Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 12 de novembro de 2014 Páx. 47087

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 9/2014, do 30 de outubro, de reforma da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia.

Exposición de motivos

A Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia, regula o mandato estatutario que habilita o mecanismo para que a cidadanía galega poida exercer a iniciativa lexislativa.

O Parlamento de Galicia, con esa lei, dotou a cidadanía dun instrumento de participación activa na actividade lexislativa e mesmo determinou os asuntos obxecto desa posibilidade. Este instrumento permitiu que diversas iniciativas lexislativas populares fosen tomadas en consideración e aprobadas pola Cámara galega.

Hoxe é patente que nesa norma hai aspectos que poden mellorarse co fin de lle dar un impulso á participación directa das e dos cidadáns nos asuntos públicos, a través dos instrumentos da democracia representativa.

Con este obxecto, esta lei reduce o número de sinaturas precisas para que as iniciativas lexislativas populares poidan ser debatidas e favorecer que cheguen á Cámara galega un maior número de propostas das e dos cidadáns galegos. Por este motivo tamén se habilita a posibilidade de recoller sinaturas electronicamente, a fin de adaptar esta norma ao uso das novas tecnoloxías.

Para establecer garantías dun debate rápido das iniciativas lexislativas promovidas pola cidadanía, esta norma establece un prazo para que, unha vez completados todos os requisitos que a lexislación establece e consonte os requisitos fixados polo Regulamento do Parlamento de Galicia, se produza o debate para a correspondente toma en consideración, posibilitando deste xeito que os impulsores da iniciativa coñezan os tempos en que esta pode ser incluída na orde do día do Pleno.

Finalmente, actualízanse as disposicións relativas aos medios económicos e o procedemento de pagamento dos gastos con que se resarcirá a comisión promotora daquelas iniciativas que sexan tomadas en consideración polo Parlamento de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de reforma da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia.

Artigo único

Un. Modifícase o artigo 1 da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia, que queda redactado co seguinte texto:

«Artigo 1

As persoas maiores de idade que gocen da condición política de galegos ou galegas e se atopen inscritas no censo electoral poden exercer a iniciativa lexislativa prevista no artigo 13.1 do Estatuto de autonomía de acordo co disposto por esta lei».

Dous. Modifícase o artigo 2 da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia, que queda redactado co seguinte texto:

«Artigo 2

A iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia exércese por medio da presentación de proposicións de lei asinadas, cando menos, por dez mil das cidadás e dos cidadáns referidos no artigo anterior».

Tres. Engádeselle ao artigo 4 da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia, un novo parágrafo, que queda redactado co seguinte texto:

«Os servizos xurídicos do Parlamento de Galicia deben asesorar os membros da comisión promotora para lles facilitar o cumprimento dos requisitos formais».

Catro. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 9 da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia, que queda redactado co seguinte texto:

«1. As sinaturas recollidas figurarán nos pregos a que fai referencia o artigo anterior e tamén se poderán recoller a través de sinatura electrónica, conforme o que estableza a lexislación correspondente nesta materia.

A Xunta Electoral de Galicia establecerá os requisitos necesarios para que o procedemento de recollida de sinaturas poida realizarse a través do sistema de sinatura electrónica».

«2. Xunto á sinatura de cada elector e de cada electora farase constar o seu nome e apelidos, o número de documento nacional de identidade, a data de nacemento e o concello galego en cuxas listas electorais está inscrito/a».

Cinco. Engádeselle ao artigo 9 da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia, un novo punto 6, que queda redactado do seguinte xeito:

«6. A comisión promotora será responsable de que os datos persoais que consten no seu poder sexan tratados con respecto á lexislación aplicable en materia de protección de datos, garantindo, particularmente, que os ditos datos non serán utilizados para fins distintos do apoio declarado a esa iniciativa».

Seis. Modifícase o artigo 11 da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia, que queda redactado co seguinte texto:

«Artigo 11

Recibida a notificación que acredite que se reuniu o número de sinaturas exixido, a Mesa ordenará a publicación da proposición e a súa tramitación axustarase ao disposto no artigo 123 do Regulamento da Cámara. A inclusión na orde do día dunha sesión plenaria do debate de toma en consideración da correspondente iniciativa deberá producirse nun dos dous plenos ordinarios seguintes que se celebren, unha vez que esta teña cumpridos todos os trámites establecidos na lexislación vixente e no Regulamento da Cámara».

Sete. Modifícase o artigo 13 da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia, que queda redactado co seguinte texto:

«Artigo 13

O Parlamento resarcirá a comisión promotora dos gastos realizados, ata un máximo de 0,64 euros por sinatura, co límite máximo de 6.000 euros, sempre que a proposición de lei sexa tomada en consideración polo Parlamento de Galicia e que os gastos estean debidamente acreditados coas facturas e xustificantes de pagamento, conforme o establecido na normativa vixente en materia de subvencións. Esta cifra será revisada pola Mesa do Parlamento segundo as variacións do índice de prezos de consumo».

Disposición transitoria. Regulación da sinatura electrónica

A Xunta Electoral de Galicia disporá dun prazo de seis meses, desde a entrada en vigor desta norma, para a elaboración das disposicións necesarias que permitan o uso da sinatura electrónica prevista no artigo 9 da lei.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de outubro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente