Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 1 de outubro de 2014 Páx. 42863

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2014 pola que se convoca un curso sobre actualización normativa en materia de tráfico e seguridade viaria.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a convocatoria dun curso sobre actualización normativa en materia de tráfico e seguridade viaria:

1. Datos da actividade.

Denominación:

Actualización normativa en materia de tráfico e seguridade viaria.

Tipo:

Curso.

Horas lectivas:

20.

Modalidade:

Presencial.

Obxectivos:

* Formar e especializar os policías locais sobre os novos cambios lexislativos en materia de tráfico e seguridade viaria.

* Dar a coñecer os delitos relacionados coa materia obxecto do curso e as intervencións que se poden presentar.

* Adquirir os coñecementos adecuados en materia administrativa, penal e procesual de alcoholemia e drogas na condución.

* Estudar a principal normativa relacionada coa seguridade viaria aplicable aos transportes terrestres e coñecer a normativa actual reguladora sobre competencia sancionadora en materia de tráfico.

Contido:

1. A nova Lei de seguridade diaria.

1.1. Análise da nova lei.

1.2. Presente e futuro.

2. Delitos contra a seguridade viaria.

2.1. Excesos de velocidade.

2.2. Condución baixo a influencia das bebidas alcohólicas.

2.3. Condución temeraria e con manifesto desprezo pola vida dos demais.

2.4. Negativa a someterse ás probas de alcohol e drogas.

2.5. Perda da vixencia do permiso de condución. Privación cautelar ou definitiva en vía xudicial.

2.6. Condución sen ter obtido nunca o permiso ou licenza.

2.7. Creación de grave risco para a condución.

3. Controis de alcoholemia e drogas.

3.1. Tipoloxía penal e administrativa.

3.2. Procedementos.

4. Transportes terrestres.

4.1. Escolar e menores.

4.2. Mercadorías perigosas.

4.3. Tacógrafos.

5. Procedemento sancionador.

5.1. Normativa reguladora e distribución de competencias.

5.2. Procedemento sancionador de tráfico.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

Persoal ao servizo da Administración local pertencente aos corpos de policía local e, de xeito complementario, membros das forzas e corpos de seguridade do estado.

Prazas ofertadas:

30 prazas.

Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Ourense.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación:

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 15 de outubro de 2014.

As solicitudes de participación e documentación complemetaria que se exixa deberán remitirse por escrito ao Negociado de Formación da Deputación Provincial:

– Por correo electrónico: formacion@depourense.es

– Por correo: Deputación Ourense-Negociado de Formación.

Rúa do Progreso, 30-2º, 32003 Ourense.

– Ou presentando a documentación no Rexistro Xeral da Deputación Provincial.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

A lista de seleccionados en cada curso exporase oficialmente no taboleiro de anuncios do Negociado de Formación da Deputación de Ourense, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e, ao mesmo tempo, os peticionarios poderán obter información sobre a súa admisión chamando o teléfono 988 38 51 42 ou consultando na páxina web www.depourense.es

Criterios de selección:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da Academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos, terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da Academia.

c) Antigüidade.

Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar:

O curso impartirase nas aulas de formación da Deputación Provincial de Ourense.

Horario:

Das 16.00 ás 20.00 horas.

Data de comezo:

20 de outubro de 2014.

Data de remate:

24 de outubro de 2014.

Certificado de asistencia:

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias:

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 22 de setembro de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública