Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 3 de outubro de 2014 Páx. 43177

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2014 pola que se convoca un curso de formación sobre a función consultiva: O Consello Consultivo de Galicia, para o persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades galegas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, de acordo co Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e o Consello Consultivo de Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de formación sobre a función de control da Administración consultiva: O Consello Consultivo de Galicia, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O curso pretende, por unha banda, constituír unha canle de divulgación da doutrina sentada polo Consello Consultivo nas materias obxecto da súa competencia e, por outra, permitir a apertura dun foro de debate sobre elas entre todos os asistentes ao curso.

Segunda. Persoal a que vai dirixido

Persoal funcionario dos grupos A1, A2 e C1 e persoal laboral dos grupos I, II e III ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades galegas, que estean en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Terceira. Criterios de selección

a) Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (Diario Oficial de Galicia do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto na citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

De haber empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (Diario Oficial de Galicia do 25 de marzo). Para o ano 2014, segundo a Resolución do 10 de febreiro (Diario Oficial de Galicia do 27 de febreiro), comezarase pola letra B.

b) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Cuarta. Desenvolvemento

1. Duración: 20 horas (18 horas lectivas presenciais e 2 horas de traballo práctico).

2. Lugar: Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, rúa Vicente Ferrer, nº 2.

3. Datas: 27, 28 e 29 de outubro; 3, 4 e 5 de novembro de 2014.

4. Horario: das 17.00 ás 20.00 horas.

5. Prazas: 25.

Quinta. Contido

Módulo I. O Consello Consultivo de Galicia: a Lei 3/2014, do 24 de abril. O recurso extraordinario de revisión.

Módulo II. A responsabilidade patrimonial da Administración: réxime substantivo.

Módulo III. A responsabilidade patrimonial da Administración: cuestións formais e procedementais.

Módulo IV. A revisión de oficio dos actos administrativos.

Módulo V. A contratación administrativa: resolución, modificación e interpretación dos contratos administrativos.

Módulo VI. A potestade regulamentaria e o principio de legalidade. Titularidade da potestade regulamentaria. Procedemento de elaboración das disposicións administrativas de carácter xeral.

Módulo VII. Elaboración dun suposto práctico.

Sexta. Solicitudes e prazos

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP <http://egap.xunta.es>. Non serán admisibles outros modelos de solicitude. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. Recoméndase facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil para enviar mensaxes aos seleccionados.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecidas no punto anterior ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas para os efectos da selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico ao enderezo <xestion.egap@xunta.es>, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A devandita documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia a letra e) desta base.

e) O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

f) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

g) As dúbidas, dificultades técnicas e solicitudes de información serán atendidas pola EGAP a través do número de teléfono 981 54 62 57/981 54 62 46, o número de fax: 981 54 63 39 ou o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Sétima. Publicación das relacións do persoal seleccionado

a) A EGAP publicará na súa páxina web <http://egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días hábiles desde a publicación.

Ademais, quen facilite os seus datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación de persoas seleccionadas ou na lista de espera, foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ben ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará na súa páxina web <http://egap.xunta.es> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Oitava. Cambios ou substitucións na selección, renuncia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar ás actividades formativas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa, mediante o modelo de renuncia publicado na nosa páxina web. Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (Boletín Oficial del Estado do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

– O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto na alínea b) pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

– Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais.

– Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización das actividades.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c):

– Perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

– Pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

Novena. Realización de probas

Para poder aprobar o curso o alumnado deberá superar unha proba final de avaliación, que consistirá na elaboración dun suposto práctico.

Décima. Certificado de aproveitamento

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe, declarando apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

Décimo primeira. Modificacións

A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia poderán suspender o curso se non hai un mínimo de alumnos, así como modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento do curso serán anunciadas na páxina web da escola.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública