Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 15 de decembro de 2014 Páx. 51108

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 155/2014, do 4 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora da vía Clara Campoamor, no concello de Vigo (clave PO/14/053.03).

Por Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 14 de agosto de 2014 aprobouse provisionalmente o proxecto de trazado de mellora da vía Clara Campoamor (clave PO/14/053.03).

Posteriormente, o 3 de setembro de 2014 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 167 o Anuncio do 18 de agosto de 2014 polo que se somete ao trámite de información pública, en materia de expropiacións, a relación de bens e dereitos necesarios para a execución da citada actuación.

Transcorrido o período de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao de publicación do anuncio no DOG, o 20 de setembro de 2014 rematou o prazo para que calquera persoa física ou xurídica puidese formular alegacións para os efectos de corrixir posibles erros na relación de bens e dereitos.

Unha vez recibidas e analizadas as alegacións dos particulares, a relación de bens, dereitos e propietarios afectados, que se presentou como anexo no citado anuncio de información pública, mantense como definitiva, o que implica a necesidade de ocupación dos bens e a adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras.

Por isto, con data do 13 de outubro de 2014, o director da Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción de mellora da vía Clara Campoamor (clave PO/14/053.03).

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do apartado dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Segundo o apartado 5 do artigo 22 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implica a declaración de utilidade pública, da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, os depósitos dos materiais sobrantes e os préstamos necesarios para executalas, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e da urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que da lugar a realización dá obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de decembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de trazado e construción de mellora da vía Clara Campoamor (clave PO/14/053.03).

Santiago de Compostela, catro de decembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas