Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 29 de setembro de 2014 Páx. 42547

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 24 de setembro de 2014 pola que se modifica a Orde do 21 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

missing image file

A Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 30 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito de Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual (Diario Oficial de Galicia núm. 6, do 10 de xaneiro de 2014), modificada pola Orde do 13 de xuño de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 113, do 16 de xuño), recolle como beneficiarios das subvencións as administracións locais que contraten traballadores baixo a modalidade do contrato para a formación e a aprendizaxe no ano 2014 con anterioridade ao 15 de novembro de 2014.

A Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 21 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación de persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 105, do 4 de xuño), regula no anexo IV o Programa do fomento do contrato para a formación e a aprendizaxe (TR349G) e establece como contratos subvencionables os formalizados desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 30 de setembro de 2014.

A plena efectividade de ambas as ordes de fomento do contrato para a formación e a aprendizaxe exixe harmonizar as datas de formalización dos contratos subvencionables.

Así pois, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2004, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 21 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

Modifícase o número 1 da base primeira do anexo IV TR349G. Programa de fomento do contrato para a formación e a aprendizaxe da Orde do 21 de maio de 2014 que queda redactado como segue:

«1 Serán subvencionables ao abeiro deste programa os contratos para a formación e a aprendizaxe formalizados desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 30 de setembro de 2014, agás os concertados polos concellos e as deputacións provinciais que poderán formalizarse ata o 14 de novembro de 2014».

Disposición adicional única

Esta modificación non afecta os prazos establecidos na orde para a presentación de solicitudes nin tampouco afecta o resto do articulado da devandita orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar