Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 8 de xaneiro de 2015 Páx. 740

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2014 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que modifica as bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais para facilitarlles ás pequenas e medianas empresas galegas, auxiliares do sector naval, o acceso ao financiamento operativo adicional, instrumentadas mediante convenio coas entidades financeiras colaboradoras.

Mediante Resolución do 22 de setembro de 2014 (DOG núm. 186, do 30 de setembro) publicáronse as bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás empresas galegas auxiliares do sector naval o acceso ao financiamento operativo adicional, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras.

No artigo 14.3.2 establécese a documentación que as beneficiarias, a partir da formalización de cada operación de aval, deben remitir ao Igape, concretamente que transcorridos 30 días desde o vencemento do prazo da operación avalada, deberán enviar a memoria asinada polo administrador, na cal se faga referencia aos seguintes datos: importe das exportacións realizadas no período de vixencia da operación e nos dous anos anteriores, porcentaxes que representa respecto da facturación total e países de destino dos produtos exportados.

Ante a necesidade de acreditar que o financiamento foi destinado á súa finalidade, é dicir, á subministración de bens ou servizos a un estaleiro da Comunidade Autónoma e non ás exportacións realizadas, procede realizar a correspondente modificación, a cal foi aprobada polo Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza do 18 de decembro de 2014.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a modificación das bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás pequenas e medianas empresas galegas, auxiliares do sector naval, o acceso a financiamento operativo adicional, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras, publicadas mediante Resolución do 22 de setembro de 2014 (DOG núm. 186, do 30 de setembro), no seguinte senso:

– Modifícase o artigo 14.3.2, que queda redactado do seguinte xeito:

«A partir da formalización de cada operación de aval, as beneficiarias deberán remitir ao Igape a documentación que se relaciona a seguir:

Mentres a operación de aval se atope en vigor:

– Copia cotexada das contas anuais que se aproben durante a vixencia do aval. Deberá incluírse o informe de auditoría, se é o caso. Deberán remitirse no prazo de 30 días desde a súa aprobación.

– Comunicación ao Igape, se é o caso, dos cambios na súa estrutura accionarial, xerencia, órganos de goberno ou administración, desde a última comunicación. Deberá remitirse no prazo de 30 días desde que se produzan os cambios.

Ata 30 días desde o vencemento do prazo da operación avalada:

– Copia cotexada dos contratos de subministración de bens ou servizos asinados co estaleiro ou estaleiros da Comunidade Autónoma de Galicia durante a vixencia do aval, non achegados inicialmente coa solicitude».

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica