Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 28 de outubro de 2014 Páx. 45622

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2014 pola que se dá publicidade ao convenio de colaboración asinado entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

O 5 de setembro de 2014 asinouse un convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia que ten como obxecto o establecemento das pautas de colaboración e os compromisos mutuos das partes, para garantir a execución do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a acción coordinada das dúas administracións asinantes deste acordo.

Entre as actuacións do plan destacan os programas de axuda ao alugamento de vivenda e de fomento do parque público de vivenda en alugamento, o Programa de fomento da rehabilitación edificatoria e da rexeneración e renovación urbanas, o Programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios e o Programa para o fomento de cidades sustentables e competitivas.

Para o seguimento, control e avaliación do plan ambas as dúas partes comprométense a participar na Comisión Multilateral de Vivenda, Urbanismo e Solo, regulada no punto 3 do artigo 8 do plan, que fixará os criterios e indicadores xerais de eficacia, e debaterá acerca de cantas actuacións resulten necesarias para a súa implantación e control, así como para corrixir as eventuais desviacións respecto á evolución prevista no dito plan, que sexan detectadas. Así mesmo, ambas as dúas partes comprométense a efectuar o seguimento conxunto e coordinar as súas actuacións para cumprimento das obrigas contraídas no presente convenio a través dunha comisión bilateral de seguimento.

Coa finalidade de dar cumprimento ao compromiso adquirido mediante este convenio de potenciar a difusión de información acerca das medidas do plan,

RESOLVO:

Publicar, como anexo a esta resolución, o convenio asinado entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2014

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO
Convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación
urbanas 2013-2016

En Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2014.

Reunidos:

Dunha parte, Ana María Pastor Julián, ministra de Fomento, en virtude do Real decreto 1826/2011, do 21 de decembro, polo que se dispón o seu nomeamento, e actuando ao amparo do disposto no artigo 13.3. da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado, e na disposición adicional décimo terceira da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Doutra parte, o Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, en virtude do Real decreto 1617/2012, do 29 de novembro, polo que se lle nomea presidente da Xunta de Galicia, e actuando ao abeiro do disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de xullo de 2014.

As partes recoñécense mutuamente, na calidade con que cada unha intervén, con capacidade legal necesaria para o outorgamento deste convenio de colaboración e para o efecto,

Expoñen:

Primeiro

Que o Ministerio de Fomento actúa de acordo coas competencias exclusivas que o artigo 149.1.13ª da Constitución española lle atribúe ao Estado en materia de bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica.

Segundo

Que a Comunidade Autónoma de Galicia actúa de acordo coas competencias que en materia de vivenda establece o artigo 148.1.3ª da Constitución española, e que as asumiu con carácter exclusivo en virtude do seu Estatuto de autonomía, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.3.

Terceiro

Que o Goberno aprobou o Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

Que o artigo 3 do devandito real decreto establece que o Ministerio de Fomento subscribirá convenios de colaboración coas comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla para a execución do plan, cuxa duración coincidirá coa súa vixencia. O mesmo artigo establece os contidos mínimos que deberán incluír os devanditos convenios.

Cuarto

Que o 22 de xullo de 2013 se celebrou en Madrid unha conferencia sectorial de vivenda urbanismo e solo, na cal se acordaron os coeficientes (porcentaxes) de repartición, entre as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, dos fondos estatais para subvencións do Plan estatal 2013-2016. Para o caso da Comunidade Autónoma de Galicia estableceuse un coeficiente de repartición do 5,7 %.

Que o Consello de Ministros na súa reunión celebrada o 5 de decembro de 2013, por proposta do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, aprobou o Acordo polo que se autorizan límites para adquirir compromisos de gasto con cargo a exercicios futuros co obxecto de atender as subvencións previstas no Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

Que o Consello de Ministros na súa reunión celebrada o 13 de decembro de 2013, por proposta do Ministerio de Fomento, aprobou o Acordo polo que se establecen as contías máximas das axudas financeiras estatais para a instrumentación das subvencións do Plan estatal para o fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

E que atendendo a canto quedou exposto, as partes subscriben o presente convenio de colaboración, que se rexerá de acordo coas ás seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto

1. É obxecto do presente convenio o establecemento das pautas de colaboración e os compromisos mutuos das partes, para garantir a execución do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 (en diante, o plan), no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a acción coordinada das dúas administracións asinantes deste acordo.

2. As accións que se van desenvolver para efectos do cumprimento do obxecto do convenio consisten:

a) Na tramitación e resolución dos procedementos de concesión e pagamento das axudas dos programas do plan, por parte da Comunidade Autónoma de Galicia nas diferentes modalidades de actuacións, así como a xestión do aboamento das subvencións, unha vez recoñecido o dereito dos beneficiarios a obtelas.

A concesión das axudas rexerase polo establecido neste convenio, no Real decreto 233/2013, do 5 de abril, e nas disposicións que se poidan ditar no seu desenvolvemento ou execución, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no regulamento que a desenvolve.

b) A tramitación, o réxime de revisión e impugnación que corresponda, atendendo á lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, das resolucións ditadas pola Comunidade Autónoma de Galicia na xestión das axudas do plan.

c) Na xestión do financiamento que se achegará en cada anualidade, por parte do Ministerio de Fomento, así como dos compromisos de cofinanciamento das actuacións que asume a Comunidade Autónoma de Galicia.

d) No seguimento, control e avaliación da execución do plan, a través das obrigacións de seguimento, control e avaliación da devandita execución, recollidas no Real decreto 233/2013, do 5 de abril.

e) Na comunicación recíproca das informacións necesarias para o devandito seguimento, control e avaliación, incluída a información respecto da actuación das entidades colaboradoras que participen na xestión.

Segunda. Actuacións obxecto do convenio

1. As actuacións do plan son as recollidas nos oito programas que regula:

– Programa de subsidiación de préstamos convidos.

– Programa de axuda ao alugamento de vivenda.

– Programa de fomento do parque público de vivenda en alugamento.

– Programa de fomento da rehabilitación edificatoria.

– Programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas.

– Programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios.

– Programa para o fomento de cidades sustentables e competitivas.

– Programa de apoio á implantación e xestión do plan.

Das devanditas actuacións do plan, só son obxecto deste convenio e, por tanto, só obterán financiamento con cargo a este convenio, as recollidas nos seis programas seguintes:

– Programa de axuda ao alugamento de vivenda.

– Programa de fomento do parque público de vivenda en alugamento.

– Programa de fomento da rehabilitación edificatoria.

– Programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas.

– Programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios.

– Programa para o fomento de cidades sustentables e competitivas.

2. As actuacións do Programa de subsidiación de préstamos convidos, que en ningún caso obterán financiamento con cargo a este convenio, seguiranse rexendo polo convenio subscrito o día 1 de xullo de 2009 polo Ministerio de Vivenda (hoxe Ministerio de Fomento) e a Comunidade Autónoma de Galicia para a aplicación do Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012 sen prexuízo do establecido, en todo momento, pola lexislación vixente na materia.

3. As actuacións do Programa de apoio á implantación e xestión do plan, que en ningún caso obterán financiamento con cargo a este convenio serán xestionadas unilateralmente polo Ministerio de Fomento, nos termos establecidos no Real decreto 233/2013, do 5 de abril.

4. Os importes e a programación iniciais das actuacións obxecto do convenio, é dicir, daquelas que obterán financiamento con cargo a este convenio, recóllense na cláusula cuarta. A avaliación do grao de execución do plan efectuarase a partir dos devanditos importes e programación.

Terceira. Límite de gasto a que se comprometen o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia

1. O Ministerio de Fomento comprométese a achegar as contías económicas correspondentes a aquelas actuacións, obxecto do convenio, referidas na cláusula segunda, cuxo financiamento se desagrega por anualidades e programas na cláusula cuarta, de conformidade co Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o plan, coas limitacións establecidas nesta cláusula. En concreto:

a) O Ministerio de Fomento comprométese a achegar, como máximo, para o financiamento das subvencións do Plan estatal 2013-2016 (para os programas de axuda ao aluguer de vivenda, de fomento do parque público de vivenda en alugamento, de fomento da rehabilitación edificatoria, de fomento da rexeneración e renovación urbanas, de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios e do fomento de cidades sustentables e competitivas) na Comunidade Autónoma de Galicia as seguintes contías:

Ano 2014 5.013.300 euros

Ano 2015 11.634.042 euros

Ano 2016 13.812.582 euros

b) Como consecuencia do compromiso que adquire a Comunidade Autónoma de Galicia para cofinanciar actuacións nos termos previstos no número 5 do artigo 5 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, o Ministerio de Fomento comprométese, como máximo, a achegar un financiamento adicional ao anterior das subvencións do Plan estatal 2013-2016 na Comunidade Autónoma de Galicia conforme as seguintes contías:

Ano 2015 3.533.107 euros

Ano 2016 1.100.000 euros

c) Polo tanto, sumando estas dúas achegas, o Ministerio de Fomento comprométese a contribuír para o financiamento das subvencións do Plan estatal 2013-2016 (para os programas de axuda ao alugamento de vivenda, de fomento do parque público de vivenda en alugamento, de fomento da rehabilitación edificatoria, de fomento da rexeneración e renovación urbanas, de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios e do fomento de cidades sustentables e competitivas) na Comunidade Autónoma de Galicia ata un máximo (límite de gasto), por anualidades, de:

Límite de gasto Ano 2014 5.013.300 euros

Límite de gasto Ano 2015 15.167.149 euros

Límite de gasto Ano 2016 14.912.582 euros

2. A Comunidade Autónoma de Galicia comprométese a cofinanciar actuacións do Plan estatal 2013-2016, nos termos previstos no número 5 do artigo 5 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, e de conformidade coa desagregación por programas e anualidades establecida na cláusula cuarta «Financiamento dos programas do plan que se desenvolveran no marco do presente convenio» por importe máximo (límite de gasto) de:

Ano 2014 1.145.899 euros

Ano 2015 2.387.207 euros

Ano 2016 1.100.000 euros

Cuarta. Financiamento dos programas do plan que se desenvolverán no marco do presente convenio

O financiamento dos programas realizarase de acordo coa seguinte distribución de importes máximos por anualidades.

Programa

Financiamento estatal

Financiamento autonómico

Achega adicional de financiamento estatal

2014

2015

2016

2014

2015

2016

2014

2015

2016

Programa 2 Axuda ao alugamento de vivenda

1.998.990,00

6.490.212,60

5.143.774,60

Programa 3 Fomento do parque público de vivenda en alugamento

Programa 4 Fomento da rehabilitación edificatoria

1.500.000,00

2.533.106,71

Programa 5 Fomento da rexeneración e renovación urbanas

3.014.310,00

2.643.829,40

6.588.485,40

1.145.899,27

2.387.207,44

1.100.000,00

Programa 6 Apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios

1.000.000,00

2.000.000,00

1.000.000,00

1.100.000,00

Programa 7 Fomento de cidades sustentables e competitivas

80.322,00

Total

5.013.300

11.634.042

13.812.582

1.145.899

2.387.207

1.100.000

0

3.533.107

1.100.000

Quinta. Financiamento dos programas do plan polo Ministerio de Fomento

A achega do Ministerio de Fomento á Comunidade Autónoma de Galicia realizarase con cargo ao crédito orzamentario 17.09.261N.753.01 (crédito habilitado para a execución de plans estatais en todo o territorio nacional salvo País Vasco e Navarra), ou ao que o substitúa, se é o caso, en exercicios posteriores, por importe total máximo de 35.093.031 €, de acordo coa distribución por anualidades e programas establecido na cláusula cuarta. Iso conforme o seguinte criterio de xustificación e os seguintes libramentos.

– Criterio de xustificación para libramentos de fondos por parte do Ministerio de Fomento.

A Comunidade Autónoma de Galicia irá remitindo ao Ministerio de Fomento, mes a mes, a documentación xustificativa dos compromisos financeiros asumidos para a execución do plan.

Para os programas de axuda ao alugamento de vivenda, de fomento da rehabilitación edificatoria e de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios, a documentación xustificativa que acredite os compromisos financeiros asumidos pola Comunidade Autónoma serán as resolucións do recoñecemento da axuda ditadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os programas de fomento do parque público de vivenda en alugamento, de fomento da rexeneración e renovación urbanas e de fomento de cidades sustentables e competitivas, a documentación xustificativa que acredite os compromisos financeiros asumidos pola Comunidade Autónoma serán os correspondentes acordos da Comisión Bilateral, que se deben subscribir con antelación ao comezo da actuación de que se trate.

A documentación justificativa deberá de ser examinada e aprobada polo Ministerio.

Unha vez aprobada, o Ministerio de Fomento realizará os correspondentes libramentos de fondos en favor da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto nos puntos seguintes.

Serán, polo tanto, os sucesivos compromisos financeiros asumidos pola Comunidade Autónoma os que condicionen e posibiliten os sucesivos e correspondentes libramentos, salvo para o libramento inicial.

–Libramento inicial.

O Ministerio de Fomento, unha vez subscrito o presente convenio de colaboración, transferirá por adiantado á Comunidade Autónoma de Galicia o 10 % do importe total comprometido polo citado ministerio en virtude do convenio, sempre e cando esta cantidade non supere as dúas cuartas partes da anualidade comprometida con cargo ao exercicio 2014. Nese caso, transferirase á Comunidade Autónoma este último importe que operará como límite máximo.

Para efectos do cálculo da cifra sobre a cal se aplicará a porcentaxe do 10 %, computaranse acumuladamente as anualidades correspondentes á achega inicial do financiamento estatal e as correspondentes á achega adicional do devandito financiamento.

Esta transferencia de fondos adiantados non requirirá de ningunha documentación xustificativa previa, por parte da Comunidade Autónoma, nin sobre fondos estatais nin sobre fondos autonómicos.

– Libramentos posteriores.

a) Anualidade 2014.

Ao longo do exercicio 2014 e a partir da sinatura deste convenio, a Comunidade Autónoma de Galicia remitirá ao Ministerio de Fomento, mes a mes, a documentación xustificativa sobre os compromisos financeiros asumidos para a citada anualidade ata cada data e en cada un dos programas obxecto de financiamento de acordo coa cláusula segunda.

O importe do crédito pendente de transferir correspondente á anualidade 2014 farase efectivo por parte do Ministerio de Fomento en dous libramentos que se efectuarán durante a segunda quincena natural dos dous últimos trimestres, é dicir, na segunda quincena dos meses de xullo e outubro, nos seguintes termos:

• A Comunidade Autónoma deberá remitir ao Ministerio de Fomento xustificación sobre os compromisos financeiros asumidos ata a data con cargo á anualidade 2014.

• Para transferir as achegas do Ministerio de Fomento correspondentes a estes libramentos, requirirase que a Comunidade Autónoma teña comprometido un importe equivalente tanto de fondos estatais como a parte equivalente de cofinanciamento autonómico.

• Ambos os dous extremos deberán de ser obxecto de comprobación polo Ministerio de Fomento durante a primeira quincena de cada trimestre natural.

• O importe de cada un dos dous libramentos non poderá superar o importe dos compromisos financeiros asumidos pola Comunidade Autónoma contra os fondos estatais e xustificados nos termos sinalados no convenio, co límite da metade do saldo de crédito pendente de transferir na anualidade 2014, respecto do libramento correspondente ao mes de xullo, e co límite da anualidade 2014 pendente de transferir en relación ao libramento do mes de outubro.

• No caso de que por falta de compromisos financeiros ou xustificación non proceda realizar os libramentos polo importe do gasto máximo comprometido polo Ministerio de Fomento na anualidade 2014, minorarase o importe do compromiso do Ministerio no citado importe na liquidación correspondente ao libramento do último trimestre sen que o devandito importe poida incrementar a anualidade seguinte.

b) Anualidades 2015 e 2016.

Ao longo dos exercicios 2015 e 2016, a Comunidade Autónoma de Galicia remitirá ao Ministerio de Fomento, mes a mes, a documentación xustificativa sobre os compromisos financeiros asumidos para a citada anualidade ata cada data e en cada un dos programas obxecto de financiamento.

As achegas do Ministerio de Fomento correspondentes ás anualidades 2015 e 2016 libraranse e faranse efectivas por cuartas partes na segunda quincena natural de cada trimestre, de acordo coas regras seguintes, salvo o libramento correspondente ao primeiro trimestre que só se poderá facer efectivo unha vez aprobada a liquidación anual correspondente ao exercicio anterior nos termos e cos límites previstos nesta cláusula.

• A Comunidade Autónoma deberá remitir ao Ministerio de Fomento xustificación sobre os compromisos financeiros asumidos ata a data con cargo á correspondente anualidade 2015 ou 2016. Así mesmo, poderán incluírse compromisos financeiros asumidos no exercicio anterior pola Comunidade Autónoma e notificados ao Ministerio de Fomento despois do último libramento do exercicio anterior.

• Para transferir as achegas do Ministerio de Fomento correspondentes a estes libramentos, requirirase que a Comunidade Autónoma asumise novos compromisos por un importe equivalente tanto de fondos estatais como a parte equivalente de cofinanciamento autonómico.

• Ambos os dous puntos deberán ser obxecto de comprobación polo Ministerio de Fomento durante a primeira quincena de cada trimestre natural.

• O importe de cada un dos libramentos non poderá superar o importe dos compromisos financeiros asumidos pola Comunidade Autónoma contra os fondos estatais e xustificados nos termos sinalados no convenio, co límite da cuarta parte do crédito correspondente a cada anualidade, unha vez descontado, se é o caso, o remanente resultado da liquidación do exercicio anterior, de acordo co sinalado a continuación en relación coa liquidación anual.

• No caso de que nalgúns dos libramentos trimestrais non se alcance o límite, a diferenza acumularase ao límite do seguinte trimestre.

• Cando por falta de compromisos financeiros ou xustificación non proceda realizar os libramentos polo importe do gasto máximo comprometido polo Ministerio de Fomento en cada unha das dúas anualidades, minorarase o importe do compromiso do Ministerio no citado importe na liquidación correspondente ao libramento do último trimestre sen que o devandito importe poida incrementar a anualidade seguinte.

– Liquidación anual.

O compromiso de gasto que, en virtude do presente convenio, asume o Ministerio de Fomento en cada exercicio circunscríbese ao importe dos compromisos financeiros asumidos pola Comunidade Autónoma con cargo ao devandito exercicio, co límite máximo das anualidades de financiamento estatal que figuran no cadro relativo ao financiamento (computando conxuntamente financiamento inicial e financiamento adicional) das cláusulas terceira e cuarta.

Finalizado cada un dos exercicios 2014, 2015 e 2016, e non máis tarde do 31 de marzo do exercicio seguinte, a Comunidade Autónoma de Galicia remitirá ao Ministerio de Fomento o estado de execución do exercicio anterior, indicando as contías totais de compromisos de créditos, obrigas recoñecidas e pagamentos realizados no ano, detallado por cada transferencia de fondos e para cada programa, tendo en conta, así mesmo, o disposto no anexo I (Manual de xestión) para cada un dos programas obxecto de financiamento a través do presente convenio.

A documentación será obxecto de comprobación pola comisión de seguimento que se reunirá no mes seguinte e de aprobación polo Ministerio de Fomento, con carácter previo ao primeiro libramento do exercicio seguinte.

Se como consecuencia do anticipo realizado no momento da sinatura do convenio no exercicio 2014, ou de anulacións ou resolucións de compromisos financeiros asumidos pola Comunidade Autónoma durante as distintas anualidades, resultase un remanente de fondos non comprometidos, a achega do Ministerio de Fomento correspondente ao ano en curso minorarase no importe do citado remanente, nos seguintes termos:

• Cando a diferenza resulte das liquidacións anuais correspondentes ás anualidades 2014 e 2015, o remanente de fondos transferidos e non comprometidos minorará o importe do gasto comprometido polo Ministerio na anualidade seguinte. O devandito remanente deberá ser aplicado pola Comunidade Autónoma mantendo o destino para o cal foron transferidos e deberá utilizarse no exercicio en curso.

• Cando a diferenza resulte da liquidación do exercicio 2016, o remanente non comprometido reintegraráselle ao Estado na conta do Tesouro Público que corresponda, no prazo máximo dun mes desde que se notificou a liquidación aprobada.

– Liquidación final.

Dentro dos seis meses seguintes á finalización do exercicio 2016, o Ministerio de Fomento aprobará a liquidación final do presente convenio, por proposta da Comisión Bilateral de Seguimento. Para tales efectos:

- Finalizado o exercicio 2016 e non máis tarde do 31 de marzo do 2017, a Comunidade Autónoma de Galicia remitirá ao Ministerio de Fomento os estados de execución e a documentación xustificativa que acredite a execución completa dos distintos programas do plan. Para ese efecto na devandita documentación xustificativa non se admitirán compromisos asumidos pola Comunidade Autónoma que non tivesen entrada no rexistro do Ministerio de Fomento antes do 1 de novembro de 2016.

- A citada documentación xustificativa será obxecto de análise e comprobación no seo da Comisión Bilateral de Seguimento. Esta comisión proporá ao Ministerio de Fomento, sé o caso, a aprobación da liquidación definitiva.

- Se o importe total dos libramentos realizados polo Ministerio de Fomento en favor da Comunidade Autónoma en aplicación do presente convenio fose superior ao importe total dos compromisos asumidos pola devandita comunidade autónoma, esta deberá reintegrar o exceso á conta do Tesouro Público que corresponda, no prazo máximo dun mes desde que se notificou a liquidación aprobada.

- Se fose inferior, en ningún caso o Ministerio de Fomento asumirá o exceso dos compromisos e pagamentos realizados pola Comunidade Autónoma respecto dos libramentos realizados polo Ministerio, exceso que se entenderá integramente por conta desta.

- Se do importe total dos compromisos asumidos pola Comunidade Autónoma quedasen pendentes de pagamento, aos beneficiarios das axudas, determinadas contías, establecerase un calendario de pagamentos adaptado aos prazos dos compromisos adquiridos. Superada cada data deste calendario sen que a Comunidade Autónoma realizase o pagamento correspondente, esta deberá de reintegrar estas contías ao Tesouro Público no prazo máximo dun mes desde a data fixada no calendario.

- Se a Comunidade Autónoma de Galicia, finalmente, non achegase e recoñecese, con cargo ao seu orzamento, obrigas polo importe inicialmente previsto e tido en conta para a achega adicional estatal que se librara, a Comunidade Autónoma de Galicia deberá reintegrar a diferenza á conta do Tesouro Público que corresponda, no prazo máximo dun mes desde que se notificou a liquidación aprobada.

Na liquidación final farase mención expresa aos compromisos asumidos pola Comunidade Autónoma pendentes de pagamento, co calendario que para o efecto se estableza tal e como se refire nesta cláusula. A liquidación final, polo tanto, realizarase sen prexuízo da existencia destes pagamentos pendentes e comprometendo o Ministerio de Fomento ao seguimento e control deles ata verificar a súa realización pola Comunidade Autónoma nos prazos que se determinen ou, se é o caso, a súa devolución ao Tesouro Público.

Sexta. Modificación do financiamento dos programas do plan que son obxecto do presente convenio

1. Mediante acordo da Comisión Bilateral poderanse traspasar libremente, dentro de cada exercicio, os recursos comprometidos nun programa a outro programa, sempre e cando non se supere o importe total comprometido e convido para a anualidade do citado exercicio.

O disposto no parágrafo anterior permitirá que mediante acordo da Comisión Bilateral os programas que actualmente non contan con financiamento, de conformidade co disposto no cadro da cláusula cuarta, poidan contar con ela durante a vixencia do convenio, e que os programas que actualmente contan con financiamento estatal de conformidade co disposto no cadro da devandita cláusula, poidan quedar sen financiamento durante a vixencia do convenio.

2. As actuacións concretas que fosen seleccionadas para ser financiadas con cargo a cada un dos programas que son obxecto do presente convenio, así como o seu financiamento específico, poderán ser modificadas nos termos e logo da tramitación do procedemento que sexa de aplicación en cada caso en función da normativa que resultou aplicable á concesión da axuda ou subvención para financiar a actuación de que se trate, aínda que en todo caso deberá respectarse o disposto no parágrafo primeiro do punto anterior.

A este respecto, a modificación das actuacións correspondentes aos programas que requiran a subscrición de acordos da Comisión Bilateral de Seguimento, deberá formalizarse mediante un novo acordo da citada comisión.

Sétima. Programas cuxas actuacións requiren dun acordo previo da Comisión Bilateral

O desenvolvemento de calquera actuación no seo dos programas de fomento do parque público de vivenda en alugamento, de fomento da rexeneración e renovación urbana e de fomento de cidades sustentables e competitivas, require, con carácter previo, da subscrición dun acordo da Comisión Bilateral de Seguimento por proposta da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso concreto do programa de fomento de cidades sustentables e competitivas, previamente á subscrición do acordo da Comisión Bilateral e de conformidade co establecido no artigo 37 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, a Comunidade Autónoma de Galicia deberá realizar unha convocatoria pública que permita seleccionar as actuacións mediante un procedemento aberto e en réxime de concorrencia competitiva.

Para cada unha das actuacións que leven a cabo, no correspondente acordo da Comisión Bilateral, determinaranse os importes e a programación por anualidades a que deba facer fronte o Ministerio e o resto de administracións e axentes ou particulares intervenientes.

As anualidades con cargo ao Ministerio de Fomento non poderán superar o importe das contías máximas de gasto comprometidas polo Ministerio en virtude do presente convenio para cada anualidade nin o exercicio 2016, dentro dos límites previstos nas cláusulas terceira, cuarta, quinta e sexta, aínda que a actuación en si, poderá finalizar ata o 31 de decembro de 2017.

En todo caso, se a actuación finaliza no exercicio 2017, os importes das anualidades deste exercicio 2017 serán por conta doutras administracións ou axentes e particulares, pero nunca por conta do Ministerio de Fomento.

Neste suposto, o libramento da subvención estatal axustarase á programación establecida, tanto para os compromisos financeiros asumidos pola Comunidade Autónoma como para o investimento (que deberán de ser explícitos no acordo da Comisión Bilateral), de forma que o Ministerio poderá librar a totalidade da subvención estatal unha vez que se xustificasen os compromisos financeiros correspondentes e a realización da porcentaxe de investimento previsto na actuación para o 1 de outubro de 2016.

Todo iso sen prexuízo de que no momento da finalización da actuación se teña que xustificar o 100 % do investimento. Esta circunstancia recollerase na liquidación definitiva do convenio.

Oitava. Compromiso do Ministerio de Fomento de poñer á disposición da Comunidade Autónoma de Galicia unha interface web aberta para a xestión, coordinación e intercambio de información

O Ministerio de Fomento comprométese a poñer á disposición da Comunidade Autónoma de Galicia unha interface web aberta (portal de intercambio con comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla) para facilitar a xestión, coordinación e o intercambio de información na xestión do plan.

Novena. Compromisos da Comunidade Autónoma de Galicia

A Comunidade Autónoma de Galicia comprométese á realización das seguintes actuacións:

1. Recoñecer, mediante resolución expresa, o cumprimento dos requisitos que habilitan para acceder ás axudas das actuacións acollidas ao plan con determinación expresa e xustificada da contía das devanditas axudas.

2. Pagar as subvencións correspondentes aos beneficiarios de cada un dos programas de axudas a que se refire a cláusula cuarta deste convenio, logo do cumprimento das condicións que os habilitan para obter as ditas axudas estatais, conforme o establecido no plan e no Manual de xestión que figura como anexo I deste convenio.

3. Tramitar e xestionar o financiamento dos programas de fomento do parque público de vivenda en alugamento, de fomento da rexeneración e renovación urbanas e de fomento das cidades sustentables e competitivas, conforme as seguintes pautas:

3.1. O financiamento específico correspondente ao programa de fomento do parque público de vivendas en alugamento e do programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas, así como as fórmulas concretas de xestión, seguimento, control e avaliación, determinaranse, para cada actuación, nun acordo subscrito polo Ministerio de Fomento, a Comunidade Autónoma de Galicia e o concello correspondente, no ámbito da comisión bilateral de seguimento correspondente. As anualidades con cargo ao Ministerio de Fomento non poderán superar o importe das contías máximas de gasto comprometidas polo Ministerio en virtude do presente convenio para cada anualidade nin o exercicio 2016, dentro dos límites previstos nas cláusulas terceira, cuarta, quinta e sexta.

As solicitudes de propostas de actuacións, incluída toda a documentación necesaria, deberanse remitir ao Ministerio de Fomento con antelación ao 1 de outubro de cada ano. Todas as propostas que se reciban con posterioridade e/ou incompletas, non poderán tramitarse no ano de que se trate. No entanto, se posteriormente resolven as deficiencias e a Comunidade Autónoma, de forma expresa, reitera a súa solicitude, poderán ser susceptibles de tramitación no exercicio seguinte. As anualidades por conta do Ministerio de Fomento non poderán superar o importe das contías máximas de gasto comprometidas polo Ministerio en virtude do presente convenio para cada anualidade nin o exercicio 2016, dentro dos límites previstos nas cláusulas terceira, cuarta, quinta e sexta.

3.2. O financiamento específico correspondente ao programa de fomento cidades sustentables e competitivas, así como as fórmulas concretas de xestión, seguimento, control e avaliación, determinaranse, para cada actuación, nun acordo subscrito polo Ministerio de Fomento, a Comunidade Autónoma de Galicia e o concello correspondente, no ámbito da comisión bilateral de seguimento correspondente.

Con anterioridade á subscrición deste acordo será preceptiva a convocatoria mediante procedemento aberto e en réxime de concorrencia competitiva dun concurso público e a correspondente resolución, todo iso por parte da Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes de propostas de actuacións para a subscrición do correspondente acordo da Comisión Bilateral, unha vez resolto o concurso, incluída toda a documentación necesaria, deberanse remitir ao Ministerio de Fomento con antelación ao 1 de outubro de cada ano. Todas as propostas que se reciban con posterioridade e/ou incompletas, non poderán tramitarse no ano de que se trate. No entanto, se posteriormente resolven as deficiencias e a Comunidade Autónoma, de forma expresa, reitera a súa solicitude, poderán ser susceptibles de tramitación no exercicio seguinte.

4. Tramitar e xestionar o financiamento dos programas que non requiren da subscrición dun acordo da Comisión Bilateral (Programa de axuda ao alugamento de vivenda, Programa de fomento da rehabilitación edificatoria e Programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios), mediante as correspondentes convocatorias públicas.

5. A supervisión das actuacións do plan, incluída a dos proxectos e do desenvolvemento das obras.

6. A distribución dos recursos do plan asegurando os principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, garantindo a transparencia das actuacións administrativas.

7. Remitir ao Ministerio de Fomento toda a información necesaria para o seguimento das actuacións obxecto deste plan, tanto do estado de execución dos fondos transferidos polo Ministerio como dos fondos comprometidos e/ou transferidos por parte de cada parte, se é o caso, interviniente.

8. Conceder e xestionar, con cargo ao seu orzamento as axudas autonómicas complementarias ás estatais recollidas na cláusula cuarta deste convenio.

9. Establecer, a través do órgano da Comunidade Autónoma de Galicia habilitado legalmente para fiscalizar fondos públicos, o correspondente control financeiro das subvencións concedidas en aplicación do presente convenio.

10. Cumprir os seguintes compromisos adicionais:

10.1. Dar audiencia, como parte interesada, ao Ministerio de Fomento, na elaboración das súas normas sobre vivenda e solo relacionadas co plan.

10.2. Impulsar as medidas necesarias, tanto de carácter normativo como no ámbito da xestión, para adecuar a normativa urbanística e de vivenda ás directrices establecidas en materia de rehabilitación de edificios e de renovación e rexeneración urbanas e promover, na medida en que entre dentro das súas competencias, as correspondentes adaptacións das ordenanzas municipais. Igualmente, promoverán as modificacións que poidan ser necesarias para garantir que as axudas se obteñan nas modalidades e contías previstas no plan.

10.3. Fomentar os mecanismos de cooperación interadministrativa. Para tal fin, fomentarán e comunicarán ao Ministerio de Fomento as encomendas de xestión do plan ou dalgún dos seus programas que realicen a empresas públicas, autonómicas ou municipais.

10.4. Facer que figuren nas súas resolucións, ou en anexos a estas, a normativa e os datos concretos acerca das circunstancias que serviron de base para o recoñecemento e o cumprimento dos requisitos que en cada caso habilitan para acceder ás axudas, datos necesarios para a súa utilización polo Ministerio de Fomento nas súas tarefas de seguimento e análise do desenvolvemento do plan, nos seus aspectos cuantitativos e cualitativos, e para os preceptivos informes ao seu respecto. A inclusión dos devanditos datos efectuarase segundo as especificacións do Manual de xestión que figura como anexo I do convenio.

10.5. Actuar, se é o caso, a través de entidades colaboradoras, logo da subscrición do correspondente convenio de encomenda de xestión, ou por outro medio establecido en dereito e compatible co plan, detallándose as funcións encomendadas, incluíndo a transferencia ou entrega dos fondos públicos aos beneficiarios, dando coñecemento a este Ministerio.

11. Remitir as súas comunicacións de información ao Ministerio de Fomento, de acordo co Protocolo de intercambio normalizado de información sobre o plan (PIN), incluído no Manual de xestión e que será posto á súa disposición polo citado ministerio.

Décima. Tratamento dos incrementos de valor ou aproveitamento xerados en actuacións dos programas de fomento da rehabilitación edificatoria, a rexeneración e renovación urbanas e fomento de cidades sustentables e competitivas

Os incrementos de valor ou aproveitamento xerados nas actuacións de rehabilitación edificatoria, rexeneración e renovación urbanas, xestionadas en aplicación dos programas de fomento da rehabilitación edificatoria, de fomento da rexeneración e renovación urbanas e do fomento de cidades sustentables e competitivas, deberán articularse en beneficio da viabilidade da propia actuación.

Unha vez solucionada a viabilidade da actuación, o exceso de incrementos de valor ou aproveitamento que se poidan obter, circunstancia que, se é o caso, se deberá recoller e cuantificar no correspondente acordo da Comisión Bilateral, será repartido entre os propietarios, entidades e administracións que financiasen a actuación, proporcionalmente á participación de cada unha delas.

Décimo primera. Posibilidade de incorporar ao Plan estatal 2013-2016 áreas de rehabilitación integral e áreas de renovación urbana acollidas a plans estatais anteriores.

As áreas de rehabilitación integral e as áreas de renovación urbana que, en aplicación da disposición adicional segunda da Lei 4/2013, do 4 de xuño, de medidas de flexibilización e fomento do mercado do alugamento de vivendas, e como consecuencia da publicación no BOE da orde ministerial, referida na disposición adicional décima do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o plan, na cal se declararán efectivas as novas liñas de axuda do Plan estatal 2013-2016, sexan suprimidas, poderán incorporarse ao programa correspondente do novo Plan estatal 2013-2016, se cumpren os requisitos establecidos para o efecto no novo plan.

Nestes casos a achega do Ministerio determinarase conforme os criterios e contías do Plan 2013-2016. Esta achega estará sempre suxeita ao límite de gasto que pode comprometer o Ministerio en virtude do presente convenio para cada anualidade, sen superar, en ningún caso, o exercicio 2016.

Se xa se transferisen fondos para determinados obxectos da actuación de que se trate, con cargo a plans estatais anteriores, o Ministerio reducirá a súa achega na mesma contía do xa transferido.

Para ese efecto, a Comunidade Autónoma de Galicia deberá solicitar a subscrición dun novo acordo da Comisión Bilateral presentando toda a documentación necesaria, nos termos previstos neste convenio e no Plan estatal 2013-2016.

Décimo segunda. Determinacións específicas do Programa de axuda ao alugamento de vivenda

1. Nas convocatorias das axudas do Programa de axuda ao alugamento de vivenda, a Comunidade Autónoma de Galicia establecerá o seguinte coeficiente multiplicador único comprendido entre 0,70 e 1, en función do número de membros da unidade de convivencia e doutros factores socio económicos:

• Familias dun membro: 1,00.

• Familias de dous membros: 0,90.

• Familias de tres membros: 0,80.

• Familias de catro membros: 0,75.

• Familias de cinco ou máis membros: 0,70.

Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle corresponda. Ademais, se a vivenda está situada nun concello dos declarados como ámbitos territoriais de prezo máximo superior, aplicarase o tramo seguinte ao que lle corresponda.

No caso de mulleres xestantes, o fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto nesta cláusula, sempre que da aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

No caso de que as vivendas se adxudiquen a unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unidade familiar convertidos a veces IPREM e ponderado conforme o previsto nos puntos anteriores sumaranse, e o resultado deberá estar comprendido entre os límites mínimos e máximos establecidos para cada programa.

Estes coeficientes poderán modificarse nos termos en que se determine na normativa autonómica que se dite para a implantación e execución do plan, para os efectos do establecido no artigo 6, número 2, letra b do Real decreto 233/2013 polo que se regula o plan, para ponderar o número de veces o IPREM na determinación dos ingresos da persoa ou unidade de convivencia de cara á súa valoración para a obtención da correspondente axuda.

A Comunidade Autónoma de Galicia poderá fixar un límite inferior de ingresos da unidade de convivencia para ter acceso á axuda e determinar, se é o caso, a contía máxima do alugamento mensual que permite o acceso á axuda conforme o artigo 11.1.do devandito real decreto, sempre en contía igual ou inferior a 600 euros, con carácter único ou diferenciado segundo a zona territorial no ámbito Galicia.

Así mesmo, poderá establecer requisitos adicionais e criterios de preferencia na selección dos solicitantes sempre que non supoñan incremento dos ingresos máximos para acceder á subvención nin as contías máximas da axuda prevista para este programa no Real decreto 233/2013 e en todo caso cumprindo co regulado no devandito Real decreto 233/2013.

2. En atención ao disposto no artigo 11 número 5 do Real decreto 233/2013, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia consideraranse supostos excepcionais as achegas públicas outorgadas polos servizos sociais, con cargo aos seus respectivos orzamentos, como complemento para o pagamento do alugamento a beneficiarios en situacións de especial vulnerabilidade, en particular, nos seguintes casos:

a) Unidades de convivencia de máis de dous membros e unha renda conxunta inferior a 1,2 veces o IPREM.

b) Unidades de convivencia de máis de dous membros determinadas como sectores preferentes e unha renda conxunta inferior a 1,5 veces o IPREM.

c) Calquera outra situación declarada como de especial vulnerabilidade pola Comunidade Autónoma e comunicada de maneira fidedigna ao Ministerio de Fomento.

3. Nos casos en que exista unha entidade colaboradora, que actúe ademais como arrendadora das vivendas, a dita entidade poderá xestionar directamente o relativo á recepción da axuda para a súa directa aplicación ao pagamento do alugamento, mediante o correspondente desconto, para os efectos do previsto no artigo 11, número 6 do Real decreto 233/2013 polo que se regula o plan.

Décimo terceira. Determinacións específicas do Programa de fomento do parque público de vivendas en aluguer

Conforme o artigo 18 do Real decreto 233/2013, polo que se regula o plan, para a selección dos arrendatarios destinatarios dos alugamentos en rotación e protexidos, atenderase ao establecido no devandito real decreto e aos criterios establecidos pola regulación autonómica para a adxudicación das vivendas de promoción pública.

Décimo cuarta. Determinacións específicas do Programa de fomento da rehabilitación edificatoria

Conforme o artigo 21, número 2 do Real decreto 233/2013, polo que se regula o plan, o custo subvencionable das actuacións non poderá superar os custos medios de mercado que a tales actuacións correspondan.

A determinación dos custos medios de mercado (con fixación de criterios e límites fundamentados) será realizada polos servizos técnicos da Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que a súa aplicación, para os efectos deste convenio, estará condicionada, para cada actuación, á conformidade expresa do Ministerio de Fomento.

Décimo quinta. Determinacións específicas do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas

O custo subvencionable das actuacións obxecto do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas, non poderá superar os custos medios de mercado que a tales actuacións correspondan.

A determinación dos custos medios de mercado (con fixación de criterios e límites fundamentados) será realizada polos servizos técnicos da Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que a súa aplicación, para os efectos deste convenio, estará condicionada, para cada actuación, á conformidade expresa do Ministerio de Fomento.

Décimo sexta. Determinacións específicas do Programa para o fomento de cidades sustentables e competitivas

Conforme o artigo 39 do Real decreto 233/2013, polo que se regula o plan, o custo subvencionable das actuacións non poderá superar os custos medios de mercado que a tales actuacións correspondan.

A determinación dos custos medios de mercado (con fixación de criterios e límites fundamentados) será realizada polos servizos técnicos da Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que a súa aplicación, para os efectos deste convenio, estará condicionada, para cada actuación, á conformidade expresa do Ministerio de Fomento.

Unha vez convocado e resolto o concurso público preceptivo para a concesión da axuda, o procedemento que se debe seguir será por analoxía, o mesmo que no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas, mediante a subscrición do correspondente acordo da Comisión Bilateral e cumprimento dos requisitos nel establecidos.

Décimo sétima. Seguimento, control e avaliación do plan

1. Comisión Multilateral de Vivenda, Urbanismo e Solo.

Ambas as dúas partes comprométense a participar na Comisión Multilateral de Vivenda Urbanismo e Solo, regulada no punto 3 do artigo 8 do plan, constituída polos directores xerais responsables da xestión dos plans de vivenda de cada Comunidade Autónoma ou Cidade de Ceuta e Melilla, baixo a presidencia do titular da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, do Ministerio de Fomento. A Comisión reunirase, polo menos, unha vez cada ano.

A Comisión Multilateral de Vivenda, Urbanismo e Solo, seguirá e avaliará o plan fixando os criterios e indicadores xerais de eficacia, e debaterá acerca de cantas actuacións resulten necesarias para a súa implantación e control, así como para corrixir as eventuais desviacións respecto da evolución prevista no devandito plan, que sexan detectadas.

2. Comisión Bilateral de Seguimento.

Ambas as dúas partes comprométense a efectuar o seguimento conxunto e coordinar as súas actuacións para o cumprimento das obrigas contraídas no presente convenio. Para ese efecto, tal e como prevé o artigo 3.3.f do plan, créase unha Comisión Bilateral de Seguimento.

A Comisión Bilateral de Seguimento estará composta por seis membros, tres en representación do Ministerio de Fomento e tres en representación de Galicia. Os representantes do Ministerio de Fomento serán o titular da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento, e outros dous membros desta dirección xeral designados polo devandito titular. Os representantes de Galicia serán a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Comunidade Autónoma de Galicia e outros dous membros desta dirección xeral designados polo devandito titular. Estará presidida polo titular da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento, cuxo voto servirá para dilucidar en caso de empate, sendo ocupada a vicepresidencia pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comisión Bilateral de Seguimento celebrará sesións xa sexa por videoconferencia ou presenciais, polo menos, unha vez ao semestre.

As funcións da Comisión Bilateral de Seguimento son:

a) Comprobar e verificar o efectivo intercambio de información entre ambas as dúas administracións e analizar o seu contido.

b) Establecer a metodoloxía específica para avaliar a eficacia no desenvolvemento e cumprimento do convenio, analizando o seu desenvolvemento e cumprimento e formulando as oportunas propostas no caso de desviacións do obxecto do convenio.

c) Formular e acordar, se é o caso, as propostas de financiamento específico nos programas de fomento do parque público de vivenda en alugamento, de fomento da rexeneración e renovación urbanas e do fomento de cidades sustentables e competitivas.

d) Formular e acordar, se é o caso, modificacións da repartición inicial do financiamento estatal e autonómico entre programas dentro de cada exercicio, sen superar en ningún caso, o límite de gasto que, para cada anualidade e cada Administración, se especifica na cláusula terceira.

e) Aprobar os informes de avaliación anual, previstos no artigo 45 do plan.

f) Propoñer ao Ministerio de Fomento a liquidación final deste convenio antes do 15 de xuño de 2017.

g) Velar polo adecuado cumprimento do convido.

3. Compromisos da Comunidade Autónoma de Galicia para o seguimento, control e avaliación do plan.

3.1. A Comunidade Autónoma de Galicia comprométese a:

a) Subministrar de forma continuada, actualizada e nos prazos indicados, a información referida no Manual de xestión que se incorpora como anexo I deste convenio, utilizando o protocolo de intercambio normalizado de información (PIN) que nel se indica.

Para ese efecto, a Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia acordan colaborar a nivel técnico, co fin de solucionar os eventuais problemas que poidan obstaculizar a aplicación do PIN, co fin de adoptar as medidas oportunas para alcanzar as finalidades perseguidas, é dicir, o fluxo áxil e eficiente da información.

b) Incluír na información anual que debe remitir en aplicación do artigo 86.2 sétima da Lei xeral orzamentaria un informe que detalle as actuacións de control realizadas, tanto pola propia consellería, como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ou o órgano de control externo desta se o houber. No citado informe deberanse detallar os controis realizados en relación coas subvencións financiadas polo plan, os obxectivos e alcance destes, así como as irregularidades detectadas e as medidas adoptadas para a súa corrección. Un dos obxectivos dos controis que deben efectuar as comunidades autónomas consistirá na verificación de que o financiamento estatal das axudas con cargo ao plan, unida á obtida de fondos da Unión Europea ou outras fontes, non supera o custo das actuacións ou, se é o caso, a intensidade máxima fixada na normativa que resulte de aplicación.

No caso de que nos controis se descubran irregularidades que dean lugar á revogación e/ou reintegro de subvencións xa declaradas ao Ministerio de Fomento, procederase a descontar os importes irregulares nas seguintes transferencias que o Ministerio teña que realizar. De non corresponder novas transferencias por parte do Ministerio de Fomento, a Comunidade Autónoma deberá reintegrar os devanditos importes ao Tesouro Público e notificarllo de forma fidedigna ao Ministerio de Fomento.

c) Remitir, unha vez vencido o trimestre natural, e antes do día 10 do mes seguinte un informe (ou arquivo informático ou mediante aplicacións informáticas compartidas) en que se recollan os seguintes datos:

– Número de solicitudes recibidas por cada programa, detallando cantas delas se resolveron favorablemente, cantas desfavorablemente e as que están pendentes de resolver, desagregado por provincias e municipios.

– O número de beneficiarios aos cales se lles concederon as axudas en cada un dos programas desagregado por provincias e municipios, nivel de renda, así como o importe da subvención que lle corresponde pagar a cada un deles.

– Número de beneficiarios do Programa de axuda ao alugamento que están a gozar dunha vivenda construída ao abeiro do Programa de fomento do parque público de vivenda en alugamento.

– As entidades colaboradoras que participan e en que programas.

– Relación de aboamentos, tanto realizados como pendentes de realizar, coa correspondente xustificación contable.

3.2. A Comunidade Autónoma de Galicia certificará:

a) Que realizaron as consultas oportunas para constatar que os beneficiarios das axudas, ou ben non son perceptores doutro tipo de subvención, ou ben son perceptores de subvencións complementarias ás recollidas no plan estatal, indicando cales son.

b) Que realizaron as consultas oportunas para constatar que todos os beneficiarios están ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

3.3. A Comunidade Autónoma de Galicia, nas actuacións dos programas de fomento do parque público de vivendas en aluguer, fomento da rexeneración e renovación urbanas e para o fomento de cidades sustentables e competitivas informará da finalización da actuación ao Ministerio de Fomento, nun prazo máximo dun mes desde esta e, en todo caso, cunha antelación mínima de vinte días á posible inauguración oficial.

Para ese efecto, remitirá nos mesmos prazos un informe final que recollerá toda a información relevante e definitoria da actuación.

3.4. A Comunidade Autónoma de Galicia queda obrigada a presentar os estados de execución do plan en cada exercicio, tras a finalización do ano natural, de cada período do plan, e no primeiro trimestre do ano seguinte.

4. Compromisos de ambas as dúas partes en materia de información pública.

Ambas as dúas partes comprométense a:

a) Colaborar activamente para potenciar a difusión de información acerca das medidas do plan.

b) Facer constar a participación das distintas institucións en canta información pública se edite por calquera medio, incluídos os medios electrónicos, así como nas notificacións de resolución, recepción ou calquera outras dirixidas aos beneficiarios do plan. Farase constar nos devanditos medios a participación do Ministerio de Fomento, xunto coa lenda «Goberno de España». En particular, a referida información constará nos carteis exteriores descritivos das obras nos programas de fomento do parque público de vivenda en alugamento, de fomento da rexeneración e renovación urbanas e de fomento de cidades sustentables e competitivas, nos que figurará, ademais, o importe da subvención achegada, se é o caso, polo Ministerio de Fomento, cunha tipografía e tamaño igual aos empregados para referirse á participación da Comunidade Autónoma. No caso de que esta última aprobe a obrigación de instalar placas ou identificativos de carácter permanente no exterior das vivendas, deberá incluírse naqueles a referencia ao financiamento con cargo ao plan. Os sistemas e pautas de información pública corporativa de ambas as dúas administracións, polo que se refire ás actuacións do plan, acordaranse no marco da Comisión Bilateral de Seguimento.

Décimo oitava. Modificación e resolución do convenio

O presente convenio de colaboración poderá ser modificado de mutuo acordo entre as partes.

Será causa de resolución do convenio o mutuo acordo das partes, así como o acordo motivado dunha delas debido ao incumprimento grave ou reiterado da outra dalgunha das súas cláusulas. O incumprimento deberá ser comunicado mediante aviso previo de, polo menos, un mes de antelación á data da proposta de resolución.

Particularmente, destácanse a continuación dous supostos de posible resolución:

a) Se a Comunidade Autónoma de Galicia incumpre o sinalado no número 3.3 da cláusula décimo sétima, inaugurando oficialmente unha actuación sen coñecemento do Ministerio ou non remitindo o informe final desta no prazo establecido, o Ministerio de Fomento poderá suspender a transferencia de fondos deste plan ata que sexa emendado o incumprimento. Para ese efecto, a Comunidade Autónoma deberá publicitar, no prazo máis breve posible e pola súa conta, a participación do Ministerio, na actuación de que se trate, coa mesma repercusión que o fixo da súa propia participación ou atrasar a inauguración oficial ata que o Ministerio dispoña do informe final coa antelación xa referida. Será a Comisión Bilateral de Seguimento a que deberá valorar se a emenda é equivalente ao dano causado.

Se non se corrixe o incumprimento ou se acredita que o incumprimento se realizou de forma premeditada, o Ministerio de Fomento poderá optar pola resolución deste convenio por incumprimento da Comunidade Autónoma, coas responsabilidades que diso deriven para esta última.

b) Se a Comunidade Autónoma de Galicia incumpre o sinalado no número 4.b da cláusula décimo sétima, o Ministerio de Fomento poderá suspender a transferencia de fondos deste plan ata que sexa emendado o incumprimento. Para ese efecto, a Comunidade Autónoma deberá editar ou publicitar, no prazo máis breve posible e pola súa conta, a participación do Ministerio, na actuación de que se trate, coa mesma repercusión que o fixo da súa propia participación. Será a Comisión Bilateral de Seguimento a que deberá valorar se a emenda é equivalente ao dano causado.

Se non se emenda o incumprimento ou se acredita que o incumprimento se realizou de forma premeditada, o Ministerio de Fomento poderá optar pola resolución deste convenio por incumprimento da Comunidade Autónoma, coas responsabilidades que diso deriven para esta última.

No suposto de resolución do convenio, os seus efectos deberán concretarse nunha liquidación anticipada.

Esta liquidación anticipada:

• Respectará os compromisos financeiros asumidos pola Comunidade Autónoma ata a data da liquidación, con mención expresa daquela parte deles pendentes de pagamento. Para esta parte pendente de pagamento, establecerase un calendario de pagamentos axustado aos compromisos adquiridos. Vencido o prazo de cada pagamento, se a Comunidade Autónoma non cumpre, no prazo dun mes desde o vencemento, deberá reintegrar o importe correspondente ao Tesouro Público.

• Exixirá o reintegro ao Tesouro Público daqueles fondos xa transferidos á Comunidade Autónoma e que non foron comprometidos con anterioridade a esta, así como daqueles fondos de financiamento estatal inicial xa transferidos e comprometidos sen o correspondente compromiso de cofinanciamento con cargo a fondos da Comunidade Autónoma, no prazo máximo dun mes desde a data da liquidación.

• Resolverá o compromiso asumido entre ambas as dúas administracións en virtude do presente convenio, sen que iso impida á Comunidade Autónoma seguir convocando e concedendo axudas no ámbito das súas competencias e cos seus propios recursos.

Décimo novena. Duración

O presente convenio de colaboración terá efectos desde o día da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2016, e poderá prorrogarse, mediante acordo expreso de ambas as dúas partes, sempre que a súa prórroga se adopte cunha antelación mínima dun mes antes da finalización do seu prazo de duración.

No entanto, na medida en que o pagamento pola Comunidade Autónoma ao beneficiario de determinadas axudas, e mesmo a finalización de determinadas actuacións, e o cumprimento das obrigacións de xustificación e actuacións relativas á liquidación poden superar o prazo do 31 de decembro de 2016, aplicarase o disposto na liquidación definitiva do convenio para o seguimento e verificación final polo Ministerio de Fomento do bo fin dos fondos transferidos.

Vixésima. Natureza xurídica e xurisdición

O presente convenio de colaboración ten natureza dos previdos no artigo 6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O presente convenio de colaboración inclúese nos supostos do artigo 4.1c) do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, e seranlle de aplicación, en defecto das súas normas específicas, os principios do devandito texto legal, para resolver as dúbidas e lagoas que se poidan presentarse.

As cuestións litixiosas ás cales poida dar lugar a interpretación, modificación, efectos ou resolución do contido do presente convenio que non fosen solucionadas polos órganos de seguimento previstos na cláusula décimo sétima, serán resoltas de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cláusula adicional primeira

As convocatorias de axudas que, de acordo ao establecido polo Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, aprobará a Comunidade Autónoma de Galicia despois da entrada en vigor do Plan estatal e con anterioridade á sinatura do presente convenio, obterán financiamento de acordo con este.

Cláusula adicional segunda

A Comunidade Autónoma de Galicia organizará e xestionará o Rexistro de Informes de Avaliación dos Edificios previsto nos artigos 4, número 6 e 5 da Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, no prazo máximo de nove meses desde a data de subscrición deste convenio. Durante este prazo os informes do edificio recolleranse nunha base de datos provisional cuxo contido se incorporará ao Rexistro de Informes de Avaliación dos Edificios unha vez que este sexa efectivamente creado.

Cláusula adicional terceira

A Comunidade Autónoma de Galicia poderá decidir a inclusión dos gastos derivados do presente convenio, naqueles programas con medidas susceptibles de ser cofinanciadas con Fondos Feder, dentro dos seus programas operativos rexionais 2014-2020. Para iso, a Comunidade Autónoma de Galicia tomará as medidas necesarias para que os gastos se axusten aos requirimentos regulamentarios dos devanditos fondos, en concreto o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns e xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e outros; e o Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; así como outra normativa en vigor neste ámbito.

ANEXOS

ANEXO I
Manual de xestión

ANEXO II
Plan estratéxico da Comunidade Autónoma de Galicia

E en proba de conformidade, asinan o presente convenio por duplicado:

A ministra de Fomento O presidente da Comunidade Autónoma de Galicia