Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 8 de agosto de 2014 Páx. 34259

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 28 de xullo de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Poio (Pontevedra) no bordo marítimo de Raxó.

O Concello de Poio achega a modificación puntual do PXOM para establecer a ordenación nunha parcela do bordo marítimo de Raxó, e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello e á vista da proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Poio dispón, na actualidade vixente, dun PXOM que foi aprobado definitivamente en data do 28 de xullo de 2000.

2. Consta Decisión do 5 de outubro de 2011 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de non sometemento a avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual.

3. Constan informes municipais: técnicos da arquitecta do 12 de maio de 2011 e 5 de xuño de 2013, do enxeñeiro de 28 de agosto de 2012; do asesor xurídico de 24 de maio de 2011, 31 de outubro de 2011, 30 de outubro de 2012, 21 de maio de 2013, 12 de decembro de 2013 e 4 de marzo de 2014; e de secretaría do 8 de xuño de 2011, 6 de febreiro de 2012, 29 de xullo de 2013 e 24 de marzo de 2014, respecto da legalidade e calidade técnica da ordenación proposta.

4. A presente modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 30 de xullo de 2013. Someteuse a información pública durante o prazo de dous meses, con anuncios nos xornais Faro de Vigo de 21 de agosto de 2013 e Diario de Pontevedra de 20 de agosto; e no Diario Oficial de Galicia de 5 de setembro. Consta certificación de que non se presentou ningunha alegación.

5. Consta a emisión dos seguintes informes sectoriais:

– Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da CMATI do 9 de abril de 2012, 15 de novembro de 2012, 28 de xaneiro de 2014, 25 de febreiro de 2014, 9 de abril de 2014 e 19 de xuño de 2014.

– Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente en materia de costas do 25 de marzo de 2014.

6. O Concello de Poio, en sesión plenaria de data 25 de marzo de 2014, aprobou provisionalmente a modificación puntual número 3 do PXOM.

II. Análise e consideracións.

1. A modificación puntual ten por finalidade dar cumprimento á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia 0005026/2007 na obriga de cualificar unha parcela do bordo marítimo de Raxó como solo urbano consolidado, asignarlle a ordenanza que legalmente corresponda e determinar como liña de edificación consolidada a definida pola fachada do hotel con que linda polo leste.

2. A proposta de ordenación expresa que na parcela que se ordena non se levará a cabo un incremento na intensidade de uso sobre o que o PXOM estableceu nela cando foi aprobado definitivamente. Por tanto, en aplicación do artigo 93.4 da LOUG, como tampouco se alteran os sistemas xerais previstos nin se reclasifica solo, esta modificación do planeamento non precisou obter o informe previo á aprobación inicial deste departamento.

3. As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG veñen xustificadas pola execución da sentenza 01130/2007 ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no procedemento ordinario 0005023/2000.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM do Concello de Poio, no bordo marítimo de Raxó, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíqueselle esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas