Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 13 de agosto de 2014 Páx. 35019

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2014 pola que se aproba o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de San Tomé-Tragove.

A Área de Explotación e Planificación Portuaria do ente público Portos de Galicia redactou e tramitou o documento de delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Santo Tomé-Tragove, instalacións portuarias situadas no termo municipal de Cambados, na provincia de Pontevedra, e adscritas ao ente público para a súa xestión. Este documento foi redactado de acordo coa súa formulación prevista no artigo 69 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro (Boletín Oficial del Estado núm. 253, do 20 de outubro), aplicable ao dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en defecto de lexislación autonómica propia.

Na reunión do Consello de Administración de Portos de Galicia que tivo lugar o día 23 de xullo de 2014, este acordou dar a súa conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Santo Tomé-Tragove, segundo o disposto no artigo 13.e) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público, modificado polo Decreto 83/2002, do 28 de febreiro, e o referido artigo 69 do texto refundido, así como elevalo e propoñelo para a súa aprobación.

Unha vez vistos o expediente e o informe-proposta da xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria do 18 de xullo de 2014 que conta coa conformidade do director de Portos de Galicia, así como o acordo do Consello de Administración de Portos de Galicia do 23 de xullo de 2014 dando a conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Santo Tomé-Tragove e elevándoo e propoñéndoo para a súa aprobación, o presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar conferida por Orde do 30 de marzo de 2012,

RESOLVE:

Aprobar o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Santo Tomé-Tragove (Pontevedra), na súa versión asinada en abril de 2014 polos enxeñeiros de camiños, canles e portos Andrés Cervantes Refojos, como xefe do Departamento de Planificación Portuaria, por Ana Isabel Calzadilla Bouzón, como xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria, e por Iñaki Cubillo Bueno, da empresa consultora Eptisa, e a súa memoria ambiental resolta pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 27 de xuño de 2014.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2014

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia