Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 13 de agosto de 2014 Páx. 34881

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 4 de agosto de 2014 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 30 de decembro de 2013 pola que se convocan para o ano 2014 as axudas para a modernización das explotacións agrarias, para a incorporación de mozos á actividade agraria e para o fomento de instalacións e equipamentos agrarios en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

missing image file

Mediante a Orde do 30 de decembro de 2013 (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro) convocáronse para o ano 2014 as axudas para a modernización das explotacións agrarias para a incorporación de mozos á actividade agraria, e para o fomento de instalacións e equipamentos agrarios en réxime asociativo.

As ditas axudas, en esencia, establécense para mellorar a estrutura produtiva das explotacións agrarias mediante o financiamento de investimentos en plans de mellora para as explotacións agrarias e a incorporación de mozos á actividade agraria en réxime de concorrencia competitiva.

A orde preveu para a medida de plans de melloras (código orzamentario de proxecto 200700399) inicialmente un importe de douscentos mil (200.000) euros, e para a medida de primeira instalación de agricultores mozos (código orzamentario de proxecto 200700400), douscentos mil (200.000) euros.

A orde, no seu artigo 14, prevé a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria con fondos adicionais, polo que se procede a ampliar nas medidas de plans de melloras e de primeira instalación de agricultores mozos, por un importe global de catro millóns oitocentos mil (4.800.000) euros, e seis millóns oitocentos mil (6.800.000) euros, respectivamente.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confire o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas á modernización das explotacións agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria, convocadas para o ano 2014, de acordo coa Orde do 30 de decembro de 2014 (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro), increméntase, respectivamente, no importe de catro millóns oitocentos mil (4.800.000) euros, na aplicación orzamentaria 12 22 712B 7720, código de proxecto 200700399; e no importe de seis millóns oitocentos mil (6.800.000) euros, na aplicación orzamentaria 12 22 712B 7720, código de proxecto 200700400. O dito incremento efectúase do seguinte xeito:

– Aplicación orzamentaria 12 22 712B 7720, código de proxecto 200700399, para o ano 2014 en dous millóns catrocentos mil (2.400.000) euros, para o ano 2015 en dous millóns catrocentos mil (2.400.000) euros, polo que a cantidade total é de cinco millóns (5.000.000) de euros.

– Aplicación orzamentaria 12 22 712B 7720, código de proxecto 200700400, para o ano 2014 en tres millóns catrocentos mil (3.400.000) euros, para o ano 2015 en tres millóns catrocentos mil (3.400.000) euros, polo que a cantidade total é de sete millóns (7.000.000) de euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A ampliación e o reaxuste das anualidades previstas no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 30 de decembro de 2013.

4. Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o órgano que a ditou, no prazo máximo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar