Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 13 de outubro de 2014 Páx. 44036

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 6 de outubro de 2014 pola que se modifica a Orde do 1 de setembro de 2014 pola que se convocan probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Mediante a Orde do 1 de setembro de 2014 (DOG núm. 170, do 8 de setembro) convocáronse probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Tendo en conta que a expedición da habilitación deste persoal debe realizarse na forma prevista no artigo 11 da Orde do 21 de abril de 2010 pola que se aproban as bases xerais das probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG núm. 78, do 27 de abril), cómpre modificar a Orde do 1 de setembro de 2014 e engadirlle a disposición relativa á expedición da habilitación e do distintivo do devandito persoal así como o anexo para presentar a correpondente solicitude.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 1 de setembro de 2014 pola que se convocan probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas

Engádese unha disposición décima coa seguinte redacción:

«Décimo. Expedición da habilitación do persoal de control de acceso

A expedición da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas realizaraa a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior na forma prevista no artigo 11 das bases xerais.

As/os aspirantes que superaron as probas deberán presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e axustada ao modelo normalizado que para este procedemento (código PR472A) figura como anexo a esta orde, xunto co xustificante de ter aboada a correspondente taxa, para que lle sexa expedida a habilitación prevista no artigo 6 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, necesaria para desenvolver a función de control de acceso, xunto co distintivo que os identifique e acredite como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas».

As solicitudes poderán presentarse en calquera das modalidades previstas na disposición cuarta desta orde no prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación definitiva das/os aspirantes que superaron as probas no Diario Oficial de Galicia.

O pagamento da taxa poderá facerse en calquera das modalidades previstas na disposición terceira desta orde, debendo cubrir os seguintes códigos no modelo de autoliquidación:

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Código: 04.

Delegación de Servizos Centrais.

Código: 13.

Servizo de Interior e Espectáculos Públicos.

Código: 20.

Taxa: Denominación: expedición e renovación da habilitación.

Código: 30.48.02.

Total: 5,86 euros».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file