Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 22 de decembro de 2014 Páx. 51949

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 10 de decembro de 2014 pola que se aproban os estatutos do Colexio de Procuradores de Lugo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia. Corresponden á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita vicepresidencia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio de Procuradores de Lugo acordou en asemblea xeral a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido na Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar os estatutos do Colexio de Procuradores de Lugo, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio de Procuradores de Lugo

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto do presente estatuto é regular a organización e o funcionamento do Colexio de Procuradores de Lugo (Colexio), que actúa ao servizo do interese xeral da sociedade e dos colexiados mediante o exercicio das funcións e competencias que lle son propias.

Artigo 2. Natureza e personalidade

1. O Colexio é unha corporación de dereito público constituída e recoñecida de acordo coa lei e integrada por quen exerce a profesión de procurador dos tribunais.

2. O Colexio ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de actuar para o cumprimento dos seus fins.

3. Na súa organización e funcionamento goza de plena autonomía no marco do presente estatuto e baixo a garantía dos tribunais de xustiza.

Artigo 3. Ámbito territorial e domicilio

O ámbito territorial do Colexio correspóndese co da provincia de Lugo e comprende as demarcacións xudiciais de Lugo, Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Sarria, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Vilalba e Viveiro.

Non obstante o anterior, o Colexio poderá realizar lexitimamente actuacións fóra do seu ámbito territorial, con respecto ás competencias do Consello Xeral e do Consello Galego dos Procuradores, no exercicio dos seus fins e funcións, no marco do disposto neste estatuto.

O domicilio do Colexio radica en Lugo; Carril dos Loureiros, número 6, entresollado.

Artigo 4. Fins esenciais

1. Son fins esenciais do Colexio:

a) Ordenar, no ámbito da súa competencia, o exercicio da profesión.

b) Ocupar a representación institucional exclusiva da procuración no seu ámbito territorial.

c) Defender os intereses profesionais dos procuradores.

d) Velar pola observancia da deontoloxía profesional e pola protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos profesionais dos seus colexiados.

e) Colaborar activamente na obtención e acreditación da capacitación profesional dos procuradores, promover a calidade da actividade profesional dos seus colexiados mediante a formación continuada e cooperar na mellora dos estudos que, conforme a lexislación vixente, resulten necesarios para a obtención do título que habilite para o exercicio da profesión de procurador dos tribunais.

f) Colaborar, promover e mellorar o funcionamento da Administración de xustiza, así como prestar os servizos que as leis procesuais e orgánicas lle encomendan.

2. O disposto no punto anterior enténdese sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial.

Artigo 5. Relacións coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia

1. O Colexio relacionarase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos, a través da consellería competente en materia de colexios profesionais e nas cuestións referentes ao contido da profesión por medio da consellería ou consellerías competentes ao respecto.

2. O Colexio poderá exercer, ademais das súas funcións propias, as administrativas que lle atribúa a lexislación estatal e autonómica, e as competencias administrativas que lle delegue o correspondente órgano da Administración. Así mesmo, poderá colaborar coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia facendo uso das técnicas relacionadas conforme a lexislación establecida na Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O Colexio manterá relacións e atenderá as vinculacións institucionais que lle correspondan coa Administración xeral do Estado, as administracións locais e demais organismos e institucións públicas.

Título II
Dos colexiados

Capítulo I
Réxime de colexiación

Artigo 6. Obrigatoriedade de colexiación

1. Para o exercicio da profesión de procurador están obrigados á incorporación no Colexio os procuradores que teñan o seu enderezo profesional único ou principal no ámbito territorial do Colexio.

2. A incorporación ao Colexio habilita o procurador para exercer a súa profesión en todo o territorio español. O Colexio non poderá exixirlles aos profesionais que exerzan nun territorio diferente ao da súa colexiación comunicación nin habilitación ningunha, nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que lles exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non se encontren cubertos pola cota colexial.

3. Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que lle corresponden ao Colexio, en beneficio dos consumidores e usuarios, este deberá utilizar os mecanismos oportunos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na lexislación vixente.

Artigo 7. Liberdades de establecemento e de prestación de servizos

O exercicio permanente en España da profesión de procurador e a prestación ocasional dos seus servizos con título profesional obtido noutro Estado membro da Unión Europea ou do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo rexerase polo disposto na súa lexislación específica.

Artigo 8. Adquisición da condición de colexiado

1. Son condicións necesarias para ingresar no Colexio:

a) Posuír o título universitario oficial de licenciado ou de grao en Dereito.

b) Posuír o título profesional de procurador dos tribunais.

c) Non atoparse incapacitado ou inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión de procurador.

d) Non encontrarse suspendido no exercicio profesional por sanción colexial firme.

e) Aboar a cota colexial de ingreso.

f) Cumprir os demais requisitos legalmente requiridos para o exercicio en España da profesión de procurador.

2. Quen estea en posesión da titulación requirida e cumpra os requisitos establecidos no punto anterior terá dereito a ser admitido no Colexio.

Artigo 9. Procedemento de incorporación

1. A Xunta de Goberno resolverá e notificará as solicitudes de colexiación no prazo máximo dun mes e poderá denegalas unicamente cando non se cumpran os requisitos establecidos no artigo anterior.

2. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que a Xunta de Goberno notificase a resolución, a solicitude entenderase estimada.

3. Poderá suspenderse o prazo para resolver, por un prazo non superior a dous meses, co fin de emendar deficiencias da documentación presentada ou de efectuar as comprobacións pertinentes para verificar a súa autenticidade e suficiencia.

4. A denegación de incorporación ao Colexio deberá ser motivada e poderá ser impugnada no prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o Consello Galego dos Procuradores, nos termos dispostos no capítulo III do título III do estatuto.

Artigo 10. Perda da condición de colexiado

1. Son causas da perda da condición de colexiado:

a) A renuncia voluntaria.

b) O incumprimento ou a non persistencia, debidamente comprobadas, das condicións de incorporación ao Colexio consignadas no artigo 8.

c) A expulsión en virtude de sanción disciplinaria firme.

d) O impagamento das contribucións colexiais. Incorre na dita causa o colexiado que deixa de aboar tres recibos de forma sucesiva, ou alternativa, correspondentes ás cotas ordinarias, fixas ou variables, nun mesmo exercicio, ás extraordinarias e ás demais cargas colexiais establecidas pola Xunta Xeral.

2. Non procederá a baixa por renuncia voluntaria do colexiado no suposto de que o procurador estivese incurso nun procedemento disciplinario ata a súa conclusión e a resultas deste.

3. No suposto previsto na letra b) do punto anterior, a Xunta de Goberno, constatadas as circunstancias determinantes da eventual baixa colexial, porallas de manifesto ao interesado e concederalle trámite de audiencia por un período de quince días hábiles. Unha vez transcorrido o dito prazo, adoptará a resolución correspondente no prazo máximo dun mes.

4. No caso descrito na letra c), o procedemento que se seguirá será o disciplinario previsto no capítulo V do título III deste estatuto.

5. No suposto previsto na letra d), a Xunta de Goberno poralle de manifesto ao interesado a situación de impagamento das contribucións e concederalle trámite de audiencia por un período de dez días hábiles. Unha vez transcorrido este, e á vista das alegacións efectuadas, adoptará a resolución correspondente no prazo máximo dun mes. Unha vez acordada, de ser o caso, a baixa, a eventual reincorporación quedará condicionada ao pagamento das cantidades debidas co xuro legal correspondente.

6. A resolución que determine a perda da condición de colexiado poderá ser impugnada ante o Consello Galego dos Procuradores nos termos previstos no artigo anterior para a denegación de acceso ao Colexio.

Artigo 11. Suspensión da condición de colexiado

1. Son causas da suspensión da condición de colexiado:

a) A inhabilitación ou incapacitación para o exercicio profesional disposta por resolución xudicial firme.

b) A suspensión no exercicio profesional como consecuencia de sanción colexial firme.

2. A condición de colexiado suspenso manterase mentres subsista a causa determinante da suspensión.

Artigo 12. Tramitación electrónica e comunicacións das resolucións dos procedementos sobre colexiación

1. O Colexio disporá os medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar os procedementos de ingreso ou de baixa colexial por vía electrónica, a través do portelo único, tal como dispón o artigo 22 deste estatuto.

2. O Colexio comunicaralles de inmediato as incorporacións, baixas ou suspensións de colexiación, así como os cambios de enderezo profesional, ao Consello Xeral para os efectos da súa anotación no Rexistro Central de Colexiados, ao Consello Galego dos Procuradores e aos xulgados e tribunais do seu territorio.

Artigo 13. Colexiados exercentes e non exercentes

1. Os procuradores incorporados ao Colexio terán a condición de exercentes ou de non exercentes.

2. Só poderá ser admitido como colexiado non exercente quen exercese con anterioridade e de modo efectivo a profesión de procurador dos tribunais durante polo menos un ano ininterrompidamente.

3. Cada procurador exercente terá un número de colexiado, que deberá consignar en todos os documentos profesionais que subscriba, e o Colexio a que pertence.

4. No Colexio, a categoría de non exercente subsistirá nos termos dispostos na disposición transitoria terceira.

Capítulo II
Dereitos e obrigas

Artigo 14. Principios xerais

1. A incorporación ao Colexio confire os dereitos e as obrigas recollidos neste estatuto.

2. Todos os procuradores dos tribunais son iguais nos dereitos e obrigas recoñecidos no estatuto. Os actos ou acordos colexiais que impliquen restrición indebida ou discriminación dos dereitos ou obrigas son nulos de pleno dereito.

Artigo 15. Dereitos dos colexiados

Son dereitos dos procuradores colexiados:

a) A petición de amparo na súa actuación profesional aos órganos corporativos para a protección da súa independencia e liberdade de exercicio. Para tal efecto, poderán pedir que se poña en coñecemento dos órganos de goberno do poder xudicial, xurisdicionais ou administrativos, a vulneración ou descoñecemento deste dereito.

b) A participación no goberno do Colexio, a intervención e o voto nas sesións da Xunta Xeral e a facultade de elixir e ser elixido para formar parte dos órganos de gobernó, nos termos establecidos no capítulo II deste estatuto.

c) A formulación de peticións e a presentación de queixas e reclamacións ante os órganos do Colexio, así como o dereito de recurso contra os acordos e resolucións daqueles.

d) A obtención de información regular sobre o goberno corporativo e a actividade de interese profesional, así como o exame dos documentos contables que reflicten a actividade económica do Colexio.

e) A obtención de información e, de ser o caso, a certificación dos documentos e actos colexiais que os afecten persoalmente.

f) A utilización dos servizos colexiais, en particular de formación e de capacitación profesional, na forma e nas condicións que se determinen.

g) Ser mantidos no gozo pleno dos seus dereitos colexiais mentres non se produza a suspensión ou perda da súa condición de colexiado.

Artigo 16. Obrigas dos colexiados

1. Os procuradores colexiados están obrigados a:

a) Exercer a profesión con rectitude e sentido ético, con observancia da deontoloxía profesional.

b) Cumprir coas obrigas legais que lles impoñan as leis orgánicas, procesuais e sectoriais, no desempeño da súa profesión e, en particular, de colaboración e cooperación cos órganos xurisdicionais, así como dispoñer dos medios e recursos adecuados e actualizados para isto.

c) Acudir aos xulgados e tribunais ante os cales exerzan a profesión, ás salas de notificacións e servizos comúns, durante o período hábil de actuacións, para a realización dos actos de comunicacións e demais actuacións profesionais correspondentes.

d) Coñecer e cumprir, no desempeño da profesión, as disposicións estatutarias, as normas deontolóxicas e as resolucións ditadas polos órganos colexiais.

e) Gardarlles o debido respecto aos titulares dos órganos colexiais e, no exercicio da súa profesión, aos seus colegas, litigantes, letrados, xuíces e maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais e demais membros dos corpos de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza.

f) Comunicarlle ao Colexio as circunstancias determinantes do seu exercicio profesional, así como as súas modificacións e os demais datos necesarios que se lles requiran para o cumprimento das funcións colexiais de ordenación do exercicio profesional.

g) Manter o segredo profesional.

h) Observar as incompatibilidades profesionais e as causas de abstención legalmente establecidas.

i) Informar o cliente das súas actuacións profesionais e renderlle conta a este dos servizos prestados, con especificación das cantidades percibidas deste de acordo coas disposicións vixentes reguladoras do arancel de dereitos dos procuradores dos tribunais e precisión dos conceptos e importes exactos dos pagamentos realizados.

j) Satisfacer puntualmente as contribucións económicas do Colexio e aboar, de ser o caso, os servizos colexiais de que faga uso, conforme o disposto nas normas estatutarias e nos acordos adoptados polos órganos colexiais para a súa aplicación.

k) Actuar con lealdade e dilixencia no desempeño dos cargos colexiais para os cales sexa elixido ou designado.

2. Estes deberes configuran o réxime necesario da actuación profesional e corporativa do procurador. A súa observancia constitúe o obxecto propio das potestades colexiais de control e disciplina reguladas neste estatuto.

Título III
Do Colexio

Capítulo I
Funcións

Sección 1ª. Funcións xerais

Artigo 17. Das funcións do Colexio

Para a consecución dos fins esenciais sinalados no artigo 4 do estatuto, o Colexio exercerá, no seu ámbito territorial, as funcións que lle atribúe a lexislación estatal e autonómica sobre colexios profesionais como as leis orgánicas, procesuais e sectoriais, que se describen neste capítulo.

Artigo 18. De ordenación do exercicio profesional

Son funcións de ordenación do exercicio profesional as seguintes:

a) O Rexistro dos seus colexiados, no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nomes e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais de que estea en posesión, data de alta, enderezo profesional, enderezo electrónico e situación de habilitación profesional. O Colexio ofreceralles aos consumidores e usuarios acceso gratuíto ao Rexistro de Colexiados a través do seu portelo único.

b) O Rexistro das Sociedades Profesionais con domicilio social no ámbito territorial do Colexio. O Colexio comunicaralles as inscricións practicadas no Rexistro de Sociedades ao Consello Xeral para os efectos da súa constancia no Rexistro Central de Sociedades Profesionais e ao Consello Galego dos Procuradores.

c) A vixilancia da actividade profesional para que esta se someta, en todo caso, á ética e dignidade da profesión e ao debido respecto aos dereitos dos cidadáns.

d) A observancia do cumprimento das normas que regulan o exercicio profesional, das normas estatutarias e corporativas e das demais resolucións dos órganos colexiais.

e) O exercicio, na orde profesional e colexial, da potestade disciplinaria.

f) A adopción, dentro do ámbito territorial, das medidas conducentes a evitar o intrusionismo profesional e os actos de competencia desleal que se produzan entre os colexiados.

g) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais e os estatutos e regulamentos, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

h) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados, así como sobre as sancións firmes que lles impuxese e as peticións de comprobación, inspección ou investigación sobre aqueles, que lles formulen as autoridades competentes dun Estado membro da Unión Europea nos termos establecidos na lexislación vixente. En particular, as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións deberán estar debidamente motivadas e deberase empregar a información obtida unicamente para a finalidade solicitada.

Artigo 19. De representación e defensa da profesión e dos seus colexiados

O Colexio exercerá as seguintes funcións de representación e defensa da profesión e dos seus colexiados:

a) Exercer, no seu ámbito, a representación e defensa da profesión ante as administracións públicas, os órganos xurisdicionais e demais poderes públicos, así como ante calquera institución, entidade e particular.

b) Defender e amparar os colexiados no exercicio da súa profesión, particularmente na protección da súa independencia e liberdade de exercicio.

c) Actuar ante os xulgados e tribunais en cantos litixios afecten os intereses profesionais, coa lexitimación que a lei lles outorga, e facelo en representación ou en substitución procesual dos seus membros.

d) Intervir nos procedementos, administrativos ou xudiciais, en que se discuta calquera cuestión profesional, cando sexan requiridos para isto ou se prevexa a súa participación de acordo coa lexislación vixente.

e) Emitir informe sobre os proxectos de disposicións normativas da Comunidade Autónoma de Galicia que afecten os profesionais da procuración ou se refiran aos fins e funcións a estes encomendados.

f) Participar na elaboración dos plans de estudo e manter contacto permanente cos centros docentes correspondentes, nos termos que determine a lexislación sectorial.

g) Participar nos consellos, organismos consultivos, comisións e órganos análogos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia cando esta o requira ou así se estableza na normativa vixente, así como nos das organizacións, nacionais ou internacionais, cando sexa requirido para isto.

h) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas polas administracións públicas e colaborar con elas mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que poden serlle solicitadas ou que acorde formular por iniciativa propia.

i) Organizar un servizo de atención de queixas ou reclamacións presentadas polos seus colexiados.

j) Organizar actividades e servizos de interese para os colexiados de índole profesional, formativa, cultural, médico-profesional, e outros análogos, ou a colaboración, de ser o caso, con institucións deste carácter, así como para a cobertura de responsabilidades civís contraídas polos profesionais no desempeño da súa actividade.

k) Desenvolver cantas outras funcións e servizos redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados.

Artigo 20. Da arbitraxe e mediación institucionais

O Colexio impulsará e desenvolverá a mediación, así como desempeñará funcións de arbitraxe, nacional e internacional, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Artigo 21. Servizo de atención a consumidores e usuarios

1. O Colexio velará pola protección dos intereses dos consumidores e usuarios.

2. Para estes efectos, disporá dun servizo de atención a aqueles, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais dos seus colexiados, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. As queixas e reclamacións poderán presentarse por vía electrónica e a distancia. O Colexio resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: informará sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, remitiralles o expediente aos órganos colexiais competentes para instruíren os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, arquivará ou adoptará calquera outra decisión segundo corresponda.

Artigo 22. Portelo único

1. O Colexio disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. A través deste portelo único os profesionais poderán, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e ao seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado, recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non fose posible facelo por outros medios.

d) Ser convocados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e coñecer a actividade pública e privada do Colexio.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados e ao Rexistro de Sociedades Profesionais.

b) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpor en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio Profesional.

c) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obteren asistencia.

d) O contido do código deontolóxico.

3. O Colexio deberá adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporar para isto as tecnoloxías precisas, así como crear e manter as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade.

Artigo 23. Das formas de exercicio profesional e do control do exercicio societario

1. Os procuradores poderán exercer a súa profesión individual ou conxuntamente en unión doutro ou doutros profesionais desta ou de distinta profesión, sempre, neste último caso, que non sexan incompatibles legalmente.

2. Tanto no suposto de exercicio individual como de exercicio conxunto poderase actuar en forma societaria. O exercicio profesional en forma societaria rexerase polo disposto nas leis.

3. Inscribiranse obrigatoriamente no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio aquelas que teñan o seu domicilio social único ou principal no ámbito territorial do Colexio.

4. A inscrición da sociedade profesional no dito rexistro determina a súa incorporación ao Colexio e a conseguinte suxeición daquela ás competencias que a lexislación estatal e autonómica lles atribúe aos colexios profesionais.

Sección 2ª. Funcións de servizo e colaboración coa Administración de xustiza

Artigo 24. Servizo de recepción de notificacións e traslado de copias e documentos

O Colexio organizará un servizo de recepción de notificacións e traslados de copias e documentos de conformidade co disposto nas leis orgánicas e procesuais.

Artigo 25. Servizo de asistencia xurídica gratuíta

1. O Colexio organizará un servizo de representación gratuíta que atenda as peticións derivadas do recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

2. Para tal efecto, establecerá sistemas de distribución obxectiva e equitativa das distintas quendas e medios para a designación dos profesionais que impidan que o servizo quede desprovisto do número de colexiados necesarios para o seu funcionamento adecuado. O dito sistema, que será público para todos os procuradores e poderá ser consultado polos solicitantes de asistencia xurídica gratuíta, organizarase de acordo cos seguintes principios:

a) O territorio do Colexio dividirase nas zonas que regulamentariamente se determinen, para os efectos de prestar o servizo de representación gratuíta.

b) A designación realizada polo Colexio é de aceptación obrigatoria para todos os procuradores. Excepcionalmente, poderá suspenderse a obrigación da prestación en casos debidamente xustificados por razóns graves de carácter persoal ou de orde profesional.

c) Os membros da Xunta de Goberno que así o soliciten poderán ser dispensados da obriga de prestar o servizo de asistencia xurídica gratuíta durante o seu mandato, en atención ao cumprimento dos deberes inherentes ao cargo.

3. Os procuradores adscritos ao servizo deberán cumprir as condicións mínimas de formación e especialización necesarias que regulamentariamente se determinen con obxecto de asegurar a calidade e competencia profesional.

4. O Consello Galego dos Procuradores supervisará a creación e o funcionamento do servizo colexial e asegurarase de que a prestación da asistencia xurídica gratuíta se faga de forma eficaz e continuada.

Artigo 26. Servizo de quenda de oficio

1. O Colexio organizará un servizo de quenda de oficio para garantir a representación procesual dos xustizables ao abeiro do preceptuado no artigo 24 da Constitución e de acordo co disposto nas leis procesuais.

2. O Colexio designará procurador, por quenda de oficio, cando a súa intervención sexa preceptiva ou, non o sendo, o órgano xurisdicional ordene por resolución motivada que a parte sexa representada por procurador. Así mesmo, efectuará a designación por instancia do interesado. O representado estará obrigado ao pagamento dos dereitos arancelarios e suplidos do procurador pola prestación dos servizos profesionais.

3. A designación realizada polo Colexio é de aceptación obrigatoria para os procuradores. Para este efecto, o Colexio adoptará fórmulas que impidan que o servizo quede desprovisto do número de profesionais necesarios para o seu funcionamento adecuado.

Artigo 27. Servizo de depósitos de bens embargados

O Colexio poderá constituír e organizar servizos de depósitos de bens embargados, que deberán ser adecuados para asumir as responsabilidades legalmente establecidas para o depositario.

Artigo 28. Designación como entidade especializada na realización de bens

O Colexio poderá constituírse e ser designado como entidade especializada na realización de bens. Así mesmo, o Colexio poderá organizar un servizo de valoración de bens embargados.

Sección 3ª. Da calidade da práctica profesional

Artigo 29. Participación na capacitación profesional

O Colexio intervirá no proceso de capacitación profesional conducente á obtención do título profesional de procurador dos tribunais nos termos previstos na lexislación vixente nesta materia.

Artigo 30. Réxime dos titores

As condicións que deben satisfacer os procuradores que aspiren a desempeñar as funcións de titor das prácticas externas en actividades propias do exercicio da profesión de procurador, así como o procedemento de selección destes, serán as determinadas no Estatuto xeral da organización colexial dos procuradores dos tribunais de España, que regulará, así mesmo, os dereitos e obrigas destes.

Artigo 31. Formación continua

Os procuradores están obrigados a manter un nivel adecuado e actualizado dos coñecementos requiridos para o desempeño da súa profesión.

Capítulo II
Organización

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 32. Organización básica

1. Son órganos necesarios do Colexio:

a) A Xunta Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) O decano-presidente.

2. O regulamento de réxime interior do Colexio poderá crear outros órganos de goberno e desenvolver as previsións organizativas deste estatuto.

Artigo 33. Delegacións territoriais

1. O Colexio poderá establecer delegacións territoriais para o mellor cumprimento dos seus fins e maior eficacia das súas funcións colexiais. As delegacións terán as facultades e competencias que lles delegue a Xunta de Goberno.

2. Son delegacións territoriais do Colexio.

a) Lugo. Rúa Armando Durán, s/n, 27002 Lugo, Edificio Novos Xulgados.

b) Becerreá. Rúa Gómez Jiménez, s/n, 1º, 27640 Becerreá, Lugo, Edificio dos Xulgados.

c) Chantada. Praza de Galicia, s/n, 2º, 27500 Chantada, Lugo, Edificio dos Xulgados.

d) A Fonsagrada. Rúa Penela, s/n, 1º, 27100 A Fonsagrada, Lugo, Edificio dos Xulgados.

e) Mondoñedo. Rúa Alcántara, s/n, 27740 Mondoñedo, Lugo, Edificio dos Xulgados.

f) Monforte de Lemos. Avenida de Galicia, 48, 27400 Monforte de Lemos, Lugo, Edificio dos Xulgados.

g) Sarria. Rúa Maior, 1, 276, Sarria, Lugo, Edificio dos Xulgados.

h) Vilalba. Avenida de Galicia, 44, 27800, Vilalba, Lugo, Edificio dos Xulgados.

i) Viveiro. Rúa Alonso Pérez, s/n, 2º, 27850, Viveiro, Lugo, Edificio dos Xulgados.

Sección 2ª. Xunta Xeral

Artigo 34. Da Xunta Xeral e das súas competencias

1. A Xunta Xeral é o órgano supremo de expresión da vontade do Colexio e constitúena todos os colexiados en pleno exercicio dos seus dereitos.

2. Son competencias propias e exclusivas da Xunta Xeral:

a) Aprobar o estatuto, o regulamento de réxime interior e o código deontolóxico do Colexio, así como as súas modificacións, sen prexuízo da facultade da Xunta de Goberno para ditar as normativas de desenvolvemento correspondentes.

b) Coñecer e sancionar a memoria anual do Colexio, que terá o contido que se describe no artigo 10.ter LCPCG.

c) Aprobar os orzamentos do Colexio e fixar o importe das contribucións colexiais.

d) Aprobar definitivamente a liquidación dos orzamentos e as contas de gastos e ingresos de cada exercicio vencido.

e) Autorizar os actos de disposición dos bens inmobles e dereitos reais constituídos sobre estes, así como dos restantes bens patrimoniais que figuren inventariados como de valor considerable.

f) Proceder á elección do decano e dos membros da Xunta de Goberno, de acordo co procedemento determinado neste estatuto.

g) Controlar a xestión do decano e da Xunta de Goberno, solicitando informes e adoptando, de ser o caso, as oportunas mocións, mesmo a de censura con carácter revogatorio mediante o procedemento fixado estatutariamente.

3. A Xunta Xeral tamén poderá coñecer de cantos outros asuntos lle someta a Xunta de Goberno e dos demais previstos no presente estatuto.

Artigo 35. Xuntas xerais ordinarias e extraordinarias

1. A Xunta Xeral pode desenvolver sesións con carácter ordinario ou extraordinario.

2. No primeiro e no último trimestre de cada ano natural desenvolveranse sesións da Xunta Xeral, que terán carácter ordinario. A primeira delas coñecerá necesariamente dos asuntos descritos nas letras b) e d) do ordinal segundo do artigo anterior, e a segunda do relacionado na letra c) do mesmo ordinal e artigo.

3. Poderán desenvolverse tamén sesións extraordinarias, para coñecer dos asuntos propios da convocatoria, cando o acorde a Xunta de Goberno, por propia iniciativa, por instancia do decano ou por solicitude de, polo menos, a terceira parte dos colexiados.

Artigo 36. Proposicións e emendas dos colexiados

1. Ata cinco días antes da xunta xeral ordinaria, os colexiados poderán presentar as proposicións que desexen someter á deliberación e ao acordo da Xunta Xeral. Serán incluídas na orde do día para seren tratadas no punto denominado «Proposicións» cando se presenten subscritas por un mínimo do dez por cento do censo de colexiados.

2. Cando se presentan varias modificacións ou emendas a unha proposición, deberán facelo con cinco días de antelación ao desenvolvemento da xunta, e o colexiado ou colexiados que as presentasen poderán defender en todo momento a súa proposta.

Artigo 37. Convocatoria

1. A Xunta de Goberno convocará as sesións da Xunta Xeral con quince días de antelación, que, nos casos de urxencia debidamente xustificada, se poderán reducir a dez.

2. A convocatoria publicarase na páxina web do Colexio e por medio dunha circular que se deberá remitir a cada colexiado mediante o seu depósito nas gabetas de notificacións correspondentes ou por medio electrónico cando o colexiado sinalase o dito medio como preferente ou consentise a súa utilización.

3. Na convocatoria deberanse precisar o lugar, o día e a hora de desenvolvemento. A convocatoria incluirá a orde do día e irá acompañada, cando sexa necesario, da documentación correspondente aos temas que se van debater. Os colexiados, en todo caso, poderán exercer o seu dereito á obtención de información sobre os asuntos da orde do día.

Artigo 38. Desenvolvemento das sesións

1. As sesións da Xunta Xeral desenvolveranse no lugar, día e hora sinalados na primeira ou, se procede na segunda convocatoria. En primeira convocatoria exixirase a concorrencia da metade máis un dos colexiados exercentes. A segunda convocatoria, transcorrida media hora da primeira, desenvolverase cos que concorran, calquera que sexa o seu número, e serán válidos e obrigatorios os acordos que se adopten.

2. As sesións estarán presididas e dirixidas polo decano do Colexio ou, no seu defecto, por quen legalmente o substitúa.

3. Unha vez aberta a sesión, procederase á lectura e aprobación, de ser o caso, da acta da sesión anterior e debateranse a continuación os asuntos incluídos na orde do día definitiva.

4. Se, reunida a Xunta Xeral, non se poden tratar nunha sesión todos os asuntos para os cales foi convocada, por falta de tempo ou por calquera outro motivo, suspenderase e continuará o día ou días que nesta se sinalen, ou, no seu defecto, nos que designe a Xunta de Goberno.

Artigo 39. Ordenación do debate

1. O presidente moderará o debate e concederá a quenda da palabra segundo usos democráticos.

2. O que se atope no uso da palabra non poderá ser interrompido senón para ser chamado á orde polo presidente, por atoparse fóra da cuestión, ou por outro motivo xustificado, ao xuízo da presidencia.

3. Retiraráselle o uso da palabra ao que, dentro da mesma cuestión, fose chamado en tres ocasións á orde.

4. Se algún colexiado continúa faltando á orde despois de que se lle retirase o uso da palabra, o presidente poderá tomar as decisións que crea convenientes, incluída a de expulsión do local onde ten lugar a xunta.

Artigo 40. Adopción de acordos

1. As votacións poderán ser á man alzada, nominais ou secretas. Serán nominais ou secretas se o solicita a maioría dos asistentes e, en todo caso, serán secretas cando se refiran a colexiados ou se trate dunha moción de censura. A votación secreta efectuarase mediante papeletas que deberán depositarse nunha urna.

2. Como regra xeral, os acordos adoptaranse por maioría dos votos emitidos. Non obstante, a adopción de acordos relativos á moción de censura, disolución, fusión e modificación do estatuto do Colexio exixirá a concorrencia do quórum de asistencia e de votación especialmente previsto neste. O voto dos exercentes ten valor dobre que o dos non exercentes.

3. O voto deberá ser exercido persoalmente, sen que se admitan os votos por escrito dos colexiados non asistentes, nin o voto por delegación.

4. En caso de empate, o decano ou quen legalmente o substitúa ten voto de calidade.

5. Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día.

Artigo 41. Aprobación das actas

Os acordos adoptados na xunta xeral faranse constar nunha acta que confeccionará o secretario do Colexio e que será autorizada por el mesmo e polo decano. As actas transcribiranse a un libro foliado e debidamente legalizado ou serán incorporadas a un soporte informático. A acta deberá ser ratificada na seguinte sesión da Xunta Xeral.

Sección 3ª. Xunta de Goberno

Artigo 42. Da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano de administración e dirección do Colexio.

2. A Xunta de Goberno está integrada, polo menos, polos seguintes membros: decano-presidente; vicedecano; secretario; vicesecretario; tesoureiro e dous vogais.

Artigo 43. Competencias

A Xunta de Goberno exerce as competencias non reservadas á Xunta Xeral, nin as asignadas especificamente a outros órganos colexiais. Ademais, e con carácter particular, exercerá as seguintes funcións:

1º. Con relación aos colexiados e aos órganos colexiais:

a) Resolver sobre as solicitudes de colexiación, así como sobre a perda e suspensión da condición de colexiado.

b) Acordar a inscrición de sociedades profesionais no Rexistro Colexial de Sociedades.

c) Organizar e xestionar as quendas de oficio e xustiza gratuíta, así como distribuír as quendas nas causas dos litigantes de xustiza gratuíta ou de quen, sen gozar daquel beneficio, solicite a designación de procurador de oficio.

d) Organizar e xestionar os servizos de notificacións, traslados de escritos, depósitos e realización de bens, e cantos outros servizos lle encomenden as leis procesuais e orgánicas.

e) Exercer as funcións colexiais de control da actividade profesional.

f) Propoñerlle á Xunta Xeral a aprobación ou a modificación do estatuto, do regulamento de réxime interior e do código deontolóxico do Colexio.

g) Elaborar a memoria anual do Colexio, co contido prescrito pola lexislación vixente, e darlle publicidade a través da páxina web do Colexio, unha vez aprobada pola Xunta Xeral.

h) Convocar a elección dos membros da Xunta de Goberno, de conformidade co disposto no presente capítulo.

i) Coñecer dos recursos que se interpoñan contra os acordos colexiais no suposto descrito no artigo 66 do estatuto.

j) Exercer a potestade sancionadora de conformidade co disposto no capítulo V do título III.

k) Velar polo cumprimento da normativa, legal e colexial, e dos acordos adoptados polo Colexio.

l) Coordinar o funcionamento de toda a actividade e organización do Colexio.

m) Impedir e perseguir ante os tribunais de xustiza o intrusionismo e o exercicio profesional con incumprimento das súas normas reguladoras.

n) Organizar o ensino de formación, actualización e especialización dos profesionais.

ñ) Coidar das publicacións, así como da actividade de promoción do Colexio.

o) Aprobar as bases dos concursos que se convoquen para cubrir as prazas de empregados do Colexio e proceder á súa contratación.

p) Resolver as queixas ou reclamacións dos usuarios dos servizos profesionais dos seus colexiados.

q) Organizar e xestionar o servizo de atención aos colexiados.

r) Implantar e organizar novos servizos colexiais e vixiar, programar e controlar os existentes.

2º. Con relación á actividade externa do Colexio:

a) Defender e amparar os procuradores cando considere que son perturbados ou perseguidos inxustamente no desempeño das súas funcións profesionais.

b) Emitir ditames, informes e consultas, cando os órganos xudiciais, entidades públicas ou privadas, usuarios ou consumidores requiran actuacións do Colexio.

c) Realizar e promover en nome do Colexio cantas melloras se consideren convenientes ao progreso e aos intereses da procuración e do funcionamento correcto da Administración de xustiza.

d) Designar os representantes do Colexio nos tribunais, xurados e comisións cando sexa requirida a participación do Colexio.

3º. Con relación ao réxime económico do Colexio:

a) Recadar o importe das contribucións colexiais establecidas para o sostemento das cargas do Colexio, así como dos demais recursos económicos previstos, distribuír e administrar o patrimonio do Colexio.

b) Determinar a estrutura económica do Colexio, dos seus orzamentos e do inventario dos seus bens.

c) Elaborar e someter á Xunta Xeral o proxecto anual de orzamentos.

d) Cerrar e someter á aprobación da Xunta Xeral a liquidación do orzamento e as contas de ingresos e gastos.

e) Propoñerlle á Xunta Xeral o importe das contribucións colexiais e o establecemento das cotas extraordinarias ou derramas colexiais.

Artigo 44. Réxime de funcionamento

1. A Xunta de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao mes, logo de convocatoria do decano cursada coa antelación necesaria para que estea en poder dos seus compoñentes corenta e oito horas antes da data fixada para a sesión, salvo que razóns de urxencia xustifiquen a convocatoria con menor antelación.

2. Na convocatoria expresaranse o lugar, o día e a hora en que deban ter lugar a sesión e a orde do día.

3. Para a constitución válida da Xunta de Goberno requirirase a presenza do decano e do secretario, ou de quen o substitúa, e de, polo menos, a metade dos seus compoñentes.

4. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. En caso de empate, o decano posúe voto de calidade.

5. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 45. Decano

1. O decano desempeña a representación legal do Colexio, executa os acordos adoptados polos órganos de goberno do Colexio, convoca e preside a Xunta Xeral e a Xunta de Goberno e adopta, nos casos de urxencia, as medidas ou acordos procedentes, que someterá á Xunta de Goberno para a súa ratificación.

2. Tamén preside as reunións dos demais órganos colexiais, cando asista, e exerce cantas outras funcións lle asigne este estatuto e o regulamento de réxime interior do Colexio.

Artigo 46. Do vicedecano, secretario, vicesecretario e tesoureiro

O regulamento de réxime interior do Colexio desenvolverá as previsións sobre as competencias dos restantes membros da Xunta de Goberno a partir das seguintes previsións básicas.

a) O vicedecano substituirá o decano en todas as súas funcións nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

b) O secretario dá fe dos actos e acordos do Colexio, leva e custodia os seus libros, expide as actas e certificacións e dirixe o persoal administrativo seguindo as directrices da Xunta de Goberno.

c) Correspóndelle ao vicesecretario substituír o secretario nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

d) É competencia do tesoureiro controlar todos os documentos de carácter económico cuxa utilización sexa obrigatoria para os colexiados, e xestionar os fondos e demais recursos do Colexio.

Artigo 47. Dos vogais

Ademais do seu labor como membros da Xunta de Goberno e as funcións que lles poida asignar esta, os vogais, nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante, substitúen os outros membros do modo seguinte: o vogal 1º o vicedecano; o vogal 2º o tesoureiro.

Sección 4ª. Réxime de provisión de cargos

Artigo 48. Carácter electivo e duración do mandato

1. Os cargos da Xunta de Goberno teñen carácter electivo. Son honoríficos e non remunerados.

2. A elección dos membros da Xunta de Goberno farase por sufraxio universal, libre, directo e secreto.

3. A súa duración será de catro anos. Esgotado o período de mandato, poderán ser reelixidos para o mesmo ou distinto cargo.

Artigo 49. Condicións de elixibilidade

1. Para ser candidato a calquera dos cargos da Xunta de Goberno, será requisito indispensable estar no exercicio da profesión e contar con cinco anos de exercicio ininterrompido, salvo o cargo de decano, que requirirá de dez anos de exercicio tamén ininterrompido.

2. Ademais, non deben estar incursos en ningunha das seguintes situacións:

a) Condenados por sentenza firme que comporte a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos.

b) Sancionados disciplinariamente por calquera colexio de procuradores, mentres non sexan canceladas as sancións.

c) Non estar ao día no cumprimento das obrigas de contribución colexial.

3. Ningún colexiado poderá presentarse, como candidato, a máis dun cargo dos que vaian ser elixidos na mesma convocatoria.

Artigo 50. Causas de cesamento

Os membros da Xunta de Goberno cesarán polas causas seguintes:

a) Renuncia do interesado.

b) Ausencia inicial ou perda sobrevida dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

c) Expiración do prazo de mandato para o cal foron elixidos.

d) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta de Goberno ou a cinco alternas no prazo dun ano, co acordo previo da propia Xunta.

e) A aprobación dunha moción de censura, de acordo co previsto no seguinte artigo.

Artigo 51. Moción de censura

1. A moción de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros deberá substanciarse sempre en xunta xeral extraordinaria convocada só para ese efecto.

2. A solicitude desa convocatoria de xunta xeral extraordinaria deberá ser subscrita, como mínimo, por un terzo dos colexiados exercentes e expresará, con claridade, as razóns en que se funde.

3. A xunta xeral extraordinaria deberá desenvolverse dentro dos trinta días hábiles seguintes ao da presentación da solicitude. Non se poderán debater nela outros asuntos que os expresados na convocatoria.

4. A constitución válida da Xunta Xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal de máis da metade do censo colexial con dereito a voto. Nesta xunta o voto será sempre persoal, directo e secreto.

5. Para que prospere a moción de censura será necesario o voto positivo de dous terzos dos asistentes.

6. Ata transcorrido un ano de que esta teña lugar non se poderá volver presentar outra moción de censura.

Artigo 52. Provisión de vacantes

Se, por calquera outra causa que non sexa a expiración do prazo para o cal foron elixidos, se producen vacantes na Xunta de Goberno que non excedan o vinte e cinco por cento do total dos seus membros, os seus postos serán cubertos polo resto de compoñentes da Xunta de Goberno, conforme as disposicións establecidas no capítulo terceiro do presente título, sen prexuízo de convocar eleccións para cubrir as vacantes habidas.

Artigo 53. Xunta provisional

1. Cando, por calquera causa, quedaren vacantes máis da metade dos cargos da Xunta de Goberno, o Consello Galego dos Procuradores ou, no seu defecto, o Consello Xeral de Procuradores de España designará unha xunta provisional, integrada polos colexiados exercentes con maior antigüidade, a cal convocará eleccións dentro dos trinta días seguintes ao da súa constitución. A xunta provisional, así constituída, exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados en virtude de elección.

2. Os designados están obrigados a aceptar o cargo, que será irrenunciable, salvo razón de enfermidade grave.

Sección 5ª. Réxime electoral

Artigo 54. Dereito de sufraxio activo

Son electores todos os colexiados que na data de convocatoria do proceso electoral se atopen no pleno exercicio dos seus dereitos colexiais.

Artigo 55. Convocatoria

1. A Xunta de Goberno do Colexio convocará eleccións para a provisión de cargos con polo menos corenta días naturais de antelación ao da data do seu desenvolvemento.

2. A convocatoria deberá de conter as cuestións seguintes: cargos obxecto de elección; día, hora e lugar da elección, e calendario electoral.

3. A Xunta de Goberno poderá aprobar normas electorais que rexan para cada proceso electoral en desenvolvemento das presentes previsións estatutarias. Nese caso, deberanse xuntar á convocatoria.

Artigo 56. Xunta Electoral

1. Unha vez convocadas eleccións, a Xunta de Goberno procederá á designación da Xunta Electoral, que estará integrada por un presidente, un secretario e un vogal elixidos mediante sorteo entre procuradores exercentes con máis de cinco anos de exercicio profesional.

2. O exercicio do cargo de membro da mesa electoral terá carácter obrigatorio para os designados, os cales só se poderán escusar por causas graves que deberá considerar xustificadas a Xunta de Goberno.

3. A Xunta Electoral velará polo respecto das normas estatutarias e colexiais que rexen o proceso electoral e exercerá as funcións de impulso e ordenación do proceso electoral que se lle atribúen neste estatuto.

Artigo 57. Censo electoral

1. O secretario do Colexio elaborará o censo electoral, no cal deberán figurar todos os colexiados con dereito a voto na data de convocatoria das eleccións.

2. O censo estará exposto na sede do Colexio durante os quince días naturais seguintes desde a convocatoria das eleccións. Dentro dos primeiros dez días poderán presentarse reclamacións sobre a inclusión ou exclusión de electores. As reclamacións serán resoltas pola Xunta Electoral nos cinco días seguintes. Só os colexiados que figuren inscritos no censo poderán participar no proceso electoral.

Artigo 58. Presentación e proclamación de candidatos

1. As candidaturas deberán presentarse na Secretaría do Colexio, con polo menos vinte días naturais de antelación á data sinalada para o acto electoral, en sobre cerrado e selado, que permanecerá baixo custodia da Xunta Electoral ata o día seguinte ao da expiración do prazo.

2. As candidaturas poderán ser conxuntas para varios cargos, ou individuais para cargos determinados, e deberán ser subscritas exclusivamente polos propios candidatos.

3. A Xunta Electoral convocará para o día seguinte ao da terminación do prazo de presentación de candidaturas un representante de cada unha que, previamente, consignase o seu nome na Secretaría do Colexio, para tal efecto. En presenza de todos os que acudiron, abriranse os sobres e redactarase a acta. A continuación, procederá á proclamación de candidatos de quen reúna os requisitos estatutarios.

4. A Xunta Electoral resolverá as reclamacións que haxa, dentro dos cinco días naturais seguintes, e notificaráselles a súa resolución aos reclamantes.

5. A Xunta Electoral proclamará as candidaturas resoltas e, de ser o caso, as reclamacións interpostas, e daralles coñecemento da proclamación aos colexiados a través da páxina web colexial e mediante a inserción no taboleiro de anuncios da sede colexial. A Xunta Electoral aprobará o modelo oficial de papeletas cuxa confección se deberá iniciar inmediatamente despois da proclamación.

Artigo 59. Proclamación como electos de candidatos únicos

No suposto de que se presente unha soa candidatura para cada cargo, e sexa proclamada pola Xunta Electoral, a Xunta Xeral debidamente constituída poderá acordar a súa proclamación como decano ou membro da Xunta de Goberno sen necesidade de proceder á votación. No caso de non se presentar ningún candidato, a Xunta Xeral elixirá mediante votación o colexiado ou colexiados que máis votos obteña entre todos os colexiados.

Artigo 60. Campaña electoral

1. Unha vez proclamados os candidatos, dará comezo a campaña electoral, que finalizará corenta e oito horas antes da hora sinalada para o desenvolvemento das eleccións.

2. Non se poderá difundir propaganda electoral nin realizar ningún acto de campaña electoral unha vez que esta legalmente termine, nin tampouco durante o período comprendido entre a convocatoria das eleccións e o inicio da campaña.

Artigo 61. Modalidades de votación. Voto por correo

1. O voto será secreto e efectuarase mediante papeletas que deberán depositarse nunha urna, persoalmente ou por correo.

2. A votación por correo require que quede constancia do envío, se acredite a identidade do votante, se garanta o secreto do voto e sexa recibido pola Xunta Electoral antes da finalización da votación.

3. O procedemento de votación por correo axustarase aos seguintes requisitos:

a) Cunha antelación mínima de dez días, remitirá o seu voto na papeleta oficial, que introducirá nun sobre, que será cerrado e, pola súa vez, introducido noutro maior, no cal tamén se incluirá unha fotocopia do documento nacional de identidade do elector, quen asinará sobre esta.

b) O voto presentarase en calquera dos rexistros e oficinas públicas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e deberá constar a data da presentación. O envío farase á sede do Colexio de Procuradores e farase constar, xunto cos datos «Para a Xunta Electoral». O Colexio rexistrará a entrada destes envíos e, sen abrir o sobre, entregaráselle á Xunta Electoral o día da votación.

4. O día anterior a aquel que teñan lugar as eleccións será o último día hábil para recibir o voto por correo.

5. Todo elector poderá revogar o seu voto por correo ao comparecer a votar persoalmente. En tal caso, o sobre será destruído no mesmo acto e na súa presenza.

Artigo 62. Escrutinio, proclamación de resultados e reclamacións

1. Unha vez finalizada a votación, a Xunta Electoral procederá de inmediato ao escrutinio. Proclamaranse electos para cada cargo os candidatos que obteñan maior número de votos. En caso de empate, entenderase elixido o de maior tempo de exercicio no propio Colexio e, se se mantén o empate, o de maior idade.

2. Vinte e catro horas antes de comezar a votación, as candidaturas poderán comunicarlle á Xunta Electoral a designación dun interventor de mesa. Os interventores poderán asistir a todo o proceso de votación e de escrutinio e formular as reclamacións que consideren oportunas, que serán resoltas por aquela e recollidas na acta polo secretario. Os interventores e os candidatos poderán examinar, ao acabar o escrutinio, as papeletas que ofrezan dúbidas.

3. Unha vez acabado o escrutinio, redactarase a acta do resultado e o presidente da Xunta Electoral faralles público este aos presentes na sala. A Xunta Electoral proclamará elixidos os candidatos correspondentes e publicará os resultados por medio da acta oportuna.

4. As reclamacións contra o resultado das eleccións presentaranse ante o Consello Galego dos Procuradores no prazo máximo dun mes desde o desenvolvemento das eleccións.

Artigo 63. Toma de posesión

1. Os novos cargos electos tomarán posesión dentro do prazo dos cinco días seguintes ao da proclamación da súa elección.

2. Nos dez días seguintes, o decano comunicaralles a toma de posesión dos novos cargos ao Consello Xeral de Procuradores, ao Consello Galego dos Procuradores e á consellería competente en materia de colexios profesionais.

Capítulo III
Réxime xurídico

Artigo 64. Normativa aplicable

1. O Colexio réxese polas seguintes normas:

a) A lexislación básica estatal e a lexislación autonómica en materia de colexios profesionais.

b) O presente estatuto.

c) O regulamento de réxime interior, o código deontolóxico e as demais normas que se adopten en desenvolvemento e aplicación do estatuto.

d) O resto do ordenamento xurídico en canto lle resulte aplicable.

2. A lexislación vixente sobre réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común será de aplicación supletoria en defecto de previsións contidas nas normas estatutarias ou regulamentarias nas actuacións suxeitas ao dereito administrativo.

3. Están suxeitas ao dereito administrativo as actuacións do Colexio relativas á constitución dos seus órganos e ao exercicio de funcións administrativas.

4. Os acordos, decisións ou recomendacións do Colexio deberán observar os límites que establece a lexislación vixente en materia de competencia.

5. En materia de comunicacións comerciais observarase o disposto na lei aplicable a esta.

Artigo 65. Eficacia dos actos

Os acordos adoptados polo Colexio en exercicio de potestades administrativas consideraranse executivos desde a súa adopción, sen máis requisito que a súa notificación ou publicación cando proceda e salvo que dos seus propios termos resulten sometidos a prazo ou condición de eficacia. Desta regra só se exceptúan as resolucións en materia disciplinaria, que se axustarán ao disposto no artigo 82 do estatuto.

Artigo 66. Réxime xeral de impugnación

1. Os acordos e as resolucións dos órganos colexiais, mesmo os actos de trámite que directa ou indirectamente decidan o fondo do asunto e impidan a continuación do procedemento, que produzan indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos son susceptibles de recurso nos seguintes termos:

a) Os acordos da Xunta de Goberno e da Xunta Xeral son impugnables ante o Consello Galego dos Procuradores.

b) Os acordos dos demais órganos colexiais serán impugnables, de ser o caso, ante a Xunta de Goberno.

2. A interposición, prazos e resolución dos recursos na vía colexial rexeranse polo disposto na lexislación sobre procedemento administrativo común, sen prexuízo das especialidades que se dispoñen no seguinte precepto.

3. Os acordos ditados en uso de facultades ou competencias delegadas da Comunidade Autónoma de Galicia estarán sometidos ao réxime de impugnación xeral dos actos desta.

Artigo 67. Especialidades do procedemento de recurso

1. Os recursos de que coñeza o Consello Galego dos Procuradores interporanse ante a Xunta de Goberno, que deberá dirixilos, cos seus antecedentes e co informe que proceda, ao Consello Galego dos Procuradores dentro dos quince días seguintes ao da data de presentación.

2. O Consello Galego dos Procuradores deberá resolver e notificar no prazo máximo de tres meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da interposición do recurso. O silencio terá efectos desestimatorios. O recorrente poderá solicitar a suspensión do acordo impugnado e o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais poderá acordala ou denegala motivadamente.

3. A Xunta de Goberno estará lexitimada en todo caso para interpor recurso contra os acordos da Xunta Xeral. Se a Xunta de Goberno entende que o acordo impugnado é nulo de pleno dereito ou gravemente prexudicial para os intereses do Colexio, poderá solicitarlle a suspensión do acordo impugnado ao Consello Galego, que poderá acordala ou denegala motivadamente.

Artigo 68. Revisión xurisdicional

Os actos emanados da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno do Colexio, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos serán directamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Capítulo IV
Réxime económico-financeiro

Artigo 69. Recursos económicos

1. Son ingresos ordinarios do Colexio:

a) Os produtos dos bens, dereitos e obrigas do patrimonio colexial.

b) As contribucións económicas dos procuradores, de acordo co disposto no artigo seguinte.

c) As percepcións pola expedición de certificacións ou copias de datos ou documentos existentes nos seus arquivos, ou de copias de documentos producidos por el.

d) Os honorarios pola elaboración de informes, ditames, estudos e calquera outro asesoramento que se lle requira ao Colexio, así como os dereitos por admisión e administración de arbitraxes e mediacións.

e) Os beneficios que obteña polas súas publicacións ou outros servizos ou actividades remuneradas que realice.

f) Os que por calquera outro concepto legalmente procedan.

2. Constitúen recursos extraordinarios do Colexio:

a) As subvencións, donativos, herdanzas ou legados dos cales o Colexio poida ser beneficiario.

b) O produto do alleamento dos bens do seu patrimonio.

c) As cantidades que en calquera concepto lle corresponda percibir ao Colexio por administración de bens alleos.

d) Os ingresos por patrocinio publicitario.

e) Os que por calquera outro concepto legalmente procedan.

Artigo 70. Contribucións dos procuradores

1. Son contribucións económicas dos procuradores:

a) A cota de incorporación ao Colexio. O seu importe no poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación do ingreso.

b) A cota ordinaria fixa. Terá carácter periódico e será única para todos os colexiados exercentes.

c) Os dereitos económicos que se devindiquen en concepto de cota variable por actuacións profesionais.

d) As cotas extraordinarias ou as derramas colexiais.

e) As cantidades que, de ser o caso, se establezan polo uso individualizado dos servizos colexiais.

2. A Xunta Xeral determinará a contía das contribucións colexiais.

3. Aos procuradores procedentes doutro colexio que realicen actuacións profesionais no ámbito do Colexio non se lles poderán exixir cotas de ingreso, cotas ordinarias fixas nin cotas extraordinarias ou derramas colexiais.

Artigo 71. Réxime orzamentario

1. O réxime económico do Colexio é orzamentario. O orzamento será anual, único e equilibrado, e comprenderá a totalidade dos ingresos, gastos e investimentos do Colexio referido a un ano natural.

2. En cada orzamento cifraranse coa suficiente especificación os gastos previstos en función do programa de actividades que os órganos colexiais desenvolvan, así como os ingresos que se prevexan devindicar durante o exercicio correspondente.

Artigo 72. Auditoría

Cando se produza a renovación total dos membros da Xunta de Goberno ou a renovación parcial, en porcentaxe igual ou superior ao 80 % do total dos seus membros, o Colexio, con acordo previo da Xunta Xeral convocada para o efecto, poderá ser auditado, por auditor de contas titulado, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para isto.

Artigo 73. Do patrimonio e da súa administración

1. Constitúe o patrimonio de cada Colexio o conxunto de todos os seus bens, dereitos e obrigas.

2. A Xunta de Goberno administrará o patrimonio colexial.

Artigo 74. Dos empregados

A Xunta de Goberno aprobará as bases polas cales se deberán rexer os concursos que se convoquen para cubrir as prazas de empregados do Colexio e procederá á súa designación, sexa con ocasión de vacante, sexa de prazas de nova creación, en función das necesidades da corporación.

CAPÍTULO V
Réxime disciplinario

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 75. Da potestade disciplinaria

1. Os profesionais integrados no Colexio deben ter como guía da súa actuación o servizo á comunidade e o cumprimento das obrigas deontolóxicas propias da profesión.

2. O Colexio sancionará disciplinariamente as accións e omisións dos profesionais e, de ser o caso, das sociedades profesionais, que vulneren as normas reguladoras da profesión, o estatuto e regulamentos colexiais ou o código deontolóxico.

3. As infraccións cualificaranse como moi graves, graves ou leves.

Artigo 76. Competencia

1. O exercicio da potestade disciplinaria é competencia ordinaria da Xunta de Goberno do Colexio.

2. A competencia para o exercicio da potestade disciplinaria sobre os membros da Xunta de Goberno do Colexio reside no Consello Galego dos Procuradores.

Sección 2ª. Infraccións

Artigo 77. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves:

a) A percepción indebida de dereitos económicos na prestación do servizo de representación gratuíta.

b) A realización de actividades profesionais incompatibles por razón do cargo ou función desempeñada ou en asociación ou colaboración con quen estea afectado pola situación de incompatibilidade.

c) A emisión de facturas ou minutas por conceptos inexistentes ou por actuacións profesionais non realizadas.

d) A condena dun colexiado en sentenza firme pola comisión dun delito no exercicio da súa profesión.

e) A inasistencia reiterada e inxustificada aos órganos xurisdicionais ou aos servizos comúns de notificacións e traslados de escritos.

f) A falta de atención ou de dilixencia ou fidelidade no desempeño dos cargos colexiais, ou o incumprimento dos deberes correspondentes ao cargo.

Artigo 78. Infraccións graves

Son infraccións graves:

a) O incumprimento dos deberes consignados no código deontolóxico, salvo que aquel se tipifique como infracción moi grave ou leve.

b) O incumprimento das obrigas dos colexiados descritas no artigo 16 deste estatuto, salvo que aquela se tipifique como infracción moi grave ou leve.

c) O incumprimento ou desatención dos requirimentos dos órganos colexiais competentes.

d) A práctica de comunicacións comerciais non axustadas ao disposto na lexislación sobre publicidade ou competencia desleal.

e) A práctica de actos de competencia desleal declarados polo órgano administrativo ou xurisdicional competente.

f) A desconsideración ofensiva cara aos cargos de goberno colexiais.

g) Incumprir coa obriga de posta á disposición dos destinatarios do servizo profesional da información exixida pola lexislación vixente, así como os deberes impostos pola Lei de axuizamento civil.

Artigo 79. Infraccións leves

Son infraccións leves:

a) A falta de consideración aos colexiados.

b) A desconsideración non ofensiva cara aos cargos de goberno colexiais.

c) As accións descritas no artigo anterior cando non teñan a entidade suficiente para ser consideradas faltas graves.

Sección 3ª. Sancións

Artigo 80. Clases de sancións

1. Poderán impoñerse as seguintes sancións disciplinarias:

1ª. Apercibimento por escrito.

2ª. Reprensión pública.

3ª. Multa de ata 300 euros.

4ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo de ata seis meses.

5ª. Multa desde 301 a 6.000 euros.

6ª. Multa desde 6.001 a 12.000 euros.

7ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo superior a seis meses e inferior a dous anos.

8ª. Expulsión do Colexio.

2. As sancións 4ª a 8ª implican accesoriamente a suspensión dos dereitos electorais polo mesmo período da súa duración así como, de ser o caso, o cesamento nos cargos colexiais que se exerzan.

3. Cando as infraccións sexan cometidas por unha sociedade profesional, aplicaranse as mesmas sancións que aos colexiados coas seguintes especialidades:

a) As sancións 4ª e 7ª levarán simultaneamente a baixa da sociedade no Rexistro de Sociedades Profesionais polo mesmo período da súa duración.

b) A sanción 8ª consistirá na baixa definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais con prohibición indefinida de exercicio profesional.

c) Non resultará de aplicación a sanción accesoria descrita no ordinal segundo deste precepto.

Artigo 81. Correspondencia entre infraccións e sancións

1. Ás infraccións leves corresponderanlles as sancións 1ª, 2ª e 3ª descritas no ordinal primeiro do artigo anterior; ás graves, as sancións 4ª e 5ª; e ás moi graves, as sancións 6ª, 7ª e 8ª.

2. Na aplicación das sancións teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) Intencionalidade manifesta da conduta.

b) Neglixencia profesional inescusable.

c) Obtención de lucro ilexítimo.

d) Desobediencia reiterada a acordos ou requirimentos colexiais.

e) Dano ou prexuízo grave a terceiros.

f) Estar no exercicio de cargo público ou colexial ao cometer a infracción, cando prevaleza esta condición.

g) Ter sido sancionado anteriormente por resolución colexial firme non cancelada, a causa dunha infracción grave.

Artigo 82. Eficacia e execución das sancións

1. As sancións impostas polo Colexio terán efectos en todo o territorio español de acordo co disposto na lexislación vixente sobre colexios profesionais.

2. As sancións non se executarán ata que non alcancen firmeza.

3. De todas as sancións, excepto da 1ª, así como da súa cancelación, deixarase constancia no expediente colexial do interesado e daráselles conta ao Consello Xeral, ao Consello Galego dos Procuradores e, de ser o caso, ao colexio de pertenza.

Sección 4ª. Prescrición e cancelación

Artigo 83. Prescrición de infraccións e de sancións

1. As infraccións leves prescribirán aos seis meses; as graves, aos dous anos; e as moi graves, aos tres anos.

2. As sancións impostas por infraccións leves prescribirán ao ano; as correspondentes a infraccións graves, aos dous anos; e as impostas por infraccións moi graves, aos tres anos.

3. Os prazos de prescrición das infraccións comezarán a contar desde o día da comisión da infracción, e os das sancións, desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución sancionadora.

4. A prescrición das infraccións interromperase por calquera actuación colexial, expresa e manifesta, dirixida a investigar a presunta infracción con coñecemento do interesado. A realización de calquera acto colexial expreso e manifesto de execución da sanción con coñecemento do interesado interromperá o prazo da súa prescrición.

Artigo 84. Cancelación das sancións

As sancións cancelaranse ao ano se a sanción imposta é a 1ª, 2ª ou 3ª; aos dous anos se é a 4ª ou 5ª; aos catro anos se é a 6ª ou 7ª, e aos cinco anos a 8ª. Os prazos anteriores contaranse a partir do cumprimento efectivo da sanción. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador para todos os efectos.

Sección 5ª. Procedemento disciplinario

Artigo 85. Réxime xurídico do procedemento

1. O exercicio da potestade disciplinaria requirirá a incoación do correspondente expediente.

2. A tramitación do procedemento disciplinario axustarase ao disposto na presente sección e, no non previsto, polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 86. Actuacións previas

1. Con anterioridade ao inicio do procedemento, a Xunta de Goberno poderá realizar actuacións previas co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen a incoación.

2. Estas actuacións orientaranse, en especial, a determinar, coa maior precisión posible, os feitos susceptibles de motivar a incoación do procedemento, a identificación do procurador que poida resultar responsable e as circunstancias relevantes que concorran nuns ou noutros.

3. A apertura deste trámite comunicaráselle ao denunciado, coa achega de, ser o caso, da queixa ou denuncia presentada para que a conteste e formule as alegacións que xulgue oportunas no prazo de dez días.

4. A Xunta de Goberno poderá acordar a práctica de cantas dilixencias de investigación xulgue oportunas.

5. Unha vez concluídas as actuacións previas e, en todo caso, transcorrido o prazo máximo de dous meses desde o seu acordo, a Xunta de Goberno ordenará o arquivamento, ou a incoación do procedemento disciplinario a resultas desta. Deberá notificárselles aos interesados con indicación dos recursos que, de ser o caso, procedan contra esta.

Artigo 87. Procedemento disciplinario

1. O procedemento disciplinario será iniciado de oficio pola Xunta de Goberno, como consecuencia de iniciativa propia, pola súa incoación do decano ou denuncia asinada por un colexiado ou por un terceiro con interese lexítimo. A denuncia deberá conter a identificación do denunciante, o relato dos feitos que puideren constituír motivo de infracción, así como a súa data, e, cando sexa posible, a identificación do presunto responsable.

2. O acordo de iniciación do procedemento disciplinario deberá recoller a identificación do profesional ou profesionais presuntamente responsables, os feitos sucintamente expostos que motivan a incoación do expediente, sen prexuízo do que resulte da instrución, así como a designación do instrutor e, de ser o caso, secretario do procedemento, con indicación do réxime de recusación destes, e a indicación do dereito a formular alegacións e á audiencia no procedemento e dos prazos para o seu exercicio. O acordo notificaráselles aos interesados.

3. Tras as dilixencias indagatorias oportunas, o instrutor proporá o sobresemento do expediente se non encontra indicios de ilícito disciplinario, ou formulará prego de cargos en caso contrario. A resolución da Xunta de Goberno que dispoña o sobresemento do expediente seralles inmediatamente notificada aos interesados.

4. No prego de cargos indicaranse, con precisión, claridade e debidamente motivados, os actos profesionais ou colexiais que se presumen ilícitos, a cualificación do tipo de infracción en que incorre aquela conduta e a sanción a que, de ser o caso, poida ser acredora.

5. Concederáselle ao interesado un prazo de quince días hábiles para que alegue por escrito e achegue documentos e informacións e propoña as probas que xulgue oportunas para a súa defensa. Poderán utilizarse todos os medios de proba admisibles en dereito. O instrutor practicará as que considere pertinentes entre as propostas ou as que poida acordar. Das audiencias e probas practicadas deixarase constancia escrita no expediente.

6. A instrución concluirá coa formulación dunha proposta de resolución, que fixará con precisión os feitos imputados, a infracción ou infraccións cometidas e as sancións que correspondan. Desta daráselle traslado ao interesado, ao cal se lle concederá novo trámite de audiencia para que poida alegar canto considere conveniente ao seu dereito.

7. A Xunta de Goberno adoptará motivadamente a resolución que xulgue conveniente, decidindo sobre todas as cuestións presentadas. Non poderá versar sobre feitos distintos dos que serviron de base á proposta de resolución. Se o instrutor forma parte da Xunta de Goberno, non poderá participar nas deliberacións nin na adopción da resolución que poña fin ao procedemento disciplinario.

Capítulo VI
Réxime de distincións, protocolo e símbolos

Artigo 88. Colexiados e cargos de honor

1. A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, poderá nomear colexiados de honor as persoas, físicas ou xurídicas, que acrediten méritos ou servizos relevantes prestados á profesión. A distinción poderá, de ser o caso, concederse a título póstumo.

2. A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, tamén poderá outorgar a título honorífico a condición de decano. A distinción recaerá naquelas persoas merecedoras de tal distinción polas súas calidades profesionais e sociais excepcionais e a súa contribución á defensa, ao desenvolvemento e ao perfeccionamento da procuración.

Artigo 89. Outras recompensas

1. A Xunta de Goberno do Colexio poderá conceder outras recompensas honoríficas e de carácter económico-científico.

2. As recompensas honoríficas poderán consistir en: felicitacións e mencións; proposta de condecoracións oficiais; designación como membros honoríficos e outorgamento da Medalla de Honra do Colexio.

3. As recompensas de carácter económico-científico poderán ser as que, en cada momento, decida a Xunta de Goberno, e serán concedidas por esta. Poderán consistir en premios a traballos de investigación e publicación, a cargo do Colexio, daqueles que teñan destacado valor científico que en cada momento se acorde editar.

Artigo 90. Tratamentos honoríficos e protocolarios

1. O decano do Colexio terá a consideración honorífica de presidente da Audiencia Provincial de Lugo. Levará refollos de encaixe na súa toga, así como as medallas e placas correspondentes ao seu cargo, en audiencia pública e actos solemnes a que asistan en exercicio destes.

2. En tales ocasións, os demais membros da Xunta de Goberno do Colexio continuarán utilizando como atributos propios dos seus cargos a placa de prata colexial e a medalla creada pola Real orde do 26 de xuño de 1903.

Artigo 91. Escudo

1. O escudo do Colexio, distintivo que tradicionalmente vén usando, consiste no conxunto integrado pola coroa real situada na parte superior, debaixo e á esquerda, con lixeira inclinación no mesmo sentido, o escudo da cidade de Lugo, e debaixo e á dereita, con lixeira inclinación no mesmo sentido, o representativo da xustiza. O escudo do Colexio non poderá modificarse sen acordo adoptado en xunta xeral.

2. En todos os documentos que o Colexio expida, así como nas súas comunicacións, estamparase un selo no cal se represente o escudo distintivo expresado.

Capítulo VII
Dos procedementos de disolución e constitución de novo colexio por fusión

Artigo 92. Disolución

1. A disolución do Colexio de Procuradores de Lugo producirase cando veña determinada por disposición legal, estatal ou autonómica, ou sexa acordada pola Xunta Xeral, convocada para o efecto, e para a súa aprobación será necesaria a asistencia de, polo menos, tres quintas partes dos colexiados e o voto favorable da maioría absoluta dos asistentes. A Xunta Xeral decidirá sobre o destino do patrimonio colexial e designará unha comisión encargada de liquidalo.

2. O acordo comunicaráselles á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de colexios profesionais, ao Consello Xeral dos Procuradores dos Tribunais de España e ao Consello Galego dos Procuradores de Galicia.

Artigo 93. Fusión con outros colexios de procuradores de Galicia

1. O Colexio poderá fusionarse con todos ou algúns dos colexios de procuradores dos tribunais que desenvolven a súa actividade profesional exclusivamente na Comunidade Autónoma de Galicia e non excedan o dito ámbito territorial, para constituír un novo colexio profesional de procuradores.

2. A operación de fusión requirirá a aprobación da Xunta Xeral, nos mesmos termos e requisitos que establece o artigo anterior.

3. Unha vez acordada a fusión pola Xunta Xeral, someterase ao informe preceptivo do Consello Galego dos Procuradores e enviaráselle á consellería competente en materia de colexios profesionais, para a súa aprobación ulterior por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

4. Se a aplicación deste procedemento de fusión leva á disolución do Colexio, non sería de aplicación o disposto no artigo anterior.

Capítulo VIII
Da modificación do estatuto colexial

Artigo 94. Da modificación do estatuto colexial

Os acordos que modifican o estatuto do Colexio deberán ser aprobados por maioría das dúas terceiras partes dos asistentes á xunta xeral extraordinaria convocada para o efecto.

Disposición transitoria primeira. Exixencia do título profesional de procurador dos tribunais e dispensas

1. O título profesional de procurador dos tribunais, que se exixe como condición necesaria para o ingreso no Colexio no artigo 8.1.b) deste estatuto, só é exixible desde a entrada en vigor da Lei 34/2006, do 30 de outubro, sobre o acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais, e coas dispensas previstas nas súas disposicións adicionais oitava e novena e na súa disposición transitoria única.

2. Quen non resulte afectado pola exixencia do título profesional de procurador dos tribunais de acordo co disposto no punto anterior deberá posuír o título oficial de procurador dos tribunais expedido polo Ministerio de Xustiza para poder ingresar no Colexio e cumprir as demais condicións establecidas no artigo 8.1 deste estatuto.

Disposición transitoria segunda. Exixencia do título de licenciado en Dereito

1. A condición de licenciado en Dereito recollida pola Lei de axuizamento civil, tras a modificación efectuada a esta pola disposición derradeira primeira da Lei 16/2006, do 26 de maio, pola que se regula o Estatuto do membro nacional de Eurojust e as relacións con este órgano da Unión Europea, entenderase exixible desde a entrada en vigor desta última disposición, producida o día 28 de maio de 2006, de acordo co disposto na súa disposición derradeira cuarta.

2. De acordo coa disposición transitoria segunda daquela lei, a exixencia do título de licenciado en Dereito non afectará as situacións anteriores á súa entrada en vigor, polo que non será de aplicación aos que se encontraren amparados por esta a condición de ingreso ao Colexio contida no artigo 8.1.a) do estatuto.

Disposición transitoria terceira. Colexiados non exercentes

1. Os procuradores que, no momento da entrada en vigor do Estatuto xeral, teñan a condición de non exercentes de acordo co disposto no Estatuto xeral dos procuradores dos tribunais de España, aprobado polo Real decreto 1281/2002, do 5 de decembro, poderán seguir vinculados en tal condición a Colexio ao que pertenzan.

2. Non será posible adquirir a condición de non exercente desde a data de entrada en vigor da Lei 34/2006, do 30 de outubro, sobre o acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais. O anterior enténdese sen prexuízo do dereito de ingreso no Colexio que se recoñece no ordinal terceiro da disposición transitoria única daquela lei.

Disposición transitoria cuarta. Mandatos de cargos de goberno do Colexio

1. Os membros dos actuais órganos de goberno do Colexio permanecerán nos seus cargos ata a expiración do seu mandato, sen prexuízo do que se dispón no ordinal segundo.

2. Nas primeiras eleccións para a provisión da Xunta de Goberno que teñan lugar de acordo co disposto neste estatuto procederase á renovación completa de todos os seus membros.

Disposición transitoria quinta. Recursos

Os recursos que se encontraren en tramitación no momento de entrada en vigor do estatuto continuarán esta de acordo coas normas vixentes no momento da súa interposición.

Disposición adicional única. Modificación dos partidos xudiciais

A alteración ou supresión dos partidos xudiciais, que segundo o artigo 3 destes estatutos, determinan o ámbito territorial do Colexio non afectarán, en ningún caso, este, que seguirá tendo o mesmo ámbito territorial.

Disposición derradeira única. Adecuación e desenvolvementos normativos

1. A Xunta Xeral do Colexio adecuará a normativa regulamentaria interna do Colexio ás previsións deste estatuto. En particular, aprobará as seguintes normas:

a) Regulamento de réxime interior, en desenvolvemento das previsións organizativas contidas no capítulo II do título III.

b) Regulamento sobre réxime económico-financeiro, en desenvolvemento do capítulo IV do título III.

c) Regulamento de organización do servizo de recepción de notificacións e traslados previos de copias de escritos e documentos, para os partidos xudiciais de Lugo, Becerreá, A Fonsagrada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Vilalba e Viveiro.

d) Regulamento do servizo de garda para o mes de agosto, para os efectos previstos na Lei orgánica do poder xudicial.

e) Regulamento do servizo para asistencia xurídica gratuíta e quenda de oficio.

f) Regulamento do servizo de garda para atender as designacións dos denominados xuízos rápidos.

g) Manual do procedemento do Colexio para o servizo de depósitos de bens mobles e realización de bens por entidade especializada.

2. A normativa interna do Colexio manterá a súa vixencia en canto non contradiga o disposto no presente estatuto.

Disposición derrogatoria única. Efectos derrogatorios

Quedan derrogados os estatutos do Colexio de Procuradores de Lugo, aprobados o 19 de setembro de 1986 polo Consello Xeral dos Procuradores de España.