Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Luns, 22 de setembro de 2014 Páx. 41776

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 114/2014, do 4 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a necesidade de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras, declaradas de emerxencia, para a reparación de desprendementos na CG-4.1 Rande-Alto da Portela, p.q. 11+700 e 12+700. Clave: PO/14/027.02.

Na primeira quincena do mes de marzo, e como consecuencia das condicións climatolóxicas, no Corredor do Morrazo, CG-4.1, no p.q. 11+700 (saída 12-Cangas, centro), marxe dereita, carril de desaceleración, produciuse un desprendemento do noiro con ruína parcial do muro de repie existente, nunha lonxitude de 115 metros, invadindo a calzada do referenciado ramal. Este desprendemento afecta, na coroación do noiro, á vía de servizo e ao depósito de auga existente da comunidade de usuarios, e afecta tamén ao tronco da CG-4.1 no p.q. 12+700, con desprendementos de similares características.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas deu conta ao Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do pasado 10 de abril, da obra para reparar o noiro danado por desprendementos no p.q. 12 do Corredor do Morrazo, declarada de emerxencia pola Axencia Galega de Infraestruturas o pasado 25 de marzo. Estas circunstancias obrigan a unha urxente ocupación dos terreos necesarios, os cales aparecen recollidos e valorados no expediente administrativo instruído para tal efecto.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos, para facer fronte aos problemas de seguridade viaria provocados na zona, sendo necesario proceder de xeito inmediato á execución da obra de emerxencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, os cales aparecen recollidos e valorados no expediente administrativo instruído para tal efecto.

O artigo 27 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia declara, xenericamente, o interese xeral das obras de estradas. En consecuencia, en aplicación do artigo 10 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, o recoñecemento concreto da utilidade pública correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por analoxía coa estrutura da Administración xeral do Estado.

A competencia para declarar a necesidade de ocupación e a súa urxencia, regulados, respectivamente, nos artigos 15 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia a teor do previsto no artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día catro de setembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído para a execución das obras, declaradas de emerxencia, para a reparación de desprendementos na CG-4.1 Rande-Alto da Portela, p.q. 11+700 e 12+700, así como para calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución das obras.

Santiago de Compostela, catro de setembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas