Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 8 de outubro de 2014 Páx. 43682

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2014 pola que se sinalan as datas para o levantamento de actas previas á ocupación e de ocupación definitiva dos bens e dereitos afectados polas obras correspondentes á obra do emisario submarino da estación depuradora de augas residuais de Lagares, no termo municipal de Vigo (expediente OH.336.1078).

O director de Augas de Galicia aprobou o 13 de decembro de 2013 o expediente de información pública do anteproxecto da obra de emisario submarino da estación depuradora de augas residuais (no sucesivo, EDAR) de Lagares e o 16 de decembro de 2013 aprobou técnica e definitivamente o dito anteproxecto.

As devantitas obras enmárcanse dentro da actuación Saneamento de Vigo, actuación que está declarada de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, xa que as obras de referencia están recollidas no Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro.

O artigo 29 da precitada lei dispón que a aprobación definitiva do proxecto, anteproxecto ou documento similar de obras hidráulicas declaradas de interese da Comunidade Autónoma levará implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación dos bens e da adquisición de dereitos, aos fins de expropiación forzosa e ocupación temporal, de acordo co disposto na lexislación correspondente.

O 28 de febreiro de 2014, publicouse o Decreto 21/2014, do 20 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados polas obras do emisario submarino da estación depuradora de augas residuais de Lagares, no termo municipal de Vigo (Pontevedra), expediente OH.336.1078. En consecuencia, o procedemento expropiatorio rexerase conforme o establecido no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e concordantes do seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

No procedemento expropiatorio a sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. terá a condición de entidade beneficiaria, conforme o disposto no artigo 132.4 do texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo.

Consonte o anterior e en virtude das atribucións conferidas e facendo uso das facultades outorgadas polo artigo 98 da Lei de expropiación forzosa e atendendo ao sinalado nas regras 2ª e 3ª do seu artigo 52,

RESOLVO:

Convocar os titulares dos bens e/ou dereitos afectados polo procedemento expropiatorio derivado da execución das obras do emisario submarino da EDAR de Lagares, conforme se lles notificará nas correspondentes cédulas individuais e por anuncios no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra e nos diarios Faro de Vigo e La Voz de Galicia, para que, sen prexuízo de trasladarse ao lugar dos terreos, se se considera necesario, asistan ao levantamento das correspondentes actas previas á ocupación e de ocupación definitivas no lugar, na data e nas horas que a seguir se indican:

Lugar: Concello de Vigo, Complexo Polideportivo de Samil, avenida de Samil, s/n, Vigo (Pontevedra).

Data: 23 de outubro de 2014.

Hora: das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 19.30 horas.

Para estes efectos, indícase que, levantada a acta previa á ocupación, ofreceráselles aos afectados, con carácter previo ao levantamento da acta de ocupación definitiva, a percepción do importe correspondente ao depósito previo á ocupación e aos prexuízos pola rápida ocupación. Neste sentido, no suposto de que se renuncie á percepción de tal contía ou nos casos de non comparecencia do convocado procederase á súa consignación na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, consignación que habilitará para a formulación da acta de ocupación e cuxa realización será comunicada, en calquera caso, aos correspondentes afectados.

Ao devandito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, achegando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo de pagamento do imposto sobre bens inmobles; poderán facerse acompañar, se o consideran oportuno e á súa custa, dos seus peritos e/ou notarios.

A relación de bens e dereitos afectados foi publicada no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 70, do 11 de abril, no Diario Oficial de Galicia núm. 72, do 15 de abril e nos diarios El Faro de Vigo e La Voz de Galicia, do 6 de abril de 2013 e puido ser examinada a dita relación, xunto cos planos parcelarios, nas oficinas en Vigo do Servizo Territorial de Augas de Galicia da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur; nas da sede central de Augas de Galicia, sitas na praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, en Santiago de Compostela; e no Edificio da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo, sito na praza do Rei, s/n.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos no Concello de Vigo, así como no precitado servizo territorial e nas oficinas en Vigo da entidade beneficiaria do procedemento expropiatorio, a sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A., sitas na rúa Colón, nº 21, 3º, Vigo.

Conforme establece o artigo 56.2 do Regulamento de expropiación forzosa, ata o momento en que se proceda ao levantamento das citadas actas previas á ocupación e de ocupación definitivas, os interesados poderán formular, por escrito, as alegacións para os únicos efectos de emendar posibles erros que se producisen ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación dirixíndoas ao Servizo Territorial de Augas de Galicia da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur (r/ San Salvador, 2-4º, 36201 Vigo).

A publicación desta resolución, a teor do disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, servirá como notificación aos posibles interesados que non puidesen ser identificados, aos titulares de bens e dereitos afectados que sexan descoñecidos e a aqueles dos que se ignore o seu paradoiro.

O que se fai público, para xeral coñecemento, advertíndolles aos interesados que o pagamento se fará precisamente aos que figuren como propietarios dos bens ou titulares dos dereitos expropiados, que non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial ou consular), xa sexa xeral ou particular para este caso, e que deberán identificarse co documento nacional de identidade.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2014

P.D. (Orde do 30.1.2012; DOG nº 21, do 31 de xaneiro)
Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia