Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 31 de outubro de 2014 Páx. 46004

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2014, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 27 de marzo de 2014 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas periódicas de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

No Diario Oficial de Galicia do 28 de marzo de 2014 publicouse a Resolución do 27 de marzo de 2014, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas periódicas de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

No artigo 3 da antedita resolución establécese que o crédito asignado para atender as solicitudes que se aproben, que se imputan á aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), ascende a 750.150,00 euros para o ano 2014 e que se reservan 1.155.000,00 euros do ano 2015 para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte. Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando a aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por outra banda, o artigo 7.1.h), da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, dispón que con independencia dos supostos previstos no punto 1 do artigo 64 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán excepcionalmente a condición de ampliables «Os créditos incluídos na aplicación 05.11.313D.480.0, destinados ao pagamento de axudas periódicas a mulleres que sofren violencia de xénero».

Na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas desta axuda e que non poden ser atendidas polo esgotamento do crédito inicialmente asignado, así como as necesidades das posibles beneficiarias, resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria destinada a estas axudas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión das axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero na contía de 345.150,00 euros para o exercicio corrente, con cargo á partida orzamentaria 05.11.313D.480.0.

Segundo. Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2014

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade