Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 29 de setembro de 2014 Páx. 42497

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 123/2014, do 18 de setembro, polo que se regula a acreditación, a uniformidade e os distintivos do persoal voluntario das agrupacións de voluntarios de protección civil, a imaxe corporativa destas agrupacións e os equipos de mobilidade necesarios para o desenvolvemento das funcións de protección civil e emerxencias.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, estrutura de forma coordinada o labor das distintas administracións públicas de Galicia con competencias nas materias de protección civil e emerxencias e fixa o ámbito de colaboración da sociedade civil. Este sistema integrado de protección civil e emerxencias estrutúrase en dous ámbitos inseparables de actuación: por unha banda, a xestión de riscos, que comprende a súa identificación, avaliación, planificación e a posta en práctica de medidas estruturais de seguranza, e por outra, a xestión das emerxencias, que comprende a activación dos plans, a coordinación dos recursos para o seu control ata a súa conclusión e, de ser o caso, a rehabilitación posterior de servizos. Todo isto, de acordo coa Constitución española, o Estatuto de autonomía de Galicia e as sentenzas 123/1984, do 18 de decembro, e 133/1990, do 19 de xullo, do Tribunal Constitucional.

O título quinto da Lei 5/2007, do 7 de maio, no seu artigo 43, ocúpase da regulación do persoal adscrito ao sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, distinguindo entre persoal profesional, voluntario e colaborador, definindo no seu punto 3 o persoal voluntario como «aquel que, libre e desinteresadamente, se incorpora a entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro, que teñen como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións definidas nesta lei como situacións de xestión de riscos e de emerxencias».

No artigo 46.3 da citada lei establécese que o persoal voluntario deberá seguir un curso de formación básica, organizado ou homologado pola Xunta de Galicia, co fin de obter a acreditación precisa para o exercicio da súa función. A superación do devandito curso dará dereito á obtención dun carné de persoal voluntario do sistema integrado de protección civil e de xestión de riscos e de emerxencias de Galicia e mais a empregar os distintivos e as insignias que se establezan regulamentariamente.

O artigo 48.1 da mesma lei dispón que o persoal voluntario do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia se poderá agrupar, de acordo coa normativa autonómica en materia de voluntariado, en asociacións que terán como finalidade social a colaboración desinteresada na protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias; este persoal, de longa tradición na protección civil de Galicia, é coñecido como o persoal voluntario das agrupacións de voluntarios de protección civil, inscritas no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia; e que ao longo do decreto o denominaremos como persoal voluntario das AVPC. Así mesmo, no citado artigo no punto 3 alúdese ao desenvolvemento regulamentario dos distintivos dos membros das entidades antes citadas que tamén será motivo de regulación.

O artigo 11.2.a) da Lei 5/2007, do 7 de maio, atribúelle ao Consello da Xunta de Galicia a competencia para aprobar as disposicións de carácter xeral en materia de protección civil e xestión de emerxencias; así mesmo, a disposición derradeira primeira autoriza o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións de aplicación e desenvolvemento desta lei.

Transcorrido tempo da entrada en vigor da Lei 5/2007, do 7 de maio, e seguindo as súas directrices, é necesario proceder a regular e homoxeneizar a acreditación do persoal voluntario das AVPC, da súa uniformidade e distintivos externos que axuden á súa identificación e visibilidade ante a sociedade e tamén ante os demais corpos actuantes nas emerxencias, como colaboradores da protección civil e das emerxencias con formación e profesionalidade.

A día de hoxe existe un importante número de efectivos con dedicación á protección civil e emerxencias, que pertencen a distintas institucións e que son xestionados de forma directa ou indirecta por entidades públicas, pertencentes a distintas administracións ou cunha xestión compartida por varias delas; servizos con cambios estruturais, coa desaparición dalgúns e creación de outros; todo iso fai que tamén sexa necesario algunha regulación distinta á existente que corrixa deficiencias e se adapte á situación actual.

Deste xeito cómpre modificar, naquilo que lle afecte, o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia; a Orde do 19 de setembro de 2001, pola que se ditan as normas para a uniformidade dos voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 24 de xuño de 2002, pola que se ditan as normas sobre os distintivos dos responsables das agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia, que viñan regulando algunha destas cuestións, pero que foron perdendo vixencia na práctica, tanto por mor dos cambios nos métodos de intervención, ferramentas utilizadas, medios e actividades que van desenvolver as agrupacións de persoal voluntario de protección civil, así como pola aparición de novos materiais no mercado da vestimenta dos corpos de emerxencia que achegan máis seguridade e confort.

Para complementar esa visibilidade, á que se aludía en parágrafos anteriores, dun traballo ben feito de colaboración en protección civil e emerxencias polo persoal voluntario das AVPC, é conveniente tamén a regulación dos elementos de configuración externa que, no seu conxunto proxecte a imaxe que se quere dar destas agrupacións, por iso relanzar a súa imaxe corporativa focalizada na súa uniformidade, nas súas bases, nos vehículos e demais equipamentos de mobilidade, utilizados nas súas misións de protección civil e emerxencias, será un conxunto de accións necesarias que axudarán tamén a incrementar o nivel de seguridade dos cidadáns e do persoal actuante.

De acordo coas previsións de desenvolvemento normativo da Lei 5/2007, do 7 de maio, este decreto divídese nos seguintes capítulos:

O capítulo primeiro define o obxecto e ámbito de aplicación, sobre a acreditación, do persoal voluntario das AVPC, da uniformidade e distintivos que levarán, da imaxe corporativa das AVPC; do deseño, das condicións de marcación e rotulación e dos equipamentos de mobilidade.

O capítulo segundo recolle a acreditación do persoal voluntario das AVPC e a necesidade que teñen de superar un curso básico para a obtención da acreditación a través do carné de persoal voluntario do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia.

O capítulo terceiro regula a uniformidade e os distintivos externos de identificación do persoal voluntariado das AVPC; uniformes diferentes segundo funcións e actividades que se van realizar: uniforme de faena ou traballo e uniforme de representación e gala, sen acoutar a posibilidade doutros en función do especial risco da actividade.

O capítulo cuarto mostra a importancia que poden ter a regulación das cores, logos e deseño, en referencia á visibilidade do servizo e incluso ante a seguridade, dos equipos de mobilidade, tan necesarios en situacións de prevención como de emerxencias.

O capítulo quinto trata sobre a imaxe corporativa das AVPC e do persoal voluntario, regulando os símbolos externos de identidade destes, a través dos distintivos, os carteis, as cores, así como da imaxe da uniformidade, das bases e dos equipamentos de mobilidade.

A disposición derrogatoria contén unha enumeración das disposicións que quedan derrogadas á entrada en vigor deste decreto.

As disposicións derradeiras refírense ao prazo de adaptación á nova regulación; á habilitación para o desenvolvemento do decreto e á data da entrada en vigor da norma.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, unha vez emitido informe a Comisión Galega de Protección Civil e de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de setembro de dous mil catorce

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

1. Constitúe o obxecto deste decreto o establecemento do marco necesario para desenvolver regulamentariamente a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, en materia de acreditación, uniformidade e distintivos, que utilizará obrigatoriamente, no exercicio das súas funcións, o persoal voluntario das agrupacións de voluntarios de protección civil (en adiante, AVPC), inscritas no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Tamén é obxecto desta norma establecer a imaxe corporativa das AVPC, a sinalización exterior e interior de oficinas ou dependencias, os elementos de configuración externa e o deseño das condicións de marcación e rotulación dos equipamentos de mobilidade a disposición do persoal dos servizos municipais de protección civil, os grupos de emerxencia supramunicipais ou o persoal voluntario das AVPC.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A regulación en materia de acreditación, así como a de uniformidade e distintivos recollida, será de aplicación obrigatoria ao persoal voluntario das AVPC e ao persoal dos servizos profesionalizados de protección civil dos concellos que voluntariamente se sometan ao disposto neste decreto.

No referente ao deseño da rotulación de todos os equipos de mobilidade empregados en actividades de protección civil e emerxencias e a imaxe corporativa, será de aplicación obrigatoria ás AVPC e aos concellos no equipamento cedido en propiedade e voluntariamente en todo aquilo que lle poida afectar en materia de protección civil.

CAPÍTULO II

Da acreditación do persoal voluntario das AVPC

Artigo 3. Acreditación do persoal voluntario das AVPC

1. De acordo co previsto no artigo 46.3 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, o persoal voluntario das AVPC deberá seguir un curso de formación básica, organizado ou homologado pola Xunta de Galicia, co fin de obter a acreditación precisa para o exercicio da súa función. A superación do devandito curso dará dereito á obtención do carné de persoal voluntario do sistema integrado de protección civil e de xestión de riscos e de emerxencias de Galicia.

2. O currículo do curso de formación básica será un compendio de coñecementos básicos en materia de protección civil, prevención e extinción de incendios, primeiros auxilios, comunicacións e riscos, repartido en horas teóricas e prácticas e será deseñado pola Academia Galega de Seguridade Pública, organismo da Xunta de Galicia con competencias nesta materia, que será quen de expedir os diplomas correspondentes.

Artigo 4. O carné do persoal voluntario do sistema integrado de protección civil e de xestión de riscos e de emerxencias de Galicia

1. O carné do persoal voluntario do sistema integrado de protección civil e de xestión de riscos e de emerxencias de Galicia constitúe o documento persoal e intransferible, que faculta o seu titular para o desenvolvemento das actividades de protección civil, polo que é obrigatorio levalo nas súas actuacións.

2. O carné conterá a seguinte información:

a) No seu anverso, a fotografía da persoa titular, co seu nome e número de identificación, AVPC a que pertence e nome do concello onde radica a súa sede, así como o logo da Xunta de Galicia e o distintivo de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) No seu reverso constará a data de inscrición no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, a data de expedición do carné e a data de caducidade deste. Na súa parte inferior irá o selo do organismo con competencias na materia de protección civil da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A expedición do carné será realizada polo órgano con competencia en materia de protección civil e emerxencias da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e renovarase cada catro anos, logo da súa solicitude e entrega do carné caducado.

CAPÍTULO III

Da uniformidade e dos distintivos externos de identificación do persoal voluntario de protección civil de Galicia

Artigo 5. Dotación de uniformidade

As AVPC dotarán o seu voluntariado, no desenvolvemento das súas actividades como tal, da vestimenta adecuada de acordo co establecido neste decreto.

Artigo 6. Uso exclusivo da uniformidade

1. As pezas de uniformidade previstas neste decreto deberá utilizalas o persoal voluntario de protección civil e os servizos profesionalizados de protección civil municipal, cando, en relación con estes últimos, o concello correspondente así o determine.

2. Non se permitirá a utilización de pezas de uniformidade con distintivos iguais aos fixados neste regulamento e na orde que o desenvolva, por parte de institucións públicas, empresas privadas ou persoas particulares.

Artigo 7. Tipos de uniformidade

1. A vestimenta do persoal voluntario das AVPC estará constituída por dous modelos de uniforme, tendo en conta as diferentes circunstancias en que desenvolven as súas funcións e actividades: uniforme de faena ou traballo e uniforme de representación e gala. Cada modelo estará composto por un conxunto de pezas claramente definidas, de acordo co exposto no anexo.

2. Por orde da consellería competente en materia de protección civil e emerxencias determinarase o deseño, características e demais condicións técnicas das pezas que compoñen a uniformidade, atendendo fundamentalmente a criterios obxectivos de funcionalidade, seguridade, estética, visibilidade e operatividade.

3. Nas actuacións que supoñan especial risco tales como incendios, risco químico, estar en contacto con determinadas substancias perigosas ou nocivas, pode determinar que os actuantes teñan que levar, necesariamente, outra indumentaria de intervención, que cumpra cos parámetros de visibilidade e seguridade establecidos na normativa vixente para os efectos, adaptándose este tipo de pezas de roupa, no posible, á estética regulada neste decreto e posterior orde que o desenvolva.

Artigo 8. Obrigatoriedade da uniformidade

1. As persoas voluntarias de protección civil das AVPC estarán debidamente uniformadas, conforme o indicado neste decreto, durante a realización dun servizo de protección civil e emerxencias, actividades formativas oficiais e actos de representación.

2. As persoas voluntarias das AVPC teñen o deber de coidar e conservar as pezas de uniformidade que lle fosen entregadas, procurando mantelas sempre en bo estado.

Artigo 9. Distintivos

1. Os distintivos clasifícanse en insignias e divisas:

a) Son consideradas insignias para os efectos deste decreto os escudos de protección civil, do concello onde radique a sede da AVPC, outros distintivos oficiais concedidos e regulados por distinta normativa e aqueles socialmente recoñecidos concedidos por algunha institución como recoñecemento ao traballo voluntario de protección civil.

b) As divisas son aqueles distintivos acadados en función do grao e escala de pertenza do persoal voluntario, que ten que ver coa responsabilidade e mando dentro da organización.

2. Para a colocación, tamaños, distribución e utilización destes distintivos haberá que aterse ao disposto neste decreto e á orde de desenvolvemento da consellería competente en materia de protección civil e emerxencias.

Artigo 10. Insignias

1. As insignias que levarán as pezas de roupa do uniforme son o escudo do concello na manga dereita, o escudo de Galicia na manga esquerda e o escudo de protección civil, co nome da AVPC e o concello onde radique esta, no lado esquerdo do peito e nas pezas de cabeza.

2. O persoal voluntario poderá levar, na uniformidade de gala, outras condecoracións ou distincións oficiais, socialmente recoñecidas.

Artigo 11. Aspectos organizativos

1. As AVPC poden estruturarse en equipamentos, grupos, seccións e unidades, coordinadas por un responsable, pertencente ás escalas executiva ou superior.

2. As escalas clasifícanse en básica, executiva e superior; á básica pertence todo o persoal voluntario que non ten mando organizativo; á executiva os graos de xefe de equipo, xefe de grupo, xefe de sección e xefe de unidade e á escala superior os graos de subxefe de AVPC, xefe de AVPC e xefe coordinador.

3. Estes nomeamentos serán efectuados no seo da AVPC polo presidente desta, en atención ás necesidades de funcionamento e organización tendo en conta, entre outros, a experiencia e unha formación mínima para cada escala, que se regulará na orde de desenvolvemento deste decreto.

Artigo 12. Divisas: clasificación por escalas e graos

1. As divisas do persoal voluntario de protección civil consistirán en manguitos ou ombreiras de cor azul cobalto, co triángulo equilátero de protección civil en distintas cores e un número determinado de barras prateadas ou douradas en función da escala e grao que cada persoa voluntaria teña acadado:

a) Escala básica.

A ombreira para o persoal voluntario base será de cor azul cobalto co bordo en prateado e levará no seu interior un triángulo equilátero de cor azul cobalto sobre círculo laranxa, ambos os elementos co bordo en prateado.

b) Escala executiva.

As ombreiras da escala executiva serán de cor azul cobalto co bordo en prateado coa distinción, en función da xefatura, que a seguir se especifica:

1º. A ombreira para o/a xefe/a de equipo levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, un triángulo equilátero de cor amarela sobre círculo branco, ambos os elementos co bordo en prateado e unha barra prateada.

2º. A ombreira para o/a xefe/a de grupo levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, un triángulo equilátero de cor laranxa sobre círculo branco, ambos os elementos co bordo en prateado e dúas barras prateadas.

3º. A ombreira para o/a xefe/a de sección levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, un triángulo equilátero de cor verde sobre círculo branco, ambos os elementos co bordo en prateado e tres barras prateadas.

4º. A ombreira para o/a xefe/a de unidade levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, un triángulo equilátero de cor vermella sobre círculo branco, ambos os elementos co bordo en prateado e catro barras prateadas.

c) Escala superior.

As ombreiras da escala superior serán de cor azul cobalto co bordo en dourado coa distinción, en función da escala, que a seguir se especifica:

1º. A ombreira para o/a subxefe/a de agrupación levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, un triángulo equilátero de cor azul cobalto sobre círculo branco, ambos os elementos co bordo en dourado e dúas barras douradas.

2º. A ombreira para o/a xefe/a de agrupación levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, un triángulo equilátero de cor azul cobalto sobre círculo branco, ambos os elementos co bordo en dourado e tres barras douradas.

3º. A ombreira para o/a xefe/a coordinador/a levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, un triángulo de cor azul cobalto sobre círculo branco, ambos os elementos co bordo en dourado, e catro barras douradas.

4º Se a peza do uniforme non permitise utilizar as ombreiras ou manguitos, farase emprego dun soporte portadivisas que se prenderá no peito.

Artigo 13. Responsabilidade das AVPC

1. As AVPC serán as responsables últimas, diante da Administración autonómica, do cumprimento das disposicións deste decreto que afecten directamente estas organizacións ou os seus membros.

2. As bases reguladoras das subvencións que aprobe a consellería competente en materia de protección civil e emerxencias establecerá como requisito para ser beneficiario que as AVPC solicitantes cumpran coa normativa en materia de uniformidade e distintivos recollido neste decreto e nas ordes que o desenvolvan.

CAPÍTULO IV

Equipos de mobilidade

Artigo 14. Equipamentos de mobilidade

1. Son equipamentos de mobilidade para protección civil e emerxencias todos aqueles vehículos ou medios que teñen movemento mecánico de motor, ou ben que son apéndices dun vehículo que necesitan para facer a súa función, ambos os tipos deberán cumprir con todas as características ou especificacións técnicas a que obriguen a súa normativa e ser necesarios nos labores de protección civil e emerxencias.

2. Considéranse equipamentos de mobilidade: o vehículo turismo, a furgoneta ou monovolume, o todo terreo, a motocicleta, o quart, o segwai, a embarcación, a pala e coitela quita neve e o esparexador de sal, ademais daqueloutros de semellante entidade que poidan ser necesarios para a intervención nas distintas emerxencias.

CAPÍTULO V

Da imaxe corporativa das AVPC

Artigo 15. Imaxe corporativa

1. A imaxe corporativa das AVPC é a identidade visual a través de logos, distintivos e cores, será única e homoxeneizará visualmente todas as AVPC.

2. A imaxe corporativa utilizarase tanto nos carteis da sinalización exterior e interior de oficinas ou dependencias como na documentación identificativa, nos distintivos externos de identificación, nos equipamentos de mobilidade e naqueloutros de semellante entidade, co fin de facilitarlle á cidadanía unha mellor información e recoñecemento, así como aos demais servizos actuantes nas intervencións de protección civil e emerxencias.

3. Os símbolos gráficos, os logotipos, as variables cromáticas e tamén a súa tipografía determinaranse por orde da consellería competente en materia de protección civil que desenvolva este decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto neste decreto.

Quedan derrogadas expresamente as seguintes disposicións:

Os artigos 52.c), 69, 70 e 71 e anexo IV do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, que se opoña ao previsto neste decreto, naqueles aspectos que teñan que ver co persoal voluntario das AVPC.

A Orde do 19 de setembro de 2001 pola que se ditan as normas para a uniformidade dos voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 24 de xuño de 2002 pola que se ditan as normas sobre os distintivos dos responsables das AVPC de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Prazo de adaptación

As AVPC disporán dun prazo de catro anos, a partir da entrada en vigor deste decreto, para se adaptaren aos cambios regulados neste decreto sobre a acreditación, a uniformidade, a imaxe corporativa e a marcación e rotulación dos equipamentos de mobilidade.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias para ditar, no prazo de catro meses desde a entrada en vigor deste decreto, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de setembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

1. Uniforme de traballo ou faena.

O uniforme de traballo ou faena está integrado polas pezas que a seguir se relacionan e que, nunha posterior orde, se regularán as súas características esenciais, técnicas e cores, habilitándose á citada orde ou regulación posterior a posibilidade de incluír novas pezas se a situación do momento así o require:

Anorak

Pantalón impermeable

Forro polar

Cazadora

Funda de faena

Pantalón de faena

Polo manga curta

Polo manga longa

Gorra

Botas campaña

Botas auga

Chaleco reflectinte

Cinto

Pantalón curto

2. Uniforme de representación e gala.

O uniforme de representación está integrado polas pezas que a seguir se relacionan e que, nunha posterior orde, se regularán as súas características esenciais, técnicas e cores, habilitándose á citada orde ou regulación posterior a posibilidade de incluír novas pezas se a situación do momento así o require:

Gorra

Calcetíns

Camisa

Cinto

Gravata

Saia

Medias

Zapatos

Traxe

Gabardina

Luvas

Xersei