Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a instalación eléctrica que a continuación se describe:
Solicitante: Eléctrica de Moscoso, S.L.
Domicilio social: avda. do Concello, 21, 36830 A Lama.
Denominación: centro de manobra Pazos.
Situación: Pazos de Borbén.
Características técnicas: centro de manobra en edificio prefabricado equipado con 2 celas de interruptor automático, 1 cela entrada/saída de liña e condutores de entrada e/ou saída. A instalación está situada en Pazos, Pazos de Borbén.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, DOG nº 54, do 19 de marzo, esta xefatura territorial resolve:
Conceder autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 12 meses a partir da recepción da presente resolución. A efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.
Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que coide pertinente ao seu dereito.
Pontevedra, 3 de setembro de 2014
Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra