Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 18 de decembro de 2014 Páx. 51562

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2014, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se procede ao recoñecemento da modalidade deportiva de kickboxing no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O 7 de outubro de 2014 tivo entrada na Secretaría Xeral para o Deporte un escrito presentado por Serafín Mallo Ferrero, na súa condición de presidente da Delegación Española de kickboxing e director do departamento de kickboxing da Federación Galega de Boxeo polo que solicita o recoñecemento como modalidade deportiva da Comunidade Autónoma de Galicia do kickboxing tras o acordo adoptado na Asemblea da Federación Galega de Boxeo celebrada na Coruña o 27 de decembro de 2013, na cal se decidiu por unanimidade a segregación do kickboxing da Federación Galega de Boxeo.

O kickboxing constitúe un deporte cunha idiosincrasia propia e con implantación a nivel nacional, existindo para estes efectos a Federación Española de Kickboxing, recoñecida polo Consello Superior de Deportes (CSD). A Federación Española de Kickboxing está recoñecida como federación non olímpica polo Comité Olímpico Español. Así mesmo, existen seis federacións autonómicas en que está implantado o kickboxing e noutras oito comunidades autónomas, entre elas Galicia, existen delegacións da Federación Española de Kickboxing. En Galicia, ata o día 27 de decembro de 2013, o kickboxing figuraba coma disciplina asociada á Federación Galega de Boxeo pero non como modalidade en ningunha federación deportiva galega.

A nivel nacional existe unha gran variedade de competicións regradas en forma de campionatos nacionais de distintos pesos e especialidades, e a nivel internacional existen organizacións como son a Internacional Sport World Kickboxing Association e World Pan-Amateur Kickboxing Association, que organizan campionatos europeos e mundiais en que participan numerosos clubs e países.

No Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte, figuran inscritos un total de 154 clubs deportivos coa especialidade de kickboxing e tamén figuran clubs con disciplinas relacionadas co kickboxing, tales como o full contact, light contact, thaiboxing ou muai thai polo que queda probada a implantación real da modalidade deportiva de kickboxing en Galicia, cun elevado número de practicantes na nosa comunidade.

Á vista do exposto e en aplicación do artigo 5.1.k) da Lei 3/2012, do deporte de Galicia, que establece que corresponde á Administración autonómica recoñecer e cualificar novas modalidades e especialidades deportivas, así como establecer os criterios e requisitos para o seu recoñecemento,

RESOLVO:

Primeiro. Recoñecer como modalidade deportiva en Galicia o kickboxing, e autorizar a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento de todos os interesados.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela pódese interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta no Diario Oficial de Galicia (artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2014

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte