Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Martes, 14 de outubro de 2014 Páx. 44177

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2014 de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do núcleo rural de Bergazo, na parroquia de San Fiz de Bergazo, concello do Corgo (expediente PTU-LU-10/021).

O Concello do Corgo remite documentación do expediente, para os efectos previstos na disposición adicional segunda.2, da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación sinalada e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

a) Con data do 9 de novembro de 2010, esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo resolveu desfavorablemente sobre o proxecto de delimitación do NRT de Bergazo, datado en abril de 2010.

b) A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural –DXPC– emitiou informe sobre o expediente de delimitación en datas 11 de xaneiro de 2011 e 18 de outubro de 2011 (desfavorable) e 11 de febreiro de 2014 favorable, condicionada á inclusión da igrexa e castro de Bergazo no contorno de protección do núcleo.

c) O Concello do Corgo carece de instrumento de planeamento xeral, rexéndose polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial aprobadas o 3 de abril de 1991.

II. Análise e consideracións.

a) Proponse a delimitación, como núcleo rural complexo, do asentamento poboacional de Bergazo, pertencente á parroquia de San Fiz de Bergazo, cunha superficie bruta aproximada de 3,98 ha, correspondendo ao tipos de núcleo rural histórico tradicional –en diante NRHT– e de núcleo rural común –NRC– unhas superficies netas aproximadas de 2,89 ha e 1,09 ha, respectivamente.

b) O proxecto recoñece as vías públicas existentes e determina os terreos edificables do asentamento, regulando as súas condicións de uso e edificación. Así mesmo, incorpora un catálogo no cal se inclúen dúas construcións singulares (mina de auga e alpendre tradicional) e o conxunto do núcleo. Non se identifican terreos destinados a usos dotacionais.

c) Trátase dun proxecto de iniciativa particular (promotores José Río Doval –DNI 76574524A– e Mª Ángeles Pereira López –DNI 33336485D–).

d) Compróbase que se cumpre o indicado polo informe da DXPC emitido pola DXPC o 11 de febreiro de 2014 e que se acredita o cumprimento dos requisitos establecidos pola disposición adicional segunda.2 da LOUG.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede, resolvo:

1. Aprobar definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Bergazo, da Parroquia de San Fiz de Bergazo, do Concello do Corgo.

2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2014

Mª Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo