Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Martes, 14 de outubro de 2014 Páx. 44138

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de setembro de 2014 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Educación, Deporte y Salud (FEDYS) e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación Educación, Deporte y Salud (FEDYS), presentado ante este protectorado de fundacións de interese galego.

Feitos:

Primeiro. O 21 de xullo de 2014 o secretario do padroado da Fundación solicita a ratificación polo protectorado do acordo de extinción adoptado polo padroado na súa reunión do 25 de xuño de 2013.

Segundo. A Fundación Educación, Deporte y Salud (FEDYS), foi constituída en escritura pública do 18 de xaneiro de 2007; clasificada de interese deportivo pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 22 de febreiro de 2007 e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Cultura e Deporte do 16 de marzo de 2007 figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións con número 2007/3.

Terceiro. Os fins da fundación, segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, son promover a formación e o desenvolvemento integral das persoas por medio da educación, o deporte e a saúde.

Cuarto. A Fundación presenta o certificado da reunión do padroado do 25 de xuño de 2013, protocolizado en escritura pública outorgada na Coruña o 17 de xullo de 2014, ante o notario Víctor José Peón Rama, co número de protocolo 1.211, que contén o acordo por unanimidade da extinción da Fundación por imposibilidade de realizar o fin fundacional, a memoria xustificativa en que consta a causa de extinción e as contas da fundación correspondentes ao exercicio 2013.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece, entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional. Para tal efecto é necesario acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos formais exixidos pola normativa legal e os estatutos da fundación e foi aprobado por unanimidade dos membros do padroado. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción, así como a improcedencia da modificación dos estatutos fundacionais e da fusión con outra entidade da mesma natureza.

Terceiro. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é competente para resolver esta solicitude segundo o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en relación co artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego.

Cuarto. O artigo 54 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e o artigo 21 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, establecen o acordo de extinción da fundación entre os actos suxeitos a inscrición no rexistro.

Polo exposto e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego e demais normativa de xeral aplicación

DISPOÑO:

Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Educación, Deporte y Salud (FEDYS) e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza