Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Venres, 22 de agosto de 2014 Páx. 36148

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de xullo de 2014 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma gallega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse por Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, correspondéndolle a dita competencia á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón, no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, a aprobación e a modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 desta norma establece a obrigatoriedade de lle comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo acordou en Asemblea Xeral con data do 3 de xullo de 2014, a aprobación dos seus estatutos que foron presentados ante esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva.

Verificada a adecuación á legalidade vixente dos estatutos presentados, en uso das facultades que me outorga o artigo 18 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Estes estatutos derrogan os anteriores que foron aprobados por Orde do 24 de novembro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo

Título I
Disposicións xerais

Capítulo I
Denominación, natureza xurídica e fins

Artigo 1. Denominación, ámbito territorial e domicilio

A súa denominación é a de Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo. O ámbito territorial é o da provincia de Lugo.

O Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo terá o seu domicilio social na rúa Ramón y Cajal, nº 2, andar 3º, 27001 Lugo. Páxina web: www.colvetlugo.com; e-mail: lugo@colvet.es

Artigo 2. Natureza xurídica

1. O Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo é unha corporación de dereito público, recoñecida pola Constitución e amparada pola lexislación estatal e autonómica vixente en materia de colexios profesionais, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento das súas fins.

O Colexio terá tratamento de Ilustre, e o seu presidente/a o de Ilustrísimo/a. A súa estrutura interna e funcionamento deberán ser democráticos.

2. Ademais do previsto nos presentes estatutos, o Colexio rexerase en todo caso polo disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de Colexios Profesionais de Galicia; na Lei estatal 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, ou na lexislación que a suceda. Tamén serán de aplicación, no non previsto polos presentes estatutos, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, os regulamentos, os acordos dos órganos de Goberno do Consello Xeral e de Galicia e os do propio Colexio de Veterinarios de Lugo, así como o resto da normativa vixente directamente aplicable.

3. O Colexio de Veterinarios de Lugo pode adquirir, allear, gravar e administrar toda clase de bens e dereitos, e exercer diante dos xulgados e tribunais de calquera xurisdición e grao, as accións que no seu propio interese considere convenientes.

Artigo 3. Fins

Son fins esenciais deste Colexio:

a) A ordenación, no ámbito da súa competencia, do exercicio da profesión veterinaria, a representación exclusiva desta e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados.

b) A salvagarda e observancia dos principios deontolóxicos e ético-sociais da profesión veterinaria e da súa dignidade e prestixio, a cuxo efecto lle corresponde cumprir e facer cumprir aos colexiados o código deontolóxico que corresponda.

c) A promoción, por todos os medios ao seu alcance, da constante mellora dos niveis científico, cultural, económico e social dos colexiados, a cuxo efecto poderá organizar e manter toda clase de institucións culturais e sistemas de previsión e protección social.

d) A colaboración cos poderes públicos na consecución da saúde das persoas e animais, mellora da gandaría e a máis eficiente, xusta e equitativa regulación e ordenación do sector gandeiro e alimentario desde a fase de produción ao consumo, así como a atención ao ambiente e a protección dos consumidores.

e) A mellora da sanidade, a produción, o benestar animal e o ambiente.

f) A protección dos intereses de consumidores e usuarios.

g) Os recollidos nos vixentes estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e na lexislación estatal e autonómica en materia de colexios profesionais.

Capítulo II
Funcións

Artigo 4. Funcións

Serán funcións propias do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, no seu ámbito territorial, as que lle atribúen o artigo 5 e 6 da vixente Lei estatal de colexios profesionais, as sinaladas nos vixentes estatutos xerais da organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, en relación cos fins que ten encomendados de Colexios Profesionais de Galicia e, en todo caso, as seguintes:

a) Desempeñar a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os dereitos e intereses profesionais e os fins da veterinaria, e exercer as accións que sexan procedentes, así como exercer o dereito de pedimento conforme a lei.

b) Defender os dereitos e prestixio dos colexiados que representan ou de calquera deles, se fosen obxecto de vexación, menoscabo, desconsideración ou descoñecemento en cuestións profesionais.

c) Adoptar as medidas conducentes a evitar e perseguir a intrusión profesional.

d) Levar o censo de profesionais e o ficheiro de ámbito de actuación veterinaria da provincia, cos datos que se estimen necesarios para o cumprimento dos fins e funcións do Colexio e elaborar as estatísticas que se consideren convenientes para a realización de estudos, proxectos e propostas relacionadas co exercicio da veterinaria.

e) Ordenar a actividade profesional dos colexiados, velando pola formación, a ética e a dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares.

f) Exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

g) Elaborar os seus regulamentos de réxime interior.

h) Cumprir e facer cumprir aos colexiados, en canto afecte a profesión, as disposicións legais e estatutarias, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

i) Evitar a competencia desleal e as súas actuacións respectarán sempre o réxime de libre competencia.

j) Cooperar cos poderes públicos, por solicitude destes, na formulación das políticas gandeira, sanitaria, alimentaria, de ambiente e de protección ao consumidor.

k) Elaborar e executar programas formativos de carácter profesional, científico ou cultural.

l) Desenvolver a xestión de previsión e protección social no ámbito profesional.

ll) Instar os organismos públicos ou privados para que doten no exercicio profesional os colexiados dos mínimos de material e persoal necesarios para exercer unha veterinaria de calidade.

m) Organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e outros análogos.

n) Visar os informes, proxectos e ditames nas condicións previstas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos termos e cos efectos e límites que establece a normativa correspondente.

ñ) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, cando o colexiado o solicite libre e expresamente, no momento en que o Colexio cree o servizo adecuado e nas condicións que se determinen regulamentaria ou gobernativamente.

o) Establecer e exixir as cargas económicas dos colexiados.

p) Organizar cantos servizos de asesoramento científico, xurídico, administrativo, laboral e fiscal fosen necesarios ou convenientes para mellor orientación e defensa do Colexio e dos colexiados, así como a publicación de cantos medios de comunicación estimase pertinentes. Tratar de conseguir o maior nivel de emprego dos colexiados, sen prexuízo de declarar a incompatibilidade do exercicio profesional cando, ética e deontoloxicamente, así se considere.

q) Formar e manter actualizado o censo dos veterinarios de Lugo (altas, baixas, etc.) así como dos veterinarios procedentes doutras provincias ou comunidades, e, en todo caso, doutros Estados membros da Unión Europea e de terceiros países, así como o Rexistro Xeral de Sociedades Profesionais, podendo dar aos datos a publicidade legalmente prevista ou autorizada pola Asemblea Xeral, así como emitir, co visto e prace do presidente, as certificacións que lle sexan solicitadas.

Título II
Do Colexio, organización e goberno

Capítulo I
Dos órganos do Colexio

Artigo 5. Órganos do Colexio

Os órganos do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo son:

a) O presidente,

b) A Xunta de Goberno e,

c) A Asemblea Xeral de Colexiados.

Sección 1ª. Da Xunta de Goberno

Artigo 6. Composición da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno estará constituída por:

a) Un presidente.

b) Un secretario.

c) Cinco vogais.

Por proposta do presidente, a Xunta de Goberno designará un vicepresidente de entre os cinco vogais electos que integrará, xunto aos anteriores, o órgano directivo.

Por proposta do secretario, a Xunta de Goberno designará, de entre os demais vogais electos, un vicesecretario.

Artigo 7. Funcións da Xunta de Goberno

Correspóndelle á Xunta de Goberno a administración e dirección do Colexio, e con esta finalidade terá as facultades e as funcións seguintes:

a) Velar pola boa conduta profesional dos colexiados.

b) Administrar os recursos económicos do Colexio.

c) Exercer as funcións disciplinarias e imporlles aos colexiados as sancións que establecen estes estatutos por incumprimento deles e, de ser o caso, dos regulamentos internos e demais normativa reguladora da profesión veterinaria. Para iso, poderá asesorarse coa comisión deontolóxica que se estableza.

d) Decidir respecto á admisión de colexiados que o soliciten.

e) Organizar a distribución de toda clase de impresos e documentos que lle sexan propios para a consecución dos seus fins, nos termos establecidos nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e de conformidade cos acordos que se adopten ao respecto polos órganos colexiados do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

f) Convocar as sesións da Asemblea Xeral de Colexiados e confeccionar a correspondente orde do día.

g) Promover a celebración de reunións periódicas, entre a Xunta de Goberno e os representantes de todas as asociacións, organismos, entidades e sectores de calquera actividade do colectivo veterinario en xeral, que estean interesados en participar no desenvolvemento dos obxectivos desta corporación, ou teñan o desexo de colaborar nas súas finalidades.

h) Contratar e despedir o persoal que necesite para o desenvolvemento das funcións, sempre que estea debidamente consignado nos orzamentos correspondentes.

i) A creación, regulación e ordenación dos servizos axeitados para o cobramento de percepcións, remuneracións e honorarios profesionais dos colexiados, cando estes o soliciten libre e expresamente. En tal suposto, o Colexio percibirá o tanto por cento que se determine, no seu día, o cal se destinará a fins colexiais.

j) Propoñer á Asemblea Xeral de Colexiados os orzamentos e liquidacións de ingresos e gastos.

k) Habilitar suplementos de crédito.

l) Aprobar e subscribir convenios e contratos coa Administración central, da comunidade autónoma ou das entidades locais, ou calquera outros entes públicos ou privados, podendo contraer obrigas e recibir, como consecuencia destes, subvencións ou outro tipo de axudas.

ll) Propoñer á Asemblea Xeral de Colexiados a cuestión de confianza sobre a súa xestión, e autorizar a cuestión de confianza sobre a xestión dalgún dos membros da Xunta cando, individual e voluntariamente, o soliciten.

m) Convocar as eleccións aos cargos da Xunta de Goberno.

n) Todas aqueloutras competencias que non estean expresamente atribuídas por estes estatutos á Asemblea Xeral de Colexiados.

Artigo 8. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase, con carácter ordinario, unha vez cada mes, convocada polo presidente con, polo menos, unha semana de antelación, e con carácter extraordinario, con ao menos corenta e oito horas de antelación, sempre que o presidente o crea conveniente ou o soliciten por escrito ao menos tres membros da Xunta. As convocatorias formularanse por escrito e irán acompañadas da orde do día correspondente. En ningunha destas reunións se poderá tomar ningún acordo que previamente non se inclúa na orde do día correspondente, agás que estean presentes todos os membros da Xunta e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría. As reunións extraordinarias poderán ser convocadas por calquera medio que permita ter constancia da recepción polos interesados, considerando a urxencia do caso. Non obstante, este aspecto deberá constar na acta da celebración.

2. Os acordos da Xunta de Goberno tomaranse por maioría de votos dos membros asistentes. No caso de empate na votación, decidirá con voto de calidade o presidente. Estes acordos serán executivos desde o momento da adopción, sen prexuízo dos recursos que, en contra daqueles, poidan presentarse e das excepcións que se recollen nestes estatutos.

3. Para que se poidan adoptar validamente acordos en primeira convocatoria, será requisito indispensable que concorra a maioría dos membros que integran a Xunta de Goberno. En segunda convocatoria será suficiente con, polo menos, unha terceira parte dos membros da Xunta de Goberno. Tanto nun caso como noutro deberán estar presentes o presidente e o secretario ou quen legalmente os substitúan.

Entre a celebración da sesión en primeira e segunda convocatoria mediará un intervalo de media hora.

4. Toda reunión deberá comezar inescusablemente coa lectura e aprobación da acta da reunión anterior.

5. O presidente pode alterar a orde dos temas que se van tratar e acordar interrupcións ao seu prudente arbitrio para permitir deliberacións sobre a cuestión debatida ou para descanso nos debates.

6. De todas as reunións da Xunta de Goberno levantarase acta que asinará o secretario co visto e prace do presidente, transcribíndose no libro de actas correspondente.

7. Nas actas da Xunta de Goberno deberán constar os membros que asisten, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

8. Será obrigatoria a asistencia ás reunións. A falta non xustificada a tres consecutivas, estimarase como renuncia ao cargo.

Artigo 9. Funcións da Presidencia

1. Correspóndelle ao presidente desempeñar a representación máxima do Colexio oficial, estándolle asignado o exercicio de cantos dereitos e funcións atribúenlle a Lei de colexios profesionais, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e estes estatutos, en todas as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, sempre que se trate de materias propias da súa competencia, exercer as accións legais que correspondan, en defensa dos dereitos colexiais diante dos tribunais de Xustiza e autoridades de toda clase; para tal fin outorgará os poderes notariais ou xudiciais que correspondan a profesionais do dereito, autorizar os informes e comunicacións que teñan que cursarse, e executar ou facer que se executen os acordos que a Asemblea Xeral de Colexiados ou a Xunta de Goberno, se é o caso, adopten.

2. O presidente velará polo cumprimento das prescricións legais e regulamentarias e dos acordos e disposicións que diten os órganos do Consello Xeral, polos órganos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, pola Xunta de Goberno do Colexio ou pola Asemblea Xeral de Colexiados. As disposicións adoptadas no exercicio das súas funcións, segundo as facultades que lle están recoñecidas, deberán ser acatadas, sen prexuízo das reclamacións que contra elas procedan.

Ademais corresponderanlle os seguintes cometidos:

a) Presidir todas as reunións da Asemblea Xeral de Colexiados e da Xunta de Goberno do Colexio, ordinarias e extraordinarias, e calquera reunión de colexiados a que asista naquela condición.

b) Nomear as comisións que considere necesarias, presidíndoas se o estimase conveniente.

c) Convocar, abrir, dirixir e levantar sesións.

d) Asinar as actas que lle corresponda, despois de ser aprobadas.

e) Conseguir dos centros administrativos correspondentes os datos que necesite para cumprir os acordos da Xunta de Goberno.

f) Autorizar o documento que aprobe a Xunta de Goberno como xustificante de que o facultativo está incorporado ao Colexio.

g) Autorizar os informes e comunicacións que se dirixan ás autoridades, corporacións ou particulares.

h) Autorizar as contas correntes bancarias, as imposicións que se fagan e os talóns ou cheques para retirar cantidades. Outorgar cantos documentos públicos e privados sexan necesarios para a compravenda de bens mobles e inmobles, en cumprimento dos acordos da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral de Colexiados, de conformidade co previsto nestes estatutos.

i) Visar as certificacións que se expidan polo secretario do Colexio.

j) Aprobar os libramentos e ordes de pagamento e libros de contabilidade, xunto ao vogal da sección económica do Colexio.

k) Velar co maior interese pola boa conduta profesional dos colexiados e polo decoro do Colexio.

l) Fixar as directrices para a elaboración dos orzamentos colexiais.

4. O cargo de presidente será exercido gratuitamente. No entanto, nos orzamentos colexiais fixaranse as partidas precisas para atender aos gastos de representación da Presidencia do Colexio.

Artigo 10. Funcións da Vicepresidencia

O vicepresidente levará a cabo todas aquelas funcións que lle confiase o presidente, asumindo as deste en caso de ausencia, doenza ou vacante.

Artigo 11. Funcións da Secretaría

1. Independentemente das outras funcións que se derivan dos presentes estatutos, das disposicións vixentes, dos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, dos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e das ordes emanadas da Presidencia, correspóndelle ao secretario:

a) Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do Colexio, segundo as ordes que reciba do presidente e coa anticipación debida.

b) Redactar as actas das asembleas xerais de colexiados e das reunións que celebre a Xunta de Goberno, con expresión dos membros que asisten, coidando de que se copien, despois de ser aprobadas, no libro correspondente, asinándoas co presidente.

c) Levar os libros que se precisen para o mellor e máis ordenado servizo.

d) Recibir e dar conta ao presidente de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao Colexio.

e) Asinar o documento acreditativo de que o veterinario está incorporado ao Colexio.

f) Expedir as certificacións que se soliciten polos interesados.

g) Redactar anualmente a memoria que reflicta as vicisitudes do ano, que deberá lerse na Asemblea Xeral Ordinaria e que será elevada a coñecemento do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios, se é o caso.

h) Asumir a dirección dos servizos administrativos e a xefatura de persoal do Colexio de acordo coas disposicións destes estatutos sinalando, de acordo coa Xunta de Goberno, as horas que deberán de dedicarse a recibir visitas e ao despacho da Secretaría.

i) Promover e coidar o servizo xurídico-laboral de defensa dos colexiados fronte a terceiros.

j) Formar e manter actualizado o censo de ámbito provincial dos veterinarios adscritos ao Colexio, así como o Rexistro Colexial de Sociedades Profesionais, podendo dar aos datos a publicidade legalmente prevista ou autorizada pola normativa correspondente, así como emitir, co visto e prace do presidente, as certificacións que lle sexan solicitadas.

2. O cargo de secretario será exercido gratuitamente. No entanto, os orzamentos colexiais consignarán as partidas precisas para atender os gastos inherentes ao cargo, pola necesidade dunha maior dedicación nas súas actividades.

Artigo 12. Funcións da Vicesecretaría

O vicesecretario, como colaborador do secretario, levará a cabo todas aquelas funcións que lle confira o último, asumindo as deste en caso de ausencia, doenza ou vacante.

Artigo 13. Funcións das vogalías

Unha vez resulten escollidos os vogais na forma prevista nos presentes estatutos, seranlles asignadas polo presidente as funcións e competencias da área de xestión que se lles encomende.

Sección 2ª. Da Asemblea Xeral de Colexiados

Artigo 14. Natureza

1. A Asemblea Xeral, constituída por todos os colexiados de dereito, é o órgano supremo do Colexio, e a ela deberá dar conta a Xunta de Goberno da súa actuación.

2. Os seus acordos, validamente adoptados, obrigan a todos os colexiados, incluso aos que votasen en contra ou estivesen ausentes, sen prexuízo do dereito de impugnación que puidese corresponderlles.

Artigo 15. Funcións da Asemblea Xeral

Son funcións da Asemblea Xeral, as seguintes:

a) A elección do presidente e Xunta de Goberno do Colexio.

b) Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos do Colexio, para o exercicio seguinte.

c) Aprobar as liquidacións do orzamento do ano anterior, xunto coa memoria anual de xestión económica e de actividades presentada pola Xunta de Goberno.

d) Aprobar os cambios de sede do Colexio.

e) Aprobar e modificar os estatutos deste Colexio e os regulamentos relacionados coa ordenación do exercicio profesional que, unha vez aprobados e cumpridas as previsións que a este respecto se conteñen nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, serán de obrigado cumprimento.

f) Aprobar os acordos tomados pola Xunta de Goberno do Colexio sobre adquisición, alleamento, gravame e demais actos xurídicos de disposición sobre bens inmobles da Corporación. Será preceptiva a aprobación pola Asemblea para que estes poidan levarse a cabo.

g) Exercer e votar a moción de censura contra o presidente e a Xunta de Goberno do Colexio ou algún dos seus membros, nos termos previstos nos presentes estatutos.

h) Aceptar ou denegar a cuestión de confianza exposta pola Xunta de Goberno ou por algún dos seus membros.

i) A fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio.

j) Acordar, por proposta da Xunta de Goberno e cando se estime conveniente por calquera motivo, a constitución de asociacións, fundacións ou outras entidades con personalidade xurídica sen ánimo de lucro.

k) Aqueles asuntos que lles someta a Xunta de Goberno por merecer, ao seu criterio, esta atención, en razón da súa específica transcendencia colexial.

l) Aprobar, no ámbito das súas competencias, os regulamentos ou normas de réxime interior para o desenvolvemento e aplicación destes estatutos.

m) A aprobación da xestión, tanto do órgano de goberno como do seu presidente.

n) Ratificar a proposta do candidato-representante da Facultade de Veterinaria e do Colectivo de Xubilados na Xunta de Goberno, quen asistirá/n ás xuntas de Goberno, con voz pero sen dereito de voto.

Artigo 16. Funcionamento da Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral convocarase preceptivamente, con carácter ordinario, dúas veces ao ano. Unha no primeiro semestre, para aprobar a liquidación de ingresos e gastos do exercicio anterior, e outra no último trimestre, para aprobar os orzamentos do exercicio seguinte.

2. As asembleas xerais extraordinarias poderán celebrarse en todas aquelas ocasións en que o considere conveniente o presidente ou a Xunta de Goberno ou o soliciten un mínimo do quince por cento do total de colexiados, en cuxo caso se celebrarán nun prazo non superior a trinta días hábiles desde a presentación da solicitude.

3. As asembleas de colexiados deberán convocarse con, polo menos, quince días de antelación, especificando e acompañando a orde do día e facendo constar o lugar e a hora de celebración.

4. A convocatoria será comunicada por escrito a todos os colexiados xunto coa orde do día, facéndose constar a celebración da sesión en segunda convocatoria, non podendo mediar entre a primeira e a segunda convocatoria da reunión un prazo inferior a media hora.

5. Os acordos da Asemblea Xeral serán adoptados por maioría simple e, en ningún caso, será válido o voto delegado, nin remitido por correo. En consecuencia, agás para a elección dos membros da Xunta de Goberno, o exercicio do dereito de voto supedítase á presenza física na reunión. Non se poderán tomar acordos que non figuren na correspondente orde do día. Quedará validamente constituída a asemblea en primeira convocatoria, cando concorran a maioría dos seus membros. Entenderase validamente constituída en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asistentes.

Exceptuaranse das previsións e exixencias do parágrafo anterior os seguintes casos:

a) Cuestión de confianza. Os requisitos de quórum de asistencia e de adopción dos acordos recóllense no artigo 17.

b) Moción de censura. Os requisitos de quórum de asistencia e de adopción dos acordos recóllense no artigo 18.

c) Fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio. Requirirase, como mínimo, un quórum de asistencia dunha terceira parte dos colexiados. Para que prospere, exixirase o voto favorable da maioría absoluta dos presentes.

6. Teñen dereito a voto nas asembleas xerais, ordinarias ou extraordinarias, todos os colexiados nos que non concorra incapacidade legal ou estatutaria, sempre que se atopen ao corrente das súas obrigas económicas ou non se atopen privados dese dereito xudicial ou disciplinariamente.

7. As votacións en asembleas xerais poderán ser secretas se así é proposto por un dez por cento dos asistentes.

No caso de que se produza un empate decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 17. Cuestión de confianza

1. A Xunta de Goberno do Colexio ou calquera dos seus membros pode expoñer diante da Asemblea Xeral Extraordinaria de Colexiados a cuestión de confianza sobre o seu programa de actuacións, se considerase contestado maioritariamente este, ou sobre a súa actuación no desempeño das súas funcións.

2. O outorgamento ou rexeitamento da confianza competerá sempre á Asemblea Xeral Extraordinaria de Colexiados, convocada para ese só efecto pola Xunta de Goberno do Colexio, por acordo desta ou por pedimento daquel dos seus membros que desexe expoñer individualmente a cuestión de confianza.

3. A confianza entenderase outorgada cando vote a favor a maioría simple dos asistentes, nos termos previstos no artigo 16.5, parágrafos primeiro e segundo dos presentes estatutos.

Artigo 18. Moción de censura

1. A moción de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros competerá sempre á Asemblea Xeral Extraordinaria de Colexiados, convocada para ese só efecto.

2. A solicitude desa convocatoria de Asemblea Xeral Extraordinaria requirirá a sinatura dun mínimo dun quince por cento dos colexiados exercentes en pleno gozo dos seus dereitos colexiais e ao corrente das súas obrigas económicas, incorporados, polo menos, con tres meses de antelación. A solicitude deberá expresar con claridade as razóns ou motivos en que se funde.

3. A Asemblea Xeral Extraordinaria de Colexiados deberá celebrarse dentro dos trinta días hábiles contados desde o seguinte a aquel en que se presentase a solicitude e non poderán tratarse nesta máis asuntos que os expresados na convocatoria.

4. Para que a moción de censura sexa aprobada e se produza o conseguinte cesamento da Xunta de Goberno ou do membro deste órgano a quen afecte, será necesario o voto favorable da maioría absoluta dos colexiados integrantes do Colexio presentes na Asemblea Xeral Extraordinaria.

Se a moción de censura fose aprobada pola maioría referida no parágrafo anterior, convocaranse eleccións na forma prevista nos presentes estatutos.

Capítulo II
Das comisións

Artigo 19. Comisións asesoras

No Colexio poderán existir aquelas comisións que, no momento oportuno, se consideren necesarias, con finalidade exclusivamente asesora, sobre cuxa creación, funcións e desenvolvemento se informará a Asemblea Xeral de Colexiados. En todo caso, existirá unha comisión deontolóxica que asesorará e informará a Xunta de Goberno nos expedientes disciplinarios que se incoen aos colexiados.

Cada unha destas comisións será presidida polo presidente ou vogal en quen este delegue, e actuará como secretario destas, o secretario do Colexio, o vicesecretario ou colexiado en quen eses deleguen. Os seus membros inescusablemente deberán ser colexiados.

As comisións estarán integradas polos veterinarios que sexan nomeados pola Xunta de Goberno do Colexio Oficial.

Os estudos, propostas e conclusións de cada comisión serán remitidos á Xunta de Goberno, a cal decidirá se deben ser expostos e defendidos, se é o caso, polo membro que designe a comisión correspondente diante da Asemblea Xeral de Colexiados.

A programación dos temas obxecto de estudo poderá ser proposta pola Xunta de Goberno, a propia comisión ou polo presidente do Colexio.

Habilitaranse os medios económicos necesarios para o desenvolvemento dos programas de traballo, cuxa contía será aprobada pola Asemblea Xeral de Colexiados.

No Colexio, formando parte da Xunta de Goberno, existirá un representante da Facultade de Veterinaria, que servirá de nexo de unión entre o Colexio e a Facultade, asesorando en temas relacionados coa ensinanza, coordinando e planificando os programas docentes e de investigación, conxuntamente co vogal da comisión correspondente do Colexio encargado de tales asuntos.

Así mesmo, formando parte da Xunta de Goberno, existirá un representante dos veterinarios xubilados, asesorara en temas relacionados coa profesión, dada a súa experiencia, e das necesidades do colectivo ao que pertence.

Tanto un coma o outro representante terán dereito na Xunta a ser escoitados pero sen dereito a voto (dereito a voz pero sen voto).

Artigo 20. Da Comisión Deontolóxica

1. Con carácter permanente existirá unha Comisión Deontolóxica que estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente do Colexio ou persoa en quen delegue que actuará como presidente.

b) O vogal a quen se asignen as tarefas correspondentes á Sección de Deontoloxía, que actuará como secretario.

c) Un mínimo de tres e un máximo de seis colexiados nomeados pola Xunta de Goberno, que representen aos colexiados exercentes nos distintos ámbitos da actuación profesional que existen na provincia, para o cal a Xunta de Goberno poderá solicitar das asociacións representativas dos distintos sectores profesionais, existentes no seo dos colexios, por proposta daqueles colexiados que estimen máis idóneos para formar parte da comisión.

2. As funcións da comisión deontolóxica serán:

a) Conseguir informes de profesionais ou emitir informes non vinculantes, por petición do instrutor ou da Xunta de Goberno, en calquera das fases do procedemento disciplinario.

b) Propoñer á Xunta de Goberno cantas actuacións crea convenientes para unha mellor ordenación e deontoloxía profesional.

c) Informar de cantos proxectos de normas de orde deontolóxica ou relativo á ordenación profesional se elaboren.

Capítulo III
Das eleccións a presidente e á Xunta de Goberno

Artigo 21. Condicións de elixibilidade

Son condicións necesarias tanto para optar a un cargo colexial como para resultar escollido para este, encontrarse colexiado no exercicio da profesión veterinaria, atoparse ao corrente no aboamento das cotas colexiais e demais obrigas estatutarias e non estar incurso en ningunha das incompatibilidades previstas na Lei de colexios profesionais, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e en cantas disposicións se diten con carácter xeral a ese respecto.

Para poder optar e ser escollido para o cargo de presidente, ademais, será preciso ter unha antigüidade de cinco anos, como mínimo, de colexiación ininterrompida neste Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios da Provincia de Lugo.

Artigo 22. Electores

Todos os colexiados con dereito a voto elixirán de entre eles o presidente, secretario e cinco vogais. O presidente, unha vez escollidos os integrantes da Xunta de Goberno, establecerá as áreas de xestión e competencias que se asignan a cada un dos vogais escollidos.

Para exercer o dereito de sufraxio activo os colexiados deberán figurar ao corrente no aboamento das cotas colexiais e das súas obrigas estatutarias con anterioridade ao momento en que se acorde a convocatoria.

Artigo 23. Duración do mandato

1. A renovación dos cargos da Xunta de Goberno realizarase ordinariamente cada seis anos, celebrándose as eleccións con antelación mínima de quince días á data de finalización do período de mandato dos citados cargos. Extraordinariamente a Xunta de Goberno poderá adiantar as eleccións cando as circunstancias o aconsellen, ou ben nos supostos de trunfo dunha moción de censura, de conformidade co artigo 18 destes estatutos.

2. A Xunta de Goberno do Colexio convocará oportunamente as eleccións para a renovación dos cargos, ao que dará a debida publicidade, sinalando na convocatoria os prazos para a súa celebración. As candidaturas poderán presentarse no prazo de trinta días a partir do día seguinte da adopción do acordo de convocatoria de eleccións.

3. Desde a convocatoria das eleccións ata que os novos membros da Xunta de Goberno tomen posesión, actuará con carácter de provisional a Xunta de Goberno saínte.

4. Cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos membros da Xunta de Goberno realizarase unha auditoría das contas colexiais, de conformidade co establecido na lei.

Artigo 24. Presentación de candidatos

Os candidatos deberán reunir os requisitos que sinala o artigo 21 destes estatutos e solicitalo por escrito á Xunta de Goberno do Colexio. A solicitude poderá facerse en forma individual ou en candidatura conxunta.

Artigo 25. Proclamación de candidatos

1. Ao día seguinte ao da expiración do prazo para a presentación de candidaturas, a Xunta de Goberno do Colexio reunirase en sesión extraordinaria, e proclamará a relación dos candidatos que reúnen as condicións de elixibilidade, abríndose un prazo de 48 horas para posibles reclamacións e emenda de erros, vistas as cales se proclamará a relación de candidatos definitiva, dando conta ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios. As votacións terán lugar a partir dos vinte días naturais seguintes.

2. Queda prohibida toda actividade electoral que implique descrédito ou falta de respecto persoal aos demais candidatos e que estea en desacordo cos principios de carácter deontolóxico, de obrigada aplicación en todo o territorio nacional. O seu incumprimento carrexará a depuración da correspondente responsabilidade deontolóxica.

3. No suposto de que só se presentase unha candidatura, a Xunta de Goberno, logo de comprobación de que o candidato ou, se é o caso, os candidatos reúnen os requisitos que establecen os presentes estatutos, proclamará para os mesmos electos sen que proceda ningunha votación.

4. No caso de declararse desertas as eleccións, por falta de candidatos, a Xunta de Goberno procederá a convocalas novamente segundo os requisitos establecidos nestes estatutos.

Artigo 26. Procedemento electivo

1. A elección dos membros das xuntas de Goberno será por votación directa e secreta, na que poderán tomar parte todos os colexiados con dereito a voto, conforme o disposto nestes estatutos.

2. O voto deberá ser emitido persoalmente ou por correo certificado, nun sobre asinado que incluirá a papeleta do voto no seu sobre pechado, fotocopia do DNI ou pasaporte do remitente con dereito a voto. A solicitude de exercicio do voto por correo deberá ser recibida ou presentada no Colexio con dez días naturais antes das eleccións.

3. En función dos avances técnicos, permítese o voto por correo electrónico que, nese caso, non é segredo, validado, mediante sinatura electrónica, debidamente recoñecida. Tal exercicio deberá ser solicitado con dez días naturais de antelación á votación.

Presentada ou recibida en prazo a solicitude de exercicio do voto por correo, este será válido sempre que se reciba na mesa antes de declararse o inicio da celebración do escrutinio.

En todo, caso, o voto presencial invalida toda outra forma de emisión de voto realizada con anterioridade.

4. A mesa electoral estará constituída no día e hora que se fixe na convocatoria, por tres colexiados e os seus respectivos suplentes, cuxa designación se fará por sorteo público entre todos os colexiados con dereito a voto que non se presenten á elección, sendo obrigatoria a aceptación, agás causa xustificada. O presidente da mesa e o seu suplente serán designados pola Xunta de Goberno de entre os escollidos, sendo o máis mozo quen actuará como secretario. Calquera candidato poderá nomear un interventor.

Os votantes están obrigados a acreditar diante da mesa electoral a súa identidade. A mesa comprobará a súa inclusión no censo e o seu presidente, tras pronunciar en voz alta o nome e apelidos do votante, indicando que vota, introducirá a papeleta co seu sobre na urna correspondente.

Serán nulos todos os votos recaídos en persoas que non figuren nas candidaturas aprobadas, así como as papeletas que conteñan frases ou expresións distintas do nome e cargo do candidato proposto.

5. Finalizada a votación dos asistentes e, en último lugar, a dos membros da mesa e os interventores, procederase a depositar na urna os votos enviados por correo e a efectuar o escrutinio.

No caso de empate, considerarase electo o candidato con maior antigüidade ininterrompida de colexiación, para o cargo en que se produza o empate.

Do desenvolvemento da votación e do resultado do escrutinio erguerase acta seguidamente, asinada por todos os membros da mesa, a cal se elevará ao Consello Xeral de Colexios de Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios de Galicia para o seu coñecemento.

6. Concluído o escrutinio, ábrese un prazo de tres días hábiles para a presentación de reclamacións.

A mesa electoral resolverá sobre estas, notificando a súa resolución no prazo de dous días hábiles. Tras a resolución das posibles reclamacións, a mesa electoral proclamará os candidatos electos. A acta de proclamación será subscrita por todos os membros da mesa electoral e remitida á Xunta de Goberno en funcións.

7. No prazo máximo de quince días hábiles despois de celebradas as eleccións, os colexiados electos para presidente, secretario e vogais reuniranse coa Xunta de Goberno saínte para a toma de posesión e traspaso de funcións. De seguido, os novos cargos reuniranse entre eles para designar vicepresidente e vicesecretario, asignar as distintas áreas de xestión e actuación dos vogais, na forma prevista nos presentes estatutos. Desta reunión levantarase a acta correspondente cos cargos xa establecidos e efectivos.

8. No suposto de impugnacións xudiciais dos resultados electorais, sen prexuízo da resolución xudicial que recaia no seu día, serán, en todo caso, proclamados e nomeados con carácter provisional nos seus cargos aqueles candidatos que máis votos obteñan e, en caso de empate, rexerase polo punto 26.5.

9. Unha vez definitivamente escollidos os órganos de goberno do Colexio e a súa composición comunicarase a súa composición á Xunta de Galicia, tanto á consellería competente en materia de colexios profesionais como á consellería ou consellerías competentes por razón da profesión veterinaria.

Artigo 27. Publicidade e reclamacións

1. Tanto ás listas de electores como de candidatos, daráselles publicidade no taboleiro do Colexio e páxina web colexial para os efectos de reclamacións no prazo que acorde a Xunta de Goberno ao convocar as eleccións.

2. Resoltas as reclamacións pola Xunta de Goberno serán de novo sometidas a publicidade. A lista definitiva de electores servirá á mesa electoral para comprobacións durante a votación electoral conforme o previsto no articulado precedente.

Artigo 28. Causas de cesamento e vacantes

1. Os membros da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo cesarán polas causas seguintes:

a) Expiración ou termo do prazo para o que foron escollidos.

b) Renuncia ou dimisión do interesado.

c) Condena por sentenza firme, que leve aparellada a inhabilitación para cargos públicos.

d) Sanción disciplinaria firme por falta grave ou moi grave.

e) Perda das condicións de elixibilidade anteriormente expresadas.

f) A denegación por parte da Asemblea Xeral de Colexiados da confianza nos termos previstos nos presentes estatutos.

g) A aprobación da moción de censura nos termos previstos nos presentes estatutos.

h) Por nomeamento para un cargo político de carácter executivo do goberno ou da Administración pública central, autonómica, local ou institucional, ou para calquera outro que estea afecto pola lexislación estatal ou autonómica vixente en materia de incompatibilidades.

i) Por falecemento.

2. O Consello Galego de Colexios Veterinarios adoptará as medidas que estime convenientes para completar provisionalmente a Xunta de Goberno do Colexio, cando se produza o cesamento de máis da metade dos cargos daquelas.

A Xunta Provisional así constituída exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados en virtude de elección, que se celebrará conforme as disposicións destes estatutos, nun período máximo de tres meses.

3. Cando as vacantes que se produzan na Xunta de Goberno afecten menos da metade dos seus cargos, a propia xunta designará o substituto con carácter de interinidade, ata que se verifique a convocatoria de novas eleccións, no prazo máximo de seis meses. Ao cubrirse calquera destes cargos nos supostos referidos, a duración destes acadará soamente ata o próximo período electoral.

A provisión do novo membro da Xunta de Goberno deberá comunicarse ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios, dentro dos quince días naturais seguintes.

Título III
Dos colexiados

Capítulo I
Da adquisición, denegación e perda da condición de colexiado

Artigo 29. Exercicio profesional. Colexiación única

1. Será requisito indispensable e previo para o exercicio da profesión veterinaria na provincia de Lugo, en calquera das súas modalidades, agás o/s suposto/s establecido/s na normativa vixente en materia de colexiación.

2. O exercicio profesional pode verificarse:

a) Ao servizo de empresas, entidades, explotacións e industrias ou negocios relacionados coa veterinaria.

b) De forma libre, que corresponderá a calquera actividade ou traballo que se realice ao amparo do título de licenciado en Veterinaria e que non se atope incluído nos puntos anteriores.

3. O exercicio da profesión, en calquera das súas modalidades, será efectuado polos veterinarios colexiados, de acordo coas normas reguladoras establecidas nestes estatutos e nas normas que, para tales fins, dite e adopte o Consello Xeral e polo Consello Galego de Colexios Veterinarios, sen prexuízo da regulación que, contida nas disposicións legais vixentes, estatais e autonómicas, lles sexan de aplicación por razón da modalidade do seu exercicio profesional. De toda inscrición, alta ou baixa neste Colexio, darase inmediata conta ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.

4. Igualmente serán de aplicación a todos os profesionais veterinarios, no relativo ao exercicio da súa profesión, as normas contidas no código deontolóxico para o exercicio da profesión veterinaria.

5. Os veterinarios poderán exercer a profesión a través de sociedades profesionais, unha vez se constitúan de conformidade co establecido na súa lei reguladora e estean debidamente inscritas no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio de Veterinarios que territorialmente corresponda. A estas seranlles de aplicación, igualmente no relativo ao exercicio da profesión, as normas contidas no código deontolóxico para o exercicio da profesión veterinaria.

En todo caso, o exercicio da profesión de veterinario a través dunha sociedade profesional, ou como socio profesional desta non eximirá da obriga de colexiación prevista no presente artigo, nin poderá ser substituída pola inscrición de tal sociedade profesional no citado rexistro colexial.

Artigo 30. Requisitos

1. Para a incorporación ao Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo requírese acreditar, como condicións xerais de aptitude, as seguintes:

a) Ser de nacionalidade española ou da dalgún dos estados membros da Unión Europea, agás o disposto en tratados ou convenios internacionais ou dispensa legal respecto a doutros nacionais. En consecuencia, os estranxeiros terán igual dereitos que os españois para inscribirse neste Colexio, sempre que reúnan a titulación requirida e demais requisitos fixados.

b) Ser maior de idade e non estar incurso en causa de incapacidade.

c) Estar en posesión do título de licenciado en Veterinaria ou dos títulos estranxeiros que, conforme as normas vixentes, sexan homologados a aqueles, todo iso de acordo co previsto tamén nas normas e acordos da Unión Europea e tratados internacionais ao respecto.

d) Carecer de antecedentes penais que o inhabiliten para o exercicio profesional.

e) Satisfacer a cota de ingreso e demais obrigas económicas que teña establecidas o Colexio. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar, en ningún caso, os custos asociados á tramitación da inscrición ou colexiación.

f) Cumprir os requisitos de idoneidade ou aptitude para o exercicio profesional establecidos ou que se establezan regulamentariamente ou a través de acordos dos órganos colexiados do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios. Aqueles requisitos anteditos a título de exemplo poden ser: non encontrarse incapacitado civilmente, ou suspendido provisionalmente pola autoridade xudicial ou administrativa en uso das súas facultades, etc.

2. Xa que non cabe unha colexiación de oficio, o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo exercerá as accións xurídicas oportunas en relación coas prácticas antixurídicas das persoas non colexiadas.

Artigo 31. Solicitudes de colexiación

1. Para ser admitido no Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo acompañarase á solicitude en documento normalizado o correspondente título orixinal ou testemuño notarial deste e certificación académica. O xustificante pola universidade de procedencia do aboamento dos dereitos de expedición do título poderá suplir a ausencia do orixinal, quedando obrigado o colexiado á súa presentación unha vez lle sexa expedido ou requirido para iso. Acompañarase igualmente DNI ou cédula de identificación persoal, certificación de antecedentes penais co fin de acreditar que o solicitante non se atopa incurso en causa ningunha que lle impida o seu exercicio profesional como veterinario. Igualmente, designará ou sinalará unha conta bancaria na cal se cargarán as cotas colexiais ou aqueloutras obrigas colexiais.

Este trámite poderá efectuarse telematicamente a través do portelo único da web colexial www.colvetlugo.com; e-mail: lugo@colvet.es, de conformidade coa normativa vixente e nas condicións que determinen os órganos colexiais, sen prexuízo de que o Colexio verifique o carácter fidedigno dos documentos requiridos.

2. Se o solicitante procedese dalgún dos países membros da Unión Europea, deberá presentar a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa comunitaria.

Se o solicitante procedese dalgún dos países non membros da Unión Europea, deberá presentar a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos ben pola normativa comunitaria, ben pola nacional ou a da Comunidade de Galicia, conforme os convenios ou acordos internacionais ao respecto.

3. O solicitante fará constar que vai exercer a profesión veterinaria, lugar no que vai desempeñala, así como modalidade daquela e, se é o caso, a especialidade.

4. Corresponde á Xunta de Goberno do Colexio resolver sobre as solicitudes de incorporación ao Colexio. A Xunta de Goberno acordará, no prazo máximo dun mes, o que estime pertinente acerca da solicitude de inscrición. Transcorrido ese prazo sen contestación, entenderanse aprobadas por silencio administrativo. Non obstante, no caso de que a resolución sexa denegatoria da colexiación, deberá a Xunta motivar a súa decisión respecto do incumprimento ou falta dalgún dos requisitos establecidos no artigo 30.

5. As solicitudes de incorporación serán aprobadas ou denegadas, de conformidade co disposto nestes estatutos e normativa que os complementan. A Xunta de Goberno practicará as dilixencias e recibirá os informes que, se é o caso, considere oportunos e notificará a resolución motivada que proceda.

6. Nos casos en que se verifique exercicio de actividade profesional sen a preceptiva colexiación, logo de requirimento do cumprimento de deber de colexiación, a Xunta de Goberno poderá, logo de comprobación de que o interesado cumpre os requisitos establecidos no artigo 30, coa conseguinte notificación ao interesado, exercer as accións xurídicas oportunas en relación coas prácticas antixurídicas das persoas non colexiadas.

7. Contra a decisión da Xunta de Goberno nesta materia caberá recurso de alzada diante do Consello Galego de Colexios Veterinarios, ou aqueloutro que en dereito corresponda.

Artigo 32. Denegación da colexiación

A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou ofrezan serias dúbidas sobre a súa lexitimidade ou autenticidade e non se complementasen ou emendasen no prazo sinalado para o efecto.

b) Cando o solicitante sufrise algunha condena por sentenza firme dos tribunais que, no momento da solicitude, lle inhabilite para o exercicio profesional.

c) Cando fose expulsado doutro colexio, sen ser rehabilitado.

d) Cando, ao formular a solicitude se atopase suspenso do exercicio da profesión, en virtude de corrección disciplinaria corporativa firme.

Obtida a rehabilitación ou desaparecidos os obstáculos que se opuxesen á colexiación, esta deberá aceptarse polo Colexio sen dilación nin escusa ningunha.

Artigo 33. Trámites posteriores á admisión

Admitido o solicitante no Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, expedirase a tarxeta de identidade correspondente, dándose conta da súa inscrición ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios, no modelo de ficha normalizada que estes establezan. Así mesmo, abrirase un expediente persoal no que se consignarán os seus antecedentes e actuación profesional. O colexiado estará obrigado a facilitar en todo momento ao Colexio, os datos precisos para manter actualizados os ditos antecedentes.

Artigo 34. Perda da condición de colexiado

1. A condición de colexiado perderase:

a) Por baixa voluntaria, ao cesar no exercicio profesional en calquera das súas modalidades e mediante escrito en tal sentido dirixido ao Colexio.

b) Por condena xudicial firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión veterinaria.

c) Por sanción firme de expulsión colexial acordada en expediente disciplinario para o efecto.

d) Por falecemento.

e) Aqueloutras previstas legalmente.

2. A perda da condición de colexiado será acordada pola Xunta de Goberno do Colexio en resolución motivada, que será debidamente notificada a este.

3. As baixas colexiais serán comunicadas ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.

4. As baixas colexiais non liberan do cumprimento das débedas vencidas e non satisfeitas.

Capítulo II
Comunicación de actuacións profesionais noutras demarcacións

Artigo 35. Comunicacións

1. Non será necesario que as persoas colexiadas no Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo que desexen actuar no ámbito territorial doutro colexio oficial de veterinarios comuniquen a dita circunstancia a ese outro colexio, sen prexuízo de que quedarán suxeitos ás competencias de orde, control deontolóxico e potestade disciplinaria do colexio destinatario da citada actuación. En todo caso, empregaranse os mecanismos de comunicación e cooperación previstos na normativa reguladora dos colexios profesionais.

2. Igualmente, o colexiado noutro colexio oficial de veterinarios que desexe actuar no ámbito territorial do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo non terá que comunicar a súa actuación. Estes colexiados non adquiren por este feito a condición de colexiados no Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo e, polo tanto, non gozarán dos dereitos políticos neste Colexio nin se lles poderán exixir contraprestacións económicas por ese concepto. No entanto, deberán aboar as cotas que se exixan habitualmente aos colexiados de Lugo pola prestación dos servizos dos que sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos pola cota colexial. Estes colexiados quedarán suxeitos ás competencias de orde, control deontolóxico e potestade disciplinaria do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo.

Capítulo III
Das clases de colexiados

Artigo 36. Clases de colexiados

1. Para os fins destes estatutos, os colexiados clasificaranse en:

a) Exercentes,

b) Non exercentes,

c) Honoríficos e

d) Membros de honra.

2. Serán colexiados exercentes cantos practiquen a profesión veterinaria en calquera das súas diversas modalidades.

3. Serán colexiados non exercentes aqueles veterinarios que, pertencendo á Organización Colexial Veterinaria, non exerzan a profesión.

4. Serán colexiados honoríficos os veterinarios xubilados no exercicio da profesión en calquera das súas modalidades, sempre que leven un mínimo de vinte anos de colexiación, e os que se atopen en estado de invalidez ou incapacidade permanente para o exercicio da profesión. Os colexiados honoríficos estarán exentos do pagamento das cotas colexiais.

5. Serán membros de honra aquelas persoas físicas ou xurídicas, veterinarios ou non, que realicen un labor relevante e meritoria en relación coa profesión veterinaria. Esta categoría será puramente honorífica. Poderá/n ser proposto/s para unha recompensa á autoridade competente.

Capítulo IV
Dereitos, deberes e prohibicións dos colexiados

Artigo 37. Dereitos dos colexiados

Os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Participar na xestión corporativa, asistindo ás asembleas de colexiados, con dereito a voz e voto. Así mesmo, poderán exercer o dereito de pedimento nos termos en que se regula na vixente lexislación.

b) Sufraxio, activo e pasivo, nas eleccións á Xunta de Goberno, na forma determinada polos presentes estatutos.

c) Ser amparados polo Colexio, polo Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e polo Consello Galego de Colexios Veterinarios cando se consideren vexados ou molestados por motivos de exercicio profesional.

d) Ser representados polo Colexio, polo Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e polo Consello Galego de Colexios Veterinarios cando necesiten presentar reclamacións xudiciais ou extra xudiciais con ocasión do exercicio profesional, outorgando os poderes do caso e sendo de cargo do colexiado solicitante os gastos de profesionais e custas xudiciais que o procedemento ocasione.

e) Gozar de todos os beneficios que sexan establecidos polo Colexio, o Consello Xeral e polo Consello Galego de Colexios Veterinarios en canto se refire a recompensas, cursos, bolsas, etc., así como ao uso da biblioteca colexial, tanto no local social como no propio domicilio, mediante o cumprimento dos requisitos que se sinalen.

f) Propoñer razoadamente todas as iniciativas que estime beneficiosas para a profesión e elevar as queixas fundamentadas de actos ou feitos que poidan ir en prexuízo seu, do Colexio ou da profesión.

Poderán tamén solicitar da Xunta de Goberno a convocatoria de asembleas xerais extraordinarias, sempre que sexa en unión de, polo menos, o quince por cento dos colexiados.

Así mesmo, e nos termos previdos nos presentes estatutos, poderán solicitar da Xunta de Goberno a convocatoria de Asemblea Xeral Extraordinaria para o exercicio da moción de censura á citada Xunta de Goberno ou algúns dos seus membros. Igualmente correspóndelles o dereito de sufraxio activo na forma prevista nos presentes estatutos no suposto de formulación por parte da Xunta de Goberno ou dalgún dos seus membros da cuestión de confianza.

g) Percibir todas e cada unha das prestacións sociais ou asistenciais que teña baixo a súa tutela e preste o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España, o Consello Galego de Colexios Veterinarios ou o colexio respectivo.

h) Desempeñar os cargos para os cales sexan nomeados e exercer, en xeral, todos os demais dereitos que as disposicións vixentes lles concedan.

i) Solicitar do Colexio a tramitación do cobramento dos honorarios a percibir por servizos, informes, etc., sempre que o Colexio teña creados os servizos oportunos e sendo de cargo do colexiado solicitante os gastos de profesionais e custas xudiciais que o procedemento ocasione, ben que neses casos, haberá que aterse ao que regulamentaria ou gobernativamente se estableza no seu día ao respecto.

j) Exercer a súa profesión de acordo co disposto nestes estatutos, nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, no código deontolóxico vixente e nas demais disposicións que regulen o exercicio profesional.

Artigo 38. Deberes dos colexiados

1. É deber fundamental de todo colexiado, aínda cando a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, exercer a profesión de acordo coa máis pura ética e dentro do espírito que dimana dos presentes estatutos xerais e do código deontolóxico para o exercicio da profesión.

2. Son tamén deberes dos colexiados, aínda cando a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, entre outros os seguintes:

a) Cumprir canto dispoñen os presentes estatutos, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e os acordos e decisións emanadas das anteriores autoridades colexiais ou deste Colexio.

b) Estar ao día no pagamento de todas e cada unha das cotas colexiais e satisfacer toda clase de débitos que tivese pendentes por subministración de documentos oficiais.

c) Desempeñar os cargos para os cales fosen designados nas xuntas de Goberno e calquera outras comisións colexiais, ben que poderá alegarse ao respecto o réxime de escusas previsto legalmente.

d) Axustar a súa situación e actuación profesional en todo momento ás exixencias legais, estatutarias e deontolóxicas que rexen o exercicio da profesión de veterinario.

e) Empregar a maior corrección e lealdade nas súas relacións co Colexio e cos outros colexiados, comunicando a aquel calquera incidencia vexatoria a un colexiado no exercicio profesional de que teña noticia.

f) Denunciar por escrito ao Colexio todo acto de intrusión que chegue ao seu coñecemento, así como os casos de exercicio ilegal.

g) Comunicar o seu domicilio profesional e os eventuais cambios deste ao Colexio, a denominación e domicilio social das sociedades profesionais a través das cales exerzan, como socios ou non, a profesión, así como todos os demais extremos destas previstos legalmente en caso de que tal exercicio se efectúe como socio profesional.

h) Comunicar por escrito, igualmente, no caso de substitución por ausencia ou doenza, o nome e domicilio do facultativo colexiado que o substitúa, para a súa debida constancia.

i) Someter a visado do Colexio os contratos, informes, proxectos, ditames e calquera outro documento que o precise, nos termos previstos na normativa reguladora destes actos.

j) Facilitar ao Colexio os datos que se lle soliciten para a formación do ficheiro de colexiados, co obxecto de facer posible o cumprimento dos fins e funcións deste. Atenderá, así mesmo, calquera requirimento que lle faga a Xunta de Goberno, o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España ou o Consello Galego de Colexios Veterinarios para formar parte das comisións especiais de traballo, prestando a estas a súa maior colaboración.

k) Os colexiados deberán cumprir, ademais, aqueles deberes que lles sexan impostos como consecuencia de acordos adoptados polo Colexio, o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España ou o Consello Galego de Colexios Veterinarios no marco das súas competencias.

l) Calquera outro deber que se desprenda das prescricións destes estatutos ou das comprendidas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española ou nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

3. No caso de que a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, esta tamén será directamente responsable do cumprimento dos referidos deberes, en canto lle sexan de aplicación.

Artigo 39. Prohibicións

1. En xeral, prohíbeselles expresamente aos colexiados, aínda cando a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, realizar prácticas profesionais contrarias ao disposto na lexislación vixente ou ás normas éticas, deontolóxicas e xurídicas da profesión veterinaria.

2. Ademais, prohíbeselles especificamente aos colexiados:

a) Ofrecer a eficacia garantida de procedementos curativos ou de medios persoais que non recibisen a confirmación de entidades científicas ou profesionais de recoñecido prestixio.

b) Empregar tratamentos ou medios non controlados cientificamente e disimular ou finxir a aplicación de elementos diagnósticos e terapéuticos.

c) Realizar prácticas dicotómicas.

d) Empregar recrutadores de clientes.

e) Efectuar manifestación ou divulgar noticias en calquera forma que dean a entender coñecemento como técnicas, resultados ou calidades especiais das que se deduza ou se poida deducir directa ou indirectamente, comparacións coa actividade profesional doutros colexiados, na medida que as ditas actuacións vulneren o disposto na Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral da publicidade.

f) Tolerar ou encubrir en calquera forma a quen, sen título suficiente ou non homologado, sen estar colexiado, trate de exercer ou exerza a profesión veterinaria.

g) Exercer a profesión nun consultorio veterinario ou en calquera outro centro do que, sexa ou non titular, teña coñecemento de prácticas ilegais por parte doutras persoas, aínda cando se efectúen fóra da súa presenza e en horas distintas ás do seu exercicio profesional.

h) Permitir o uso de clínica ou consultorio veterinario a persoas que, aínda dispoñendo de título suficiente para exercer a veterinaria, non se atopen debidamente colexiadas.

i) Prestar o seu nome para que figure como director facultativo ou asesor de clínica veterinaria, que non dirixa, atenda ou asesore persoal e directamente, ou que non se axuste ás leis vixentes e aos presentes estatutos, aos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria ou aos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios ou se violen neles as normas deontolóxicas.

j) Aceptar remuneracións ou beneficios de laboratorios de medicamentos ou fabricantes de utensilios de cura, ou calquera instrumento, mecanismo ou utensilios relacionados coa veterinaria, en concepto de comisión, como propagandista, como provedor de clientes ou por outros motivos que non sexan de traballos de asesoramento científico especificamente encomendados, de conformidade coas normas vixentes.

k) Exercer a veterinaria cando se evidencian manifestamente alteracións orgánicas, psíquicas ou hábitos tóxicos que lle incapaciten para o dito exercicio, mediante a confirmación de recoñecemento médico.

l) O anuncio ou difusión dos seus servizos, directamente ou a través de medios publicitarios, violando o disposto na legalidade vixente ou o acordado pola Organización Colexial Veterinaria en materia de publicidade.

ll) Efectuar manifestacións públicas, ou a través da prensa, radio, televisión ou calquera outro medio, das cales se poida derivar un perigo potencial para a saúde da poboación ou un desprestixio ou prexuízo para o Colexio, os seus colexiados ou membros da súa Xunta de Goberno.

m) Utilizar a condición de especialista nalgunha rama da profesión sen ter a titulación acreditativa pertinente.

n) En xeral, realizar prácticas profesionais contrarias ao disposto nas normas, legais ou deontolóxicas, que rexen o exercicio profesional da veterinaria.

3. As referidas prohibicións tamén se aplicarán ás sociedades profesionais cando a profesión se exerza a través destas, en canto lles sexan de aplicación.

Título IV
Do réxime de distincións e premios

Artigo 40. Distincións e premios

1. Correspóndelle á Xunta de Goberno do Colexio a concesión de mencións honoríficas e títulos de colexiados ou de presidentes de honra, a favor de calquera veterinario, así como tamén de personalidades ou entidades non veterinarias que, ao seu xuízo, o merezan.

2. Os colexiados veterinarios, no momento da súa xubilación, se contan con máis de vinte anos de colexiación e non teñen nota desfavorable dos seus expedientes colexiais, serán designados automaticamente colexiados honoríficos.

3. A concesión do título de colexiado ou presidente de honra e a adquisición da condición de colexiado honorífico, levarán anexas a exención do pagamento de cotas colexiais, tanto ordinarias como extraordinarias.

4. As propostas de bolsas e bolsas para estudos poderán facerse sempre que se estableza previsión orzamentaria ao respecto e que por parte do beneficiario se acredite ser familiar en primeiro grao en liña directa de veterinario colexiado, xubilado ou falecido e por núcleo familiar se acredite mediante declaración da renda non percibir máis de 12.000 € anuais –ou aquela que se acorde en Xunta de Goberno–, facéndose igualmente extensible a estudantes de veterinaria que acrediten un excelente e meritorio historial académico.

5. A Xunta de Goberno do Colexio Oficial poderán acordar felicitacións a favor dos seus colexiados, e incluso dos doutros colexios, cando pola súa conduta exemplar ou polos seus méritos e servizos extraordinarios prestados aos colexios ou á profesión, se fagan acredores diso.

Cando o beneficiario resida nunha provincia non pertencente á Comunidade de Galicia, a proposta será tramitada a través do Consello Xeral.

Título V
Do réxime económico

Capítulo único
Dos recursos económicos e dos gastos

Artigo 41. Recursos económicos

1. Os recursos económicos do Colexio poderán ser ordinarios e extraordinarios.

2. Serán recursos ordinarios:

a) Os rendementos de calquera natureza que produzan as actividades corporativas, os bens ou dereitos que integran o patrimonio do Colexio, así como os fondos depositados nas súas contas.

b) Os dereitos fixados pola Xunta de Goberno pola emisión de ditames, resolucións, informes, taxacións, visados, estudos e outros servizos ou consultas que evacúe a mesma sobre calquera materia.

c) As cotas de incorporación.

d) O importe das cotas ordinarias, fixas ou variables, así como as cotas extraordinarias.

e) Os dereitos que fixe a Xunta de Goberno por expedición de certificacións.

f) As cantidades procedentes de sancións.

g) A participación que se asigne polo Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e polo Consello Galego de Colexios Veterinarios nos impresos de carácter oficial e calquera outros elementos de certificación, garantía e identificación.

h) As cantidades derivadas da prestación doutros servizos xerais aos colexiados.

3. Serán recursos extraordinarios:

a) As doazóns ou subvencións de procedencia pública ou privada.

b) Os bens e dereitos de toda clase que, por herdanza ou por calquera outro título gratuíto, se incorporen ao patrimonio colexial.

c) As cantidades que por calquera outro concepto corresponda percibir ao Colexio cando administre, en cumprimento dalgún cargo temporal ou perpetuo, incluso cultural ou benéfico, determinados bens ou rendas.

d) Calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 42. Confección e liquidación de orzamentos

1. Anualmente será confeccionado polo vogal-delegado da sección ou comisión económica, segundo as directrices do presidente, o orzamento de ingresos e gastos que someterá á aprobación da Xunta de Goberno, debendo presentalo esta última durante o último trimestre de cada ano á aprobación da Asemblea Xeral de Colexiados.

2. Durante quince días anteriores á celebración da asemblea, os orzamentos poñeranse en coñecemento e a disposición de calquera colexiado que o solicite, no taboleiro de anuncios da sede colexial.

3. Así mesmo, dentro do primeiro semestre de cada ano, a Xunta de Goberno deberá presentar diante da Asemblea Xeral de Colexiados o balance e a liquidación orzamentaria do exercicio anterior datado ao 31 de decembro, para a súa aprobación ou rexeitamento. Previamente, o dito balance, acompañado dos xustificantes de ingresos e gastos e dos libros contables, terá quedado á disposición de calquera colexiado que o requira na sede do Colexio, para poder examinalo durante quince días anteriores á data de celebración da asemblea.

Artigo 43. Cotas

1. Todos os colexiados están obrigados a satisfacer as cotas seguintes:

a) Cota de incorporación. É aquela cota referida aos custos asociados á tramitación, aprobadas pola Asemblea Xeral de Colexiados por proposta da Xunta de Goberno. É igual para todos os colexiados e satisfarase ao incorporarse ao Colexio.

b) Cota ordinaria. É a cota que se aboa durante toda a vida colexial para o normal sostemento e funcionamento do Colexio, por todos os colexiados, con ou sen exercicio. Tal cota será aprobada pola Asemblea Xeral de Colexiados por proposta da Xunta de Goberno.

Nesta incluiranse as cantidades económicas con que o Colexio ten que contribuír ao sostemento económico do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

c) Cota extraordinaria. Trátase dunha cota fixada pola Asemblea Xeral de Colexiados, en situacións particulares para facer fronte a uns gastos extraordinarios e non previstos nos orzamentos colexiais.

2. A Xunta de Goberno está facultada para conceder o aprazamento de pagamento de cotas e débitos, en supostos extraordinarios e debidamente xustificados, nas condicións que acorden en cada caso particular.

Artigo 44. Obrigas económicas

Os colexiados estarán obrigados a satisfacer as cantidades que aprobe a Asemblea Xeral de Colexiados polos servizos ou subministracións que preste o Colexio. Así mesmo, satisfarán as porcentaxes ou contías fixadas pola Asemblea Xeral de Colexiados, relativos aos dereitos de intervención profesional do Colexio.

Artigo 45. Non pagamento de cotas

1. O colexiado que non aboe as cotas nos prazos correspondentes recibirá do Colexio por escrito reclamación advertíndolle da falta de pagamento.

2. De persistir na súa actitude de non pagamento, e acumular insatisfeitos máis de dous períodos consecutivos, será requirido para facelos efectivos, concedéndoselle para o efecto o prazo de quince días, transcorrido o cal, se non satisfixese a súa obriga pecuniaria, recargaráselle un 20 por 100 anual a esta.

3. Se o colexiado persistise en non pagar na forma e prazo/s previsto/s no parágrafo anterior, con independencia da recarga e a reclamación xudicial polo Colexio das cantidades debidas, quedará suspendido no gozo de todos os seus dereitos colexiais previstos nestes estatutos mentres non faga efectivo o pagamento das súas obrigas.

A suspensión levantarase automaticamente no momento no que cumpra os seus débitos colexiados.

A suspensión no gozo dos dereitos colexiais non ten carácter de sanción disciplinaria.

Artigo 46. Gastos do Colexio

1. Os gastos do Colexio serán os necesarios para o sostemento dos servizos, sen que se poida efectuar pagamento ningún non previsto no orzamento aprobado, agás que a Xunta de Goberno acorde a habilitación dun suplemento de crédito, que precisará a previa aprobación da Asemblea Xeral no caso de que se exceda o orzamento total anual.

2. Sen a autorización expresa do presidente, o vogal da sección económica non poderá realizar gasto ningún. Na caixa do Colexio existirá a cantidade necesaria para facer fronte aos pagamentos deste, negociándose estes, sempre que sexa posible, cunha entidade bancaria.

3. A Xunta de Goberno poderá habilitar suplementos de crédito nos seguintes supostos:

a) Pagamento de tributos estatais, autonómicos ou locais, cando o aumento do gasto se derive de disposición legal ou regulamentaria.

b) Pagamento de persoal, cando o aumento do gasto se derive de disposición legal ou estatutaria.

c) Cando sexa necesario atender outros gastos non previsibles e de ineludible cumprimento.

Título VI
Do réxime disciplinario

Capítulo I
Da responsabilidade penal, civil e disciplinaria

Artigo 47. Responsabilidade penal

Os veterinarios están suxeitos á responsabilidade penal polos delitos e faltas que cometan no exercicio da súa profesión.

Artigo 48. Responsabilidade civil

Os veterinarios no seu exercicio profesional, están suxeitos á responsabilidade civil cando por dolo, culpa ou neglixencia profesional danen os xuros cuxa atención lles fose confiada, responsabilidade que será exixible conforme a lexislación ordinaria diante dos tribunais de Xustiza.

Artigo 49. Responsabilidade disciplinaria

1. En ningún caso será obstáculo o exercicio da actividade profesional a través dunha sociedade profesional para a efectiva aplicación aos colexiados, sexan socios profesionais ou non, do réxime disciplinario previsto no presente título.

2. Os colexiados que infrinxan os seus deberes profesionais ou os regulados por estes estatutos, polos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria ou polos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e/ou normas deontolóxicas serán sancionados disciplinariamente, con independencia de calquera outra responsabilidade civil, penal ou administrativa en que poidan incorrer.

3. As sociedades profesionais están suxeitas igualmente á responsabilidade disciplinaria e incorrerán nela nos supostos e circunstancias establecidos na lei e nestes estatutos, se cometesen algunha das infraccións previstas nestas. A responsabilidade disciplinaria da sociedade profesional entenderase sen prexuízo da responsabilidade disciplinaria que corresponda ao profesional actuante, sexa socio ou non desta.

Artigo 50. Potestade disciplinaria

1. Non poderán impoñerse sancións disciplinarias, senón en virtude de expediente instruído para o efecto, logo de audiencia do interesado, que deberá tramitarse conforme o previsto no presente estatuto, complementado con aqueloutras normas do procedemento disciplinario e sancionador vixente nese momento, e recolleitas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e na normativa administrativa vixente. As sancións ao respecto serán as vixentes no momento da comisión dos feitos e consonte a normativa colexial indicada.

2. O exercicio da potestade disciplinaria respecto dos colexiados correspóndelle á Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo.

3. O axuizamento e potestade disciplinaria, en relación cos membros da Xunta de Goberno do Colexio, corresponderalle ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.

4. Contra as sancións impostas pola Xunta de Goberno, caberá a interposición de recurso nos termos previstos nestes estatutos e normativa complementaria.

5. Os acordos sancionadores serán inmediatamente executivos cando se esgote a vía corporativa.

Non obstante, no caso de que a dita execución puidese causar prexuízos de imposible ou difícil reparación, o órgano encargado de resolvela e executala poderá acordar de oficio, ou por instancia de parte, a suspensión da execución do acto recorrido, sen prexuízo de levala a efecto unha vez recaia resolución firme.

6. O Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo dará conta inmediata ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios de todas as sancións que impoña que leven aparellada a suspensión no exercicio profesional con remisión dun extracto do expediente. O Consello Xeral levará un rexistro de sancións de ámbito estatal no que se recollerán todas as que sexan impostas polos colexios oficiais, tanto aos colexiados persoas físicas como ás sociedades profesionais. Tales sancións, ademais, anotaranse no expediente persoal do colexiado sancionado ou, se é o caso, na folla aberta á sociedade profesional no Rexistro de Sociedades Profesionais.

Artigo 51. Faltas

As faltas cometidas polos colexiados veterinarios e polas sociedades profesionais e imputables a uns e outras, que poidan levar aparellada sanción disciplinaria, clasificaranse en leves, graves e moi graves.

1. Son faltas graves susceptibles de ser cometidas polos veterinarios colexiados e imputadas a estes:

a) O incumprimento dos deberes colexiais e profesionais determinados nos presentes estatutos xerais, así como na normativa deontolóxica vixente.

b) A práctica de condutas profesionais con infracción das prohibicións contidas nestes estatutos xerais.

c) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, cuxa execución fose realizada valéndose da súa condición profesional, logo de pronunciamento xudicial firme.

d) O incumprimento reiterado dos acordos emanados da Asemblea Xeral do Colexio, da Xunta de Goberno e do Consello Xeral.

e) A falta de denuncia ás autoridades competentes e ao Colexio ou Consello Xeral das manifestas infraccións cometidas polos colexiados en relación coas obrigas administrativas ou colexiais de que teña coñecemento.

f) O encubrimento da intrusión profesional, ou a colaboración ao exercicio de actividades propias da profesión de veterinario con quen non desempeña o título correspondente ou non reúna a debida aptitude legal para iso, logo de pronunciamento xudicial firme.

g) A desconsideración para os compañeiros, tanto en relación coa actividade de carácter colexial como profesional, no exercicio dos seus cargos.

h) Os actos de desconsideración ofensiva para os membros da Xunta de Goberno ou do Consello Xeral.

i) A competencia desleal e as accións e propaganda contrarias á deontoloxía profesional, de acordo co disposto na Lei de competencia desleal e a Lei xeral de publicidade.

j) O exercicio profesional no ámbito doutro colexio sen a oportuna comunicación.

k) O incumprimento das normas establecidas sobre documentación colexial, ou que teña de ser tramitada por conduto do Colexio, a falsificación ou inexactitude grave da citada documentación profesional e a ocultación ou simulación de datos que o Colexio debe coñecer para exercer as súas funcións de control profesional ou para a repartición equitativa das cargas colexiais.

l) O exercicio profesional en situación de embriaguez ou baixo o influxo de drogas tóxicas.

m) A realización de actividades, constitución de asociacións ou pertenza a estas, cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias ou exclusivas dos colexios.

n) A infracción grave do segredo profesional, por culpa ou neglixencia, con prexuízo para terceiros.

ñ) Amparar o exercicio da profesión sen a preceptiva colexiación ou permitir o uso da clínica ou consultorio veterinario a persoas que non se atopen debidamente colexiadas.

o) Non respectar os dereitos dos particulares contratantes dos seus servizos ou destinatarios do seu exercicio profesional.

p) O incumprimento das normativas reguladoras de actividades profesionais que se exercen en virtude de convenios ou contratos subscritos entre o Colexio e calquera Administración pública ou en virtude de funcións delegadas ou encomendadas pola Administración ou por calquera disposición legal aos colexios, aos consellos autonómicos ou ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España.

q) A falta de pagamento das multas impostas por infraccións disciplinarias, unha vez que sexan exixibles por ser firmes ou non ter sido suspendidas polos órganos competentes da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

r) O incumprimento das prestacións que se conteñan na normativa deontolóxica e nos regulamentos ordenadores da actividade profesional.

s) A falta de comunicación ao Rexistro Mercantil ou ao Colexio da constitución dunha sociedade profesional ou das modificacións posteriores de socios, administradores ou do contrato social.

t) A falta de adaptación das sociedades constituídas con anterioridade á entrada en vigor da Lei 2/2007, de sociedades profesionais, ao disposto nesta, antes do día 15 de xuño de 2008, sempre que, con posterioridade á dita data, a sociedade exercese a actividade profesional de veterinario.

u) O incumprimento das previsións legais en relación cos requisitos de capital, composición de órganos de administración e representación das sociedades profesionais, xa sexa mediante acordos públicos, xa sexa mediante acordos privados ou actuacións concertadas entre os socios.

2. Son faltas graves susceptibles de ser cometidas polas sociedades profesionais e imputadas a estas todas as tipificadas no punto 1 deste artigo agás as previstas nas letras c), j), k), l), m) e n).

3. Son leves as infraccións comprendidas nos puntos anteriores que revistan menor entidade por concorrer algunha destas circunstancias: a falta de intencionalidade ou escasa importancia do dano causado.

4. Merecerán a cualificación de moi graves as infraccións reputadas como graves nos puntos 1 e 2 deste artigo, nas que concorra algunha destas circunstancias: intencionalidade manifesta, neglixencia profesional inescusable, dano ou prexuízo grave ao cliente ou terceiros, obtención de lucro ilexítimo mercé á actuación ilícita, ter sido sancionado anteriormente, por resolución colexial firme non cancelada, por mor dunha infracción grave.

Artigo 52. Sancións

1. Por razón das faltas previstas no artigo anterior poderán impoñerse as seguintes sancións:

a) Aos veterinarios colexiados:

1ª. Amoestación privada.

2ª. Apercibimento por oficio.

3ª. Amoestación pública, mediante a publicación da resolución sancionadora firme no taboleiro de anuncios do Colexio ou nos seus órganos de expresión ou difusión.

4ª. Suspensión no exercicio profesional no ámbito do Colexio ata 1 mes.

5ª. Suspensión no exercicio profesional no ámbito do Colexio entre 1 mes e 1 día e 1 ano.

6ª. Suspensión no exercicio profesional no ámbito do Colexio entre 1 ano e 1 día e 2 anos.

7ª. Expulsión do Colexio que comporta a inhabilitación para calquera outra colexiación. Tal expulsión terá o límite temporal fixado pola sanción; iso, sen prexuízo do regulado no procedemento de rehabilitación da condición de colexiado legalmente establecido.

b) Ás sociedades profesionais:

1ª. Amoestación privada dirixida aos seus administradores.

2ª. Apercibimento por oficio dirixido aos seus administradores.

3ª. Amoestación pública, mediante a publicación da resolución sancionadora firme no taboleiro de anuncios do Colexio ou nos seus órganos de expresión ou difusión.

4ª. Multa por importe de entre o 0,5 e o 3 por cento da súa cifra neta de negocio no exercicio inmediatamente anterior ao da comisión da infracción.

5ª. Baixa temporal do Rexistro de Sociedades Profesionais, por un prazo non inferior a un mes nin superior a dous anos. En todo caso, a baixa comportará a suspensión no exercicio profesional da sociedade polo tempo que dure a baixa.

6ª. Exclusión definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais, momento a partir do cal a sociedade non poderá exercer a actividade profesional veterinaria.

2. As sancións 4ª a 7ª do punto 1.a) deste artigo implican a accesoria de suspensión do exercicio do dereito de sufraxio activo e pasivo polo tempo da súa duración.

3. Tanto no caso de sanción de expulsión de veterinarios colexiados como no de exclusión definitiva de sociedades profesionais dos seus respectivos rexistros, será necesario o voto favorable de, polo menos, as dúas terceiras partes dos membros integrantes da Xunta de Goberno do Colexio.

4. As sancións de suspensión de exercicio profesional e expulsión dos veterinarios colexiados e as condutas que poidan afectar a saúde pública serán comunicadas ás autoridades sanitarias e gobernativas.

5. As sancións que se impuxesen ás sociedades profesionais consistentes na baixa temporal ou na exclusión definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais, serán comunicadas ao Ministerio de Xustiza e ó Rexistro Mercantil no que a sociedade sancionada estivese inscrita.

Artigo 53. Correspondencia entre infraccións e sancións

1. Pola comisión por parte dos veterinarios colexiados de infraccións cualificadas como leves poderán impoñerse as sancións 1ª a 2ª. Ás infraccións graves corresponden as sancións 3ª a 5ª. E só as moi graves serán acredoras ás sancións 6ª a 7ª. Para a determinación da concreta sanción impoñible serán tomadas en consideración as circunstancias previstas na lei.

2. Pola comisión por parte das sociedades profesionais de infraccións cualificadas como leves poderán impoñerse as sancións 1ª a 2ª. Ás infraccións graves corresponden as sancións 3ª a 5ª. E só as moi graves serán acredoras á sanción 6ª. Para a determinación da concreta sanción impoñible serán tomadas en consideración igualmente as circunstancias previstas na lei.

Artigo 54. Outras faltas

1. Son faltas graves:

a) A renuncia de funcións ou a falta de dilixencia no cumprimento das súas obrigas como directivos da organización colexial.

b) Todo grave incumprimento dos deberes que os presentes estatutos xerais ou a legalidade vixente impoñan aos membros das xuntas de Goberno dos colexios oficiais ou aos integrantes do Consello Xeral.

c) A omisión, incumprimento ou demora grave e inxustificada na execución das ordes ou acordos emanados dos órganos de goberno da organización colexial.

d) A ocultación de datos ou elementos de xuízo de interese xeral para a profesión que consten ou que, pola súa natureza, deben constar en poder dos responsables dos colexios oficiais ou do Consello Xeral.

e) A aplicación indebida e inxustificada de cantidades consignadas nos orzamentos anuais para fins distintos aos previstos nestes.

f) O incumprimento do pagamento das cantidades destinadas ao sostemento do Consello Xeral e do resto das obrigas económicas previstas nos presentes estatutos ou nas disposicións legais vixentes.

g) As actuacións, en función do seu cargo, que atenten contra a dignidade e bo nome da profesión ou dos órganos de representación desta.

h) A comisión de delitos con ocasión do exercicio do cargo, logo de pronunciamento xudicial firme.

i) Por parte do secretario da Xunta de Goberno do Colexio, non comunicar ao Consello Xeral as modificacións habidas no Rexistro de Colexiados e no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio.

2. Son leves as infraccións comprendidas no punto anterior que revistan menor entidade por concorrer algunha destas circunstancias: a falta de intencionalidade ou escasa importancia do dano causado.

3. Merecerán a cualificación de moi graves as infraccións reputadas como graves nas que concorra algunha destas circunstancias: a posta en perigo da subsistencia ou o entorpecemento grave do funcionamento da organización colexial ou de calquera dos seus órganos de representación, intencionalidade manifesta, desobediencia reiterada a acordos colexiais ou do Consello, ter sido sancionado anteriormente por resolución colexial firme non cancelada, por mor dunha infracción grave.

Artigo 55. Prescrición de infraccións e sancións. Cancelación. Rehabilitación

1. As infraccións prescriben:

a) As leves: aos 6 meses.

b) As graves: ao ano.

c) As moi graves: aos 2 anos.

2. As sancións prescriben:

a) As leves: aos 6 meses.

b) As graves: ao ano.

c) As moi graves: aos 2 anos.

3. Os prazos de prescrición das infraccións comezarán a contar desde a comisión da infracción. A prescrición interromperase por calquera actuación colexial expresa e manifesta dirixida a investigar a presunta infracción e con coñecemento do interesado.

Os prazos de prescrición das sancións comezan a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción. A realización de calquera acto colexial expreso e manifesto de execución da sanción, interromperá o prazo de prescrición desta.

4. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador para todos os efectos. As sancións pola comisión de faltas leves, graves e moi graves cancelaranse, respectivamente, ao ano, aos dous anos e aos catro anos, contados desde o cumprimento da sanción de que se trate.

5. Nos casos de expulsión a Xunta de Goberno do Colexio poderá, transcorridos polo menos tres anos desde a firmeza da sanción, acordar a rehabilitación do expulsado, para o que deberá incoar o oportuno expediente por petición deste. A Xunta de Goberno, oído o Consello Xeral e, se é o caso, o Consello Galego, decidirá acerca da rehabilitación, en atención ás circunstancias de feito concorrentes no solicitante.

Título VII
Do réxime de disolución do Colexio

Artigo 56. Da disolución

A disolución do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo será promovida polo propio Colexio o pola Administración nos termos que estableza a normativa vixente. A promoción ou iniciativa de disolución do Colexio será aprobada mediante acordo adoptado nunha Asemblea Xeral, convocada para o efecto, sendo necesario o voto favorable da maioría absoluta dos colexiados integrantes do Colexio. O acordo remitirase á consellería pertinente ou que corresponda da Xunta de Galicia para a súa aprobación, así como á Organización Colexial Veterinaria Autonómica e Nacional. A asemblea decidirá sobre o destino do patrimonio colexial e designará unha comisión encargada de liquidalo, conforme a normativa legal ao respecto.

Título VIII
Principios de xestión do Colexio

Artigo 57. Portelo único

O Colexio Oficial disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, os profesionais poidan realizar os trámites necesarios para a colexiación, o exercicio da profesión e a súa baixa no Colexio a través dun único punto de acceso, por vía electrónica e a distancia.

A través do citado portelo único, os profesionais poderán:

Obter os formularios necesarios e a información suficiente para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

Presentar a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo as que se exixan para a súa colexiación.

Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que se acredite a calidade de interesado e recibir notificacións referidas aos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio.

Recibir notificacións de expedientes disciplinarios aos que estean sometidos, cando non for posible efectualas por outros medios e sen prexuízo de que sexan documentadas as actuacións de forma fidedigna polo Colexio.

Recibir as convocatorias para as asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias.

Recibir comunicacións e información sobre as actividades públicas e privadas do Colexio.

A través do portelo único, co fin de garantir os dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información:

Acceso ao Rexistro de Colexiados actualizado, que conterá, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais que posúan, domicilio profesional, datos de contacto e situación de habilitación profesional.

Acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais conforme as normas que lle son de aplicación.

Información sobre as vías de reclamación e recursos que poden interpoñerse no caso de conflito entre un consumidor ou usuario e un colexiado ou o colexio profesional.

Información sobre os datos das asociacións de consumidores e usuarios ás que os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia.

Información sobre o contido dos códigos deontolóxicos profesionais.

Artigo 58. Servizo de atención aos colexiados

O Colexio atenderá as queixas e reclamacións presentadas polos colexiados, determinando os procedementos a seguir nestes casos, mediante a aprobación pola súa Asemblea Xeral dos regulamentos internos oportunos, aos cales se dará debida publicidade.

Artigo 59. Servizo de atención á cidadanía

O Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios que tramitará e resolverá as queixas e reclamacións referidas á actividade profesional dos colexiados e que formulen os consumidores e usuarios que contraten servizos profesionais ou as asociacións de consumidores e usuarios, na súa representación ou defensa dos seus intereses.

O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda, informando ao sistema extraxudicial de resolución de conflitos, remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír expediente informativo ou disciplinario ou adoptando calquera outra decisión conforme a dereito.

A regulación do servizo de atención aos consumidores ou usuarios deberá prever a presentación de queixas ou reclamacións por vía electrónica e a distancia.

Artigo 60. Memoria anual

O Colexio está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión, a cuxo obxecto queda obrigado a elaborar unha memoria anual que conterá a seguinte información:

1. Informe anual de xestión económica, no que se inclúan os gastos de persoal suficientemente desagregados e se especifiquen os gastos dos membros da Xunta de Goberno por razón do seu cargo.

2. Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

3. Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores rematados, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e, se é o caso, da sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

4. Información agregada e estatística relativa ás queixas e ás reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, á súa tramitación e, se é o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

5. Contido dos seus códigos de conduta no caso de dispor deles.

6. As situacións de conflito de intereses nas que se encontren os membros da Xunta de Goberno.

7. Información estatística sobre a actividade de visado.

A memoria anual farase pública a través da páxina web do Colexio de acordo coa lei vixente.

Disposición adicional primeira

No non previsto nos presentes estatutos será de aplicación o previsto nos vixentes estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, e, en materia deontolóxica, serán de aplicación aquelas normas que se atopan vixentes á data de publicación do presente ou que nun futuro se aproben por parte da Organización Veterinaria Colexial.

Disposición adicional segunda

Todas as referencias ao Consello Galego de Colexios Veterinarios deben entenderse referidas ao Consello Xeral no caso de que aquel non asumise as competencias que nestes estatutos se indican.

Disposición transitoria. Renovación de cargos da Xunta de Goberno

O presidente e os membros da Xunta de Goberno que resulten elixidos na convocatoria electoral con data do 30 de xuño de 2014, en trámite na data de aprobación destes estatutos pola Asemblea Xeral, prorrogarán o seu mandato polo tempo necesario ata cumprir o período de 6 anos establecidos no artigo 23.1 destes estatutos.