Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 7 de xaneiro de 2015 Páx. 498

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 10 de decembro de 2014 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

Mediante o Decreto 110/2013, do 4 de xullo, establécese a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

A actividade administrativa da Consellería de Economía e Industria supón unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias noutros órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Por isto, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. Deléganse na Secretaría Xeral Técnica as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos ao titular da Consellería e non se deleguen expresamente noutros órganos. Queda exceptuada desta delegación a competencia para subscribir, modificar, prorrogar ou deixar sen efecto os convenios de colaboración con outras administracións públicas e entes de dereito público, así como con asociacións, federacións e clústers. En ningún caso serán obxecto de delegación os convenios plurianuais e os que impliquen a asunción de obrigas económicas para a Facenda autonómica por importe superior a 150.000 euros, aos cales se refire o artigo 11.3º da Lei 4/2006, do 30 de xuño (DOG núm. 136, do 14 de xullo), de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

b) As facultades que en materia de xestión orzamentaria lle corresponden ao conselleiro conforme o previsto nos artigos 67 e concordantes do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

c) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servizos da Consellería de Economía e Industria, así como o recoñecemento de obrigas e a súa liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Facenda a ordenación dos pagamentos.

d) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ao titular da Consellería pola lexislación vixente.

e) A concesión ou denegación das axudas públicas e subvencións convocadas con cargo aos créditos orzamentarios da Consellería, a modificación e revogación das concedidas e mais a incoación e resolución dos procedementos de reintegro delas.

f) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, do persoal dependente da Consellería de Economía e Industria, agás o previsto no artigo 2.

g) As facultades que lle corresponden ao conselleiro en materia de persoal, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquel.

h) A disposición de canto concirne ao réxime interno da Consellería cando non sexa competencia do conselleiro ou doutra dirección xeral.

i) O exercicio das facultades que a normativa vixente en materia de fundacións lle atribúe ao protectorado delas.

j) O exercicio das facultades que a normativa vixente en materia de patrimonio lle atribúe ao titular da Consellería.

k) A resolución dos expedientes sancionadores de competencia do titular da Consellería en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta, agás o previsto nos artigos 2, 3 e 4 desta orde.

l) A resolución dos recursos administrativos de alzada e de revisión, das solicitudes de revisión de oficio, das reclamacións previas ás vías xudiciais civil e laboral e dos procedementos de responsabilidade patrimonial da Administración que deba resolver o conselleiro.

m) A resolución dos recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades delegadas, así como dos interpostos contra as resolucións ditadas por outros órganos en exercicio de facultades delegadas.

n) A declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación dos de gravame ou desfavorables.

Artigo 2

1. Delégase nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria:

a) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, do persoal destinado nas xefaturas territoriais.

b) A resolución dos expedientes sancionadores por infraccións graves en materia de enerxía, industria e comercio, agás os supostos de infraccións de ámbito supraprovincial dos artigos 3 e 4 desta orde.

2. A delegación de competencias neste órgano comprende tamén a resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Artigo 3

1. Delégase na Dirección Xeral de Enerxía e Minas:

a) O despacho e a resolución dos expedientes que en materia de dereitos mineiros lle estea atribuída ao titular da Consellería e que non se delegue expresamente noutros órganos.

b) A resolución dos expedientes sancionadores por infraccións graves en materia de enerxía e industria cando a infracción afecte o ámbito territorial de dúas ou máis provincias.

2. A delegación da competencia sancionadora da alínea b) comprende tamén a resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Artigo 4

1. Delégase na Dirección Xeral de Comercio:

a) O despacho e a resolución dos expedientes en materia de autorización comercial autonómica.

b) A resolución dos expedientes sancionadores por infraccións graves en materia de comercio cando a infracción afecte o ámbito territorial de dúas ou máis provincias.

2. A delegación da competencia sancionadora da alínea b) comprende tamén a resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Artigo 5

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións de competencias conferidas por esta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 6

O conselleiro poderá reclamar, en calquera momento, o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das cales quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas a Orde do 26 de xullo de 2013 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria