Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 8 de setembro de 2014 Páx. 37326

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2014, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as agrícolas, convocado pola Orde do 16 de xullo de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 140, do 24 de xullo), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do terceiro exercicio do proceso selectivo.

En sesión que tivo lugar o día 2 de setembro de 2014, o tribunal nomeado pola Orde do 6 de febreiro de 2014, da Consellería de Facenda (DOG núm. 36, do 21 de febreiro), para cualificar proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as agrícolas, acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, que o terceiro exercicio da oposición terá lugar o día doce (12) de setembro de 2014, nas aulas 7 e 8 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en chamamento único que se iniciará ás 16.00 horas.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. Os aspirantes serán provistos de calculadora polo tribunal, quedando prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2014

Roberto Suárez Vázquez
Presidente do tribunal