Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Xoves, 4 de decembro de 2014 Páx. 49980

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de novembro de 2014 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Jacobea.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Jacobea con domicilio na rúa Acibechería, nº 14, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. Juan Luis Viñas Landín, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Jacobea foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 20 de maio de 2014, ante o notario Carlos de la Torre Deza, co número de protocolo 1.130, por Juan Luis Viñas Landín, Carla María Pazos García e Fernando Eugenio Viñas Cedrón que actúan no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi emendada por outra, outorgada tamén en Santiago de Compostela o 9 de outubro de 2014, ante a notaria Inmaculada Espiñeira Soto, co número de protocolo 1.760.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto fomentar o patrimonio cultural, artístico, histórico e a defensa do ambiente, promovendo o desenvolvemento local-social e económico no marco dos camiños de peregrinación, facendo especial énfase nas rutas xacobeas e impulsando a súa internalización a través da profesionalización do turismo.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Juan Luis Viñas Landín como presidente; Pablo Martínez Cerqueiro como secretario non patrón; e Carla María Pazos García, Fernando Eugenio Viñas Cedrón e Jorge Jáñez Martín como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Jacobea, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 10 de novembro de 2014,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Jacobea, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza