O día 27 de xuño de 2014 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 6 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con tella cerámica, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN423B).
Na antedita orde prevíase que as subvencións que se establezan para as actuacións obxecto destas axudas serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.734A.780.1 «Plan para a utilización da pedra natural na envolvente dos edificios», en que o orzamento máximo destinado a esta convocatoria é de 200.000,00 euros.
No artigo 3 das bases reguladoras da Orde do 6 de xuño de 2014 establécese que se poderá ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Do mesmo xeito, recóllese que a ampliación de crédito se publicará nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito na convocatoria de axudas para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivendas existentes (código de procedemento IN316A) e do reaxuste de proxectos correspondente, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,
DISPOÑO:
Artigo único
Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 6 de xuño de 2014 (DOG número 121, do 27 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con tella cerámica, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN423B), por un importe de 53.831,70 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.734A.780.1 «Plan para a utilización da pedra natural na envolvente dos edificios».
Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a 253.831,70 euros.
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2014
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria