Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 5 de setembro de 2014 Páx. 37152

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 27 de agosto de 2014 pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1, de acordo co 149.1, 7º da Constitución española, recolle como competencia propia desta comunidade autónoma a execución da lexislación básica do Estado en materia laboral, que asumiu os servizos e funcións inherentes a través do Decreto 117/1982, do 5 de outubro, en materia de traballo, e o Decreto 168/1984, do 15 de novembro, relativo á unidade administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo.

Así mesmo, no Decreto 106/1994, do 21 de abril, establécese o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo que poderá conceder a Consellería de Traballo e Benestar ao cal se axustarán as ordes da convocatoria daquelas, baixo os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En desenvolvemento da referida lexislación e para a Comunidade Autónoma de Galicia publicábase a Orde do 12 de xuño de 2008, pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994, do 21 de abril, da Xunta de Galicia, e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas, e se convocan estas axudas para o exercicio de 2008.

Por outra banda, mediante Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro (BOE do 29 de xaneiro), establécense as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas, normativa de competencia exclusiva do Estado, sen prexuízo da súa execución polos órganos das comunidades autónomas.

Este real decreto derroga a normativa estatal básica anterior en materia de axudas previas á xubilación ordinaria, o que trae consigo a necesidade de modificación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que, mediante a presente orde, detállanse as especificidades do procedemento que levará a cabo nesta materia a autoridade laboral de Galicia.

Por todo o exposto, despois de consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento, para a Comunidade Autónoma de Galicia, de normas de carácter permanente para a xestión do procedemento das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

2. En todo o non establecido nesta orde observarase o disposto no referido Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro.

Artigo 2. Réxime de concesión destas axudas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

1. As axudas reguladas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, están destinadas a facilitar unha cobertura económica a persoas traballadoras próximas á idade de xubilación para atender situacións de urxencia e necesidade sociolaboral que permitan paliar as consecuencias sociais derivadas dos procesos de reestruturación de empresas que poderían levar consigo o cesamento total ou parcial da actividade destas ou contribúan ao mantemento do emprego.

2. As solicitudes e a súa tramitación e concesión axustaranse, ademais de ao disposto nesta orde, ao establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

3. As axudas outorgaranse en réxime de concesión directa, conforme o artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os artigos 36 a 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e nos artigos 22.2.c) e 28 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, por concorreren na concesión delas razóns de interese público e dificultades na súa convocatoria pública derivadas da natureza da situación de urxencia e necesidade sociolaboral que se trata de solucionar mediante a concesión da subvención.

4. A parte das axudas amparadas por esta orde que corresponde achegar á Comunidade Autónoma de Galicia imputarase á aplicación orzamentaria e código de proxecto que anualmente se designe na correspondente convocatoria e financiarase con cargo á consignación de créditos que, como consecuencia da distribución territorial anual, efectúe a Administración do Estado para o citado programa de axudas.

5. O procedemento de concesión será o descrito nesta orde, sen que sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 3. Procedemento para o recoñecemento das persoas traballadoras potencialmente beneficiarias da axuda

1. No caso de persoas traballadoras afectadas por despedimento colectivo, do artigo 51 do Estatuto dos traballadores, a empresa e a representación legal das persoas traballadoras conxuntamente poderán presentar, nos quince días seguintes á comunicación á autoridade laboral do acordo acadado no período de consultas, e ante a dirección xeral competente en materia de traballo, a solicitude de autorización para acollerse ás axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social para aquelas persoas traballadoras incursas no procedemento de despedimento colectivo que cumpran o requisito establecido no artigo 3.3 del Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, e respecto das cales se prevexa que cumprirán o resto dos requisitos previstos no mesmo artigo 3 para seren beneficiarias das axudas.

2. No caso das persoas traballadoras despedidas en virtude do artigo 52.c) do Estatuto dos traballadores, a solicitude presentaraa a empresa e a representación legal das persoas traballadoras conxuntamente, ou unicamente a empresa no caso de inexistencia de representación legal das persoas traballadoras, durante o prazo de aviso previo previsto no artigo 53.1.c) do Estatuto dos traballadores ou nos quince días seguintes ao despedimento no caso de que non se conceda este.

3. Na solicitude de autorización, segundo o modelo TR821A que figura como anexo I a esta orde, deberán facer constar:

a) No caso de despedimentos colectivos realizados conforme o artigo 51 do Estatuto dos traballadores, indicación do número de expediente, para os efectos de poder acceder ao acordo acadado no período de consultas.

b) Relación das persoas traballadoras para as cales se solicitan as axudas, indicando a data de nacemento, o número de afiliación á Seguridade Social, o documento nacional de identidade, a antigüidade na empresa, o grupo de cotización á Seguridade Social, as datas previstas de acceso ás axudas e unha previsión do custo económico individualizado.

4. Así mesmo, xunto co modelo TR821A deberase incluír a seguinte documentación:

a) Memoria en que se farán constar os motivos polos cales se solicitan as axudas.

b) No caso de despedimentos colectivos realizados conforme o artigo 51 do Estatuto dos traballadores, documentación que acredite a posta á disposición das persoas traballadoras da indemnización correspondente (artigo 53.1.b) do Estatuto dos traballadores).

c) Nos casos previstos no artigo 52.c) do Estatuto dos traballadores (ET) acreditarase de forma que faga fe que se cumpriron os requisitos do artigo 53.1 do Estatuto dos traballadores, mediante a entrega de:

– Copias das comunicacións da concesión as persoas traballadoras do prazo de aviso previo (artigo 53.1.c) do ET).

– Copias das comunicacións, por escrito, dos despedimentos ás persoas traballadoras (artigo 53.1.a) do ET).

– Documentación que acredite a posta á disposición das persoas traballadoras da indemnización correspondente (artigo 53.1.b) do ET).

d) Documento mediante o cal a representación legal das persoas traballadoras autorice a empresa para presentar a solicitude, cando sexa obrigatoria a presentación conxunta por ambas as partes.

5. A dirección xeral competente en materia de traballo, como órgano responsable da tramitación, unha vez recibida a solicitude, xunto coa documentación preceptiva, procederá a comprobar se a solicitude e a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde. De apreciarse algún defecto nesta documentación, ou se estiver incompleta, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o citado órgano requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, efectúe as correccións oportunas ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

6. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de traballo, por delegación da persoa titular da consellería competente na mesma materia, resolverá a solicitude respecto daquelas persoas traballadoras que, tendo sido despedidas conforme os artigos 51 ou 52.c) do Estatuto dos traballadores, cumpran o requisito do artigo 3.3 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, e se prevexa que poidan cumprir os demais requisitos establecidos no artigo 3 do citado Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro.

7. A estimación desta solicitude é necesaria para o recoñecemento do dereito á concesión da axuda, se ben tal recoñecemento deberá solicitarse a través do procedemento regulado nesta orde, no momento en que se cumpran todos os requisitos establecidos no artigo 3 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, estando, en todo caso, condicionado á existencia de crédito orzamentario no exercicio en que se deba proceder ao pagamento.

8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses. Transcorrido o referido prazo máximo sen terse notificada a resolución, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Contra a resolución, que pon fin á vía administrativa, ou contra a desestimación por silencio administrativo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñerse recurso potestativo de reposición, de acordo co establecido no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Procedemento para a concesión da axuda

1. No caso de que se resolva favorablemente a solicitude de autorización regulada no artigo anterior respecto a todas ou a algunha das persoas traballadoras despedidas, a empresa deberá presentar, ante o mesmo órgano que resolveu a solicitude inicial, nos dous primeiros meses do exercicio en que se produza o cumprimento de todos os requisitos establecidos no artigo 3 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, unha comunicación, procedemento TR821B, que figura como anexo II a esta orde, en que se detallen a persoa ou persoas traballadoras que cumpren os referidos requisitos, indicando a data de nacemento, o número de afiliación á Seguridade Social, o documento nacional de identidade, a antigüidade na empresa, o grupo de cotización á Seguridade Social e a data de acceso ás axudas, xunto cos cálculos sobre o importe das referidas axudas, para os efectos de que o órgano responsable da tramitación poida solicitar os fondos necesarios nese exercicio orzamentario para facer fronte ás solicitudes presentadas, en cumprimento do establecido no artigo 10.3 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro.

2. Unha vez coñecidas as necesidades de financiamento, anualmente a consellería competente en materia de traballo publicará, mediante resolución, o importe destinado nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para estas axudas.

3. A partir da publicación do dito importe, a empresa, despois de cumpridos os trámites anteriormente descritos, deberá presentar a solicitude definitiva, procedemento TR821C, no prazo de dez días naturais a partir da publicación da resolución a que se refire o punto anterior, segundo o modelo que figura como anexo III a esta orde, na cal deberá figurar:

– O compromiso da empresa de realizar a súa achega ao financiamento das axudas na forma e prazos que se establecen nos artigos 12 e 13 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, e de anticipar ás persoas traballadoras a axuda que lles fose recoñecida se, transcorridos tres meses desde a data de comezo, non se fixese efectiva por causas imputables á empresa, podendo resarcirse esta das cantidades anticipadas, previa a acreditación destas, no momento de efectuar a súa achega.

4. Xunto co referido anexo III presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social en que consten os períodos de permanencia en alta na Seguridade Social e as seis últimas bases cotizadas, por continxencias profesionais, con indicación das horas extras se as houber, e por continxencias comúns, anteriores á última baixa, a do despedimento. No caso de persoas traballadoras a tempo parcial ou fixas descontinuas, deberán figurar as doce últimas bases.

b) Certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) ou do Instituto Social da Mariña (ISM) sobre bonificacións de idade que correspondan á persoa traballadora, de ser o caso.

c) Certificación de nacemento da persoa traballadora.

d) Comunicación das baixas e incidencias producidas respecto do colectivo inicial obxecto da solicitude, así como daquelas persoas traballadoras que se atopen na situación prevista no artigo 8.3 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, para as cales se suspenderá a resolución da concesión mentres permanezan na dita situación.

e) Conformidade individualizada das persoas traballadoras de acollerse á axuda, segundo o modelo que figura como anexo IV a esta orde. A presentación do dito documento implicará a autorización ao órgano instrutor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o acceso, por medios telemáticos, á súa información na base de datos da Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Non obstante, a persoa interesada poderá denegar expresamente o consentimento e debe entón achegar as correspondentes certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

f) Declaración responsable de que a persoa traballadora non está incursa en ningunha das prohibicións recollidas artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo que figura como anexo V a esta orde.

5. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de traballo, por delegación da persoa titular da consellería competente na mesma materia, resolverá sobre esta solicitude, determinando, de ser o caso, o dereito das persoas beneficiarias ao cobramento efectivo das axudas, a súa contía e duración, condicionado ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio en que se proceda ao pagamento das ditas axudas, así como ao cumprimento por parte da empresa das súas obrigas de achega ao financiamento das axudas na forma e prazos que se establecen nos artigos 12 e 13 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, e ao esgotamento da prestación contributiva por desemprego pola persoa beneficiaria.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concesión da axuda será de dous meses. Transcorrido o referido prazo máximo sen terse notificado a resolución, entenderase desestimada a solicitude de concesión da axuda por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Contra a resolución, que pon fin á vía administrativa, ou contra a desestimación por silencio administrativo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñerse recurso potestativo de reposición, de acordo co establecido no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Presentación das solicitudes e documentación

1. Os distintos anexos deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través dos formularios dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es),
de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Alternativamente, tamén se poderán presentar os anexos en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.traballo.benestar@xunta.es

Artigo 8. Órgano instrutor

En relación co establecido no artigo 11 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o órgano encargado da tramitación dos expedientes e a formulación das propostas de resolución que procedan será a subdirección xeral competente en materia de traballo da dirección xeral competente na devandita materia.

Artigo 9. Órgano resolutorio

1. En virtude do establecido no artigo 10.2 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, cando as persoas beneficiarias das axudas se atopen adscritas a centros de traballo situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia o exercicio da competencia para resolver as solicitudes reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da dirección xeral competente en materia de traballo, por delegación da persoa titular da consellería competente na mesma materia, segundo o recollido na presente orde.

2. En todo caso, a concesión da axuda estará condicionada á existencia de dispoñibilidade orzamentaria en cada exercicio orzamentario. A comunidade autónoma, antes de resolver as solicitudes previstas nesta orde, deberá solicitar e coñecer da Dirección Xeral de Emprego do Ministerio de Emprego e Seguridade Social as previsións de crédito para os exercicios en que teña que realizarse o pagamento das ditas axudas.

Artigo 10. Financiamento

1. Segundo o establecido no artigo 12 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, o financiamento destas axudas, así como as correspondentes cotizacións á Seguridade Social, corresponderá nun 60 % á empresa solicitante e o 40 % restante con cargo á aplicación orzamentaria correspondente da consellería competente en materia de traballo.

2. En canto a parte correspondente á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 18 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, para as comunidades autónomas que xestionan estas axudas, o financiamento realizarase con cargo ao orzamento xeral do Estado para cada ano, establecendo os criterios obxectivos para a súa distribución territorial a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, polo que este financiamento terá a consideración de fondos finalistas.

3. O crédito que se estableza inicialmente cada ano poderá ser obxecto de modificacións, segundo o establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de subvencións do ámbito laboral, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais.

4. Segundo o establecido no artigo 13 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, a participación da empresa poderá superar a porcentaxe antes indicada, sempre que exista conformidade previa dela.

Artigo 11. Achega da administración

A consellería competente en materia de traballo, unha vez que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social lle comunique a súa conformidade coa achega e coas garantías prestadas pola empresa, cos requisitos establecidos nos artigos 14 e 17 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, para cada unha das modalidades previstas, porá ao dispor da Tesouraría Xeral da Seguridade Social os fondos públicos necesarios para o aboamento das axudas, que se pode facer dunha soa vez ou de xeito fraccionado por anualidades, ata un máximo de catro anos.

Artigo 12. Pagamento da axuda e réxime de xustificación e control

1. O pagamento da axuda previa á xubilación ordinaria ás persoas traballadoras beneficiarias levarao a cabo a Tesouraría Xeral da Seguridade Social na mesma forma e prazo que as pensións do sistema de Seguridade Social, unha vez garantida a achega da empresa, segundo o establecido no artigo 15 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro.

2. Para tales efectos, a dirección xeral competente en materia de traballo dará traslado á Tesouraría Xeral da Seguridade Social de cantas resolucións se diten concedendo axudas previas á xubilación ordinaria, expresando o número de anualidades en que van realizar as achegas pública e empresarial, a súa contía e correspondentes vencementos ou, de ser o caso, se o pagamento se efectuou dunha soa vez, así como das follas de valoración de cada unha das persoas beneficiarias, nas cales farán constar os datos persoais e económicos destas.

3. Estas axudas someteranse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a consellería competente en materia de traballo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da comunidade autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos competentes da Administración do Estado, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para estas funcións poderase recadar das empresas e das persoas traballadoras beneficiarias canta información sexa necesaria para verificar a aplicación dos fondos ás finalidades previstas.

4. Así mesmo, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social realizará as actuacións de comprobación previstas no artigo 15.1.b) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional única. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da consellería competente en materia de traballo na persoa titular da dirección xeral competente na mesma materia, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 12 de xuño de 2008 pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994, do 21 de abril, da Xunta de Galicia, e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas, e se convocan estas axudas para o exercicio de 2008.

Disposición derradeira primeira. Facultades de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de traballo para que dite, no ámbito da súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, así como para a convocatoria anual das ditas axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file