Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 25 de novembro de 2014 Páx. 48578

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2014, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica liña de media tensión derivada Casares, nos concellos de Quiroga e Ribas de Sil (expediente 001 /2013 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira, 2, Velle (Ourense) aprécianse os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 8 de abril de 2013, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica «Liña de media tensión derivada Casares», nos concellos de Quiroga e Ribas de Sil, e presenta o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE do 27 de decembro, núm. 310), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e mais a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE do 28 de novembro, núm. 285) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial de Economía e Industria do 18 de xuño de 2014. Esta resolución foi publicada no xornal La Voz de Galicia do 12 de xullo, no BOP de Lugo do 10 de xullo e no DOG do 15 de xullo, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios dos concellos de Quiroga e Ribas de Sil. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronse separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emite informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre as cales a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A este feitos sonlle de aplicación os seguintes fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de Autonomía de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Industria (modificado polo Decreto 116/2014, do 11 de setembro), no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. Disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, sobre a normativa que resulta de aplicación no presente expediente, ao ser anterior á dita lei.

Terceiro. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997 e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, o que causará a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica «Liña de media tensión derivada Casares», nos concellos de Quiroga e Ribas de Sil, coas seguintes características técnicas principais:

1. Liña de media tensión aérea a 20 kV, de 644 m de lonxitude, en condutor LA-56, con orixe no apoio metálico existente da LMT MFT801, nº 0 no proxecto, e final no CTI Casares, proxectado, sobre apoio de formigón, nº 5, sobre apoios metálicos (6) e de formigón (1).

2. Centro de transformación intemperie de 50 kVA 20/0,4 kV, sobre apoio de formigón.

3. Rede de baixa tensión do centro de transformación Casares, de 10 m de lonxitude, en condutor RZ 0,6/1kV-3×95/54,6 Al, de conexión á RBT existente de Casares.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica «Liña de media tensión derivada Casares», visado o día 24 de agosto de 2012 co número CO121872, polo ICOIIG da Coruña e asinado polo enxeñeiro industrial Burkard Hecht Elorduy, colexiado número 2633.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no xornal La Voz de Galicia do 12 de xullo de 2014, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 10 de xullo e no Diario Oficial de Galicia do 15 de xullo, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios dos concellos de Quiroga e Ribas de Sil. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito ante esta xefatura territorial de Economía e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto, de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto «Liña de media tensión derivada Casares» presentados pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, cando, tentada a notificación, non se puidese realizar e, así dirixir ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 5 de novembro de 2014

Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo