Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 7 de xaneiro de 2015 Páx. 666

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2014 pola que se ordena o arquivamento da denuncia presentada por unha profesora desta universidade contra Iria Presa Arjones.

Por parte dunha profesora foi presentada ante o reitor denuncia contra a alumna Iria Presa Arjones da Facultade de Filoloxía e Tradución, con data 17 de xullo de 2013.

Previamente á toma de decisión sobre a incoación de expediente disciplinario, esta reitoría nomeou un profesor desta universidade para que practicase unha información reservada co fin de esclarecer os feitos que se derivaban da denuncia e a posible responsabilidade dimanante deles.

Unha vez recibidas as conclusións da información reservada practicada, por Resolución reitoral do 17 de decembro de 2013 incoouse expediente disciplinario á alumna Iria Presa Arjones, designando como instrutor deste un profesor desta universidade.

Realizadas as actuacións correspondentes á instrución do expediente, e dado prazo de alegacións á interesada, con data 27.11.2014 recíbese escrito de Iria Presa Arjones con diversas apreciacións e reiteración das alegacións anteriores en relación coa proposta de resolución efectuada polo instrutor. Pola súa vez, tamén é remitida polo instrutor a esta reitoría a documentación correspondente á instrución.

Unha vez examinado o antedito escrito de Iria Presa Arjones, de data 27.11.2014, procede facer as seguintes consideracións:

Primeira. A interesada indica que non se matriculou nas materias que lle restan para rematar o grao en Estudos en Galego e Español. Ao ser confirmado polo Servizo de Alumnado que non figura matriculada na Universidade de Vigo, procede o arquivamento da denuncia presentada e das actuacións practicadas, dado que a competencia disciplinaria do reitor abrangue unicamente os membros da comunidade universitaria, de conformidade co artigo 126 dos estatutos.

Segunda. Todo isto sen prexuízo do labor realizado polo instrutor, e á vista das alegacións que realiza Iria Presa Arjones e dos informes e declaracións de varios profesores da titulación sobre a súa boa traxectoria académica.

Terceira. Dado que para a notificación de incoación de expediente disciplinario tivo que acudirse á vía de publicación de edicto no DOG, por non poder practicarse no seu domicilio, considérase necesario publicar polo mesmo medio o arquivamento do presente expediente.

Polo exposto, esta reitoría, en uso das facultades que lle confire a Lei orgánica de universidades e os estatutos da Universidade de Vigo,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o arquivamento da denuncia presentada, con data 17 de xullo de 2013, por unha profesora da Universidade de Vigo contra Iria Presa Arjones, polos motivos expostos.

Segundo. Ordenar a publicación do contido da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción desta notificación que se practica por correo certificado con aviso de recepción de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, poderase optar por interpor recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación; neste caso, non caberá interpor o recurso contencioso-administrativo ata a resolución expresa ou por silencio administrativo do recurso de reposición, de acordo co disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, modificadora da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vigo, 11 de decembro de 2014

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo