Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 27 de agosto de 2014 Páx. 36486

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de agosto de 2014 pola que se concede ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, adscrito á Universidade de Dublín, autorización para a efectiva impartición do quinto curso correspondente ao título de Bachelor of Architectural Science and Master of Architecture e a realización dun programa de prácticas ao finalizar este, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducente á obtención de titulacións non homologadas coas do sistema educativo español.

Mediante o Decreto 205/2011, do 27 de outubro (DOG do 8 de novembro), concedéuselle ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, autorización para implantar os estudos correspondentes ao título de Bachelor of Architectural Science & Master of Architecture, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducente á obtención de titulacións non homologadas coas do sistema educativo español.

No artigo 3 do dito decreto indícase que a impartición efectiva dos cursos de que constan os estudos a que se refire o artigo 1 do citado decreto farase mediante orde anual da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Mediante as ordes do 18 de novembro de 2011, do 4 de outubro de 2012 e do 11 de novembro de 2013 concedéuselle autorización ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, para a efectiva impartición dos catro primeiros cursos correspondentes ao título de Bachelor of Architectural Science & Master of Architecture, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducente á obtención de titulacións non homologadas coas do sistema educativo español.

Para este fin e previamente á acta de inspección asinada o 31 de xullo de 2014 e ao informe de avaliación favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, o centro xustificou ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a contratación de profesorado mantendo as ratios de calidade de profesor/alumno a que se comprometeu no expediente, así como os requisitos relativos aos espazos e planificación das ensinanzas correspondentes ao quinto curso e a realización dun programa de prácticas para desenvolver ao finalizar este dun curso académico de duración, co fin de permitirlle ao estudantado o desenvolvemento das habilidades requiridas para o exercicio da profesión.

Por todo iso, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1

Autorizar ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, domiciliado na rúa Feáns, nº 152, da Coruña, adscrito á Universidade de Dublín, para a efectiva impartición do quinto curso correspondente ao título de Bachelor of Architectural Science & Master of Architecture e a realización dun programa de prácticas para desenvolver ao finalizar este dun curso académico de duración, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducente á obtención de títulos superiores non homologados academicamente cos títulos universitarios do sistema educativo español.

Artigo 2

Aos estudantes que na data de entrada en vigor desta disposición se encontren cursando estudos conducentes aos títulos de Bachelor of Architectur, autorizado polo Decreto 74/2004, do 25 de marzo, seranlles de aplicación as disposicións reguladoras polas que iniciaron os seus estudos, no que se refire á garantía dos seus dereitos académicos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria