Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 15 de outubro de 2014 Páx. 44262

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2014 pola que se convoca a xornada Intimidade, imaxe e medios de comunicación públicos.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2014 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase a xornada Intimidade, imaxe e medios de comunicación públicos, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, no artigo 4, recolle os principios inspiradores da actividade de comunicación audiovisual da Corporación RTVG, entre os que se encontran os seguintes:

– O respecto e a defensa dos principios que informan a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia e dos dereitos e liberdades que neles se recoñecen e garanten.

– O respecto á dignidade humana, ao honor, á intimidade persoal e á propia imaxe.

– A protección da xuventude e da infancia.

– A separación entre informacións e opinións, a identificación de quen sustenta estas últimas e a súa libre expresión dentro dos límites constitucionais e estatutarios.

Pola súa banda, o artigo 20.1 da Constitución recoñece o dereito fundamental a recibir e comunicar información veraz polo que é preciso conciliar os intereses mediáticos –que deben estar dirixidos a construír unha opinión pública plural– coas garantías procesuais das partes intervenientes nos procesos xudiciais, cos dereitos fundamentais á honra, a intimidade ou a propia imaxe, e coa protección de datos. Moi especialmente, con respecto aos menores afectados por informacións xudiciais.

A EGAP deseñou unha xornada en que se abordan, entre outras cuestións, o dereito á información e os seus límites, o emprego de datos, imaxes ou comentarios extraídos da rede con fins informativos ou de investigación xornalística, os xuízos paralelos e os límites da publicidade procesual, o tratamento informativo en relación coas vítimas, e o populismo mediático. Temas que gardan relación cos conflitos entre honra, intimidade, imaxe e liberdade de información son fonte de inseguridade xurídica e deron lugar a un número importante de demandas civís e penais. Proba diso é a diversidade das resolucións dos tribunais, tan casuísticas como imprevisibles, e as dúbidas dos letrados entre acudir á vía penal ou á civil.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno e a súa incidencia nos entes públicos de comunicación.

– Emprego de datos persoais recollidos da internet ou redes sociais con fins informativos ou de investigación xornalística. Especial referencia á utilización de imaxes e datos de menores de idade.

– A protección da intimidade fronte a gravacións de imaxes e conversacións.

– Os xuízos paralelos en medios de comunicación.

– A formación da opinión pública e o tratamento dos temas penais nos medios de comunicación.

3. Destinatarios.

Esta xornada diríxese principalmente a profesionais dos medios de comunicación con responsabilidade nas áreas de Dirección, Recursos Humanos, Comunicación, Servizos de Información, redactores e directivos ou outras persoas relacionadas con este campo das comunicacións, así como interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Data: 28 de outubro de 2014.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 8 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 26 de outubro de 2014.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública