Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Xoves, 23 de outubro de 2014 Páx. 45249

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2014, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, de establecemento da data de inicio das autorizacións de cortas de especies sensibles ao nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus) na zona demarcada das Neves.

Desde o ano 1999 véñense realizando prospeccións e controis para evitar a entrada na nosa Comunidade Autónoma da praga coñecida como nematodo da madeira do piñeiro (NMP), que está causada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e presente en Portugal desde ese mesmo ano.

Esta praga, que se propaga mediante o insecto vector Monochamus galloprovincialis, é obxecto, ademais, dunha vixilancia extrema polas autoridades nacionais e comunitarias para evitar que se expanda polo resto do territorio nacional, impoñendo ás zonas afectadas unhas medidas drásticas de erradicación.

A finais do ano 2010 confirmouse a presencia do nematodo nunha masa forestal do termo municipal das Neves (Pontevedra).

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería do Medio Rural publicou, logo dunha primeira resolución en que declaraba o foco, o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro (DOG nº 24, do 4 de febrero), polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e se ordenan as medidas para evitar a súa propagación.

Neste decreto establecese unha área demarcada nun raio de 20 km ao redor do punto en que se detectou o nematodo, na cal se tomarán as medidas necesarias para evitar a súa dispersión.

Unha das medidas recollidas no número 2 do artigo 5 do dito decreto é que as autorizacións de cortas na área demarcada están suxeitas a unha autorización especial («autorización de corta para zona demarcada de corentena fitosanitaria»).

O 29 de marzo de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 22 de marzo de 2012 pola que se establecen medidas sobre a sanidade vexetal nunha área demarcada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus na cal se especifica que os períodos en que se permitirán as cortas na zona demarcada serán autorizados polo secretario xeral de Medio Rural e Montes logo de consultados os informes técnicos e científicos do seguimento sobre os voos do insecto vector.

Tendo en conta os informes técnicos e científicos consultados sobre o seguimento dos voos do vector Monochamus galloprovincialis e do foco, así como das condicións meteorolóxicas,

RESOLVO:

Declarar como data de inicio das autorizacións de cortas de especies sensibles ao nematodo do piñeiro dentro da zona demarcada das Neves o día 25 de outubro de 2014.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2014

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral de Medio Rural e Montes