Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 6 de outubro de 2014 Páx. 43270

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 23 de setembro de 2014 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Cerdedo.

O Concello de Cerdedo remite exemplar dilixenciado, que tivo entrada no rexistro o 20 de agosto de 2014 e que inclúe os seguintes documentos do PXOM:

• Correccións introducidas na memoria xustificativa (páxinas 214, 217 a 218, 272 a 279, 285 a 287, 309 a 313).

• Correccións introducidas no índice das fichas de información dos núcleos rurais.

• Correccións introducidas no estudo do medio rural e na análise do modelo de asentamento poboacional: novo índice e planos de información dos núcleos de Tresaldeas, Fondós, Tomonde, Cachofés, Vichocuntín, Barro, Meilide e Chamadoira.

• Correccións introducidas nas normas urbanísticas (artigos 17, 22, 37.8, 52.4, 57, 59, 62, 65 e 66).

• Documentación corrixida. Novos planos de ordenación O-1-1, O-1-2, O-2-1, O-2-2, e O-3-5 a O-3-19.

• Correccións introducidas nas fichas xustificativas dos núcleos rurais: novo índice e fichas de ordenación dos núcleos de Tresaldeas (2-C), Fondós (6-A), Tomonde (12-C), Cachofés (31-A), Barro (41-C), Meilide (44-C) e Chamadoira (52-C).

• Documentación corrixida. Planos de ordenación-2: novo índice e planos de ordenación, ortofoto e plano parcelario dos núcleos de Tresaldeas (2-C), Fondós (6-A), Tomonde (12-C), Cachofés (31-A), Vichocuntín (37, unicamente ortofoto), Barro (41-C), Meilide (44-C) e Chamadoira (52-C).

• Correccións introducidas na estratexia de actuación e estudo económico (páxinas 4, 36, 38 a 39, 43 a 44).

Analizada esa documentación en relación e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, mediante Orde do 23 de xuño de 2014, acordou, de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, outorgar a aprobación definitiva, de forma parcial, ao Plan xeral de ordenación municipal de Cerdedo, deixando en suspenso as áreas e determinacións obxecto de reparo no punto II do corpo da orde, ata que o Concello introducise as correccións necesarias e, logo da súa aprobación plenaria, fosen sometidas á súa aprobación definitiva.

I.2. O Concello Pleno de Cerdedo, en sesión do 8 de agosto de 2014, aprobou provisionalmente o documento de correccións segundo esa Orde do 23 de xuño de 2014.

II. Análise e consideracións.

II.1. Na Orde do 23 de xuño de 2014, de aprobación definitiva parcial do PXOM, as áreas e determinacións obxecto de reparos referíanse, con carácter xeral:

a) Por unha banda, a cuestións que requirían unha reformulación da proposta relativas á categorización dunha parte do solo urbano; asignación de ordenanza a determinados ámbitos de solo urbano consolidado; así como á revisión da delimitación do solo de núcleo rural común de oito núcleos.

b) Por outra, a cuestións que debían integrarse de xeito automático na documentación do PXOM en atención ao alcance da orde e á constatación da súa procedencia.

II.2. Do exame da documentación aprobada provisionalmente e achegada polo Concello, púidose constatar que as deficiencias observadas na Orde da CMATI de 23 de xuño de 2014 foron tidas en conta, e que se introduciron as correccións necesarias para darlles cumprimento.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

resolvo:

1º. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal de Cerdedo, nos ámbitos deixados en suspenso na Orde do 23 de xuño de 2014.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do documento aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2014

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas