Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 18 de novembro de 2014 Páx. 47795

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2014, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello da Estrada (expediente IN407A 2014/86-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construcción da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: reforma LMT LES 807.

Situación: A Estrada.

Características técnicas: LMT aérea a 20 kV con condutor LA56 de 33 metros de lonxitude, con orixe no apoio de celosía proxectado nº 1 (C-4500-16) e final no centro de transformación existente Torre (36AS41). Retensado do van aéreo comprendido entre o apoio de formigón existente nº 1 e o de celosía proxectado nº 2. LMT subterránea a 20 kV con condutor RHZ de 685 metros de lonxitude, con orixe no paso aerosubterráneo no apoio nº 2 proxectado e final no centro de transformación campo de fútbol. A instalación está situada na Estrada.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 12 de xuño de 2014; no BOP do 17 de xuño de 2014, no xornal Faro de Vigo do 16 de xuño de 2014 e no taboleiro de anuncios do Concello da Estrada. Tamén se notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibiuse a seguinte alegación:

Luis Antonio Cores Castro, en representación de Delia e Purificación Castro Trigo, mediante escrito asinado o 25 de xuño de 2014, manifesta o seguinte:

1. Que Delia e Purificación Castro Trigo son propietarias de pleno dominio en pro indiviso dunha parcela situada no municipio da Estrada e que a citada parcela lles pertence en virtude de escritura de compravenda que achegan.

2. Que se especifiquen no expediente as limitacións que se impoñen ao predio derivadas do establecemento das ditas servidumes.

Con data do 9 de xullo de 2014, remíteselle a citada alegación a Unión Fenosa Distribución, S.A., que, con data do 27 de agosto de 2014, presenta escrito de contestación á alegación, indicando que procede a cambiar a titularidade do predio nº 1 da relación de propietarios, bens e dereitos afectados pola liña de referencia, a nome de Delia Castro Trigo e Purificación Castro Trigo.

Conclusións:

Unión Fenosa Distribución, S.A. tivo en consideración a escritura de compravenda presentada xunto coa alegación e manifesta que procedeu ás modificacións oportunas.

Tanto as servidumes coma as distancias mínimas interpostas quedarán reflectidas no expediente expropiatorio.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economia e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), esta xefatura territorial, resolve:

Conceder autorización administrativa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola dita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de catorce (14) meses a partir da recepción desta resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra esta resolución poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que xulgue pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 27 de outubro de 2014

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra