Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 13 de novembro de 2014 Páx. 47228

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 5 de novembro de 2014 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 6 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con lousa, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN314A).

O día 27 de xuño de 2014 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 6 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con lousa e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN314A).

No artigo 15 das bases reguladoras da antedita orde establécese que para cobrar a subvención concedida o beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa, para o cal ten de prazo máximo ata o 14 de novembro de 2014 (inclusive). O elevado número de solicitudes presentadas motivou un dilatado proceso de avaliación dos proxectos e resolución dos respectivos expedientes. Co fin de garantir a maior eficacia posible das referidas subvencións e dado que non se causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único

Amplíase ata o 19 de decembro de 2014 (inclusive) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da citada Orde do 6 de xuño de 2014 de renovación de cubertas con lousa na Comunidade Autónoma de Galicia.

A documentación xustificativa presentarase ante o Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Cando non se achegue a documentación directamente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, deberase comunicar a presentación mediante fax, número 981 54 55 15, á Consellería de Economía e Industria dentro do prazo fixado no presente anuncio, indicando o código de solicitude e entrada no rexistro. Así mesmo, e para os efectos de axilizar a tramitación administrativa, neste caso poderase remitir a documentación presentada ao enderezo electrónico cei.dxiem.axudasminas@xunta.es.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria