, obras, servizos e calquera outra prestación susceptible de contratación centralizada.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de setembro de dous mil catorce, adoptou o Acordo polo que se aproba o Catálogo de medios e prestacións susceptibles de autoprovisión e se toma razón das subministracións, obras, servizos e calquera outra prestación susceptible de contratación centralizada.

Para xeral coñecemento, procédese á publicación do referido acordo que figura como anexo a esa resolución.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2014

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Acordo do Consello da Xunta polo que se aproba o Catálogo de medios
e prestacións susceptibles de autoprovisión e se toma razón
das subministracións, obras, servizos e calquera outra prestación
susceptible de contratación centralizada

Para os efectos de facer efectivos os principios de colaboración e cooperación recollidos no artigo 7 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, esta lei consagra nos seus artigos 8 e 9 a figura dos catálogos de medios e prestacións susceptibles de ser obxecto de cooperación, colaboración e asistencia no ámbito interno do sector público autonómico.

Os catálogos de medios e prestacións serán aprobados polo Consello da Xunta mediante acordo, logo do informe da consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa, e publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Establécese, polo tanto, que para os medios e prestacións incluídos neses catálogos só se poderá acudir á contratación externa cando a autoprovisión non resulte viable, por non poderen ser cumpridamente satisfeitas por outros órganos ou entidades instrumentais do sector público as necesidades que se pretenden cubrir, mediante algún dos procedementos de colaboración indicados na Lei 14/2013, do 26 de decembro, pola insuficiencia, carencia ou inadecuación dos medios de que dispoñan.

No resto dos casos habilítanse os mecanismos oportunos para facer efectiva a cooperación interdepartamental que permita prescindir da contratación externa.

A referida lei sinala que no catálogo deben incluírse os medios e prestacións susceptibles de ser prestados internamente pola vía da cooperación, colaboración e asistencia recíproca entre órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades do sector público autonómico, de maneira que se garanta un uso racional, eficiente e eficaz dos recursos públicos e a actuación coordinada do sector público autonómico.

En particular, tal e como exixe o artigo 9.2. da Lei 14/2013, do 26 de decembro, no catálogo debe incluírse a prestación de asistencia xurídica, control económico-financeiro, auditoría de contas ou de funcionamento, auditoría enerxética, avaliación de resultados, estatística, hixiene e saúde laboral, formación de persoal empregado público, Administración electrónica, innovación e desenvolvemento tecnolóxico.

Pola súa banda, en relación co principio de racionalización e eficiencia do gasto público recollido no artigo 19 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, o artigo 20.2 sinala que o Consello da Xunta creará unha comisión interdepartamental que determinará, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público, as subministracións, obras, servizos e calquera outra prestación que, polo seu carácter común, se poidan contratar de forma xeral e con características esencialmente homoxéneas para os diferentes órganos e organismos.

Para os efectos de cumprir esta previsión, o Consello da Xunta que tivo lugar o 20 de febreiro de 2014, o primeiro tras a entrada en vigor da lei, acordou a creación dunha comisión interdepartamental composta pola persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia e polas persoas titulares das secretarías xerais técnicas das consellerías da Xunta de Galicia. Esta comisión asumiu, entre as súas funcións, elaborar a proposta deste catálogo único, que integre os de todos os órganos da Administración xeral e do sector público autonómico, para os efectos do seu sometemento ao Consello da Xunta logo do informe da consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa. Así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 20.2 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, asumiu a función de determinar as prestacións susceptibles de contratación centralizada.

Na súa virtude, por proposta da comisión interdepartamental, logo do informe favorable da consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión de dezaoito de setembro de dous mil catorce,

ACÓRDASE:

Primeiro. Obxecto do acordo

1. Aprobar o catálogo de medios e prestacións que serán obxecto de cooperación, colaboración e asistencia no ámbito interno do sector público autonómico que se incorpora como anexo I a este acordo.

2. Tomar razón da relación de subministracións, obras, servizos e outras prestacións, que serán susceptibles de contratación centralizada, que se incorpora como anexo II a este acordo.

Segundo. Ámbito de aplicación

O seu ámbito de aplicación será o sector público autonómico, integrado, de acordo coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do seu sector público.

Terceiro. Órganos ou entidades encargados da autoprovisión

Os órganos ou entidades encargados dos medios e prestacións que serán obxecto de cooperación, colaboración e asistencia no ámbito interno do sector público autonómico serán os sinalados no anexo I deste acordo para cada un dos medios ou prestacións.

Cuarto. Instrumentos de cooperación, colaboración e asistencia

Para os medios e prestacións incluídos no catálogo deberase acudir á cooperación, colaboración e asistencia no ámbito interno do sector público autonómico, que se fará efectivo a través dos seguintes instrumentos:

a) Protocolos de coordinación.

b) Comisións ou grupos de traballo.

c) Encomendas de xestión.

d) Acordos de colaboración ou cooperación para o desempeño conxunto de tarefas comúns.

e) Outros instrumentos e procedementos que, de maneira común e voluntaria, se establezan.

Quinto. Excepcións

1. Poderase acudir á contratación externa cando a autoprovisión non resulte viable, por non poderen ser cumpridamente satisfeitas polos órganos ou entidades instrumentais do sector público as necesidades que se pretenden cubrir, mediante algún dos procedementos de colaboración indicados neste acordo, pola insuficiencia, carencia ou inadecuación dos medios de que dispoñan.

2. No expediente de contratación debe xustificarse a imposibilidade de facer uso da autoprovisión.

3. O órgano ou entidade a que lle tería correspondido a asunción de tarefas que serán obxecto de contratación externa deberá supervisar e prestar asistencia no proceso de contratación e na execución das prestacións para velar pola coordinación e asegurarse de que non se xeren duplicidades, sempre que así o requira o órgano ou entidade solicitante desas prestacións.

Sexto. Actualización do catálogo

O catálogo poderase actualizar mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da comisión interdepartamental e logo de informe da consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa.

Sétimo. Réxime transitorio

1. Desde o día seguinte á aprobación deste catálogo non se poderá acudir á contratación externa para os medios e prestacións incluídos nel, sen prexuízo do disposto na cláusula quinta deste acordo.

2. Non obstante, os medios e prestacións incluídos neste catálogo, nos cales se acordou o inicio do expediente de contratación con anterioridade á data sinalada no parágrafo anterior, exceptuaranse da aplicación do catálogo ata que finalice o prazo de vixencia dos contratos respectivos.

ANEXO I
Catálogo de medios e prestacións obxecto de autoprovisión

Departamento encargado
dos servizos e prestacións

Centro directivo/entidade encargado/a
dos servizos e prestacións

Servizo ou prestación obxecto
de autoprovisión

Presidencia da Xunta de Galicia

Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal)

Servizos de investimento e mantemento en telecomunicacións

Presidencia da Xunta de Galicia; Consellería de Facenda e Consellería de Sanidade

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega); Cixtec e Sergas

Servizo de Administración electrónica

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa

Servizo de avaliación de resultados

Axencia Galega de Emerxencias (Axega)

Servizo de xestión de emerxencias

Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp)

Servizo de cesión de instalacións

Servizo de formación

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

Servizo de biblioteca

Servizo de formación

Servizo de cesión de instalacións

Fundación Galicia Europa (FGE)

Servizo de elaboración de informes, formación e organización de actividades

Servizo de cesión de instalacións

Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia

Asistencia xurídica das entidades do sector público autonómico

Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

Estudar, desde un punto de vista competencial, a produción normativa do Estado e doutras comunidades autónomas.

Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Elaboración e xestión de plans

Consellería de Facenda

Intervención Xeral da Xunta de Galicia

Auditoría de contas

Consello Galego da Competencia (CGC)

Asesoramento xurídico en materia de prácticas prohibidas pola Lei de defensa da competencia e en materia de axudas públicas

Instituto Galego de Estatística (IGE)

Servizo de formación e previsión, recollida, análise e diagnóstico de datos

Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable (Cixtec)

Servizos de xestión económico-financeira e contable

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)

Servizo técnico en infraestruturas

Instituto de Estudos do Territorio (IET)

Asistencia técnica en materia de cartografía e para aquelas tarefas que requiran de datos xeográficos así como asistencia no desenvolvemento de instrumentos de ordenación do territorio

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Redaccións de plans e proxectos sectoriais e outros instrumentos urbanísticos e redacción de proxectos de expropiacións

Consellería de Economía e Industria

Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG)

Servizo de instrumentos e medios de medida e formación nesta materia

Instituto Enerxético de Galicia (Inega)

Servizo de xestión e desenvolvemento da rede de enerxía e de eficiencia enerxética

Axencia Galega de Innovación (Gain)

Servizo de formación e asesoramento en I+D+i

Laboratorio de Consumo de Galicia

Análise de produtos de consumo como os uniformes do persoal

Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)

Servizo de asesoramento e xestión en materia de instrumentos financeiros

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

Servizo de formación

Fundación Cidade da Cultura de Galicia

Servizo de cesión de instalacións

Consellería de Sanidade

Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública

Realización de auditorías internas do control oficial

Servizo de análise de augas

Secretaría Xeral Técnica (Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación de Servizos Sanitarios)

Realizar os controis das incapacidades temporais

Consellería de Traballo e Benestar

Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga)

Servizos de promoción e formación en prevención de riscos laborais

Servizo de detección de terceiros obrigados ao pagamento da atención sanitaria prestada polo Sergas no suposto de accidentes de traballo

Consellería do Medio Rural e do Mar

Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)

Servizo de xestión de fondos europeos en materia agraria

Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar)

Servizos de formación e I+D+i en materia pesqueira e acuícola

Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga)

Servizos en materia agraria, forestal, ambiental, animal e mariña

Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal)

Servizos en I+D+i no ámbito agrario e forestal

Fundación do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC)

Servizos en materia de carne e produtos cárnicos

Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar)

Servizo de análises do medio mariño

ANEXO II
Relación de prestacións que serán obxecto de contratación centralizada

Departamento encargado
da contratación centralizada

Definición e características do servizo ou prestación

Presidencia (Amtega)

Servizo de rede corporativa de telefonía

Presidencia (Amtega); Facenda (Cixtec) e Sanidade (Sergas)

Servizos de desenvolvemento da Administración electrónica

Presidencia (Amtega)

Servizo de mantemento de fotocopiadoras

Presidencia (Amtega)

Subministración de fotocopiadoras, equipamentos de impresión, equipamentos de destrución de documentos, equipamentos para o tratamento da información…

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza

Servizo de limpeza de edificios administrativos con excepción dos centros educativos e sanitarios que lle corresponderán á consellería respectiva

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza

Servizo de mantemento de edificios administrativos con excepción dos centros educativos e sanitarios que lle corresponderá á consellería respectiva

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza

Servizo de vixilancia e seguridade dos edificios administrativos con excepción dos centros educativos e sanitarios que lle corresponderán á consellería respectiva

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza

Servizos postais e telegráficos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza

Servizo de mensaxaría e paquetaría

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza

Acordo marco para o servizo de mantemento e reparación de vehículos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza

Axencias de viaxe

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza

Subministración de combustible

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza

Acordo marco para a subministración de material de oficina

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza

Adquisición de vehículos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza

Acordo marco para a subministración de vestiario, con excepción do vestiario específico do personal das consellerías con competencias en materia de ambiente, territorio e infraestruturas; de sanidade e de medio rural e mar

Consellería de Facenda

Póliza seguros de vehículos

Consellería de Economía e Industria

Abastecemento enerxético