Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 19 de decembro de 2014 Páx. 51849

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2014, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Pazos de Borbén (expediente IN407A 2014/103-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: Eléctrica de Moscoso, S.L.

Domicilio social: avenida do Concello, 21, 36830 A Lama.

Denominación: centro de manobra Fraga do Rei-Moscoso.

Situación: Pazos de Borbén.

Características técnicas: centro de manobra en edificio prefabricado equipado con: tres celas de interruptor automático, unha cela de entrada/saída de liña e condutores de entrada e/ou saída. A instalación está situada en Fraga do Rei, Moscoso, Pazos de Borbén.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no Diario Oficial de Galicia do 17 de xullo de 2014, no Boletín Oficial da provincia do 17 de xullo de 2014, no xornal Faro de Vigo do 31 de xullo de 2014 e no taboleiro de anuncios do Concello de Pazos de Borbén. Tamén se lles notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e na Resolución da Consellería de Economia e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, DOG nº 54, do 19 de marzo de 2014, esta xefatura territorial resolve:

Conceder autorización administrativa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola dita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de catorce (14) meses a partir da recepción desta resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra esta resolución poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpor calquera outro recurso que coide pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 30 de outubro de 2014

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra