Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 19 de novembro de 2014 Páx. 47914

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 10 de novembro de 2014 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 28 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000 e a súa convocatoria para os anos 2014 e 2015, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O 7 de agosto de 2014 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 28 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000 e a súa convocatoria para os anos 2014 e 2015 cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

No seu artigo 21, número 1, precísanse as aplicacións orzamentarias, o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e a distribución de anualidades, e no seu número 2 sinálase que as dotacións iniciais se poderán modificar en proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se establece a posibilidade dun incremento dos créditos derivado da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo programa ou programas do mesmo servizo.

O 17 de outubro de 2014, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o 2015. O crédito orzamentario inicial da aplicación orzamentaria 07.05.541-B.760.3 é superior ao inicialmente estimado no momento da convocatoria das axudas debido a inexecucións noutras ordes anteriores.

En consecuencia, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes de axuda presentadas ao abeiro da orde, posto que a dotación asignada resulta insuficiente e existen remanentes na programación da medida 21600 do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia para o período 2007-2013; cómpre, mediante a presente orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada para a concesión das mencionadas axudas.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista no artigo 21 da Orde do 28 de xullo de 2014 (DOG núm. 149, do xoves, 7 de agosto), increméntase conforme o número 2 do citado artigo, nun importe de 559.761,15 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.541B.760.3 (Axudas a concellos en Rede Natura 2000) dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, polo que o importe total para as axudas deste punto e desta aplicación orzamentaria, despois deste incremento é de 2.383.176,73 euros, coa seguinte distribución por anualidades: 1.120.740,15 euros para o ano 2014 e 1.262.436,58 euros para o ano 2015.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional primeira

O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes das axudas.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas