Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 17 de novembro de 2014 Páx. 47607

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2014 pola que se actualiza a bolsa de traballo Bolsa de xestores de exportación, que pasa a denominarse Bolsa Igape de xestores de internacionalización.

Mediante Anuncio do 20 de novembro de 2008 (DOG núm. 232, do 28 de novembro) deuse publicidade á bolsa de traballo denominada «Bolsa de xestores de exportación», á cal poden acceder titulados universitarios co perfil e formación orientados á internacionalización empresarial co fin de difundir esta información entre o tecido empresarial galego e canalizar a demanda de persoal especializado deste tipo.

Transcorridos seis anos desde a posta en marcha desta bolsa de traballo, xorde a necesidade de actualizar tanto os requisitos de acceso, como o funcionamento da bolsa para adaptala ás novas titulacións e adecuala ás necesidades da operativa desta.

Por todo o anterior, actualízase a bolsa de traballo «Bolsa de xestores de exportación» do Instituto Galego de Promoción Económica que pasa a denominarse «Bolsa Igape de xestores de internacionalización», á cal poderán acceder as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Contar con titulación universitaria ou coa titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional.

2. Cumprir, polo menos, unha das seguintes condicións:

a) Acreditar ter sido beneficiaria dalgunha bolsa de prácticas de posgrao por un período igual ou superior a seis meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial.

b) Acreditar formación específica en comercio internacional (máster, curso de posgrao ou similares). Admitiranse só cursos completos ou módulos completos nesta materia de duración igual ou superior a 140 horas.

Esta formación enténdese acreditada para os FP técnicos superiores en comercio internacional e para os candidatos titulados universitarios que posúan titulacións enfocadas primordialmente ao comercio internacional.

d) Acreditar experiencia laboral igual ou superior a 12 meses na categoría profesional que corresponda coa titulación exixida e relacionada coa internacionalización empresarial.

Os interesados accederán ao enderezo da internet www.igape.es e cubrirán un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante a través da aplicación habilitada para o efecto na web do Igape. Publicarase na web do Igape (www.igape.es) a bolsa de traballo cos principais datos do curriculum vitae do solicitante sen que aparezan datos de identificación persoal. A identificación de cada integrante da bolsa de traballo farase mediante un código numérico. O acceso á bolsa de traballo realizarase conforme as declaracións responsables dos solicitantes, o Igape non se fai responsable da veracidade da información declarada polos solicitantes e publicada na web do Igape.

O Igape difundirá a existencia desta bolsa de traballo entre o empresariado galego.

Empresas, organismos empresariais e institucións galegas poderán enviar mensaxes de oferta de emprego –ao enderezo de correo electrónico indicado na web do Igape, no punto onde se publicará a bolsa de traballo–, indicando a que integrantes da bolsa de traballo desexa que se dirixa.

O Igape enviará as ditas mensaxes ás persoas indicadas para que estas se poñan en contacto se o desexan co oferente de emprego.

Se o Igape o considera oportuno, pode organizar cursos concretos de formación complementaria dirixidos e abertos a participación opcional, de integrantes da bolsa de traballo.

Ademais, pode convocar integrantes e ex-integrantes das bolsas de traballo para reunións voluntarias co obxecto de coñecer de primeira man as súas suxestións como profesionais e as necesidades e suxestións do empresariado galego.

En calquera momento o integrante da bolsa de traballo pode solicitarlle ao Igape a modificación de datos ou a baixa desta bolsa.

Co obxecto de manter actualizada a bolsa de traballo o Igape poderá requirir aos integrantes da bolsa que declaren expresamente a súa vontade de permanecer nela. A non conformidade expresa ou o silencio do requirido poderá implicar a baixa de oficio na citada bolsa.

Ademais, o Igape poderá cursar a baixa de oficio a algún integrante da bolsa de traballo por algunha das seguintes causas:

– Se se constata a falsidade dos datos declarados para o cal o Igape pode solicitar a documentación que considere conveniente para comprobar a veracidade da información declarada polo solicitante.

– Se o integrante da bolsa de traballo participa noutro programa de Igape en que conste expresamente a incompatibilidade con este.

O anterior non impide que a persoa dada de baixa poida darse de alta de novo cando o solicite e cumpra os requisitos.

Os interesados, ao cubrir o cuestionario para participar na bolsa de traballo, autorizan expresamente o Igape, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a utilizar e tratar os datos de carácter persoal achegados no cuestionario, así como a cederllos a aquelas persoas físicas ou xurídicas interesadas no ámbito da internacionalización empresarial, co fin de canalizar a oferta e demanda de persoal especializado, así como para o envío periódico de información sobre actividades de interese para o solicitante. Poderanse exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Dirección Xeral do Igape. Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

O que se fai público para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica