Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 26 de setembro de 2014 Páx. 42444

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 22 de setembro de 2014, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se acorda someter a participación pública o documento preliminar do plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais.

A praia das Catedrais declarouse monumento natural mediante o Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro, e está situada no extremo oriental da provincia de Lugo, no termo municipal de Ribadeo.

O artigo 31 da Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza, enumera os distintos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos e establece que ás categorías de protección distintas dos parques naturais ou das reservas naturais lles corresponde, ao menos, a aprobación dun plan de conservación.

O monumento natural da praia das Catedrais, ao estar incluído nun espazo protexido da Rede Natura 2000, xa conta cun plan de ordenación dos recursos naturais aprobado mediante o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia; non obstante, o espazo, pola súa singularidade, está sometido a presións, principalmente de uso público, que xustifican a elaboración dun plan específico en aplicación da disposición derradeira terceira do dito decreto.

Ademais, o artigo 37 da Lei 9/2001 indica que os plans de conservación establecerán os réximes de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo. O seu contido mínimo vén citado no seu artigo 38.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso ao ambiente, establece, no seu título III o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 da desta lei

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público dun documento inicial do plan de conservación durante un prazo de 15 días naturais, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, coa finalidade de que aqueles interesados que se consideren directamente afectados poidan remitir observacións e opinións mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico planificación.conservación@xunta.es, poñendo no asunto «PC As Catedrais».

Segundo. Durante o citado prazo, o documento poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

– Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo.

– Páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

http://www.cmati.xunta.es/

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2014

Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza