Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Luns, 25 de agosto de 2014 Páx. 36307

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 5 de agosto de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo, no ámbito da unidade de actuación 49.

O Concello de Arteixo remite novamente documentación do asunto, para o seu sometemento a un segundo informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia e, se é o caso, a súa aprobación definitiva, ao abeiro do establecido no artigo 85.7 en relación co 94.4 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Arteixo, en relación co cumprimento da Orde da CMATI do 2 de abril de 2014 e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

1. O Concello de Arteixo dispón, na actualidade vixentes, dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 23 de marzo de 1995 (texto refundido do 4 de maio de 1995).

2. O concello non solicitou o informe previo á aprobación inicial previsto no artigo 85.1 da LOUG, de acordo co segundo parágrafo do artigo 93.4 da LOUG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 28 de febreiro de 2013 non someter a proposta ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

4. Constan informes favorables dos servizos municipais previos á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG) do arquitecto municipal (19 de abril de 2013 e 20 de xuño de 2013) e do técnico de administración xeral (8 de xullo de 2013).

5. A modificación foi aprobada inicialmente polo concello en pleno do 15 de xullo de 2013 e sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 31 de xullo de 2013, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia do 17 de xullo de 2013). A aprobación inicial foi notificada aos concellos limítrofes (A Laracha, A Coruña e Culleredo, conforme o artigo 85.2 da LOUG). Foron presentadas dúas alegacións segundo certificado do 1 de outubro de 2013.

6. Constan os seguintes informes dos servizos municipais posteriores á aprobación inicial:

a) Arquitecto municipal do 20 de decembro de 2013, sobre as alegacións presentadas; e do 30 de decembro de 2013, favorable á aprobación provisional.

b) Técnico de administración xeral municipal do 30 de decembro de 2013, favorable á aprobación provisional, ao que deu a súa conformidade á Secretaría municipal.

c) Interventor municipal do 18 de outubro de 2013, sobre a viabilidade da modificación.

d) Redactora da modificación con data do 19 de decembro de 2013 sobre as alegacións presentadas.

7. Contan informes de Augas de Galicia do 1 de outubro de 2013 e do 20 de decembro de 2013, este segundo favorable con varias condicións.

8. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo pleno municipal do 3 de xaneiro de 2014.

9. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia emitiu informe favorable sobre a modificación na súa sesión do 19 de abril de 2014.

10. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolveu non outorgar a aprobación definitiva á modificación mediante Orde do 2 de abril de 2014, pola falla da reserva de vivenda protexida e da fixación dos prazos para o cumprimento dos deberes urbanísticos no marco da estratexia de actuación que se defina.

11. O concello remitiu o 15 de abril de 2014, expediente administrativo, informe do arquitecto municipal do 11 de abril de 2014, e a documentación complementaria redactada pola arquitecta María Dolores Crespo Chouza.

12. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia emitiu un novo informe favorable sobre a modificación na súa sesión do 18 de xuño de 2014.

II. Ámbito e obxecto da modificación.

1. O ámbito da modificación de 19.590 m2 está constituído pola unidade de actuación 49 das normas subsidiarias municipais no núcleo urbano de Arteixo. Non consta a aprobación instrumento de equidistribución da unidade.

2. Conforme o disposto na letra c) da disposición transitoria primeira da LOUG, resulta de aplicación o réxime urbanístico do solo urbano non consolidado.

3. A modificación ten por obxecto (punto a.2 da memoria):

a) Obter un novo equipamento dotacional público asistencial/docente necesario para a implantación polo concello deste uso deficitario no municipio.

b) Reordenar o ámbito con criterios de calidade urbana, reconfigurando os volumes edificables para aumentar a permeabilidade do parque co entramado urbano.

III. Análise e consideracións.

1. Reserva de vivenda protexida (punto III.6.a da Orde do 2 de abril de 2014).

A modificación prevé unha reserva de vivenda protexida para o ámbito dun 30 % da edificabilidade residencial, sen prexuízo da súa posible revisión conforme as porcentaxes de reserva total do concello (PTRC) que se vaian publicando.

2. Fixación dos prazos para o cumprimento dos deberes urbanísticos (punto III.6.b).

Prevese un plan de etapas con varias fases, que se resumen en 48 meses para a completa execución da urbanización (contada desde a aprobación definitiva da modificación) e noutros 48 meses a partir da recepción das obras de urbanización para a materialización da edificación nos soares resultantes.

3. Alteracións da ordenación da zona verde.

A modificación, aprobada provisionalmente o 3 de xaneiro de 2014 e da que emitiu informe a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia o 19 de marzo de 2014, establecía como determinación unha ocupación máxima por equipamentos de 1.499,37 m2, o 10 % da zona verde VP incluída na UA-49.

O proxecto, aprobado provisionalmente o 11 de xuño de 2014, prevé a posibilidade de ocupar o ámbito de localización de equipamento dotacional público en ata 3.000 m2 de solo correspondentes a 30.000 m2 de solo de parque VP do plano de ordenación O-03.

A proposta respecta o límite de ocupación do parque VP por equipamentos (10 %).

Estes cambios supoñen unha alteración da ordenación da zona verde da UA-49 que foi obxecto do informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo do 18 de xuño de 2014.

De conformidade co artigo 89 da LOUG, e o artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo, no ámbito da unidade de actuación 49.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas