Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 25 de setembro de 2014 Páx. 42220

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2014 sobre ampliación dos prazos establecidos nos artigos 2 e 21 da Resolución do 23 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria anticipada de subvencións para o exercicio 2014, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de aforro e eficiencia enerxética referidos á renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes nos concellos de Galicia (ILE), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013 (Diario Oficial de Galicia número 18, do 28 de xaneiro de 2014).

missing image file

No Diario Oficial de Galicia núm. 126, do 4 de xullo de 2014, publicouse a Resolución do 18 de xuño desta dirección pola que se concederon subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de aforro e eficiencia enerxética para a renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE) presentados polas entidades locais mencionadas no anexo da resolución.

De acordo co disposto no artigo 2 das bases reguladoras das axudas, o período de execución das actuacións subvencionadas estará comprendido entre o día 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2014 e segundo o disposto no artigo 21.3 das mesmas bases, o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos, polas entidades locais beneficiarias, rematará o 31 de outubro de 2014.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 285, do 27 de novembro (en diante, LRXPAC). A ampliación poderase acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte das entidades locais beneficiarias, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados nas referidas datas límite, por cuestións orzamentarias, de procedemento de contratación das obras e a demora nas entregas de materiais polos provedores.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar as datas límite que figura nos artigos 2 e 21.3 das bases reguladoras previstas, respectivamente, para a execución das actuacións e a xustificación dos investimentos, ampliándose o período de execución das actuacións que se subvencionan ata o 31 de outubro de 2014 e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 15 de novembro de 2014.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es), para os efectos previstos no artigo 59.6 b) da LRXPAC.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 49.3 da LRXPAC, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia