Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 12 de setembro de 2014 Páx. 38664

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2014, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa e autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra (expediente IN407A 2014/60-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e autorización administrativa de construción para as instalacións eléctricas que a continuación se describen:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: LAT 66 kV Ponte Caldelas-Ponte Sampaio tendido 2º circuíto na entrada das subestacións de Ponte Caldelas e Ponte Sampaio.

Situación: Ponte Caldelas e Pontevedra.

Características técnicas:

Liña de alta tensión subterránea a 66 kV con condutor RHZ1 estruturada en dous tramos:

1. 152 metros en canalización existente. Orixe apoio paso aéreo-subterráneo (PAS) existente nº 12 e final na subestación Ponte Caldelas.

2. 106 metros. Orixe apoio PAS existente nº 34 e final na subestación Ponte Sampaio.

A instalación está situada nos concellos de Ponte Caldelas (o tramo 1) e Pontevedra (o tramo 2).

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG nº 54, do 19 de marzo), esta xefatura territorial resolve:

Conceder autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a dita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e as condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 12 meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 20 de agosto de 2014

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra