Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 8 de outubro de 2014 Páx. 43623

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2014, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 16 de xullo de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 140, do 24 de xullo), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do terceiro exercicio da fase de oposición.

En sesión que tivo lugar o día 26 de setembro de 2014, o tribunal nomeado pola Orde do 16 de abril de 2014 (DOG núm. 81, do 29 de abril) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 16 de xullo de 2013 (DOG núm. 140, do 24 de xullo), acordou de conformidade co disposto na base II.2.6 da convocatoria, que o terceiro exercicio da fase de oposición terá lugar o 16 de outubro de 2014, nas aulas número 2 e 11 da Escola Galega de Administración Pública, situada na rúa Madrid, 2-4 (As Fontiñas), de Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 15.30 horas.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. Os aspirantes serán provistos de calculadora polo tribunal, e queda prohibido o uso de calculadoras distintas ás que se lles faciliten.

De conformidade co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, para o desenvolvemento da segunda proba deste exercicio as/os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios. Admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo, e das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recolla de móbiles.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2014

Silvia Alfaya Portela
Presidenta do tribunal