Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 24 de setembro de 2014 Páx. 42007

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2014 pola que se convoca un curso sobre xestión de residuos urbanos para o persoal dos corpos da policía local de Galicia.

Dentro do programa anual de actividades para o ano 2014 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) aprobado polo Consello Reitor na súa xuntanza do 27 de decembro de 2013, e ao abeiro do acordo marco de colaboración con Sogama, para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso sobre xestión de residuos urbanos para o persoal dos corpos da policía local de Galicia, conforme as seguintes bases:

Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Curso sobre xestión de residuos urbanos

Modalidade

En liña

Edicións

1

Horas lectivas

30

Prazas

50

Primeira. Obxectivos e contido

Obxectivos:

• Que os participantes tomen conciencia da problemática que, a día de hoxe, representa a elevada produción de residuos urbanos, capacitándoos para que poidan analizar e valorar as distintas alternativas existentes para facer fronte a esta.

• Que adquiran os coñecementos necesarios para levar á práctica no contorno social máis inmediato, o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

• Que dispoñan da información necesaria sobre o modelo Sogama na nosa comunidade, tanto en relación coa súa infraestrutura industrial como respecto á loxística empregada e programas de comunicación e educación ambiental postos en marcha pola entidade.

• Que coñezan os instrumentos didácticos e divulgativos utilizados pola empresa para sensibilizar a sociedade respecto da xestión sustentable dos refugallos.

• Que adquiran a bagaxe suficiente para influír, desde a súa dimensión profesional, nunha nova forma de visualizar os residuos, abrindo a porta a unha xestión máis sustentable do lixo.

Contido:

• Tema 1: Problemática xeral pola produción de residuos urbanos.

• Tema 2: Estratexia europea de xestión e tratamento dos refugallos. Principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

• Tema 3: Redución.

• Tema 4: Reutilización.

• Tema 5: Recollida selectiva.

• Tema 6: Recuperación enerxética de parte non reciclable e vertedura.

• Tema 7: Xestión e tratamento do lixo doméstico en España e Europa.

• Tema 8: O modelo de Sogama: cometido e infraestrutura industrial.

• Tema 9: A compostaxe doméstica.

• Tema 10: O prezo da xestión e tratamento dos residuos urbanos.

Segunda. Destinatarios/as

O curso vai dirixido ao persoal dos corpos das policías locais dos concellos galegos adheridos a Sogama que estean en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicarllo á Agasp de xeito inmediato. En caso de non facelo serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano, contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar realizando efectivamente un curso, non se emitirá ningún diploma deste.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de quedar prazas vacantes, poderán acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballen en Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Terceira. Desenvolvemento da actividade

• Lugar: a través da plataforma de formación en liña da Agasp.

• Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

• Data de comezo: 13 de outubro de 2014.

• Data de remate: 15 de decembro de 2014.

• Cuestionarios e tarefas: durante o desenvolvemento do curso, o alumnado participante deberá cubrir unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; non cubrir algún no prazo establecido será sancionado coa baixa no curso. No suposto de que os exercicios non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

• Visita instalacións e proba final: de carácter obrigatorio, realizarase na sede de Sogama. O alumnado contará con servizo de traslado (ida e volta) da Agasp a Sogama o día da proba final presencial do curso

Os cuestionarios, agás a proba presencial final, e as tarefas cubriranse a través da plataforma de formación en liña.

Cuarta. Requirimentos técnicos mínimos para os equipos do alumnado

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC:

• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

• Navegador: Mozilla Firefox 2 (recomendado) ou Internet Explorer 6.0 ou superior.

• Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

• Para ver os documentos en PDF necesítase ter instalado Acrobat Reader.

• Para que funcionen algúns elementos correctamente necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

Quinta. Proba final

A proba presencial final del curso desenvolverase de acordo coas seguintes indicacións:

• Lugar: Sociedade Galega do Medio Ambiente.

• Data: 13 de xaneiro de 2015.

• Hora: 12.00 horas.

• Contido: exame tipo test.

Os alumnos deberán vir ao exame provistos de:

• DNI ou algún outro documento que acredite a súa identidade.

Sexta. Inscrición

O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

O prazo de inscrición é de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax: 886 20 61 22 ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

No caso de atoparse nalgún dos supostos que a seguir se indican, o/a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación: (non será preciso, se tal documentación xa figura en poder da Agasp. Neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

Profesionais que estean gozando ou gozasen, nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

Sétima. Criterios de selección do alumnado participante

Os criterios xerais de selección son os que a seguir se indican, sen prexuízo de que para cursos específicos se requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta.

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen, nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para ser destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37 bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega, reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Oitava. Admisión

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas con, polo menos, cinco días naturais antes do inicio de cada curso.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días hábiles desde a súa publicación.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Todos aqueles que non figuren na relación, non foron seleccionados, ben por que ocupan un posto máis alonxado na listaxe de reservas, ben por que foron excluídos por algún motivo dos expresados nesta convocatoria, todo de acordo co previsto no artigo 59.6.b da LRXPAC.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificada ou necesidade do servizo, sempre que acredite documentalmente o feito alegado o/a xefe/a do corpo da policía local do concello en que traballe ou persoa responsable deste.

A renuncia debe ser comunicada por escrito e cunha antelación de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e en que a persoa figure como posible destinataria delas, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que polo menos teñan a mesma carga horaria do curso polo que foi penalizado.

Novena. Certificación

Para poder superar o curso, e recibir o correspondente diploma de aproveitamento, é obrigatorio:

a) Correcta realización das actividades que propoña a titoría e no prazo que se determine.

b) Lectura detallada dos contidos do curso.

c) Asistencia e superación da proba final presencial establecida.

Non se expedirá diploma de asistencia.

Décima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

A Estrada, 16 de setembro de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública